Saltar navegación

Convivencia

Imaxe da web de Educonvives.galO bloque de convivencia ten por obxecto familiarizarse coa normativa autonómica en materia de convivencia e participación nas comunidades educativas e cos protocolos e orientacións que se asocian á Estratexia Galega de Convivencia Educonvives.gal.

Na nosa comunidade os referentes normativos en materia de convivencia e participación son a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.  e o Decreto 8/2015 que a desenvolve.

Nesta normativa ademais de establecerse as bases para a participación das familias nos centros educativos, determínanse aspectos clave como a elaboración e xestión do Plan de Convivencia do Centro, a determinación e corrección de condutas contrarias á convivencia, aula de convivencia inclusiva, a regulación das Escolas de Nais e Pais e a creación e funcionamento do Consello para a Convivencia Escolar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este consello foi constituído no ano 2015 sendo a súa primeira acción a aprobación dunha estratexia galega de convivencia escolar cun horizonte 2020 que leva por nome Educonvives.gal. Esta estratexia conta con 37 accións clave ampliables entre as que destacan a diagnose de calidade, a formación e o fornecemento de protocolos e orientacións para a comunidade educativa 

Durante o primeiro trimestre do curso 2016-2017 levouse a cabo un estudo censual sobre convivencia escolar no que participaron a totalidade de centros da nosa comunidade. O resumo dos datos xerais para a comunidade pode atoparse na web Estratexia galega de convivencia escolar. Informe de diagnose 2015-2020 pero o verdadeiramente relevante é o informe de resultados do centro. Este informe é totalmente confidencial e tan só as direccións dos centros teñen acceso a el. Trátase dun informe completo coas visións de profesorado, alumnado e familias co grao de desagregación máximo que permita manter o anonimato. O seu obxectivo é que os centros dispoñan dunha base sólida para a diagnose e poidan deseñar sobre ela os seus plans de convivencia. As persoas directoras poderán acceder a eles coa súa clave persoal a través da aplicación http://edu.xunta.es/convivenciaxestion.

Dentro da Estratexia contamos con diferentes protocolos e orientacións. Os protocolos teñen por obxecto pautar actuacións administrativas e asegurar uns mínimos educativos que garanten dereitos das persoas en xeral e do alumnado en particular. Polo tanto son de obrigado cumprimento para as comunidades educativas galegas e forman parte dos Plans de Convivencia dos centros educativos; non obstante poden e deben ser adaptados ás realidades de cada centro, pero sempre garantindo que se cumpren na súa integridade. Os protocolos poden incluír orientacións sobre a abordaxe de diferentes cuestións educativas afectadas nos procesos que pautan.

Pola súa banda as orientacións son compilacións de actuacións desexables ou recomendables no marco normativo e actual. Polo tanto a marxe de adaptación ás realidades dos centros educativos é moito maior ca no caso dos protocolos pero sempre garantindo os mínimos educativos que as orientacións pretenden protexer.

Tanto os protocolos como as orientacións están redactados buscando a máxima operatividade e claridade. Están á disposición de toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias e persoal non docente) a través da web da Estratexia e están sometidos a revisión constante. Por exemplo, con posterioridade á redacción dalgúns dos protocolos entraron en vigor as leis 39/2015 e 40/2015 que substitúen e amplían o alcance da Lei 30/1992 de procedemento administrativo común. O seu impacto en diversos protocolos, sobre todo no que se refire a procedementos correctores, foi amplo, polo que foron integramente revisados para que se adapten á nova normativa. Son tamén documentos vivos, que permiten ir incorporando diversas aclaracións en base á análise dos casos reais que van xurdindo.

É moi importante que todo o profesorado domine tanto os protocolos como as orientacións dado que resolven de modo práctico moitas cuestións que son motivo de inquedanza habitual, ademais de permitir a rápida e homoxénea abordaxe de situacións complexas.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)