
E-LBE.2, a porta ao libro electrónico desde as bibliotecas escolares de Galicia
Alexandra Cabana Outeiro
alexandra@edu.xunta.gal
Eva Cancio Rascado
eva.cancio@edu.xunta.gal
Asun Carballo Rodríguez
asuncr@edu.xunta.gal
Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia
Por que a lectura dixital nas bibliotecas escolares?
O fomento da lectura desde idades temperás é fundamental para o desenvolvemento integral do estudantado, xa que a lectura potencia non só as competencias lingüísticas, senón tamén habilidades esenciais como o pensamento crítico e a creatividade. Hoxe, nunha sociedade caracterizada polo avance das novas tecnoloxías, é imprescindible que as bibliotecas escolares innoven nos recursos ofrecidos para motivar e consolidar o hábito lector. Establecer o hábito da lectura desde as primeiras etapas educativas resulta esencial para o desenvolvemento cognitivo e emocional do alumnado. A lectura temperá enriquece o desenvolvemento integral das nenas e nenos ao estimular a súa imaxinación e fortalecer a súa capacidade de comprender o mundo (Isabel Solé, 1992).
Neste contexto, a plataforma E-LBE.2 emerxe no ano 2018 como unha ferramenta que amplía o acceso a materiais de lectura mediante recursos dixitais, brindando unha solución adaptada ás demandas de estudantes, docentes e familias. E-LBE.2 é un servizo que poden ofrecer as bibliotecas escolares dos centros educativos galegos de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Trátase dunha plataforma de lectura e préstamo de contidos dixitais que enriquece as coleccións analóxicas das bibliotecas escolares. O acceso a lecturas en diferentes formatos e soportes volveuse imprescindible nunha sociedade dixitalizada. Diversificar os formatos de lectura non só enriquece a experiencia lectora, senón que facilita o acceso á información e a adaptabilidade a distintos estilos de aprendizaxe. O soporte dixital non substitúe a lectura tradicional, senón que a complementa, ofrecendo novos camiños e posibilidades para a aprendizaxe lectora (Myriam Nemirovsky, 2004).
E-LBE.2 ofrece actualmente un volume de preto de 4000 títulos variados, actuais e en continua ampliación, que están dispoñibles para ler en pantalla, en calquera momento e lugar, para todas as persoas usuarias dunha biblioteca escolar PLAMBE. E-LBE.2 ofrece non só libros, senón tamén revistas, audiolibros, podcasts e vídeos, o que permite unha experiencia lectora multisensorial. A lectura dixital abre novas posibilidades de comprensión e de interacción co texto (Daniel Cassany, 2014). Esta diversidade de textos e formatos fomenta unha educación inclusiva, xa que cada estudante pode acceder aos materiais da súa elección e da forma que lle resulte máis cómoda e eficaz.
Que podemos ler en E-LBE.2?
Como xa comentamos, a plataforma E-LBE.2 ofrece recursos dixitais variados no seu formato e no seu contido para atender as distintas ensinanzas e niveis do noso sistema educativo.
Por unha banda, temos unha ampla presenza de recursos de ficción, nos distintos xéneros literarios. Narrativa, poesía e teatro achéganse a través de títulos que están presentes en papel en moitas das nosas bibliotecas, mais tamén con outros de menor difusión, pero igualmente de interese, co que ampliamos as constelacións lectoras. Ademais, o feito de achegar literatura en formatos de audiolibro abre unha posibilidade diversa e inclusiva a distintas realidades e momentos.
Por outra banda, o libro de non ficción ten unha presenza importante dentro do catálogo dixital, ao igual que o debe ter nas nosas bibliotecas físicas. A súa inclusión no repositorio atende temáticas amplas e lectorado con distintas competencias: o seu uso en formato dixital é un facilitador do acceso en contextos de traballos por proxectos e outras dinámicas de aula nas que se requira o acceso simultáneo a varios recursos informacionais, ademais do uso individual que se poida facer destes.
