Asesoría de bibliotecas escolares


 
 
 
 
A Asesoría de Bibliotecas Escolares é o equipo integrado na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de  Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional , que coordina todas as actuacións en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura integradas no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares.

 

 

 

Redes sociais: @bescolaresgal 

 
 
Pode contactar coa Asesoría de Bibliotecas Escolares a través de:

ASESORÍAS DE ZONA

 

ASESORÍAS SERVIZOS CENTRAIS

 

María Pousa Rodríguez

Coordinadora da asesoría de bibliotecas escolares. Asesora de bibliotecas escolares zona A Coruña

Enderezo: CFR da Coruña. Rúa da Educación, 3, 2º Planta (Edificio U.N.E.D.), 15011 A Coruña (A Coruña) 

Teléfono: 981 274 221 

Correo electrónico: abe.coruna@edu.xunta.gal

Alexandra Cabana Outeiro

Asesora de bibliotecas escolares zona Lugo
Xestión documental Koha, Meiga

Enderezo: CFR de Lugo. Rúa Doutor Yañez Rebolo, 31 27004 Lugo (Lugo)

Teléfono: 982 251 068

Correo electrónico: abe.lugo@edu.xunta.gal 

Dolores Delfina Nieto Campos

Asesora de bibliotecas escolares zona Ourense 

Enderezo: CFR de Ourense. Avenida da Universidade, 18 32005 Ourense (Ourense)

Teléfono: 988 241 533

Correo electrónico: abe.ourense@edu.xunta.gal 

Asun Carballo Rodríguez 

Asesora de bibliotecas escolares zona Pontevedra
Plataforma de préstamo dixital E-LBE.2

Enderezo: CFR de Vigo. Rúa Rocío, 72, Coia 36208 Vigo (Pontevedra) 

Teléfono: 986 202 370 

Correo electrónico: abe.pontevedra@edu.xunta.gal 

Enderezo: Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, Rúa de San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela

Correo electrónico: asesoria.bibliotecas@edu.xunta.gal

Eva Cancio Rascado  

Asesora de bibliotecas escolares servizos centrais
Xestión documental Koha, Meiga
Plataforma de préstamo dixital E-LBE.2

Teléfono: 981 546 547 

Hilda Cuba Cabana 

Asesora de bibliotecas escolares-TIC servizos centrais
Soporte aplicación ProgramasBibliotecas

Teléfono: 881 997 562 

Eva García Sexto 

Asesora de bibliotecas escolares servizos centrais 

Teléfono: 881 997 637 

María Neira Cerdeira  

Asesora de bibliotecas escolares servizos centrais 

Teléfono: 881 997 330 

Montserrat Penelas-Cortés Bellas

Asesora de bibliotecas escolares-xestión servizos centrais
Libros que van e veñen (bolsas e mochilas)
Maletas viaxeiras 

Teléfono: 881 996 555

 

Resolución definitiva do programa Clubs de Lectura para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva pola que fai pública a relación de centros seleccionados conforme ao disposto no apartado 9 da Resolución do 12 do xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, dentro das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, durante o curso 2024/25. 
 
 
 
 

Resolución definitiva do Programa Lectura e Familias

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva pola que fai pública a relación de centros seleccionado segundo o establecido no apartado 9 da Resolución do 16 de xullo de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación no programa Lectura e Familias, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), para promover a lectura e o uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade educativa, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que acollan ensinanzas de educación infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato e formación profesional, tanto en réxime ordinario como de Aprendizaxe Permanente, ou Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2024/25. 
 
 

Adaptación da CDU para as bibliotecas escolares galegas

 
 
 
 
Dende a creación da Asesoría de Bibliotecas Escolares púxose a disposición dos responsables das bibliotecas escolares de Galicia unha adaptación da CDU que servise ás necesidades e características destas.
 
Facilitamos agora estes materiais actualizados, xunto cun documento que contén os encabezamentos de materia máis empregados nas bibliotecas escolares.
 
Documento que contén información xeral sobre a adaptación da CDU ás bibliotecas escolares, as signaturas topográficas e a organización dos fondos  documentais.
 
CDU adaptada ás bibliotecas escolares galegas na súa versión abreviada (con dous díxitos) que se emprega na maioría de centros educativos que escolarizan alumnado de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria.
 
CDU adaptada ás bibliotecas escolares galegas na súa versión estendida (con tres díxitos) que se emprega habitualmente en centros educativos que escolarizan alumnado de bacharelato, formación profesional e outros centros que precisan dunha maior especificidade na catalogación dos fondos documentais.
É un documento que serve de axuda tamén no labor de catalogación en centros que utilizan a versión abreviada.
 
Táboa moi simplificada da CDU adaptada ás bibliotecas escolares galegas.
 
