Saltar navegación

Lectura 1: O nushu, a linguaxe secreta das mulleres de Hunan

 

En Historias de mulleres, a escritora Rosa Montero debulla as biografías dalgunhas mulleres fascinantes. No prólogo, fala sobre a invisibilización das mulleres a través do exemplo das mulleres de Hunan:


“Asombra comprobar que sempre houbo mulleres capaces de sobrepoñerse ás máis penosas circunstancias; mulleres (..) que tiveron a habilidade e a coraxe de escaparen, quen sabe como, de destinos tan estreitos como unha tumba. Sempre foron poucas, claro está, en comparanza coa gran masa de femias anónimas e sometidas aos límites que o mundo lles impuxo; pero foron, sen lugar a dúbidas, moitísimas máis das que hoxe coñecemos e lembramos. Como di a escritora italiana Dacia Maraini, as mulleres cando morren fano para sempre, sometidas á dobre fin da carne e do esquecemento. Os historiadores, os enciclopedistas, os académicos, os gardiáns da cultura oficial e da memoria pública foron sempre homes, e os actos e obras das mulleres raramente pasaron aos anais.
Unhas antepasadas capaces de levar a cabo proezas anónimas tan inxentes como a invención, na provincia chinesa de Hunan, dunha linguaxe secreta. Ou, mellor dito, dunha caligrafía só para mulleres, un modo de escribir críptico chamado nushu que conta con dous mil caracteres e que ten unha antigüidade de, polo menos, mil anos (algúns especialistas falan de seis mil). Din que o nushu foi inventado pola concubina dun emperador chinés (...) para poder falar coas súas amigas da súa vida íntima, das súas queixas e dos seus sentimentos sen risco de ser castigada. Moitas das mulleres que aprenderon esta caligrafía non sabían escribir en han, o idioma chino oficial, porque as mulleres mantíñanse analfabetas (...) de modo que o nushu outorgoulles unha forza solidaria coa que organizar certa resistencia. «Debemos estabelecer relacións de irmás desde a mocidade e comunicarnos a través da escritura secreta», di un dos textos milenarios conservados.”

  1. Os pés de loto deformaban os pés das mulleres até o punto de lles impedir andar. En que consiste esta práctica? Que perseguía?
  2. O texto fala do conto clásico da Cincenta. Que relación hai entre a vendaxe de pés en China e a Cincenta?
  3. Ocórrenseche outros contos populares que falen de estereotipos de beleza femininos?
  4. Ocórrenseche outras formas de control social da muller a través dos canons de beleza?
  5. A palabra "sororidade" é empregada decote polo movemento feminista. Pica na palabra para coñeceres a súa definición. En que medida o nushu fala da sororidade entre mulleres?