Saltar navegación

Igualdade

Imaxe do I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020No que atinxe ao ámbito da igualdade de xénero, cómpre ter en conta que existe normativa estatal e autonómica que ten como finalidade desenvolver accións encamiñadas á consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida e mais á prevención e ao tratamento da violencia de xénero, que se presenta nos nosos días como a expresión máis grave da discriminación e desigualdade que sofren as mulleres.

Así, para o traballo en igualdade debemos ter en conta a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (DOG) e a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes (BOE 23/3/2007).

A estas dúas cómpre engadir a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia (DOG 25/04/2014), que engade a promoción da igualdade das distintas identidades sexuais.

No que atinxe á prevención e ao tratamento da violencia de xénero cómpre atender a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero (BOE do 29/12/2004; texto consolidado 6/10/2015). No ámbito autonómico a normativa aplicable é a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG do 7/08/2007) e mais a Lei 12/2016 do 22 de xullo pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG do 26/07/2016).

No ámbito educativo, aprobouse un I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 co fin de orientar a implantación de accións concretas encamiñadas ao desenvolvemento dunha aprendizaxe coeducativa que consiga promover a construción dun novo modelo formativo capaz de abranguer por igual o feminino e o masculino para avanzar cara á igualdade de oportunidades nunha sociedade libre de prexuízos e estereotipos.

Ao abeiro deste Plan desenvolvéronse dous elementos normativos de interese formativo para o alumnado de ESO e FP:

  • o currículo da materia de libre configuración autonómica de Igualdade de xénero (Orde do 13 de xullo de 2016 pola que se amplía a relación de materias de libre configuración autonómica de elección para os centros docentes nas etapas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato e se regula o seu currículo e a súa oferta, DOG do 4 de agosto de 2016).
  • o borrador do currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero (que se publicará en breve no DOG).

Recentemente aprobouse o Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto establece indicacións para garantir que toda a Administración pública reciba unha formación en igualdade adecuada para o seu exercicio profesional. Como persoal público, o profesorado galego vese tamén afectado por esta norma.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)