1. Competencias profesionais docentes
As competencias profesionais docentes?
A Rede de formación do profesorado de Galicia, coordinada polo Departamento de Formación e Innovación do CAFI elaborou as Competencias profesionais docentes no que se define que é unha competencia, formúlanse as 7 competencias profesionais docentes que se desglosan en 26 subcompetencias.
Por "competencia" enténdese "a capacidade de actuar de xeito eficaz nun tipo de situación, capacidade que se apoia en coñecementos, pero non se reduce a eles"
Este modelo competencial agrupa as sete competencias profesionais docentes en xenéricas e instrumentais / transversais. A súa vez cada unha delas desglósase en varias subcompetencias. Consulta o cadro resumo das Competencias profesionais docentes.
CAFI Competencias profesionais docentes. Licencia Atribución de Creative Commons (reutilización permitida)
A Rede de formación de Galicia está a redefinir a súa orientación desde "o saber" ao "saber facer", é dicir dun enfoque baseado nas áreas e materias a un enfoque centrado na adquisición das competencias profesionais.
Que implica este cambio "do saber" ao "saber facer" para os cursos Platega?
Este cambio conleva consecuencias para a oferta formativa pois obriga a realizar importantes cambios na oferta actual, por exemplo nos cursos Platega actuais, e a orientar os de nova creación do xeito que describiremos de seguido.
- Como é un curso centrado no "saber"? No enfoque por áreas ou "do saber" o obxectivo dun curso é transmitir coñecementos que amplíen o saber dos participantes. Así, un curso debe aportar unha cantidade de coñecementos sobre o que propondrá tarefas que os participantes deben realizar para coñecer e asimilar eses contidos. Unhas probas finais como test, elaboración de produtos de diferente tipo e formato nas que comprobarán se o participante coñece e manexa eses contidos. Neste tipo de cursos ---que no sucesivo denominaremos "transmisivos"--- os contidos ou coñecementos xogan o papel protagonista: os creadores dos cursos céntranse en seleccionar e acopiar contidos en diferentes formatos como arquivos PDF, presentacións, vídeos, paquetes de contidos... O labor de busca, selección, procesado e transmisión dos contidos corresponde ao creador do curso. Os participantes nese curso preocuparanse en descargar para incorporar á súa mochila, non serán eles quen busquen, seleccionen e procesen, o seu labor é "asimilar" os contidos e coleccionar os pdf, presentacións... Deste xeito, un curso que transmita moitos, variados e inovadores contidos xulgarase como un bo curso, pois facilita contidos para que os participantes "saiban" máis cousas. O "saber" é o obxectivo. Por elo, a avaliación adoita basearse nos coñecementos adquiridos que se miden mediante probas tipo test, productos de diferente tipo (documentos, presentaciones, infografías, vídeos, debates en foros, etc...) nos que o participante pon en xogo os coñecementos recibidos.
- Como é un curso centrado no "saber facer"? Neste enfoque dos cursos os contidos ou coñecementos transmitidos non xogan o papel protagonista pois este corresponde ás actividades, é dicir ao "saber facer" dos participantes. O curso transmitirá os coñecementos necesarios para iniciar as actividades, sendo os participantes quen de xeito cooperativo e social ---sempre que sexa posible--- busquen, seleccionen e procesen a información necesaria para realizar as accións que as actividades soliciten. O fundamental non é que o participante "saiba", senón que "saiba facer", é dicir que poña en xogo os seus coñecementos, destrezas e actitudes nun contexto determinado para ser quen de realizar un desempeño, de realizar unha acción determinada cara un fin concreto. Por tanto, o obxectivo non é "transmitir" información ou coñecementos, antes ben será propoñer actividades nas que os participantes adquiran e practiquen desempeños para que "saiban facer". Neste enfoque a avaliación basearase nos desempeños adquiridos, nas evidencias que demostran que "saben facer" as actividades programadas no curso. A avaliación guiarase mediante rúbricas nas que se establecen diferentes niveis de logro. O obxectivo final é, polo tanto, lograr que o profesorado sexa competente.
Este cambio de enfoque obriga a cambiar o enfoque que tradicionalmente tiñan os cursos Platega. Este cambio de enfoque que está a realizar a Rede de formación obriga a planificar a formación do profesorado tomando como referencia e protagonista ás competencias profesionais docentes. Así cómpre detectar as necesidades de formación por competencias, non por áreas de coñecementos, organizar e promover accións formativas por competencias e avaliar e certificar a formación do profesorado galego por competencias.
A formación ofertada ao profesorado debe ir acorde con este modelo competencial no se que matiza e concreta o perfil profesional elixido para o profesorado galego. A oferta formativa ---en calquera dos seus formatos xa sexan formación na rede (Platega), cursos presenciais, Grupos de Traballo, Seminarios, PFPP, Xornadas,..--- debe contribuír ao desenvolvemento das competencias profesionais polo profesorado. De non facelo así non ten cabida na oferta formativa da rede de formación.
Webgrafía
- CAFI, «As competencias profesionais docentes. Modelo competencial da Rede de Formación». [En líña]. Dispoñible en: http://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/pluginfile.php/35981/mod_resource/content/4/index.html [Accedido: 10-oct-2020].
Documento básico para crear cursos virtuais para Platega.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0