Trinta anos de Eduga

 

A actividade máis alta que pode alcanzar o ser humano é aprender para comprender, porque comprender é ser libre. Baruc Spinoza

 

 

Como é ben sabido, a Revista Galega do Ensino, EDUGA, fai, con este número 87, os seus 30 anos de existencia. Unha xa longa traxectoria dedicada a reflexionar sobre a importancia da educación e da pedagoxía, contribuíndo ao intercambio de coñecementos e experiencias dentro e fóra da comunidade educativa galega. Ao longo destes anos, a revista reflectiu, como non podería ser doutra maneira, os profundos cambios acaecidos na educación ao longo do anos, manifestando permanentemente o compromiso da revista coa excelencia académica e o seu papel en promover o desenvolvemento da innovación educativa en Galicia.  

Deste xeito, EDUGA explorou asuntos como a pedagoxía innovadora, a equidade e a inclusión na escola, os numerosos retos contemporáneos do sistema educativo e, o que é máis importante, promoveu a íntima colaboración entre académicos, docentes e profesionais do sector educativo comprometidos co intercambio de coñecemento e a sempre abundante literatura educativa galega.

Nun contexto onde a educación desempeña un papel crucial na sociedade, resulta esencial apoiar os logros pasados e estudar as oportunidades futuras en prol do tecido educativo galego. Deste xeito, EDUGA sempre quixo verse a si mesma como un catalizador útil para o progreso educativo en Galicia, no convencemento de que, como sostén Paulo Freire: «A educación non cambia o mundo, cambia as persoas que van cambiar o mundo». Polo tanto, EDUGA é ben consciente de que constitúe un vehículo destinado a promover ideas innovadoras, difundindo e discutindo conceptos como a educación integral, a aprendizaxe baseada na experiencia e a inclusión educativa, da que a comunidade educativa galega deu exemplo e boa mostra ao seu contorno homólogo ao longo destes anos. En fin, desde EDUGA veuse defendendo un papel de axente transformador que lles proporciona aos membros da comunidade educativa un espazo libre para promover ideas e un instrumento útil para discutir e analizar diversas perspectivas de acción educativa na sociedade que nos toca vivir.

Se concordamos con John Dewey en que «a educación non é preparación para a vida; a educación é a vida mesma», acción educativa e fomento da capacidade do desenvolvemento cognitivo deben camiñar sempre xuntos, co fin de desempeñar o seu verdadeiro papel fundamental, a promoción dunha educación de calidade. Aquí radica o noso compromiso continuo coa excelencia educativa e o enriquecemento do campo pedagóxico en Galicia, no convencemento de que a educación non é só un acto benigno de transmisión de saberes, senón un mecanismo, unha tecnoloxía, que moldea os individuos e os prepara para integrarse en estruturas sociais específicas. A educación contemporánea non só instrúe, senón que tamén formula e informa o comportamento social, converténdose deste xeito nun campo estratéxico para a vertebración dunha sociedade sa e emprendedora. Neste aspecto, a educación implica cuestionar as relacións de poder que operan no contexto social.  Considerando e defendendo a idea, como sostiña Antonio Escohotado, de que un país é rico porque ten educación ou, dito doutra maneira, educación non é levar os teus fillos a Disneyland. Neste sentido, innovacións á parte, desde EDUGA sempre se defendeu como elemento fundamental que a educación debe considerar a formación moral e ética do individuo como paso previo para o desenvolvemento dunha sociedade próspera. Máis alá das simple aprendizaxe de contidos académicos, implica a transmisión de valores como a honestidade, o respecto aos demais e a responsabilidade. Por iso, elementos como a autonomía persoal e o pensamento crítico, capaz de cuestionar e analizar o mundo que nos rodea, resulta ser a verdadeira educación. Aquela que capacita os individuos para tomar decisións informadas e éticas nas súas vidas. Necesitamos un acceso ao coñecemento sen restricións dogmáticas nin interpretacións monistas, conscientes da complexidade do mundo e das dificultades que ofrece nas súa interpretación cotiá. Formar cidadáns que poidan pensar de xeito crítico, independente e creativo é o verdadeiro  motor do desenvolvemento humano. E isto só pasa a través do fomento dunha educación integral, capaz de difundir con paixón e coñecemento os valores éticos e as habilidades críticas.

Finalmente, esta dirección desexa dar conta aquí da admiración e do respecto que sente polo inxente labor dos que a precederon na dirección da revista, sen cuxo animoso concurso nada sería posible: Constantino García, Mercedes Brea, Ana María Platas, José Manuel Touriñán e Gena Borrajo; a todos eles, as máis sentidas grazas, así como a todas aquelas persoas que co seu xeneroso traballo e a súa implicación nos acompañaron ao longo de todos estes anos.

 

Juan Granados

 

 

Sección: