María de la Salud Araceli Ancochea de Roldán

A vocación dunha mestra na formación musical do maxisterio ourensán
Este estudo pretende destacar unha muller que foi mestra de docentes na Escola Normal de Ourense entre os anos 1916 e 1963. Araceli Ancochea foi unha nena precoz cun talento especial para a música. Estivo cos mellores profesores en Pontevedra, en Santiago e en Madrid, onde acadou a Cátedra de Música. Comezou dando concertos, pero a súa vocación docente levouna a ser profesora de música nas normais e foi aquí onde se descubre unha mestra vocacional, responsable e dunha entrega máxima para formar os docentes.[0]

Rosa María Cid Galante
Catedrática en Xeografía e Historia; doutora en Xeografía e Historia, licenciada en Psicopedagoxía e diplomada en Educación Xeral Básica.
Profesora titular de Xeografía e Historia no Centro de Adultos de Ourense (EPAPU).
rosa@edu.xunta.es

 

 

Araceli Ancochea
Fonte: Fotografía cedida por Julio e Mercedes Ancochea, bisnetos de Pedro Ancochea Cónsul e Leonor Boscossi y Tark

 

 

 

A familia

Dona Araceli Ancochea Roldán naceu no Barco de Valdeorras o 25 de agosto de 1893. Era filla de Román Ancochea Montes, que era natural da Pobra de Trives, e de Juana Antonia Roldán Ricoy, que era de Pontevedra. Os avós por liña paterna eran Pedro Ancochea Cónsul,[i] que era médico forense do xulgado de Trives e tamén ocupou o cargo de concelleiro e alcalde na localidade, e Camila Montes, unha muller moi avanzada ao seu tempo. Por liña materna os avós eran Ricardo Juan Roldán e Juana Ricoy.

Seu pai matriculouse en 1857 no Instituto de Ourense e acadou o título de bacharelato. Despois obtivo o título superior de Maxisterio, o que lle permitía exercer nas escolas completas de ensino primario. Aprobou as oposicións o 25 de agosto de 1870 e obtivo a praza na Escola Completa de Nenos do Barco de Valdeorras. En 1895 concursou a vacantes e concedéronlle a praza de Mondoñedo, pero renunciou a ela, e un ano despois, o 2 de marzo de 1896, adxudicóuselle a Escola Completa de Nenos de Redondela, á que lle correspondía un soldo de 1100 pesetas. Nesta ocasión aceptou a vacante e toda a familia foi vivir á localidade redondelá. Deseguida, Román gañou o afecto de toda a vila debido á súa entrega no seu labor docente, como así o manifestou a Alcaldía coas seguintes palabras:

En vista de los inmensos sacrificios que se impone el maestro de la escuela de niños de esta villa, don Román Ancochea, quien a su vasta competencia une la asiduidad, en tal forma que sus interés por la enseñanza le llevó hasta el extremo de que el número de educandos de dicha escuela alcanza hoy la cifra de 198. ("Alcadía Constitucional», 1897)

Como mostra desa querenza polos servizos prestados foille concedida en 1897 unha distinción honorífica, ademais de aumentarlle o soldo en duascentas pesetas. Tamén era asiduo colaborador de prensa, como o xornal El Pueblo e a revista El Magisterio Gallego, nos que escribía artigos sobre as condicións da educación e a situación do maxisterio que sufría os pagamentos atrasados por parte das institucións (Ancochea, 1886). A notoriedade da súa persoa deu lugar a que fose nomeado delegado na vila da Liga Protectora de Educación Nacional de Madrid polo seu presidente, Eduardo Vincenti. Tamén recibiría a medalla de Isabel a Católica polo seu labor alfabetizador.

Pero curto foi o tempo que puido gozar destes recoñecementos, pois Román enfermou gravemente e faleceu en maio de 1898.[ii]

 

Censo municipal de Madrid. 1910-1920
Fonte: Rexistros de censo municipal de Madrid. 1910-1920. FamilySearch, Entry for Juana Anta Roldan Ricoy and Araceli Ma de la Salud Ancochea Roldan, 1910)

 

Isto sería un duro golpe para a familia, pois Juana Antonia Roldán quedaba viúva con tan só 26 anos e con seis fillos ao seu cargo. Cun grande esforzo e cunha pensión de 230 pesetas anuais foi dándolles un porvir. Araceli aínda era moi pequena cando lle faltou o pai, quedáballe pouco para cumprir os cinco anos.

