A pintura e a ciencia na biblioteca escolar
Xosé Cestay Portela
Profesor e coordinador da biblioteca escolar do CEIP de Torre-Cela (Bueu)
xcestay@edu.xunta.es
Contextualización
O CEIP de Torre-Cela é un centro educativo público de cento vinte alumnos e alumnas, situado nunha zona rural, en Cela, a tres quilómetros do núcleo urbano de Bueu.
O centro asume a necesidade de establecer un tema anual que cohesione as conmemoracións que se celebran ao longo do curso. A partir dese centro de interese realízanse traballos por proxectos, de distinta duración e intensidade nas etapas de infantil e primaria. Nos dous últimos cursos realizáronse traballos por proxectos sobre o mundo dos alimentos e o mar.
O claustro acordou que o centro de interese que se ía desenvolver ao longo do curso 2014/15 era a pintura. As etapas educativas de infantil e primaria, ben por niveis, ben por ciclos, comprometíanse a realizar traballos por proxectos, tarefas multidisciplinares ou proxectos documentais integrados partindo do tema xeral.
Nas primeiras xuntanzas de coordinación, os niveis educativos escollían un pintor; pero algún curso pensaba que globalizar arredor da arte, a pintura e a ciencia abría máis posibilidades de integrar o currículo. Ao mesmo tempo, o equipo da biblioteca trazaba camiños para conmemorar a Semana da Ciencia e entretecéronse ambas as propostas.
As bibliotecas escolares están a impulsar traballos relacionados coa ciencia e as matemáticas nos dous últimos anos académicos. O noso centro, incluído no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), accede a estes recursos no foro do PLAMBE, a través do correo electrónico, ou nos enlaces que se facilitan no blog de Bibliotecas Escolares de Galicia. Con base nisto, e na exposición que no inicio de curso se podía visitar no museo MARCO de Vigo, denominada “Arte e ciencia”, decidimos unir estas dúas temáticas.
O equipo docente da biblioteca creara, ademais, un grupo de traballo asesorado polo Centro de Formación do Profesorado de Pontevedra no que traballariamos a biblioteca como labor colectivo, un eixe capaz de optimizar os recursos.
Os obxectivos deste proxecto
Achegar o mundo da pintura ao alumnado.
Recoñecer a pintura como canle expresiva dos sentimentos e emocións.
Divulgar a existencia de pintores e obras representativas de movementos artísticos.
Identificar nos cadros aspectos da ciencia recollidos no currículo.
Localizar a información en distintas fontes e soportes.
Contidos | Criterios de avaliación | Estándares de aprendizaxe avaliables |
Comprensión de información relevante en textos, para informarse. Uso dirixido das tecnoloxías da información e das bibliotecas para obter información relavante para as súas tarefas | Comprender, localizar e seleccionar información explícita, en textos sinxelos de soportes variados (blog da biblioteca, libros e carteis). | Busca, localiza e selecciona información concreta dos textos axeitados á súa idade. |
Táboa 1. Extracto de programación I
Recursos empregados
- Xogo de anatomía diseccionable en pezas.
- Maquetas dos órganos dos sentidos.
- Material bibliográfico en lingua galega e gráfico para expor: tomos da Biblioteca visual infantil, Os Bolechas: o corpo humano tamén fala, Guía das aves de Galicia, Pregunta á Dra. Peteiro sobre o planeta Terra, Art Book, O cadro máis bonito do mundo...
- Ordenadores con acceso a internet.
- Taboíñas soporte onde fixar os folios para recoller a información.
- Papel de embalar, cortizas, teas, mesas para soporte de exposicións.
- Montaxe mural de imaxes, textos, esquemas e fotografías relacionados con distintos pintores onde parte da súa obra se puidese vincular á ciencia:
- Medicina: Lección de anatomía de Rembrandt
- Astronomía: Noite estrelada de Vincent Van Gogh
- Zooloxía: Paxaro das praias. Lavandeira de Lugrís
- Botánica: Os xirasoles de Vincent Van Gogh
- Matemáticas: Galatea das esferas de Dalí
- Psicoloxía: Os reloxos brandos ou a persistencia da memoria de Dalí, Lenda mariña de Lugrís
As obras que se citan son exemplos relacionados cos pintores escollidos en distintos niveis educativos do centro.
