Bibliotecas escolares

Traballos seleccionados no VIII Concurso de Traballo por Proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar

 
 
 Está xa publicada no Portal Educativo a resolución do VIII CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS realizados durante o curso 2021/2022 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar.
 
Seleccionáronse 20 traballos de entre os 55  presentados desde diferentes centros. Algunhas sub-modalidades ficaron desertas pero distribuíronse os premios dispoñibles seleccionando máis centros de modalidades con moita participación e alto nivel de calidade.
Este concurso busca estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación da biblioteca ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Estos proxectos están propiciando profundos cambios nas dinámicas de traballo dos centros, nos usos dos espazos educativos, na distribución de horarios e grupos, no aproveitamento dos recursos, promovendo unha cultura participativa e colaborativa, emancipadora do alumnado. Parabenizamos ás comunidades educativas que botan a andar estas experiencias, e ao profesorado que as impulsa, deseña, guía, enriquece coa súa profesionalidade e experiencia, e ademáis as difunde e comparte para beneficio común. Existen tamén excelentes exemplos de prácticas de investigación nas modalidades de grupo/nivel ou ciclo/departamento, que poden servir de orientación para outros proxectos. Da mesma forma, os proxectos de investigación intercentros son unha práctica que cómpre estender e que pode dar lugar a experiencias educativas moi enriquecedoras.  
 
 
Na imaxe proptotipo do proxecto "Outes Sostible. Cidadás do presente para o futuro." do CEIP P. de Outes

 Modalidade  Centros seleccionados  Concello  Provincia  Proxecto
 1. Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar  CEIP Emilia Pardo Bazán  A Coruña  A Coruña  Mergúllate!
 CEIP Canosa-Rus  Coristanco  A Coruña  Ilusionarte
 CEIP dos Muíños  Muxía  A Coruña  E ti que pintas?
 CEIP P. de Outes  Outes  A Coruña  OUTES SOSTIBLE. Cidadás do presente para o futuro
 IES Arcebispo Xelmirez I   Santiago de Compostela  A Coruña  Tecendo Identidades
 CEIP de Cervo  Cervo   Lugo  Mens sana in corpore sano
 CEIP P. de Carballedo  Cerdedo/Cotobade  Pontevedra  O ano de Galicia
 CEIP P. Meaño-As Covas  Meaño  Pontevedra  Dende Meaño
 CEIP Virxe do Rocío  Vigo  Pontevedra  Alén do Resío
  2.a. Proxectos de investigación grupo/nivel  IES Brión  Brión  A Coruña  Coñécelas? 10 escritoras imprescindibles
 EEI San Roque  Viveiro  Lugo  Emocionámonos
 CEIP A Lama  A Lama  Pontevedra  Algunhas árbores, moitos paxaros
    2.b. Proxectos de investigación ciclo/departamento  IES Celanova Celso Emilio Ferreiro  Celanova  Pontevedra  Música no Mosteiro
 CEIP San Tomé  Cambados  Pontevedra  Pasiño a pasiño, faise o camiño
  2.c. Proxectos realizados na materia de 1º/2º da ESO "I.T.I."ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria  CEIP Milladoiro  Malpica de Bergantiños  A Coruña  NÓS: patrimonio in-MATERIAL!
 IES Xoán Montes  Lugo  Lugo  FORMU-LAND-22
 IES Pino Manso  O Porriño  Pontevedra  De viaxe polo entroido tradicional galego
  3. Proxectos de investigación intercentros  CEIP de Galán  Arteixo  A Coruña  Martiño e Testa: unha viaxe espaecial
 CRA de Culleredo  Culleredo  A Coruña      Martiño e Testa: unha viaxe espaecial
 4. Proxectos realizados con metodoloxía científica  IES Perdouro  Burela  Lugo  Construbot_Comeza a partida!

Convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2022/2023

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2022/2023. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
Seleccionarase un máximo de 50 centros de nova incorporación e os 48 centros integrados xa no programa poderán solicitar a continuidade no mesmo, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 5 de decembro de 2022.
 
 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2022

 
 
 
"A ciencia está chea de momentos épicos coma este. Coñecelos e transmitilos é un deber no que todos, non soamente os que somos científicos, debemos participar. Amigos: temos unha historia da ciencia tan rica como descoñecida. Cando leades unha historia coma esta, facédea vosa e transmitídea, porque cada vez que a contedes estaredes sementando a curiosidade pola ciencia e contribuiredes a facer medrar no noso pobo unha cultura científica moi necesaria, que nos permitirá avanzar como sociedade e nos fará máis libres." José Tubío
 
Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de José Tubío, profesor, investigador principal e divulgador na USC. Desde 2016 dirixe eogrupo de investigación Xenomas e enfermidade do CiMUS. En maio de 2022 recibíu o Premio Internacional de Investigación Oncológica Científica y Técnica Ramiro Carregal na modalidade de talentos emerxentes pola "súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro". 
 
O manifesto para este ano 2022, baixo o título "O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica" abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder berrar "Terra á vista" desde as nosas bibliotecas escolares.
 
