EspazoFamiliaS Boiro

Traballo cooperativo dos CEIP e IES boirenses que intenta ser un espazo de reflexión proactivo desde o punto de vista das distintas etapas da vida

Andrea Herrero Pérez
andreaherrero@edu.xunta.gal
IES Praia Barraña (Boiro - A Coruña)

J. Gustavo Romero García
gustavoromero@edu.xunta.gal
CEIP Santa Baia (Boiro - A Coruña)

 

 

 

EspazoFamiliaS é principalmente unha escola de nais e pais colectiva coordinada desde os nove centros educativos de Boiro. O seu principal obxectivo é xerar un espazo de aprendizaxe cooperativo para mellorar o acompañamento e a guía na infancia e na adolescencia. Existe grazas a unha vontade de compromiso das direccións dos centros escolares, a imprescindible confianza e sustento do Concello de Boiro e a colaboración económica do CAFI. En definitiva, con EspazoFamiliaS somos unha comunidade de aprendizaxe con resultados de éxito.

 

 

EspazoFamiliaS xorde no curso escolar 2018/19 nunha desas conversas case terapéuticas con persoas deste oficio tan complexo onde compartimos a impotencia de abordar algúns dos riscos que poñían en perigo o desenvolvemento do noso alumnado. Non falamos do académico; o significativo é que isto quedou nun segundo, nun terceiro lugar. Daquela falamos de adiccións (pantallas e drogas, especialmente) e de falta de límites. Neses encontros Gustavo Romero García, director do CEIP Santa Baia, Andrea Herrero Pérez, xefa de estudos entón do IES Praia Barraña, e Sabela Rodríguez García, orientadora do IESP A Cachada, debullamos preocupacións, frustracións e un enorme sentimento de soidade pola desidia dunha Administración que non priorizaba o benestar e por unha sociedade onde os coidados, o cooperativo e a solidariedade perdía espazo fronte ao competitivo, ao individual, ao éxito; e que parecía mirar cara a eses lugares a través das pantallas e non atender os riscos que a escola e outros axentes sociais apuntabamos.

 

 

Naquelas conversas, ás que se foron sumando o resto de direccións e orientacións dos centros do concello de Boiro, tamén compartimos a convicción de que a inclusión do enfoque socioeducativo nos proxectos de centro é a máis útil das ferramentas para facilitar o desenvolvemento san das persoas, do noso alumnado e para loitar contra un determinismo social que perpetúa nalgún caso o fracaso académico que xera xeralmente a exclusión social e noutros, a inestabilidade emocional daquela rapazada cargada das expectativas que proxectan as persoas adultas enriba dela.

Coincidimos nos riscos, no enfoque e tamén en que esta visión socioeducativa requiría da construción dunha rede multidisciplinaria instalada principalmente no local e que, ademais, as familias tiñan que ser o centro desta actuación. Era preciso unir forzas e atopar espazos comúns que loitasen contra ese divorcio entre escola e casa. Sentiamos que por separado as escolas chegabamos a moi pouca familias e, ademais, eran sempre as mesmas e as que menos o precisaban.

Logo de asentar as bases, comezamos a traballar amodo, pero con absoluto convencemento. A rede configurouse cos nove centros escolares de Boiro e o CAFI permitiunos organizarnos nunha ENAPA colectiva; daquela o Concello deixounos o espazo para o desenvolvemento das actividades.

Inicialmente o proxecto tomou forma de charlas formativas clásicas impartidas por diferentes profesionais de cada unha das temáticas dirixidas exclusivamente ás nais, pais e/ou responsables legais. O espazo de desenvolvemento, un auditorio.

 

 

Pouco a pouco démonos de conta do que agora entendemos como evidencias. O formato tiña que romper a cuarta parede para facilitar o diálogo entre a persoa formadora e o público e, tamén, que para abordar os riscos e problemáticas das nenas, nenos e adolescentes era necesario darlles entrada neste espazo de reflexión. Así, desde o curso 2022/23, EspazoFamiliaS é unha estrutura organizativa horizontal que, tendo o centro no ensino regrado das nove escolas de Boiro, é de natureza multidisciplinaria porque dela forman xa parte axentes locais vinculados ao social e á saúde mental.

Na actualidade en EspazoFamiliaS converxen paralelamente catro actuacións: unha, a ENAPA colectiva financiada polo CAFI; dúas, a formada polos obradoiros formativos dirixidos ao alumnado de educación primaria; unha terceira cos dirixidos a secundaria e bacharelato e, para garantir a conciliación, unha cuarta medida, o servizo de canguros para o alumando de educación infantil. Todas elas están subvencionadas polo Concello de Boiro.

 

 

A ENAPA e os obradoiros están coordinados en temática e obxectivos. Funcionan de forma paralela, de maneira que mentres unha nai, pai ou responsable legal está no seu obradoiro, a súa persoa menor a cargo está no seu espazo correspondente abordando as mesmas cuestións desde dinámicas cooordinadas e axustadas a cada necesidade. Este formato pretende contribuír a xerar na casa conversas, debates e reflexións sobre esta experiencia conxunta e facilitar así o acompañamento. Pero como destes posibles diálogos non tiñamos garantía, desde 2023/24 pensamos que podería estar ben que a última das sesións fose compartida. Unha sesión na que se atope toda a familia e intercambien pareceres. Fixémolo e funcionou. Este curso repetiremos e incorporaremos novidades derivadas das propostas de mellora e da necesidade de axustarnos a novos retos educativos.

No presente curso, EspazoFamiliaS quere continuar abordando factores de risco que atravesan ano tras ano as nenas, nenos e adolescentes: a relación coas pantallas e as redes, a influencia da pornografía na súa sexualidade, a naturalización das drogas e os conflitos coa autoimaxe, principalmente. Pero a estas situacións de risco súmase outra que, por ter a súa orixe no propio núcleo familiar, nos resulta tan urxente coma complexa de abordar: a sobreprotección dos menores. Esta neglixencia non se instala nas familias disfuncionais con expedientes en asuntos sociais, senón que parece normalizarse entre aquelas onde aparentemente todo vai ben; pero non, aquí está a dificultade. Desde os nosos centros escolares vemos os resultados e asústannos.

Está sendo habitual a falta de autonomía en todas as etapas, tamén en bacharelato; as carencias na xestión da frustración, do aburrimento, dos tempos de espera; as dificultades de socializar samente polo desorbitado culto ao individualismo, ao produtivo, ao competetitivo. E malia estas consecuencias pareceren externas ao académico, non o son. Cremos que así, tal e como van as cousas, con esta sobreprotección e falta de límites resulta imposible o desenvolvemento das persoas. Esta é a mensaxe que queremos compartir este curso coas familias de Boiro para que, ademais, se fíen de nós, da escola, da rede que constitúe EspazoFamiliaS. Compartimos obxectivos, estaría ben seguir compartindo reflexións e ferramentas.

 

Temáticas e persoas relatoras

Hoxe EspazoFamiliaS Boiro, ademais de Sabela e nós, somos Lucía Abad (CEIPP S.ª M.ª do Castro), Francisco Alonso (CEIPP Abanqueiro), Pablo Lloves (CEIPP Cespón), Luisa Rodriguez (IESP A Cachada), Marta Álvarez (IES Espiñeira), Laura Guitián (CEIP S.ª M.ª do Castro - CEIP Escarabote), Pilar Estévez (CEIP Praia Xardín), Eva Fernández (CEIP Escarabote), Carla Aira (CEIP Praia Xardín).

 

Agradecementos

EspazoFamiliaS Boiro non sería posible sen o traballo e implicación das direccións e departamentos de orientación dos centros educativos de Boiro, do soporte do CAFI e da boa predisposición dos responsables do Concello de Boiro. Desde aquí queremos darvos as grazas a todas as persoas que o facedes posible, en especial á psicóloga Alba Pérez, ao educador social Jaime Bello e ás técnicas do concello Helena Sánchez e Marga Sampedro.

 

 

Sección: