3.2.3 Actividades e tarefas
Os participantes nos cursos de formación na rede caracterízanse pola súa heteroxeneidade: diferentes niveis educativos, diferentes coñecementos iniciais do tema do curso, diferentes intereses cara o curso... É moi conveniente facilitar na medida do posible que cada quen adapte o curso á súa situación. Por elo, distinguiremos Actividades de Tarefas para facilitar a atención á diversidade. Esta diferenciación pretende facilitar que cada participante adapte os contidos e aprendizaxes ao seu nivel inicial: unha actividade referente a un desempeño que xa domina non ten por que realizala, mentres que aqueles que partan de niveis de coñecemento inferiores deberán realizala. A tarefa final debe medir se os participantes teñen os desempeños necesarios. Os contidos presentados no formato que sexa (PDF, paquetes de contidos, Webs, vídeo…) deben incluír ou acompañarse de actividades nas que se practiquen os contidos. Estas actividades deben ser voluntarias e cada quen debe realizar as que precise segundo os seus coñecementos de partida. Mentres, as tarefas son obrigatorias no senso de que puntúan para a cualificación final.
Atención á diversidade
As Actividades voluntarias poderán incluírse...
...no propio curso Moodle cos recursos Tarefa, Glosario, Wiki, Base de datos..., diferenciándoas claramente das Tarefas cualificables
...nos paquetes de contidos creados con eXeLearning, creando actividades interactivas de corrección automática mediante iDevices da categoría "Actividades interactivas" (encher espazos, despregable, escolla múltiple, verdadeiro / falso...). A inclusión de preguntas de autoavaliación relacionadas con cada un dos temas presentados facilita a aprendizaxe autónoma, o reforzo por medio da retroacción proporcionada permite ao participante coñecer o seu progreso.
Se se desexa, pódense deseñar tamén actividades voluntarias / optativas ou de ampliación.
Tarefas cualificables
A tarefa final de cada tema e o proxecto final do curso debe medir de xeito práctico se os participantes desenvolveron a competencia profesional e se son quen de poñer en práctica os desempeños adquiridos.
Haberá polo menos unha tarefa obrigatoria por módulo que obrigue ao participante a manexar os contidos dese bloque e que demostre que acadou os obxectivos e desempeños perseguidos. As tarefas deberán tender a buscar a implicación e interacción cognitiva dos participantes co contido.
Deseñar as tarefas integradas nun proxecto final. As tarefas cualificables do curso integraranse nun proxecto final. Preferentemente este proxecto final recollerase nun portafolio, se a tipoloxía do proxecto final o permite. En boa lóxica este proxecto final debe recoller os produtos que os participantes poderán transferir á súa aula.
É fundamental que cada tarefa indique os mínimos esixibles para a súa superación, de forma que os participantes os teñan claros dende antes de comezar a facer a tarefa. Polo tanto, sempre que sexa posible, as tarefas conterán rúbricas ou Guías de corrección, coas gradacións e os indicadores medibles, que axuden a establecer eses mínimos que hai que alcanzar. Recoméndase cualificar as tarefas mediante Guías de corrección nas que se indiquen:
- O desempeño que debe demostrarse ter adquirido
- As indicacións ou especificacións que deban seguir os participantes.
- Os indicadores de logro..
- Os criterios de corrección para coordinar ás titorías: os puntos correspondentes aos desempeños avaliados.
Moodle permite un amplo abano de tarefas (cuestionarios, escollas, foros de participación, wikis, entrega de ficheiros...) e é recomendable unha tipoloxía de tarefas variada ao longo do curso. Son especialmente valiosas as tarefas colaborativas ou os debates.
As tarefas deberán permitir a cualificación dentro da plataforma para que o alumnado poida levar control da súa propia avaliación. Con esta finalidade empregarase o libro de cualificacións no que aparecerán todas as tarefas avaliables e que puntúen para a cualificación final.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0