Que se desexa para os fillos... E que se fai realmente para conseguilo?
Celso Currás Fernández
Inspector de educación
Introdución
Os pais son os principais responsables da educación dos seus fillos e insubstituíbles nos aspectos formativos primarios: sentimentos, actitudes e valores. Polo tanto, co fin de conseguir o que desexan para eles, teñen que educalos, empregando algo de ciencia, moito cariño e moitísimo sentido común. Necesitan tamén vontade, motivación, esforzo, perseveranza, paciencia, autoridade, exemplo, e mesmo humor. Querer os fillos non consiste en evitarlles esforzos, sacrificios e frustracións ou en solucionarlles todos os seus problemas, pois desta maneira non se estarían a formar para integrarse, con plena autonomía, nunha sociedade moi complexa e competitiva.
Os fillos non poden ser froito da casualidade, a sorte ou o destino. Telos supón unha gran responsabilidade e por iso os pais deben facerse as seguintes preguntas cando a asumen:
- Que queremos para eles?
- Que valores desexamos inculcarlles?
- Estamos en condicións de facelo?
- Podemos darlles exemplo?
- Como imos actuar con eles?
- Necesitamos formarnos?
Non obstante, algúns datos da realidade son os seguintes:
- Un 50 % dos pais practica unha educación permisiva ou excesivamente protectora, sen regras nin límites, evitando todo tipo de autoridade.
- Un de cada catro pais ten renuncia de responsabilidades educativas cos seus fillos.
- Os pais adoitan decatarse de que non poden facer nada para educar os seus fillos cando xa é demasiado tarde. Xorde entón o grave problema da reeducación.
- Moitos pais pensan que non saben ou non poden educar. Polo tanto, a disciplina e o respecto que non se practican na casa esíxenllelos logo aos profesores.
- A maioría dos pais móstranse satisfeitos co centro educativo, pero sempre que os seus fillos aproben.
Cada día hai unha maior contradición entre o que os pais desexan para os seus fillos e o que realmente fan para conseguilo. Ao longo de cinco ámbitos que consideramos esenciais, tentaremos demostralo:
1. DESÉXASE QUE OS FILLOS TEÑAN SAÚDE
Non obstante, os datos indican que un 93 % non almorza ben, e chegan mesmo ao 15 % os nenos que non fan esta comida a diario. A maioría come o que quere, e sofre exceso de peso un de cada dous; a diabete de tipo 2 e o insomnio van en aumento. Por outra parte, un de cada tres adolescentes emborráchase habitualmente e o 75 % non fai exercicio físico.
Por que acontece isto? Por non acostumar os fillos, desde o berce, a todos os sabores e por favorecer unha dieta incorrecta, na que ademais se abusa dos alimentos precociñados. As comidas desequilibradas e a falta de exercicio físico correlacionan positivamente cunha maior lentitude psicolóxica e emocional dos escolares. É esencial fomentar unha comida variada e equilibrada na que non se renuncie a alimentos fundamentais nas primeiras etapas do desenvolvemento, como é o caso da verdura, froita, legumes ou peixe. É moi importante tamén afacerse aos sabores naturais, evitando condimentos innecesarios. Por outra parte, unha maioría de pais descoñece que un bo almorzo debe ser completo (lácteos, cereais e froita), supoñendo unha inxestión calorífica de entre o 20 % e o 35 % das necesidades diarias e que, a ser posible, debe desenvolverse con suficiente tempo e nun clima familiar distendido.
Tamén son causa dos datos negativos citados permitir que os fillos estean ata moi tarde coas novas tecnoloxías (televisión, ordenador, videoxogos...), fomentar unha vida sedentaria ou transixir no consumo excesivo de alcohol. Por outra parte, o exercicio físico é imprescindible, non só para a saúde física e mental, senón tamén para mellorar o rendemento escolar, a autoestima e as relacións persoais. Contribúe a fomentar a disciplina, constancia e esforzo, así como a rexeitar o consumo de drogas.
2. DESÉXASE QUE OS FILLOS SEXAN FELICES
Segundo Javier Urra, cada día hai máis nenos insatisfeitos. Aumentan constantemente os trastornos de comportamento e de aprendizaxe, así como o consumo de medicamentos. Crecen os casos de rebeldía ou depresión e o suicidio é a primeira causa de morte non natural dos mozos. Para Riesman, a familia é unha multitude solitaria. Non hai comunicación; cada un dedícase ao seu, especialmente centrados nas novas tecnoloxías.