Falamos de libro e audiolibro, mais E-LBE.2 tamén conta con revistas, podcasts e vídeos dentro da súa diversidade de recursos. Sexa nun formato ou noutro, o catálogo de E-LBE.2 está en continuo crecemento: a interacción das persoas usuarias achega propostas de inclusión dentro do propio aplicativo que son tidas en conta e, de ser o caso, pasan a formar parte do catálogo, logo da validación da súa pertinencia pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.
O catálogo fórmase entón de xeito dinámico e tendo en conta as suxestións das persoas usuarias, tanto docentes coma estudantes. Na construción da colección séguense os mesmos criterios ca nas bibliotecas escolares físicas, atendendo ás novidades do mundo editorial, aos distintos ámbitos de coñecemento presentes nos centros escolares e ás necesidades derivadas de novos retos sociais e educativos.
Este catálogo pode consultarse directamente, mais tamén é intelixente e, a medida que vai coñecendo os gustos de cada persoa usuaria, faranos recomendacións de lectura en base ás nosas buscas previas e aos recursos que vaiamos tomando en préstamo.
Para acceder ao catálogo, podemos usar ata seis dispositivos diferentes, con sincronización no último punto de acceso: non perderemos o lugar onde estabamos nese recurso aínda que cambiemos de dispositivo; como tampouco o perderemos se pasamos do uso de E-LBE.2 na páxina web ao uso na aplicación, ou viceversa. Esta é outra vantaxe de E-LBE.2: a posibilidade de uso a través dunha aplicación (gratuíta e dispoñible nas tendas de aplicacións para os distintos dispositivos) que facilita a interactividade: estatísticas, desafíos, establecer obxectivos diarios ou mensuais… aínda que esta interactividade tamén a podemos desenvolver dentro da páxina web ao identificarnos.
A lectura pode facerse en calquera momento e lugar, é accesible 24/7 e tampouco temos por que ter conexión á Rede sempre: podemos facer lectura en liña a través da web ou da aplicación e tamén fóra de liña, descargando o recurso para Adobe Digital Editions.
Á hora de acceder aos recursos, cómpre sinalar que podemos adaptar a nosa experiencia lectora aos nosos gustos e necesidades: fontes, tamaños, interliñado, cor de fonte e incluso o uso de tipografía específica para dislexia e a posibilidade de lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
Por último, sinalamos que a colección inclúe recursos en galego e castelán, mais tamén noutras linguas presentes nas nosas escolas: inglés, francés, portugués, catalán e italiano. A progresiva inclusión de recursos nas distintas linguas ten como guieiro ofrecer lectura dixital a todas as ensinanzas, incluídas as de idiomas.
Quen pode acceder á plataforma de lectura dixital?
A plataforma de préstamo dixital E-LBE.2 establece tres perfís diferentes de persoa usuaria, con diferentes posibilidades en canto ao préstamo:
- Usuario alumnado: ata dous préstamos de xeito simultáneo, dun máximo de dez títulos durante o curso escolar.
- Usuario docente: ata dous préstamos de xeito simultáneo sen límite de préstamos.
- Outras persoas usuarias da comunidade educativa: ata dous préstamos de xeito simultáneo, cun máximo de dez títulos durante o curso escolar.
As distintas categorías de persoa usuaria veñen dadas pola súa pertenza a un centro educativo PLAMBE e as credenciais de acceso son iguais ás da OPAC de Koha, de ter este sistema de xestión a nosa biblioteca escolar.
É a biblioteca escolar a través do seu equipo docente quen xestiona o acceso das persoas usuarias a E-LBE.2, tanto creando perfís no caso das familias que así o demanden coma asesorando e acompañando o profesorado e o alumnado lector do seu centro e as familias, de ser o caso. Cómpre introducir a biblioteca dixital na nosa formación de persoas usuarias, e acompañalas a través da mediación lectora: o acceso á plataforma non deberá ser igual para todas as etapas, idades, perfís e ensinanzas.
Guía para persoas usuarias de E-LBE.2. Fonte: blog da biblioteca do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños - A Coruña).
Como orientar a experiencia lectora en E-LBE.2?
Esta plataforma de lectura dixital é unha boa aliada na formación das persoas lectoras. Permite que accedan a un corpus de diferentes obras ao mesmo tempo e propicia o deseño de estratexias de mediación para consolidar hábitos lectores e fomentar o gusto pola lectura na rapazada.