 

Estudos, formación e concertista

Araceli foi unha nena moi precoz, pois deseguida amosou uns dotes extraordinarios para a música. Comezou os estudos de solfexo e piano aos cinco anos en Pontevedra e con tan só seis anos recibiu a Distinción Honorífica da Sociedade Económica de Amigos do País de Pontevedra en solfexo. Examinouse dos primeiros cursos de piano en Santiago e obtivo a nota de sobresaliente. Un dos seus profesores, Enrique Lens, suxeriulle á nai que levase a Araceli a Madrid e a matriculase no Real Conservatorio de Música e Declamación, pois consideraba que era unha «xoia musical». Juana Antonia non o dubidou e, facendo caso das recomendacións dadas, levou a súa filla a Madrid, o que contribuíu enormemente a impulsar a súa carreira musical.

Residiron nun piso na praza da Encarnación polo que pagaban un alugamento de 120 pesetas.[iii] Para sufragar os gastos Araceli contou coa inestimable axuda de Eumenio Anconchea Boscossi[iv] que era tío dela por parte do avó. Era un home de mundo e un cosmopolita que nunca perdeu a súa raíz e o seu afecto pola terra de Trives. Tiña unha enorme xenerosidade e foi sempre un gran valedor para toda a familia. Precisamente Felipe Pedreira Deibe escribiulle un poema en cuxa dedicatoria exaltaba o seu carácter bondadoso:

Al luchador infatigable, lección viviente de laboriosidad y de constancia, filántropo y benévolo, modelo digno de tener muchos imitadores; a don Eumenio Ancochea, que olvidó las tristezas del destierro en América por las alegrías de la Obra Buena; generoso con los propios y con los extraños, y que, sirviendo a los demás, mereció obtener grandes recompensas, la amistad de muchos y el homenaje de su villa natal: Puebla de Trives. Dedico esta semblanza con cariño. («Semblanza», 1930)

Araceli estivo matriculada no conservatorio da capital de 1904 a 1910 e estudou a carreira musical que constaba de oito cursos de Piano, dous de Acompañamento, tres de Solfexo e catro de Harmonía. Non decepcionou, pois sacou en todas as materias a máxima cualificación.

 

Expediente académico
Fonte: Arquivo da Universidade de Vigo. Expediente persoal de Araceli Ancochea

 

Expediente académico. Conservatorio Superior de Música de Madrid
Fonte: Arquivo Histórico-Administrativo do Conservatorio Superior de Música de Madrid. Expediente de María de la Salud Araceli Ancochea Roldán

 

Era brillante na interpretación e, por tal motivo, levou o primeiro Premio en Harmonía na clase de Pedro Fontanilla e Miñambres, que era o profesor do Conservatorio Académico de Belas Artes. Tamén obtivo o Premio de Fin de Carreira por acordo unánime do tribunal conformado por dez profesores e presidido por Tomás Bretón.

 

Noticia de prensa
Fonte: Sen título (1909, 28 xuño). Diario de Pontevedra, p. 3

 

A este respecto cómpre destacar unha reflexión realizada por José Lázaro sobre a facilidade que era obter o título ou premio no Conservatorio Superior de Madrid. Dicía que moitos nenos e nenas non tiñan o suficiente dominio do instrumento nin o mérito idóneo para conseguir a mención de premio, pero que «El premio más auténtico, más verdad, en piano, lo mereció… Tomasito Gutiérrez de Terán… Excelentes también, fueron los ejercicios de las señoritas Nieves Rodríguez, Araceli Ancochea y Blanca Villanueva». (Lázaro, 1910). Isto supón unha corroboración de que Araceli estaba entre as alumnas selectas e meritorias do título acadado.

Rematou a carreira aos dezaseis anos e continuou perfeccionando os seus estudos cos catedráticos do conservatorio don José Tragó y Arana e don Tomás Bretón —este último consideraba a Araceli a mellor discípula daquelas promocións—. O profesor José Tragó deixaría unha pegada fonda en Araceli e esta dedicoulle un bonito panexírico cando o seu mestre se xubilou:

Al hablar del querido maestro, yo, la última de sus discípulas, que durante muchos años he tenido la suerte de recibir de sus mágicas lecciones, siento sincera y honda emoción. Tragó nació en Madrid. A los 13 años ganó el primer premio en el Conservatorio de María Cristina. Más tarde, en París y en reñida oposición con artistas de todas las nacionalidades, obtuvo el primer premio, consistente en un piano de cola Erard. Fue entonces cuando el insigne «virtuoso», cuya fama de gran pianista era ya mundial, fue de éxito en éxito, lo mismo en sus conciertos en la capital francesa que en todos los lados en España... Vayan desde este rincón gallego estas líneas de cariñoso recuerdo al venerable maestro, honra y gloria de los artistas del piano. Araceli Ancochea de Pedreira. Profesora de música (Ancochea de Pedreira, 1929).

