Preguntas frecuentes

1.1 Cales son os centros que imparten educación para persoas adultas?

Existe unha ampla rede de centros que imparten ensinanzas para persoas adultas nas catro provincias da Comunidade Autónoma: centros específicos que imparten exclusivamente estas ensinanzas e institutos de Educación Secundaria. A lista completa pode consultarse nesta dirección:

https://www.edu.xunta.gal/portal/ea/onde-estudar

 

Que se pode estudar nos centros que imparten estas ensinanzas?

Pódese estudar desde o nivel máis elemental, as Ensinanzas Básicas Iniciais ata o Bacharelato:

  • Ensinanzas Básicas Iniciais (EBI) no nivel I e II: equivalen á Educación Primaria para persoas adultas. Están destinadas a aquelas persoas que deben recordar as técnicas básicas da lectoescritura e das habilidades numéricas.
  • Educación Secundaria para persoas adultas: conducen á obtención do título de ESO. Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada poden cursarse nun curso escolar ou en dous.
  • Bacharelato: conducen á obtención do título de Bacharelato, cunha organización e metodoloxía específica para as persoas adultas.
  • Aulas Mentor: cursos impartidos a distancia orientados a mellorar a capacitación profesional e a formación cultural das persoas adultas.
  • Galego e castelán para persoas inmigrantes.

Tanto a Educación Secundaria como o Bacharelato poden cursarse polas modalidades presencial e a distancia.

Para máis información: http://www.edu.xunta.es/portal/node/3358

 

1.2 Quen se pode matricular na Educación Secundaria para adultos?

Todas as persoas que teñan os dezaoito anos ou que ou os cumpran nese curso académico. Hai algunhas excepcións a esta norma, así, poden matricularse nesas ensinanzas as persoas que teñen dezaseis anos e cumpren algunha destas condicións:

  • Ter un contrato laboral en vigor que lles impida asistir ás clases do réxime ordinario destas ensinanzas.
  • Non poder asistir regulamente a un centro ordinario por enfermidade ou impedimento físico.
  • Estar a cursar ensinanzas profesionais de música ou de danza de forma simultánea.
  • Estar a cursar ensinanzas profesionais de grao medio de artes plásticas e deseño de forma simultánea.
  • Estar a cursar un ciclo formativo de grao medio de forma simultánea.
  • Que existan causas excepcionais que lle impidan asistir ao réxime ordinario (cargas familiares, vítimas de violencia, mulleres embarazadas...)

 

1.3 Teño o antigo Graduado Escolar. Que debo facer para conseguir o título de ESO?

Os estudos de Graduado Escolar equivalen a parte dos estudos de ESO. A unha persoa que teña o Graduado Escolar valídanselle os módulos I e II de todos os ámbitos de coñecemento. Poderíase matricular no módulo III de todos os ámbitos e, se obtén avaliación positiva, pode obter o título da ESO nun curso escolar.

 

1.4 Como están organizadas as Ensinanzas de Secundaria para adultos?

  • Estas ensinanzas son equivalentes ás de Educación Secundaria Obrigatoria polo réxime ordinario (ESO).
  • Hai que cursar tres campos de coñecemento: ámbito de Comunicación, ámbito Social e ámbito Científico-Tecnolóxico. Cada un deles organízase en catro módulos de duración cuadrimestral.
  • Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada poden cursarse en dous ou nun curso escolar.
  • Na modalidade semipresencial é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada ámbito (unha hora semanal para o ámbito Social, dúas sesións lectivas para o ámbito de Comunicación e outras dúas para o ámbito Científico-Tecnolóxico).
  • A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia ás titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente: http://www.iessanclemente.net
  • Os exames da modalidade a distancia poden facerse en A Coruña, Arzúa, Boiro, Camariñas, Dumbría, Lousame, Santa Comba, Verín, Vigo e Santiago de Compostela.

Matrícula

As datas da matrícula poden consultarse no seguinte enlace:

http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/que-estudar

 

1.5 Como están organizadas as ensinanzas de Bacharelato para adultos?

  • Estas ensinanzas poden cursarse en dous anos escolares, por curso completo, ou por materias de forma independente. Se se opta por cursar materias de forma independente, non se deberán superar os 32 períodos lectivos semanais.
  • As modalidades que se poden estudar e as materias que se cursan son as mesmas que no réxime ordinario.
  • Na modalidade semipresencial é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada materia (unha hora semanal por cada materia que se curse).
  • A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente e os exames poden realizarse en A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Burela e Santiago de Compostela.

Matrícula

As datas da matrícula poden consultarse no seguinte enlace:

http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/que-estudar

 

1.6 Que se pode estudar a distancia en Galicia?

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades oferta estas ensinanzas pola modalidade a distancia:

  • Nivel II das Ensinanzas Básicas Iniciais (EPA Eduardo Pondal, A Coruña).
  • Educación Secundaria para adultos. Os centros EPA (un en cada cidade) e algúns institutos ofertan estas ensinanzas.
  • Bacharelato semipresencial e Bacharelato a distancia, nas modalidades de Humanidades e Ciencias Sociais, modalidae de Ciencias e modalidade de Artes. O Bacharelato a distancia con titorías telemáticas pode cursarse no IES San Clemente, de Santiago de Compostela.
  • O Bacharelato semipresencial pode cursarse nese mesmo instituto e nos centros EPA da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Tamén pode cursarse noutros sete institutos de Galicia.
  • Formación profesional. Pode obterse información nesta dirección:

https://www.edu.xunta.es/fp/fpdistancia

  • Aulas Mentor: ampla oferta de cursos non regrados a través de internet e en colaboración co Ministerio de Educación. Máis información en:

https://www.aulamentor.es/cursos-acceso/

  • Curso de inglés That’s English. Matrícula nas escolas oficiais de idiomas das capitais de provincia.

 

1.7 Hai algún ciclo de Formación Profesional a distancia?

Si. Pode obter máis información sobre a Formación Profesional a distancia na seguinte ligazón:

https://www.edu.xunta.es/fp/fpdistancia

 

1.8 Que hai que facer para matricularse nun curso de Aula Mentor?

Para poder matricularse dun curso de Aula Mentor hai que ter cumpridos os dezaoito anos, dirixirse a algún dos centros públicos de Galicia e formalizar alí a matrícula, tamén hai Aulas Mentor nalgúns concellos. Nos seguintes enlaces aparece a relación de centros nos que se poden facer estes cursos e a oferta formativa:

http://www.edu.xunta.es/portal/node/1855

www.mentor.mec.es

 

1.9 Probas libres da ESA. Quen se pode matricular nestas probas?

Para poder matricularse nas probas libres da ESA (Ensinanza Secundaria para persoas adultas) hai que ter cumpridos dezaoito anos no día anterior ao da celebración da proba, non posuír o título de ESO nin estar nin ter estado no mesmo curso académico na Educación Secundaria ordinaria nin na Formación Profesional básica. Se unha persoa estivo matriculada no mesmo curso na Educación Secundaria para persoas adultas deberá cursar a baixa no segundo cuadrimetre e renunciar á convocatoria extraordinaria se ten algún módulo pendente. A convocatoria publícase todos os anos no Diario Oficial de Galicia.

 

1.10 Cal é o temario para preparar estas probas?

O temario está formado polos contidos propios da Educación Secundaria para adultos, que están desenvolvidos no anexo da Orde de 20 de marzo de 2018, DOG do 12 de abril. Como material de referencia poden valer tanto a proposta didáctica Paso a nivel como as unidades didácticas publicadas pola Consellería de Educación para a Educación Secundaria para adultos, que se poden atopar neste portal:

http://www.edu.xunta.es/portal/node/3393

Na seguinte dirección hai un manual que explica todo o relacionado con estas probas: organización e partes dos exames, exemplos de exames, etc.

http://www.edu.xunta.es/portal/node/1238

 

1.11 Probas para a obtención do título de Bacharelato

 Quen se pode matricular nestas probas?

As persoas que sexan maiores de vinte anos ou que cumpran esa idade no ano natural no que se celebre a proba.

 

1.12 Como se estrutura a proba?

A proba constará de dous exercicios, o primeiro deles dedicado ás materias comúns e o segundo, ás materias de modalidade. Pode obter máis información na seguinte ligazón:

http://www.edu.xunta.es/portal/node/1238

 

1.13 Cal é o temario para preparar a proba para a obtención do título de Bacharelato?

Non existen contidos específicos para este exame, así que o temario é o establecido polo Decreto 157/2022 do 15 de setembro, que fixa o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

1.14 Que valor ten o certificado ou título que eu teño?

Existen equivalencias entre os títulos académicos obtidos en ensinanzas que xa non están vixentes e os títulos actuais. Esas equivalencias poden ser con efectos académicos (para seguir estudos) ou con efectos laborais (para presentarse a oposicións ou optar a postos de traballo).

Nesta dirección hai un cadro desas equivalencias:

http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/validacions

 

1.15 Onde preguntar?

As persoas que teñan dúbidas sobre estas ensinanzas ou precisen de máis información

poden dirixirse a este correo electrónico da asesoría de aprendizaxe permanente:

educadultos@edu.xunta.gal

Tamén poden chamar aos teléfonos: 981540289 / 981546549

 

Máis información (PDF)