Isto acontece por varias razóns. En primeiro lugar, polo aumento da ruptura familiar. Pouco falta para que, por cada matrimonio que nace, se desfaga outro. E o que é peor: catro de cada dez rupturas son conflitivas. A reacción dos fillos ante a separación varía coa idade. Pode ir desde reaccións psicosomáticas (pesadelos, dores...) entre os 3 e os 5 anos, rebeldía ou depresión dos 13 aos 18, pasando por sentimentos de culpa, perda de autoestima, dificultades de concentración ou mal rendemento escolar, na auténtica infancia (de 5 a 13). Demostrouse que un baixo nivel de conflitividade entre os pais durante o proceso de divorcio e con posterioridade a este favorece o benestar dos fillos. É dicir, a súa tranquilidade emocional e seguridade dependen máis da relación entre os pais ca entre estes e os seus fillos.
Durante unha ruptura, é moi importante axudar os fillos, a través dunha boa mediación e dunha custodia compartida. Deben manterse as súas rutinas diarias, darlles seguridade, quitarlles sentimentos de culpa ou proporcionarlles educación emocional. En resumo, garantir o normal desenvolvemento da súa personalidade e o equilibrio emocional, cognitivo e social.
Os nenos teñen un contacto prematuro co diñeiro. A constante manipulación e engano da publicidade incítaos ao consumismo e a obsesionarse polas marcas e por posuír cada vez máis. O éxito persoal asóciase á acumulación de bens e as principais preocupacións da familia acaban sendo exclusivamente de carácter material: mellor televisor ou coche, vacacións, estar á última moda... Acódese ao endebedamento para conseguir o que non é necesario e as consecuencias de todo isto son ben coñecidas actualmente.
Unha terceira razón da crise da familia está na carencia de valores fundamentais: honradez, honestidade, xenerosidade, gratitude, integridade, xustiza, responsabilidade, lealdade, sinceridade, solidariedade, amizade etcétera. Os valores vanse interiorizando desde o berce, na familia, escola, sociedade... Segundo Göttler, en toda persoa que recibiu unha educación eficiente, queda unha inclinación a axustar as súas actuacións á xerarquía de valores que recibiu. Para Enrique Rojas, “hoxe o politicamente correcto é non crer en case nada, todo “light”, livián, sen compromiso con nada. É o posmodernismo: unha vida sen valores nin conviccións, suspendida no relativismo e a permisividade...”
Outras razóns da infelicidade son a crise de autoridade, as carencias afectivas ou de educación emocional e as dificultades de convivencia. Segundo Sabater, os nenos non encontran na casa a autoridade, elemento fundamental para o seu normal desenvolvemento. Hoxe todos son dereitos; a palabra "deberes" non está ben vista. A autoridade, que non debe confundirse con autoritarismo, é imprescindible na familia. Con unidade de criterio entre os pais, sen violencia ou agresividade e con tolerancia e flexibilidade; pero tamén con firmeza. As normas e os límites son necesarios porque proporcionan un marco de seguridade, aumentan a tolerancia ás frustracións e potencian o autocontrol e a responsabilidade.
A vida afectiva do neno é fundamental para a saúde mental do adulto. A carencia de apego, cariño, apoio emocional na infancia é a causa da depresión, ansiedade ou desequilibrios xa mencionados. Por outra parte, cada vez hai maiores dificultades de comunicación e de convivencia na familia, causadas principalmente pola presión dos medios de comunicación e o abuso das novas tecnoloxías. Os españois pasan unha media de 3 horas e 46 minutos diarios diante do televisor, que regula a vida diaria. Non queda tempo para falar, para escoitar, para aconsellar. Preocupan máis os problemas de personaxes da pequena pantalla ca os dos propios fillos.
3. DESÉXASE QUE OS FILLOS CHEGUEN A SER PERSOAS MADURAS
A persoa madura ten unhas características inconfundibles: independencia e autonomía; responsabilidade e forza de vontade; tolerancia ás frustracións; escala de valores sólida e realista; control emocional; comunicación aberta cos demais... Non se conseguirá que os fillos maduren con normalidade:
- Practicando unha educación permisiva, neglixente ou autoritaria.