Por iso, é importante que o equipo trace cal vai ser a súa folla de ruta na implementación de E-LBE.2 na biblioteca. Partindo das preguntas quen?, cando? e como?, habería que deseñar estratexias de dinamización coherentes coa realidade de cada centro educativo.
A mediación ten que facilitar o encontro da persoa lectora e do libro; as persoas adultas somos as encargadas de axudar a que se produza esa xuntanza (Teresa Colomer, 2002). Non debemos esquecernos de que, ademais do equipo de biblioteca, hai outros axentes clave neste proceso: o profesorado e as familias han de acompañar e guiar as nenas e os nenos na súa mellora da competencia lectora. Isto supón que os espazos físicos sexan diversos: as aulas, as bibliotecas, os clubs de lectura, os fogares, entre outros. O espazo virtual non debe desprazar os físicos, senón que han de complementarse.
Entre as accións concretas de mediación entre o libro electrónico e o noso alumnado podemos destacar:
- A selección de lecturas
O profesorado deberá guiar a selección de lecturas, que ha de ser acorde coa idade e coas motivacións dos lectores. De aí que se recomende que se faga o préstamo (especialmente en infantil, primaria e os primeiros cursos de secundaria) no horario lectivo dentro das dinámicas de xestión da biblioteca escolar.
- A lectura individual
As persoas lectoras poden facer unha lectura silenciosa, na aula ou na biblioteca; ademais contan en E-LBE.2 con ferramentas para a lectura comprensiva (sinalar as palabras clave, facer anotacións ou subliñar un texto).
Alumnado do IES Valadares (Vigo - Pontevedra) empregando a ferramenta E-LBE.2 para a lectura individual no seu tempo de lecer
- As lecturas compartidas
A plataforma facilita a lectura compartida. Pode facerse en voz alta e comentada para que sexa seguida por todo o alumnado nos seus dispositivos. No contexto dos clubs de lectura permite que se utilicen fondos físicos e virtuais ao mesmo tempo. Deste xeito, podemos optimizar a compra de exemplares dun mesmo título ao combinar o uso do libro dixital co do libro en papel.
Tamén é factible a lectura proxectada en paneis dixitais para que o alumnado acceda a ela sen entrar coas contas persoais (recurso especialmente útil nas idades temperás, que precisan maior acompañamento) e, polo tanto, sen consumiren préstamos, xa que os seus son limitados por curso. As lecturas compartidas proxectadas en pantalla son, ademais, aliadas doutras situacións de aprendizaxe e ocio: un recurso de fácil acceso para distintos momentos da xornada lectiva.
Alumnado do CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz - Lugo) utilizando E-LBE.2 na aula para levar a cabo unha lectura en gran grupo
O desenvolvemento deste plan de actuacións pode recoller propostas de animación á lectura para motivar o alumnado e crear unha actitude positiva ante o proceso lector. Son moitas as propostas que, cun carácter lúdico, conseguen este fin. Aproveitemos a colección de E-LBE.2 para facer dramatizacións na aula ou sesións de contacontos nas lecturas interniveis. Convertamos os rapaces e as rapazas en creadores de contido despois de ler; desde propostas máis elaboradas, como a creación de booktubers ou booktrailers, ata outras máis sinxelas, como a escritura de comentarios en E-LBE.2. Deste xeito contribuiremos á creación dunha comunidade lectora nas bibliotecas escolares galegas.
Cassany, Daniel (2006). Tras las líneas: sobre la lectura contemporánea. Anagrama.
Cassany, Daniel (2014). En_línea: leer y escribir en la red. Barcelona: Anagrama.
Colomer, Teresa (2002). El papel de la mediación en la formación de lectores. En T. Colomer, E. Ferreiro e F. Garrido (eds.), Lecturas sobre lecturas. Conaculta.
Nemirovsky, Myriam (2004). La enseñanza de la lectura y de la escritura y el uso de soportes informáticos. Revista Iberoamericana de Educación, 36, pp. 105-112. https://doi.org/10.35362/rie360866
Solé, Isabel (1992). Estrategias de lectura. Editorial Graó.