Andrea Herrero Pérez
andreaherrero@edu.xunta.gal [2]
IES Praia Barraña (Boiro - A Coruña)
J. Gustavo Romero García
gustavoromero@edu.xunta.gal [3]
CEIP Santa Baia (Boiro - A Coruña)
EspazoFamiliaS é principalmente unha escola de nais e pais colectiva coordinada desde os nove centros educativos de Boiro. O seu principal obxectivo é xerar un espazo de aprendizaxe cooperativo para mellorar o acompañamento e a guía na infancia e na adolescencia. Existe grazas a unha vontade de compromiso das direccións dos centros escolares, a imprescindible confianza e sustento do Concello de Boiro e a colaboración económica do CAFI. En definitiva, con EspazoFamiliaS somos unha comunidade de aprendizaxe con resultados de éxito.
EspazoFamiliaS xorde no curso escolar 2018/19 nunha desas conversas case terapéuticas con persoas deste oficio tan complexo onde compartimos a impotencia de abordar algúns dos riscos que poñían en perigo o desenvolvemento do noso alumnado. Non falamos do académico; o significativo é que isto quedou nun segundo, nun terceiro lugar. Daquela falamos de adiccións (pantallas e drogas, especialmente) e de falta de límites. Neses encontros Gustavo Romero García, director do CEIP Santa Baia, Andrea Herrero Pérez, xefa de estudos entón do IES Praia Barraña, e Sabela Rodríguez García, orientadora do IESP A Cachada, debullamos preocupacións, frustracións e un enorme sentimento de soidade pola desidia dunha Administración que non priorizaba o benestar e por unha sociedade onde os coidados, o cooperativo e a solidariedade perdía espazo fronte ao competitivo, ao individual, ao éxito; e que parecía mirar cara a eses lugares a través das pantallas e non atender os riscos que a escola e outros axentes sociais apuntabamos.
Naquelas conversas, ás que se foron sumando o resto de direccións e orientacións dos centros do concello de Boiro, tamén compartimos a convicción de que a inclusión do enfoque socioeducativo nos proxectos de centro é a máis útil das ferramentas para facilitar o desenvolvemento san das persoas, do noso alumnado e para loitar contra un determinismo social que perpetúa nalgún caso o fracaso académico que xera xeralmente a exclusión social e noutros, a inestabilidade emocional daquela rapazada cargada das expectativas que proxectan as persoas adultas enriba dela.
Coincidimos nos riscos, no enfoque e tamén en que esta visión socioeducativa requiría da construción dunha rede multidisciplinaria instalada principalmente no local e que, ademais, as familias tiñan que ser o centro desta actuación. Era preciso unir forzas e atopar espazos comúns que loitasen contra ese divorcio entre escola e casa. Sentiamos que por separado as escolas chegabamos a moi pouca familias e, ademais, eran sempre as mesmas e as que menos o precisaban.
Logo de asentar as bases, comezamos a traballar amodo, pero con absoluto convencemento. A rede configurouse cos nove centros escolares de Boiro e o CAFI permitiunos organizarnos nunha ENAPA colectiva; daquela o Concello deixounos o espazo para o desenvolvemento das actividades.
Inicialmente o proxecto tomou forma de charlas formativas clásicas impartidas por diferentes profesionais de cada unha das temáticas dirixidas exclusivamente ás nais, pais e/ou responsables legais. O espazo de desenvolvemento, un auditorio.
Pouco a pouco démonos de conta do que agora entendemos como evidencias. O formato tiña que romper a cuarta parede para facilitar o diálogo entre a persoa formadora e o público e, tamén, que para abordar os riscos e problemáticas das nenas, nenos e adolescentes era necesario darlles entrada neste espazo de reflexión. Así, desde o curso 2022/23, EspazoFamiliaS é unha estrutura organizativa horizontal que, tendo o centro no ensino regrado das nove escolas de Boiro, é de natureza multidisciplinaria porque dela forman xa parte axentes locais vinculados ao social e á saúde mental.