 
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 
 
  
 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

Resolución provisonal do programa Radio na Biblio. Curso 2022/23

 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa coa relación dos 30 centros que se integran no programa Radio na Biblio no presente curso 2022/23, así como a relación de centros de continuidade (137). En total forman parte deste programa 138 bibliotecas escolares, distribuídas por todo o territorio galego.
 
 

Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022

 
 
O vindeiro sábado 12de novembro celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022. Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Escribir a biblioteca escolar".
 
Unha xuntanza que falará do poder da escritura e do relato en moi diversos formatos... e do papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do voluntarasdo, do fomento da lectura e da participación das familias...
 
Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.
 

Convocatoria de Biblioteca creativa para o curso 2022/2023

 
Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Ordenaciçón e Innovación Educativa, do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA, para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2022/2023.
 
Poderán participar os centros integrados en anteriores convocatorias do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
 
Non poderán participar os centros que se incorporan ao PLAMBE no curso 2022/2023, curso no que cómpre centrar a súa actividade na consolidación do modelo de biblioteca escolar segundo os obxectivos presentados no seu proxecto.
 
O prazo para presentación de solicitudes é de quince días a partir do día seguinte da data de publicación (17 de novembro).
 

  • Publicación no Portal Educativo 

Escribir o medo

 
 
  "Chegou do bosque (como case todo o estraño)"
 
Emily Carroll. Cruzando el bosque.  (Sapristi, 2015)
 
Imaxe da biblioteca do IES de Brión.
 
Chegado o tempo de outono, as bibliotecas escolares galegas acollen múltiples actividades  que facilitan e promoven o uso da palabra, a escritura e a linguaxe para facer fronte aos medos. As seleccións e recomendacións lectoras,  os concursos de relatos, os obradoiros de ilustración, as propostas creativas, as receitas, as lendas da tradición oral, a mitoloxía na arte galega, as propostas audiovisuais, a radio, os proxectos de investigación...  
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

24 de outubro, Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas.

 
 
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
 
A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2022.  "A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”, céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen."
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia  ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR , e  quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento. aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración. 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - centros públicos. Curso 2022/2023

 

 
 
 
O DOG do 19 de outubro de 2022 publica o Orde de 4 de outubro de 2022 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  para o curso 2022/2023. Intégranse 25 novos centros e, finalmente, son un total de 754 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso.
 
 
As bibliotecas escolares demostraron nos  últimos cursos que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades. 
 
 

Día das Escritoras 2022

 
 
O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VII Edición celébrase este ano 2022  o 17 de outubro baixo o lema “Antes, durante e despois das guerras”, comisariada pola escritora Carmen Domingo . “Un ano máis – avanza Ana Santos Aramburo, directora da BNE – recuperamos a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos, procuras e loitas. Mujeres valentes cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Rescatar hoxe a súa voz é un acto de xustiza e recoñecemento cara a todas elas”. O lema deste ano, destaca, “é unha homenaxe ao papel fundamental que cumpriron en situacións de conflito bélico e axuda a reflexionar e contemplar con outros ollos unha situación de sufrimento, pero tamén de xenerosidade e compromiso”.
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
"Houbo unha vez unha guerra.
       Despois da guerra, quedamos sen casa.
       -Non importa -dixo miña nai-. Temos un coche.
       Fomos vivir ao coche.
       Desde entón, vivir era viaxar." 
 
Paula Carballeira. O principio. (Kalandraka, 2012)
 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

Convocatoria do programa Radio na Biblio para o curso 2022/23

 
 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 11 de outubro de 2022, pola que se convoca o programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2022/2023. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos de titularidade da consellería que matriculen alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (agás os incorporados no presente curso).
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de outubro de 2022. 
 

Plan LIA 2021/2025

 
No ano 2010 o Conselleiro de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria presentaba no Parlamento de Galicia o Plan LIA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, co que se pretendía dar resposta ás necesidades que neste terreo se viñan manifestando, logo dun periodo de iniciativas da consellería en relación coas bibliotecas escolares e o fomento da lectura no ámbito educativo, iniciadas en setembro do 2003 coa creación da asesoría de bibliotecas escolares.
 
Este Plan LIA buscaba a integración de todas as actuacións da consellería a prol das bibliotecas escolares para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades  investigadoras e de uso da información do alumnado galego.
 
O Plan tivo continuidade nunha segunda fase, o Plan LIA 2016/2020. Logo do seu correspondente informe de resultados, e unha vez analizados logros e ámbitos de actuación que precisan reforzo tras estas dúas primeiras fases do Plan LIA, no periodo 2010/2020, cómpre agora abordar unha terceira fase, que implica a actuación dos obxectivos e liñas prioritarias de actuación que garantan a presencia estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos de nivel non universitario, como recurso imprescindible para o desenvolvemento dos currículos e que, ao mesmo tempo, amplíe a experiencia de lectura e de acceso aos bens culturais de toda a poboación escolar galega e facilite a abordaxe dos cambios que as novas dinámicas sociais e educativas demandan.
 