Documento de apoio á catalogación no referido aos termos de materia.

Avaliación crítica dos fondos (expurgación)

 

 

 

 

 

 

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares realizouse unha revisión e actualización do documento realcionado coa expurgación dos fondos. Este material de apoio pretende matizar e resolver dúbidas sobre estes labores, básicos na xestión técnica da coleccion das bibliotecas escolares. É fundamental a súa lectura e difusión entre os membros dos equipos de bibliotecas.

 

AVALIACIÓN CRÍTICA DOS FONDOS

 

Resolución da convocatoria do X Concurso de Traballo por Proxectos para o curso 2023/24

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución pola que se fai pública a relación de centros premiados segundo o establecido no apartado 9 da Resolución do 19 de abril de 2024 da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa no contexto do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), pola que se convoca o X Concurso de Traballo por Proxectos baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para o curso 2023/24. 
 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2024

 
 
 
 
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 88 de decembro de 2024 pubícanse un total de seis artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolarBoas prácticas e Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o Teatro na biblioteca escolar atendendo ao lema deste curso escolar, a plataforma de lectura dixital E-LBE.2, a creación de redes entre as bibliotecas escolares,  biblioteca inclusiva e clubs de lectura.
 
Lecturas sobre as que reflexionar e nas que afondar no novo ano que se achega.  
 
 
 

Medrar fóra de campo.

Rosalía Fernández Rial.

CPI As Revolatas (Cabana de Bergantiños-A Coruña). 

 

Xograrei e Lerlerei debullando lecturas.

Fca. Socorro Vázquez Sánchez.

IES Fonmiñá (A Pastoriza-Lugo). 

 

 E-LBE.2, a porta ao libro electrónico desde as bibliotecas escolares de Galicia.

Alexandra Cabana Outeiro, Eva Cancio Rascado e Asun Carballo Rodríguez.

Asesoría de bibliotecas escolares de Galicia. 

 

Tecendo historias.

Sabela Seoane Lorenzo e Alejandra Inmaculada Souto Moure.

CEIP P. Mestre Ramiro Sabell Mosquera e IES do Barral (Ponteareas-Pontevedra). 

 

 

A Biblioteca do CEE Saladino Cortizo.

Lucía Vázquez Lorenzo e Cristina Pérez Taboada.

CEE Saladino Cortizo (Vigo-Pontevedra). 

 

As mil caras do teatro.

Sagrario Torrado Blanco e Adrián Noia.

IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela-A Coruña). 

Lecturas para compartir, a escena!

 
 
 
 Como encontrar felicidade nos livros que não lemos
 
Por vezes, os livros que não são lidos podem assumir um ar acusador. Muitos leitores senter alguma culpa quando olhamn para pilhas de livros por ler. No meu caso, considero estes livros uma possibilidade de ser livre: não tenho apenas um livro para ler, tenho muitos, e isso permite-me escolher próximo (dentro de um espectro variado de possibilidades). No fundo, concordo com Jules Renard quando escreveu em Notas Sobre el Oficio de Escribir: 《Quando penso em todos o livros que tenho para ler, tenho a certeza de ainda ser feliz.》
 
Cruz, Afonso (2021). O vício dos livros.  Companhia das Letras
  
 
 
Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares.
 
As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, xogos, apps, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar  unha escolla axeitada á hora de agasallar . Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio.
 
Son propostas feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. Reflicten a variedade de oferta que a industria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Orientacións que inclúen a recomendación da compra no comercio de proximidade.
 
Lecturas compartidas co gallo das festas de inverno no CEIP de Galán (Arteixo-A Coruña)
 
As bibliotecas escolares de Galicia recomendan lecturas para compartir: 
 
 

Resolución definitiva do programa Bibliotecas escolares solidarias - Voluntariado para o curso 2024/25

 

O Portal educativo vén de publicar a Resolución definitiva de centros adheridos ao programa Bibliotecas Escolares Solidarias Voluntariado nas modalidades de Voluntariado na biblioteca escolar Primaria e Voluntariado na biblioteca escolar Secundaria e outras ensinanzas conforme ao disposto no apartado oito da Resolución do 16 de outubro de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, integrado no PLAN LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de bibliotecas escolares, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/25.

Resolución definitiva do programa Biblioteca Creativa para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución definitiva pola que se fai pública a relación de centros seleccionados conforme ao disposto no apartado 10 Resolución do 16 de xullo de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación no proxecto de Biblioteca Creativa, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para curso 2024/25. 
 
 

25N, todo o ano, nas bibliotecas escolares de Galicia

 
 
 
 
NON É AMOR
 
Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,
por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,
por que, no mito que teciches, urdiches o abandono,
por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.
 
Mírame agora que son silencio, eternidade,
mira o meu corpo branco, case azul na quietude,
son Ofelia de novo aboiando nas augas,
arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.
Ofelia case azul, xa para sempre muda,
inmóbil perfección de obxecto posuído.
 Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva
o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.
 
Como se pode amar o camiño da morte,
como se pode amar o silencio do medo.
Que non, non é amor ese velo de sombra,
non, non é amor a negación do soño,
non, non é amor o desprezo estridente,
non, non é amor a voz que todo cala,
non pode ser amor esa ventá escura,
pois non, non é amor esa porta fechada.
 
Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,
non te quero aboiando nese río de sombra.
Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,
non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,
renega dese mito que mata as túas entrañas,
renega do amor puro que te viste de morte.
 
 
Dacosta, Marta. (2011). Acuática alma. Espiral Maior.
 
Na imaxe, instalación no IES Monte das Moas (A Coruña)
 
 
As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.
O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.
 
Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU alertan de que "a violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xeneralizadas do mundo. Calcúlase que, a nivel global, case una de cada tres mulleres foron vítimas de violencia física e/o sexual polo menos unha vez na súa vida.
 
En 2023, ao redor de 51.100 mulleres e nenas de todo o mundo morreron a mans das súas parellas ou outros membros da súa familia. É dicir, asasinouse a unha muller cada 10 minutos. 
 
Trátase dunha secuela que se intensificou en diferentes contornas, incluídos o lugar de traballo e os espazos en liña, e viuse agravada polos conflitos e o cambio climático.
A solución radica en acabar coa impunidade, adoptar e financiar plans de acción e investir en solucións que propoñen os movementos polos dereitos das mulleres".
 
O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir un paso atrás. 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2024

 

 

"Toda sociedade precisa coñecer e interpretar o mundo para desenvolverse 

nel de forma satisfactoria. A Ciencia é un xeito especial de coñecemento 

do mundo que se desenvolveu en Occidente desde o Renacemento e 

eclosiona coa Modernidade nos séculos XIX e XX. É responsable do noso 

progreso tecnolóxico e industrial, pero tamén foi da man do complexo 

tecno-militar desde o século XVI, da consolidación do capitalismo e 

da expansión colonial europea. Toda esta historia está reflectida nas 

bibliotecas e fan que debamos volver a elas continuamente. Pero non só. 

Tamén está reflectida na tradición oral, nos hábitos e na cultura material".

 

 

Felipe Criado-Boado 

 

 

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Conselleria de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Felipe Criado-Boadoarqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.  Foi Premio nacional de investigación 2023.

 

O manifesto para este ano 2024 abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

Resolución provisional da convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de centros seleccionados na convocatoria do programa Lectura e Familias nas modalidades de nova incorporación e de continuidade para o curso 2024/25.
 
 
Ábrese un prazo de cinco días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación no portal educativo, para efectuar reclamacións ou renuncias.
 
 

Resolución provisional do programa Bibliotecas Escolares Solidarias Voluntariado para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
 
 
 O Portal educativo vén de publicar a Resolución provisional de centros adheridos ao programa Bibliotecas Escolares Solidarias Voluntariado nas modalidades de Voluntariado na biblioteca escolar Primaria e Voluntariado na biblioteca escolar Secundaria e outras ensinanzas para o curso 2024/25.
 
 
Ábrese un prazo de tres días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación no portal educativo, para efectuar reclamacións ou renuncias.
 
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2024/25

 
 

 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 13 de novembro de 2024 da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se resolve definitivamente o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/25. 
 
 
 
 
 
  
 
 
 
 

Resolución definitiva da convocatoria do programa Radio na Biblio para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 4 de novembro de 2024 pola que se resolve definitivamente a convocatoria de participación no programa Radio na Biblio nas modalidades de nova incorporación e de continuidade para o curso 2024/25.
 
 
 

Resolución provisional da convocatoria do programa Clubs de Lectura para o curso 2024/25

 

 

 

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de centros admitidos na convocatoria do programa Clubs de Lectura nas modalidades de incorporación e de continuidade.

 

Ábrese un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións ou renuncias. 

 

 

 

Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2024

 
 
 
O vindeiro sábado 9 de novembro celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2024. Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Biblioteca escolar, a escena!".
 
Unha xuntanza que falará do poder do Teatro como soporte para diferentes relatos, da interpretación como linguaxe poderosa... que eloxiará á biblioteca e á escola alfabetizadora; o papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do fomento da lectura, da participación das familias, da creación de redes...
 
Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.
 

24 a 31 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) a proposta da UNESCO

 
 
 
 
A Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional 2024 subliñará a importancia de seguir o ritmo da rápida evolución do panorama dixital e de dotar aos usuarios das habilidades necesarias para identificar, avaliar e comprometerse coa información de interese público en liña. 
 