Ao mesmo tempo estudou francés e inglés na Escola Central de Idiomas de Madrid e obtivo o título de diplomada nos dous idiomas.

Xa por aquel entón, ofreceu varios concertos de piano en Madrid nos que tocaba pezas musicais de forma tan maxistral que levaba a ser eloxiada pola prensa.[v]

Con todo, en vez de continuar como concertista, vai opositar a cátedras a escolas normais. En 1914 quixo acudir ás oposicións para auxiliares de música de Cuenca e de Cidade Real, pero non puido presentarse debido a que o Reitorado non lle concedeu a dispensa por idade («De Provincias», 1914). Terá que acudir ao ano seguinte e, tras aprobalas, concédenlle o 29 de abril de 1915 o seu primeiro destino como catedrática de Música na Escola Normal Superior de Mestras de Cuenca, cunha gratificación de mil pesetas.

Estando en Cuenca ofreceu varios concertos de piano en diferentes institucións, como na Escola de Maxisterio de Cuenca; no Centro de Acción Católica de San Xulián e no teatro conquense co gallo do centenario de Cervantes. En Cuenca permanecerá un curso, pois en abril de 1916 concédenlle o traslado á Escola Normal de Mestras de Ourense, onde substitúe a María Lobit que estaba na praza de música como interina. E ademais de impartir Música tamén vai ser axudante de idiomas de inglés e francés tanto na Normal como no Instituto de Ourense.

Araceli en pouco tempo recibiu grandes eloxios na cidade e adquiriu gran recoñecemento. Era sorprendente que, sendo aínda tan nova, xa acadase logros encomiables. Na Normal impartía as clases cunha gran mestría e buscaba tempo para preparar especificamente a algunha das súas alumnas para os exames de piano do Conservatorio de Madrid. Moitas acababan conseguindo a distinción de premio e remataban a carreira musical cun grande éxito, como foi o caso de Lía Salgado, quen tamén daría numerosos concertos na cidade («De exámenes», 1919).

Paralelamente, Araceli comezou a desenvolver a súa faceta como concertista agasallando a cidade con ricas e moi interesantes interpretacións de pezas clásicas que o público sabía valorar e recoñecer. Eran famosos os seus concertos de piano no Liceo e no Cine Avenida, nos que interpretaba os grandes músicos.[vi] A prensa dicía dela que era unha artista que «saía do vulgar» pois non só puña técnica senón tamén paixón. («El Concierto de ayer», 1920)

Pouco a pouco comezaron a reclamala para ocupar varios cargos de tipo honorífico de xeito que vai ser vicepresidenta da Sección de Belas Artes do Ateneo de Ourense; membro do xurado para certames de orfeóns; vogal nai de familia do Consello Provincial de Educación; vogal do Tribunal a Pensionados de Música da Deputación Provincial e membro designado polo concello dos tribunais para concursos de bandas.

 

Anuncio do concerto de Araceli Ancochea
Fonte: El próximo concierto de doña Araceli Ancochea (1949, 26 maio). La Región, p. 4

 

Formou parte de numerosos xurados en diferentes concursos de orfeóns xunto con Antonio Jaunsarás e Juan I. Bragado; un dos máis soados foi o organizado no xardín do Posío en xuño de 1946.

Coa creación en Ourense da Sociedade Filharmónica potenciouse a organización de actos musicais nos que había coros de nenos e nenas e Araceli Ancochea ofrecía un concerto variado de pezas musicais que requirían unha gran técnica e virtuosismo como Le Coucou de Daquin; Gigue de Scarlatti; Le murmure du Ruisseau de Smitd, Syr kes akkes dy Reve de Mendelsshon-Liszt; Rapsodia número 13 de Liszt. («Concierto de hoy», 1950)

Pero estamos a falar dunha muller tremendamente activa, inqueda, traballadora e sempre disposta a colaborar. O director da Biblioteca Provincial, don Ignacio Aguilera Santiago, organizaba regularmente unhas xornadas culturais en Ourense nas que había proxeccións, visitas ao patrimonio monumental, charlas e conferencias. Nestas conferencias participaba Araceli ao carón dos grandes eruditos ourensáns como López Cuevillas, Vicente Risco, López Sanmartín e Soria González.[vii]

E sen deixar nada de lado, pois todos estes compromisos compaxinábaos co seu horario na Normal, tamén foi membro do tribunal de oposicións a cátedras de música nas escolas de Maxisterio que se levaron a cabo en Madrid en 1960; e, en 1963, foi vogal da Comisión Especial para a resolución do concurso de traslados de profesores de música das escolas normais en Madrid.