Competencia | Descritor | Desempeño |
|
|
|
Comunicación lingüística | Manexar elementos de comunicación non verbal. | Utiliza a linguaxe xestual, icónica e gráfica para distintos aspectos da tarefa. |
Aprender a aprender | Ser quen de seleccionar información. | Selecciona, con criterio, a información para a tarefa. |
Competencia dixital | Utilizar TIC para busca, ampliación e corrección da información. | Usa TIC para a busca de información. |
Táboa 2. Extracto de programación II
Descrición da actividade
Motívase o alumnado preparando e realizando unha saída ao museo MARCO, á exposición “Arte e ciencia”. Expóñense aos compañeiros as conclusións desta viaxe mediante a realización dunha presentación oral e imaxes fotográficas.
No centro, inicialmente, articúlase no interior da biblioteca unha exposición denominada “A pintura e a ciencia”, para ser visitada na Semana da Ciencia. O obxectivo era mostrar recursos, indicar a súa localización e dinamizar os empréstitos. Posteriormente trasládase aos taboleiros e mesas do corredor e engádense reproducións de cadros onde aparezan motivos de ciencias (zooloxía, botánica, astronomía, corpo humano…) e póñense, ao seu carón, libros abertos que permiten ampliar a información. Realízase unha programación formal que permita abranguer o traballo. Móstranse extractos moi reducidos (táboas 1, 2 e 3).
Competencia | Descritor | Desempeño |
|
|
|
Sentido de iniciativa e espírito emprendedor | Potenciar a autoestima, emocións e experiencias durante o proceso. | Expresa a opinión do proceso e do traballo realizado. |
Conciencia e expresións culturais | Recoñecer o mundo a través da visión dos artistas. | Recoñecen o mundo que os rodea a través das obras pictóricas. |
Competencias sociais e cívicas | Valorar as achegas dos membros do grupo. | Valoran diferentes achegas no equipo. |
Competencia matemática, ciencia e tecnoloxía | Recoñecer diferentes formas xeométricas. | Recoñecen formas xeométricas no cadro. |
Táboa 3. Extracto de programación III
Elaboramos un banco de cuestións, por tramos educativos, que o alumnado poida responder. Cada grupo que visita a exposición afonda nos aspectos que máis lle importan; pero todos dan resposta a un número mínimo de preguntas formuladas. No blog da biblioteca torredaspalabras.blogspot.com, baixo a etiqueta de educación documental, co título “Investigamos nos nosos murais” publícase unha recensión e un vínculo. Nesta entrada aparecen, tamén, algunhas preguntas e un modelo para recoller as respostas.
Dependendo do motivo do cadro, trabállanse os temas correspondentes do seu currículo. Por exemplo, en Unha lección de anatomía o alumnado traballaría músculos e ósos do corpo humano.
A partir do cadro Paxaro das praias. Lavandeira de Lugrís, afondaríase no tema das aves. Así, entre os fondos contariamos cunha Guía das aves de Galicia, unha suxestión de consulta na web de ríos galegos, no apartado das aves. E o mesmo pasaría coa información sobre o pintor. Elabóranse cuestións, como, por exemplo, as seguintes propostas: “Indica dúas características físicas e un costume do paxariño lavandeira que aparece no cadro de Lugrís”; “Que etiqueta aparece no lombo do libro que indica as características da ave? Por que?”; “Quen era o pai do pintor Urbano Lugrís?”; “Escribe instrucións para debuxar a lavandeira”...
O traballo previo para o texto instrutivo partía da guía de lectura, recomendada pola biblioteca, sobre a obra Para facer o retrato dun paxaro de Jacques Prévert con ilustracións de Mordicai Gerstein, que se traballou na clase. No enderezo web vemos exemplos sinxelos de respostas. As claves que abrangue a actividade, fundamentais na biblioteca escolar, reflíctense no gráfico 1.