- Pretendendo ser amigo deles.
- Temendo a perda do seu cariño.
- Dándolles a razón por enriba de todo e de todos.
- Cedendo ás súas peticións para que nos deixen en paz.
- Non pasando o maior tempo posible con eles.
- Delegando a súa educación noutras persoas ou institucións.
- Non fomentando unha comunicación e convivencia abertas.
Os pais que practican cos fillos unha absoluta permisividade e/ou excesiva protección adoitan ter debilidade de carácter, inseguridade e submisión. Acaban formando nenos caprichosos, dependentes ou desconsiderados. Se estes foron moi protexidos, tenderán á timidez, inseguridade e pasividade. En ambos os dous casos, os fillos teñen risco de caer na droga ou na delincuencia. Os pais autoritarios son impositivos, irracionais e ditatoriais. Os seus fillos acaban tendo unha baixa autoestima, dependencia e pasividade, así como frecuentes medos e fobias. Tenden á intransixencia e ao radicalismo, como reprodución do que eles mesmos sufriron.
Por último, os pais neglixentes desenténdense da educación, delegándoa noutras persoas ou institucións. Os seus fillos tenden á desorientación e conflitividade, con problemas de identidade e equilibrio persoal. A tipoloxía ideal son uns pais democráticos ou asertivos, que adoitan ser responsables, confiados, relaxados e que dan exemplo á hora de educar. Os fillos teñen unha boa autoestima, así como tamén autocontrol e equilibrio persoal.
Cada día é máis preocupante a delegación que fan os pais noutras instancias á hora de educar os seus fillos. Segundo Goleman, a familia está a deixar de ofrecer unha base segura para a vida e a escola vese obrigada a facerse cargo dese fracaso. As causas máis frecuentes están na desestruturación familiar ou en problemas laborais: horarios complexos, distancia do lugar de traballo, ascensos etcétera. Por outra parte, as características da familia están a sufrir un acelerado cambio: diminúen constantemente as nucleares, aumentando as monoparentais; cada vez hai un maior atraso na idade en que se teñen os fillos e case unha de cada tres familias ten un só.
Os avós veñen asumindo cada día unha maior implicación na educación dos seus netos, en substitución dos pais. O seu labor é moi positivo: establecen unha relación de profundo afecto e comprensión cos seus netos; fomentan a súa autoestima e un permanente diálogo; practican unha importante educación en valores e o seu apoio ás tarefas escolares adoita ser eficaz. Non obstante, non esquezamos que os verdadeiros responsables da educación dos fillos han ser os seus pais.
4. DESÉXASE O ÉXITO ACADÉMICO E PROFESIONAL DOS FILLOS
A realidade, non obstante, non resulta moi alentadora: hai un alto índice de fracaso escolar e de abandono temperán; os alumnos carecen de hábitos de esforzo e traballo; non len con frecuencia e fáltalles capacidade de concentración para o estudo. Unha das causas destes resultados está na falta de control no uso das novas tecnoloxías. Son grandes erros permitirlles aos fillos ter televisor, ordenador ou móbil no dormitorio ou que estuden permanecendo tamén pendentes destes aparatos.
Un de cada catro nenos de 8 a 9 anos ten móbil intelixente (“smartphone”), co que poden acceder a internet, descargando ou publicando todo tipo de información. Un 25 % dos adolescentes utiliza a rede máis de catro horas diarias, e un 40 % faino entre as nove e as doce da noite. O control dos pais é moi limitado: un 50 % non está interesado nas páxinas que visitan os seus fillos.
O abuso das novas tecnoloxías está a provocar nos nenos irritabilidade e falta de sono, déficit de atención, diminución do rendemento escolar e illamento social. Por outra parte, o anonimato de internet facilita a confianza dos menores, que non son conscientes dos seus riscos. É moi doado cometer infraccións e mesmo delitos, principalmente contra a intimidade, a integridade moral ou os dereitos de autor. Como? Subindo fotos ou contidos protexidos; facendo descargas ilegais; revelando datos doutras persoas etcétera. De acordo coas leis de protección xurídica e de responsabilidade penal dos menores, ata os 14 anos os pais son responsables subsidiarios dos seus fillos, pero a partir desta idade xa o son estes.