A popularidade de Araceli chegou a exceder incluso o ámbito provincial. Caballero Gris, un lucense, escribiu un artigo na prensa local cuxa dedicatoria dicía:

Para la excelentísima pianista, culta políglota y bella señorita Araceli Ancochea Roldán, con toda cordialidad:

Como nuestro deseo de caminar era grande y la plática agradable, sin darnos cuenta, como por encanto recorrimos el puente antiguo y moderno, obras de gran valor artístico que en otra ocasión detallaré y con dirección al Posío llegamos a la Normal de Maestras, donde el asombro fue completo. Allí tuvimos la dicha de oír a la exquisita intérprete de los grandes compositores. Las delicadas ideas de Schuman y las brillantes concepciones de Liszt eran ejecutadas por manos privilegiadas, de verdadera estrella del piano. La señorita Araceli es por todos los conceptos una intelectualidad del piano español como lo demostró una vez más no hace muchos días en el Liceo de esta ciudad. Sólo tiene de poderoso enemigo su propia modestia… (El Caballero de Gris, 1920).

 

O matrimonio con Felipe Pedreira Deibe

Araceli casou en outubro de 1921 con Felipe Pedreira Deibe e tiveron tres fillos chamados Carmen, Antonia Araceli e Román Pedreira Ancochea. Vivían en Ourense, na rúa que se chamaba Camiño do Xardín do Posío.

 

Anuncio do matrimonio
Fonte: Sen título (1921, 30 outubro). El Progreso, p. 3

 

Felipe naceu en Santa Cruz de Tenerife[viii] o 21 de agosto de 1896 e era fillo de Leopoldo Pedrerira Taibo, catedrático do Instituto Xeral e Técnico da Coruña, e de Luciana Deibe. Felipe tiña catro irmáns que se chamaban Manuel, Gaspara, Eugenio e Sara. Seu pai, Leopoldo Pedreira, estivo exercendo de profesor en La Laguna, en Baeza e en Cuenca, pero a familia regresou a Galicia cando a Leopoldo lle concederon a praza da Coruña.

Felipe fixo os estudos de secundaria no Colexio do Sagrado Corazón de Ferrol e deu mostras de ser un grande estudante.

 

Felipe Pedreira Deibe
Fonte: Felipe Pedreira Deibe. Fotografía cedida por Leopoldo Pedreira, sobriño de Felipe, fillo de Gaspara Felisa Pedreira Deibe.

 

Fixo a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Central e acadou o título de catedrático. Comezou a traballar en 1917 como axudante da Sección de Letras do Instituto Xeral da Coruña e, en 1918, veu a Ourense, xa que o nomearon profesor de Xeografía no instituto ourensán e na Normal de Ourense. Por aquel entón xa estaba Araceli como profesora de Música e sería aquí onde se coñeceron. Nesa xuventude é cando el lle dedicou á súa muller o seguinte poema publicado no xornal ourensán:

Te ocultas como siempre, sublime peregrino,

celese mensajero de cálida pasión,

plegando en las entrañas las olas de tu fuego

aunando tus cabellos sobre tu corazón.

Te dejas cómo un triste y cómo un destronado,

dejando en luto el reino que contempló tu luz;

y caes de lo Alto sublime de los Cielos

como cayera Cristo al peso de la Cruz.

Tu caes ¡oh, sol magnífico!, y no a etéreas regiones,

si no en la tarde triste de heroico agonizar,

para besar la Tierra, con grandes emociones,

cual besa, el peregrino, las gradas del altar.

Tú bajas de los Cielos, hundiéndote en el polvo;

cavando, en los abismos, tu fosa sepulcral;

corriendo, con tus manos, los lutos de la noche;

prendiendo, en cada estrella, un cirio funeral.

Mas, a la hora de la naciente aurora,

la Tierra, estremecida, sabe tu anunciación;

la nube del Oriente gozose se colora,

y grita a las montañas: «Es la Resurrección». (Pedreira, 1922)

 

Tamén estivo implicado na política e foi concelleiro en Ourense, cargo que deixou en agosto de 1927 para tomar posesión no seu novo destino na Normal de Lugo. No ano 1932 solicitou unha excedencia voluntaria, o que motivou que moitos normalistas ourensáns de cuarto curso de profesional se trasladasen en autobús a Lugo para facerlle unha homenaxe e entregarlle unha placa conmemorativa. Alí, o alumno Agapito Martínez expuxo unha breve historia da traxectoria do seu profesor na Normal de Ourense e explicou que as ensinanzas de Felipe sempre estarían na súa lembranza. A continuación, o profesor Pedreira tomou a palabra e animou o alumando a que continuase as tarefas de estudo, pois dixo que da función dos mestres dependía a rexeneración da patria.[ix]