Na actualidade en EspazoFamiliaS converxen paralelamente catro actuacións: unha, a ENAPA colectiva financiada polo CAFI; dúas, a formada polos obradoiros formativos dirixidos ao alumnado de educación primaria; unha terceira cos dirixidos a secundaria e bacharelato e, para garantir a conciliación, unha cuarta medida, o servizo de canguros para o alumando de educación infantil. Todas elas están subvencionadas polo Concello de Boiro.
A ENAPA e os obradoiros están coordinados en temática e obxectivos. Funcionan de forma paralela, de maneira que mentres unha nai, pai ou responsable legal está no seu obradoiro, a súa persoa menor a cargo está no seu espazo correspondente abordando as mesmas cuestións desde dinámicas cooordinadas e axustadas a cada necesidade. Este formato pretende contribuír a xerar na casa conversas, debates e reflexións sobre esta experiencia conxunta e facilitar así o acompañamento. Pero como destes posibles diálogos non tiñamos garantía, desde 2023/24 pensamos que podería estar ben que a última das sesións fose compartida. Unha sesión na que se atope toda a familia e intercambien pareceres. Fixémolo e funcionou. Este curso repetiremos e incorporaremos novidades derivadas das propostas de mellora e da necesidade de axustarnos a novos retos educativos.
No presente curso, EspazoFamiliaS quere continuar abordando factores de risco que atravesan ano tras ano as nenas, nenos e adolescentes: a relación coas pantallas e as redes, a influencia da pornografía na súa sexualidade, a naturalización das drogas e os conflitos coa autoimaxe, principalmente. Pero a estas situacións de risco súmase outra que, por ter a súa orixe no propio núcleo familiar, nos resulta tan urxente coma complexa de abordar: a sobreprotección dos menores. Esta neglixencia non se instala nas familias disfuncionais con expedientes en asuntos sociais, senón que parece normalizarse entre aquelas onde aparentemente todo vai ben; pero non, aquí está a dificultade. Desde os nosos centros escolares vemos os resultados e asústannos.
Está sendo habitual a falta de autonomía en todas as etapas, tamén en bacharelato; as carencias na xestión da frustración, do aburrimento, dos tempos de espera; as dificultades de socializar samente polo desorbitado culto ao individualismo, ao produtivo, ao competetitivo. E malia estas consecuencias pareceren externas ao académico, non o son. Cremos que así, tal e como van as cousas, con esta sobreprotección e falta de límites resulta imposible o desenvolvemento das persoas. Esta é a mensaxe que queremos compartir este curso coas familias de Boiro para que, ademais, se fíen de nós, da escola, da rede que constitúe EspazoFamiliaS [4]. Compartimos obxectivos, estaría ben seguir compartindo reflexións e ferramentas.
Temáticas e persoas relatoras
Hoxe EspazoFamiliaS Boiro, ademais de Sabela e nós, somos Lucía Abad (CEIPP S.ª M.ª do Castro), Francisco Alonso (CEIPP Abanqueiro), Pablo Lloves (CEIPP Cespón), Luisa Rodriguez (IESP A Cachada), Marta Álvarez (IES Espiñeira), Laura Guitián (CEIP S.ª M.ª do Castro - CEIP Escarabote), Pilar Estévez (CEIP Praia Xardín), Eva Fernández (CEIP Escarabote), Carla Aira (CEIP Praia Xardín).
Agradecementos
EspazoFamiliaS Boiro non sería posible sen o traballo e implicación das direccións e departamentos de orientación dos centros educativos de Boiro, do soporte do CAFI e da boa predisposición dos responsables do Concello de Boiro. Desde aquí queremos darvos as grazas a todas as persoas que o facedes posible, en especial á psicóloga Alba Pérez, ao educador social Jaime Bello e ás técnicas do concello Helena Sánchez e Marga Sampedro.