Unha axenda global colectiva da que forman parte as bibliotecas escolares que deben , máis que nunca,  reforzar o traballo cos medios de comunicación e identificación das noticias falsas e as competencias ALFIN e AMI. Un compromiso de todo o sistema bibliotecario para non deixar a ninguén atrás grantizando o acceso á información, a cultura e o coñecemneto.
 

Día das Bibliotecas 2024: Por un futuro sostible

 
 
 
 
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
 
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023.  
 
O lema deste ano, "Por un futuro sostible", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras. 
 
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio,  lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de actividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 20230 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas debe quedar atrás.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 

  • DIA DA BIBLIOTECA ESCOLAR (ASOCIACIÓN AMIGOS DEL LIBRO INFANTIL Y JUVENIL) 

 
#DíaDasBibliotecas #Porunfuturosostible 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

E-LBE.2: Lectura dixital para as bibliotecas escolares

  
 
 
En novembro de 2012, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizou unha convocatoria, destinada aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares,  dun proxecto piloto para a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, E-LBE, integrado no PLAN LÍA de bibliotecas escolares. Este proxecto incorporou a 50 centros.
 
A Xunta vén de ampliar o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de  Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional pon a disposición dos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) unha ferramenta que enriquecerá as súas coleccións.
En total están accesibles preto de 4000 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (ordenador, tableta, móbil...), con dispoñibilidade de lectura en liña e fóra de liña e para todos/as os/as usuarios/as (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.
 
Os fondos E-LBE.2 son variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que, en xeral, seguen as bibliotecas escolares galegas.A selección, xestión e control dos contidos, e a súa actualización coordínanse desde a asesoría de bibliotecas escolares:
 
  • Coleccións con temáticas específicas, aprendizaxe de idiomas, robótica, saúde, nutrición, apoio a materias, acceso a revistas e liteara, entre outras.tura para todos os niveis e etapas, entre outras:
  • Recursos de ficción e non ficción para todos os ciclos e etapas: libros,revistas, audiolibros, podcast...
  • Catálogo intelixente: recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos/as usuarios/as.
  • Módulo de accesibilidade para axudar aos/as lectores/as: tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
  • A posibilidade de lectura compartida en grupos aula, club de lectura.. cosrecursos proxectados mediante paneis dixitais ou outros dispositivos.
  • Lectura en calquera momento e lugar: accesible 24/7 e modalidade de lectura con ou sen conexión.
  • Acceso desde seis dispositivos diferentes e sincronización no último punto de acceso, permitindo tamén ás familias poder gozar desta solución.
  • A posibilidade de uso a través dunha APP (gratuíta e dispoñible nas tendasde aplicacións para os distintos dispositivos) que aumenta a interactividade:estatísticas, desafíos, establecer obxectivos diarios ou mensuais…
  • O acceso mediante tres perfís diferentes: usuario alumnado (ata 2
    préstamos de xeito simultáneo, cun máximo de 10 títulos durante o curso
    escolar) e usuario docente (ata 2 títulos de xeito simultáneo sen límite de
    préstamos), outras persoas usuarias da comunidade educativa (ata 2
    préstamos de xeito simultáneo, cun máximo de 10 títulos durante o curso
    escolar).

 

 

 

 

Convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2024/25

 

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 16 de outubro de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca o programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, integrado no PLAN LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de bibliotecas escolares, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/25.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte da data da publicación no portal educativo. 
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Resolución provisional de centros seleccionados na convocatoria do programa Biblioteca Creativa para o curso 2024/25

 

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de centros seleccionados na convocatoria do programa Biblioteca Creativa nas modalidades de nova incorporación e de continuidade.
 
 
Abrirase un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións ou renuncias.
 
 

Día das Escritoras 2024

 
 
 
Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A IX Edición celébrase este ano 2024  o 14 de outubro baixo o lema " A periferia da periferia: Mulleres que miraton ao mundo rural".
 
"Por iso o próximo 14 de outubro acordarémonos de marabillosas escritoras, poetas e pensadoras como Concha Espiña, Santa Teresa, Dolores Medio, Mariluz Escribano, Margarita Nelken, Rosalía de Castro, María Zambrano, Gabriela Mistral ou Ernestina de Champourcin. Pero tamén das que non puideron selo. Pois elas e non outras son as que mantiveron e manteñen vivo ese mundo rural e a súa cultura, ese campo, esa periferia á que, en xeral, miramos pouco e mal".
 
Ana Iris Simón, comisaria da IX Edición do Día das Escritoras 2024
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Resolución provisional dos centros admitidos na convocatoria do programa Radio na Biblio para o curso 2024/25

 

 
 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de centros admitidos na convocatoria do programa Radio na Biblio nas modalidades de nova incorporación e de continuidade. 
 
 
Abrirase un prazo de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para realizar reclamacións ou renuncia.