A pintura e a ciencia: claves que abrangue
O traballo realízase partindo do grupo clase, subdividíndose en pequenos grupos de tres ou catro compoñentes. Familiarízanse, previamente, coa proposta a través do blog da biblioteca, onde se recollen algunhas cuestións para responder, e engádense as suxestións do docente que vai traballar con ese grupo e que introduce os matices que considere. É preciso relacionar claramente as cuestións que se formulan coas súas respostas: por exemplo, un triángulo vermello na pregunta e o mesmo triángulo vermello na resposta, deste xeito a primeira pregunta dun grupo pode ser a terceira doutro, pero sempre nitidamente identificada coa figura. Despois de recollida a información, o grupo clase realiza unha posta en común. Corríxese a expresión escrita, a redacción definitiva, cun procesador de textos ou no caderno habitual do alumno. Finalmente, por grupo ou individualmente, elaboran textos sobre imaxes da mostra ou sobre outros cadros do pintor.
Metodoloxía
Trátase de realizar o labor baixo a motivación que suscita traballar a partir dun centro de interese xeral, realizando traballos por proxectos —ou como mínimo tarefas interdisciplinares—, traballando en equipo, utilizando recursos variados, integrando contidos do currículo na planificación das actividades e conducíndose arredor dunha proposta activa e significativa. Buscamos obter rendibilidade dos recursos con que contamos, levar as propostas da educación documental ao aproveitamento didáctico e integrar este conxunto no desenvolvemento do currículo.
Dáse relevancia a situacións vividas no transcurso da investigación. No proceso de busca insístese na necesidade de citar a fonte de onde se obtén a información, de como asegurar a súa fiabilidade e como diferenciar o fundamental do máis accesorio.
Dentro das medidas de atención á diversidade salientamos que o alumnado con adaptacións curriculares estaba apadriñado por un compañeiro ou compañeira e formaba parte do grupo; ademais recibía reforzo educativo docente.
Finalmente, no mes de maio, dentro das presentacións finais, os distintos niveis educativos trasladan as súas conclusións sobre o proxecto desenvolto ao longo do curso.
Avaliación
Gráfico 2. Avaliamos finalmente o alumnado e docentes implicados
En canto á valoración do alumnado, temos en conta o grao de consecución dos obxectivos da programación, a puntuación de cada unha das respostas correctas e a observación directa.
Ademais, é necesaria a autoavaliación do profesorado, que realizamos tendo en conta a porcentaxe de alumnos que alcanzou os obxectivos de aprendizaxe e o cómputo do número de intervencións para resolver conflitos relacionados coas habilidades sociais.
Conclusións
Para rematar, concluímos que o traballo por proxectos ven ser unha tarefa dinámica, con boa acollida e que pode secuenciarse para alumnado de menor idade ou para atender a diversidade de necesidades. Neste traballo utilízanse os recursos existentes, que ademais podemos atopar en lingua galega. Pero, o alcance da proposta depende, en gran medida, da implicación de cada grupo clase e da dinamización exercida polo docente titor.
Libros mencionados no artigo e enderezos web de interese para a realización da actividade.
- CARREIRO, P.(2014). Os bolechas. O corpo humano tamén fala. Santiago de Compostela: Bolanda ediciones y marketing.
- LLEWELLYN, C. (2009). Pregunta á Dra. Peteiro sobre o planeta Terra. A Coruña: Baía Edicións (1.ª ed.).
- OBIOLS, M. (2008). O cadro máis bonito do mundo. Pontevedra: Kalandraka (1.ª ed.).
- PENAS PATIÑO, X.; PEDREIRA LÓPEZ, C. (2004). Guía das aves de Galicia. A Coruña: Baía Edicións (2.ª ed.).
- PREVERT, J. (2011). Para facer o retrato dun paxaro. Pontevedra: Kalandraka (1.ª ed.).
- VARIOS (2000). Art book. Vigo: Nova Galicia Arte (1.ª ed.).
- VARIOS (2003). Biblioteca visual infantil. Vigo: Nova Galicia Edicións, SL.
Webgrafía
- http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/711
- http://www.edu.xunta.es/biblioteca/ciencia/index.php
- http://www.edu.xunta.es/eduga/477/bibliotecas/ler-ciencia-na-biblioteca-escolar
- http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/9002463-Proxectos_Web.pdf
- http://www.lybsevilla.org/files/LINEA1/Recursos/EJEMPLO_PDI_ROSA_PIQUN.pdf