As novas xeracións de alumnos plenamente inmersos no uso das novas tecnoloxías están a adquirir unhas características moi diferentes ás que se veñen considerando idóneas para ter éxito no estudo. Así, por exemplo, dominan a linguaxe icónica, visual e sonora mellor ca a textual; ven máis, pensan menos; len e afondan pouco no contido; teclean mellor que escriben; son máis distraídos; plaxian constantemente etcétera. Serán estas as calidades que vai esixir o sistema educativo no futuro? É pronto para ter unha resposta, pero o que está claro é que, hoxe por hoxe, non son as que posibilitan o éxito no ámbito académico (exames, oposicións...).
Outra razón do fracaso educativo é a falta de coordinación entre os pais e a escola. Estes móstranse satisfeitos con tal de que os seus fillos aproben, pero logo non se preocupan dun seguimento constante nin avalan o labor do profesor. Segundo a OCDE, un 40,6 % dos profesores sofre intimidación e abuso verbal de pais e alumnos. Cada vez ténselles menos respecto e van en aumento as ameazas ou agresións que reciben. En España estase a xeneralizar o recoñecemento de autoridade pública para os docentes e o endurecemento das sancións para o alumnado.
Os fillos teñen pouca tolerancia ás frustracións. Desde mediados do século pasado instaurouse na sociedade e na maior parte das familias unha cultura do facilismo que choca de fronte coas demandas sociais de capacidade de sacrificio e mesmo de privacións. Os nenos non saben aceptar o desagradable, madrugar, estudar o que non agrada ou cando non apetece, memorizar, non poder ver a televisión, comer o que non gusta etcétera. As consecuencias son doadamente observables: inconstancia; abandono rápido de actividades iniciadas (aprendizaxe de idiomas, música, deporte...); atraso da frustración (“Fareino mañá..."); cambio constante de actividade (estudar, saír, ver a televisión...); horarios irregulares (comidas, hora de deitarse e levantarse...); abuso dun ocio pouco formativo (videoxogos, comida lixo, alcohol...) etcétera. Non esquezamos a chamada "fórmula de Edison": ter éxito depende un 10 % do talento e un 90 % do traballo.
Algunhas solucións para evitar isto son potenciar as rutinas no fogar, fomentar o deporte, inculcarlles aos fillos técnicas axeitadas de estudo e de traballo intelectual, practicar unha xestión eficaz do tempo ou coordinarse co centro docente. Hai tamén técnicas específicas como son as da recompensa, "KO", illamento, secuencias de traballo curtas, sinatura de contratos cos fillos...
5. DESÉXASE QUE OS FILLOS SE PREOCUPEN DOS SEUS PAIS E QUE FOMENTEN A UNIDADE FAMILIAR
Non obstante, cada vez é maior o número de fillos violentos cos seus pais ou que os abandonan cando son maiores. As denuncias aumentaron un 400 % nos últimos anos e só son a punta do iceberg, pois moitos casos non saen á luz pública. O problema xa afecta a un 10 % das familias e cada vez máis ás de clase media ou alta. As dilixencias abertas pola Fiscalía xa supoñen entre o 16 % e o 18 % dos delitos cometidos por menores de idade. O problema do neno violento (síndrome do emperador) adoita empezar cando este ten 12 ou 13 anos. Pouco a pouco vai adquirindo unhas características moi graves: insensibilidade emocional, falta de conciencia, egoísmo, crueldade...
Por que acontece isto? Por abandono da responsabilidade educativa dos pais, permisividade ou excesiva protección, falta de afectividade ou violencia no ambiente. De feito, hai unha predisposición á agresividade cando se foi testemuña de maltratos ou se padeceu acoso escolar. Para tratar de evitar esta violencia nos fillos, é fundamental ter en conta os principios educativos que vimos comentando neste relatorio. Os pais deben exercer a autoridade que lles corresponde, con claridade de normas e límites, o cal non quere dicir que haxan ser violentos. Hai que educar emocionalmente e en valores, mantendo unha constante comunicación e proximidade cos fillos.