 
 
 

Escribir a biblioteca escolar

 
 
Ver coa imaxinación ou volver ver por medio da memoria é o patrimonio da escritura. 
 
 
Ernaux, Annie. El Acontecimiento
 
 
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en  obradoiros.
 
 
A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
 
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
- Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas,  biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
- Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para  estimular a creación.
 
Escribir para ser (lido), para que o lector e a lectora dea vida ao libro, ao escrito.

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2022/2023

 
Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 26  de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022-2023.
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 1 de novembro de 2022 (data incluída)
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2022/2023

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en relación coa organización e funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
 
 
 
 
 
 

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos para o curso 2022/2023

 

 
 
 
O Portal Educativo publica hoxe, 27 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/2023, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 11 de  de 2022 (DOG de 30/05/2022).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros.maio Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, unha vez rematado o proceso, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2022/2023, así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 
 
Ábrese un prazo de 5 días naturais  a partir do día seguinte a esta publicación, para a presentación das alegacións tal e como se recolle no artigo 12º (Resolución), punto 2, da orde de 11 de maio.
 
 
 

Lecturas para deixarse arrolar

 
 
 
 Cando acabou, con todas
 as súas arañas ao seu lado, alzou o
 río e deixouse arrolar por el
 unha vez máis.
 
Novesky, Amy. Nana de Tela. Impedimenta.
 
Imaxe do río Anllóns en Ponteceso (A Coruña) - Asesoría de bibliotecas escolares 
 
 
Remata outro curso estraño, ao longo destes meses as  bibliotecas escolares volveron ser ríos que proporcionaron sustento e arrolo.
 
E, un ano máis, o curso do río segue fluíndo no verán a través das guías de lectura e as mochilas viaxeiras:
 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 83 de xuño de 2022 pubícanse un total de sete artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolarBoas prácticas Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o programa Lectura e familias,  oralidade, colaboración entre bibliotecas, igualdade, lendas e creatividade e como as transformacións das bibliotecas en espazos creativos e LIA.2 abren novos camiños ás comunidades educativas.

 
 
 

 Bibliotecas LIA, ampliando horizontes.

Belén Escariz Ferrín

CEIP de Quintela (Moaña-Pontevedra) 

 

Biblioteca é  a creativa como auga é a líquida. 

Mónica P. Múñoz Sobrino

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo-Pontevedra) 

 

Desde a biblioteca da EOI de Ferrol ata Rosalía de Castro sen fronteiras. 

Virginia Fernández González

EOI de Ferrol (Ferrol-A Coruña) 

 

O refraneiro galego baixo a lupa violeta. 

María Vilasó Martínez

IES Eduardo Pondal (Ponteceso-A cCruña) 

 

A lenda da Moucha do monte Xalo: un produto final máxico. 

Pablo Otero e Iván Pena

CRA de Culleredo (Culleredo-A Coruña) 

 

Lectura e familias na biblioteca Xoán Farias.

Rosa Grille, Pablo López, Kelly Picos e Rosana Rodiles

CEIP de Pazos (Ferrol-A Coruña) 

 

 

A alquimia da lectura.

Beatriz Hernández e Lucía Somoza

IES Espiñeira (Boiro-A Coruña) 

 

Materiais da XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado 10 de xuño, celebrouse no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que reuniu  a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
No enlace adxunto a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
  

XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 10 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2021/2022 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 370 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XIV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2022, que desta vez recaeu na escritora Antía Yáñez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2020/2021, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2022, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras e Eva Mejuto.
 
O programa contempla así mesmo a participación do escritor e experto en LIX Freddy Gonçalves e sesións simultáneas de lectura fácil, itinerarios lectores persoais , poesía, teatro e  banda deseñada. Os Clubs de lectura estarán representados nunha mesa de experiencias. Pechará a xornada a escritora Care Santos, a terceira autora máis lida nos Clubs de Lectura no curso 2020/2021.
 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/2023 - Centros públicos

 
 
O DOG publica hoxe a Orde do 11 de maio de 2022 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades , para o curso 2022/2023.
 
Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2008/09 a 2012/13, poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2021/2022.
 
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2022, incorporan a Florencio Delgado Gurriarán ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como poeta, articulista, editor, tradutor e a súa labor como activista cultural e político,  convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura  .
 
Na imaxe, colaxe-obxecto de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2022: 
 

Resolución do IV Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 
 
O Portal educativo publica a resolución de 12 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria do IV Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano  a Florencio Delgado Gurriarán, poeta, articulista, editor, tradutor e activista cultural e político no exilio. 
 
Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
 

Materiais dos Encontros PLAMBE 2021-2022

 

 
 
 
Os pasados 24 e 25 de marzo celebráronse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2021/2022, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, o patrimonio inmaterial. Ademais, presentáronse un total de 18 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, biblioteca inclusiva, voluntariado e outros... ). 
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Actividades do Día do Libro 2022 nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril visibiliza o traballo que, ao longo do ano, as nosas bibliotecas desenvolven arredor do libro e  a lectura .
 
Imaxe de pacodíaz en Gráficas Anduriña 
 
Velaquí algúns exemplos: