3.4. Presentación e estética
A presentación e estrutura dun curso é tamén esencial para motivar e estimular ao participante.
Algúns consellos básicos:
- Máis información non significa máis aprendizaxe nin máis comprensión dos contidos. Tan prexudicial é o uso excesivo de texto plano como a saturación de elementos na páxina.
- A incorporación de demasiados elementos en cada parte dos materiais supón unha presentación máis lenta da información, podendo provocar o desinterese do alumnado.
- Opta polo deseño que mellor facilite as aprendizaxes obxecto do curso.
- Débese coidar a coherencia de estilos entre os diferentes módulos e elementos do curso.
Os materiais de elaboración propia e o propio curso virtual estarán en galego.
Configuración do curso
Os cursos Platega terán unha configuración común, a sinalada nesta captura de pantalla:
Para aproveitar mellor o espazo dispoñible na pantalla amosaranse os bloques na columna da esquerda e do xeito que amosa a seguinte captura de pantalla, coa finalidade de facilitar o uso da aula virtual aos participantes habituais en cursos Platega.
Un curso Platega debe ser "amigable", é dicir, presentar os seus contidos, actividades, tarefas e foros de xeito que mesmo unha persoa non habituada a moverse por contornas virtuais de aprendizaxe se sinta cómoda.
Para elo os cursos Platega incluirán os elementos orientativos suficientes para evitar en todo momento que o participante se perda, tales como:
- Na cabeceira de cada módulo ou tema ou bloque describiranse brevemente os contidos e actividades correspondentes. Ao abrir o curso estarán visibles as cabeceiras de cada tema e, ademais, aportarase información detallada sobre as especificidades dese tema (actividades, tarefas, desempeños, contidos...). No Modelo exemplifícase isto con unha "Folla de ruta" en cada tema. A lectura desta información debe aportar aos participantes unha visión global do curso: os desempeños que poderá adquirir, os contidos que traballará, as actividades e tarefas que fará etc.
Toda esta información (cabeceira dos temas e follas de ruta) debe amosarse dende o primeiro día que se abra o curso aos participantes co obxectivo de que despois de consultala teñan información suficiente para decidir se realizarán o curso ou se renuncian a el. Interesa moitísimo que esta decisión sexa firme ao longo da primeira semana, coa finalidade de cubrir as renuncias con persoas en reserva.
- Os participantes poderán controlar os elementos que xa consultaron, as tarefas que teñen xa feitas ou as que faltan por entregar ou cualificar mediante o seguimento de completado, que podemos configurar seguindo este titorial para Configurar o "Seguimento de completado".
- Evitaranse os repositorios, listados... de ítems sen ningunha indicación da súa utilidade ou uso no curso: a folla de ruta ou unha breve indicación debaixo do ítem axudará aos participantes a saber o que deben facer.
- Os paquetes de contidos xerados con eXeLearning deberán amosarse co estilo Platega. Segue este titorial para Instalar o "Estilo" Platega de eXeLearning no teu ordenador.
- Os recursos e materiais necesarios para a realización do curso amosaranse e poderanse utilizar sen necesidade de recorrer a software privativo.
- Tipografías. Evitarase empregar máis de dous tipos de letra diferentes. Como criterio xeral, os títulos das sección ou temas déixanse co tamaño que Moodle pon por defecto no nome da sección. O tamaño dos textos colocados en etiquetas na portada do curso deixaranse no tamaño que Moodle pon por defecto (12, 13 puntos).
- As ligazóns do curso abriranse en xanelas ou pestana novas (dependendo da configuración do navegador do usuario) e non na mesma xanela do curso para evitar pechar o curso ao saír da ligazón.
- As cores empregadas serán harmónicas e as imaxes, iconas axeitadas con elas. Evitaremos cores rechamantes.
- A inserción de imaxes na páxina principal do curso, unha para cada tema representativa da temática dese tema, contribúe a alixeiralo, facelo máis estético. Os cursos Platega deben inserir imaxes relativas á temática do curso / tema, pois facilitan a navegación polo curso. Como norma xeral debe incorporarse unha imaxe na cabeceira de cada tema, alusiva á temática tratada, colocada ao lado do texto de presentación dese tema, non enriba ou debaixo pois alonga o scroll. Cando se incorporen imaxes, vídeos embebidos etc..., ademais de respectar a propiedade intelectual, procuraranse homoxeneizar os seus tamaños.
- Evitaranse imaxes dun largo superior aos 700 pixels, pois poden provocar desprazamento á esquerda / dereita. Nos dispositivos móbiles agrávase isto. Adaptaremos o largo da imaxe, vídeo... deixando que a altura se axuste automaticamente para evitar deformacións. Como recomendación xeral aconséllanse estes largos:
-
- 666 pixels como máximo, para imaxes que vaian ocupar todo o largo da pantalla, ou 555 ou 444 pixels para imaxes máis pequenas.
- 333 pixels para imaxes máis pequenas ou que vaiamos poñer unha ao lado da outra.
- 222 pixels para imaxes aínda máis pequenas ou que queiramos poñer as tres unha ao lado da outra.
- 111 pixels para imaxes pequenas ou 6 imaxes en paralelo.
- As imaxes das iconas non deberían superar os 40 ou 50 pixels,
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0