Conclusión
A educación deberá ser:
- Desde o berce
- Con cariño
- Con unidade de criterio
- En valores
- Co exemplo
- Coa escola
É esencial que xa se empece a educar no berce. Nos tres primeiros anos de vida desenvólvese o 50 % das capacidades da persoa: verbal, de aprendizaxe, de motivación, de solución dos conflitos e de tolerancia ás frustracións... A educación ha practicarse co exemplo; non vale o "fai o que eu digo, non o que eu fago". Ata a adolescencia o neno non ten capacidade de abstracción e non entende os discursos moralizantes; asimila mellor o que ve ca o que oe. A vida afectiva nestes primeiros anos e a escala de valores dos pais é decisiva para a posterior saúde mental dos fillos.
Sam Redding chamou currículo do fogar ao plan educativo non escrito, integrado por diferentes aspectos da vida dunha familia: modo de organizarse, estilo educativo, valores, aspiracións... É un preditor do éxito académico mesmo máis fiable ca o propio status familiar. A aprendizaxe dos fillos benefíciase cando seus pais fomentan:
- Unha linguaxe rica.
- Un uso produtivo do tempo.
- Metas altas, pero realistas para os fillos.
- Tarefas habituais referidas a temas da aula.
- A prioridade do traballo escolar e lectura sobre a televisión.
- A realización de actividades culturais: viaxes, visitas, cine...
- Os comentarios sobre noticias, libros...
- A comunicación constante cos profesores.
É moi importante transmitir a mensaxe educativa desde o cariño, a confianza e o diálogo, sen prescindir da autoridade e firmeza. Debe promoverse o uso dos bens en función das necesidades e buscar fontes de información seguras e fiables non manipuladas. Atopar tempo para escoitar e dialogar, fomentando as comidas familiares, con tranquilas sobremesas, sen televisión.
Non esquezamos que, segundo Germán Castellano, en familias que non educan ben, o 60-70 por 100 dos fillos teñen problemas. E en familias que educan ben, un 70-80 por 100 de fillos non teñen problemas. Hai, polo tanto, un 20-30 por 100 que escapa a unha educación eficaz.
ARTOLA, G.; POVEDA G. N. (coord.) (2009). En manos expertas: pautas para educar mejor. Madrid: Rogar.
COMELLAS, M. J. (2009). Familia y escuela: compartir la educación. Barcelona: Graó.
CORTINA, A. (coord.) (2000). La educación y los valores. Madrid: Biblioteca Nueva.
CURRÁS FERNÁNDEZ, C. (2013). Nuestro centro escolar. Madrid: Fundación Proforpa.
Fundación Anar (2002). Guía de padres. Madrid: En Babia.
GARCÍA FDZ., F. (2010). Internet en la vida de nuestros hijos. Navarra: Alzate
GARRIGA ALSINA, A. e MARTÍNEZ LUCENA, J. (2009). Las secuelas del divorcio. Los efectos sobre los hijos a la luz de la sociología moderna. Madrid: CEU.
GOLEMAN, D. (1999). Inteligencia emocional. Barcelona: Kairós.
LÓPEZ LARROSA, S. (2009). La relación familia-escuela: guía práctica para profesionales. Madrid: CCS.
MARINA, J. A. (2004). La inteligencia fracasada. Barcelona: Anagrama.
PÉREZ ALONSO, P. M. (2012). Los padres tienen la palabra: toma de decisiones responsables ante el consumo de alcohol. Madrid: Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
PÉREZ DE PABLOS, S. (2003). El papel de los padres. Madrid: Aguilar.
PLEUX , D. (2001). Como motivar a tu hijo en el colegio. Madrid: Síntesis.
ROJAS, E. (1994). La ansiedad. Madrid: Temas de Hoy.
SÁNCHEZ CERVERA, L.(2012). Participación escolar de los padres. Madrid: BOE.
SAVATER, F. (1997). El valor de educar. Barcelona: Ariel.
URRA, J. (2006). El arte de educar. Madrid: La Esfera de los Libros.
Fontes consultadas
ORGANISMOS
Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS)
Centro de Investigación en Nutrición Comunitaria do Parque Científico da Universidade de Barcelona (UBA)Enquisa Escolar sobre Uso de Drogas en Estudantes de Ensinanzas Secundarias (ESTUDES)
Fundación para o Desenvolvemento Profesional (FUNDADEP).
Fundación Telefónica
Instituto de Política Familiar (IPF)
Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE).
Sociedade Española para o Estudo da Violencia Filio-Parental (SEVFP)
Universidades Autónoma de Madrid e de Deusto.
Valedor do Pobo (Galicia) (VP)
Páxinas web