En 1934 retornou á Normal de Lugo e en 1947 volveu a Ourense por consorte, onde permaneceu ata a súa xubilación. Era un home que tiña fe pola cultura como garante de equidade, de paz e de liberdade, por iso defendía a ensinanza pública, obrigatoria e gratuíta. Facía colaboracións en diversos xornais, tales como o diario Alborada, El Progreso, Vida Gallega ou La Región, e nos seus escritos reflexionaba sobre educación, organización escolar, formación do maxisterio… Formou parte de tribunais de oposición de Maxisterio durante varias convocatorias.

Felipe era un home de fonda sensibilidade poética e grande amigo de Vicente Risco a quen chorou con sentimento cando faleceu o 30 de abril de 1963, tal como recolleu a prensa: «él, que apenas tiene lágrimas, se le agolparon ahora abundantes por su queridísimo Risco» («Amigos y pueblo de don Vicente», 1963).

Pouco a pouco, a súa saúde foi debilitándose. Faleceu en novembro de 1973 e está enterrado no cemiterio de Abedes, en Verín.[x]

O matrimonio Pedreira-Ancochea tivo tres fillos que tamén serían brillantes estudantes. Román estudou na Graduada de Ourense, logo no instituto da capital e, posteriormente, ordenaríase sacerdote. María estudou a carreira de Maxisterio e tamén sentiu a vocación relixiosa e ingresou na congregación do Divino Maestro. Toñita estudou tamén a carreira de Maxisterio e rematouna en 1946 con brillantes notas. Casou na igrexa de San Martín de Madrid en marzo de 1961 co médico Tomás Herrera Jerez. Oficiou a misa o seu propio irmán, Román, e tivo dous fillos, Tomás e Araceli Herrera Pedreira.

 

A implicación de Araceli na filosofía normalista dos anos trinta

A Escola Normal de Ourense era un centro de referencia na cidade. Daquela, cando chegou Araceli en 1916, estaba de directora Leonor López Pardo e compuña o claustro un interesante elenco de profesorado.[xi]

De primeiras, Araceli veu destinada a Ourense para impartir Música soamente na Escola Normal de Mestras, pero a Dirección Xeral de Primeira Ensinanza enviou un comunicado, con data do 13 de xullo de 1918, no que se dispuña a aplicar o indicado no artigo 4 da Real orde do 22 de xuño do mesmo ano sobre a amortización de prazas no profesorado de escolas normais. Deste xeito, acordouse que o profesor interino de Música da Escola Normal de Mestres de Ourense, don Ramón Gutiérrez, fose cesado do seu cargo e que Araceli, que era a profesora propietaria e que tiña ao seu cargo a ensinanza de Música na Normal de Mestras, se encargase de impartir Música na Normal de Mestres.

En 1920 Araceli vai recibir como compañeira a Concepción Ramón Amat, que en 1928 ocuparía o cargo de directora accidental na Normal de Mestras e Araceli sería nomeada secretaria accidental. Cando en 1932 Leonor López se traslada a Coruña, nomean de directora a Concepción Ramón ata que en 1934 ocupa o cargo Vicente M. Risco. Nos tempos da Ditadura de novo sepáranse as Normais e hai que falar da Normal de Mestras, que se chamará Concepción Arenal sendo a súa directora Concepción Ramón que permanecerá no cargo ata 1965, e Normal de Mestres, denominada Padre Feijoo e cuxo director vai ser Vicente Risco que estará no cargo ata 1954. Araceli compartiría con eles numerosos anos de dedicación á formación de mestres e mestras ourensáns.

Todo o profesorado normalista, pero en especial Concepción Ramón e Vicente Risco, a primeira pola inquedanza por unha pedagoxía moderna e o segundo polo desexo de poñer en valor a cultura e historia propias, lle outorgou á Normal un carácter eminentemente referencial na provincia xa a partir dos anos trinta. Tanto Concepción coma Vicente vían preciso o compromiso de levar a cabo o principio de formar os docentes cun sentido profesional, o que implicaba non só ensinar academicamente e da mellor forma posible, senón a conveniencia de dotar o maxisterio dunha ampla cultura.

Para tal finalidade, a Normal adoitaba organizar diversos e variados eventos de carácter conmemorativo, benéfico e/ou onomástico para os futuros docentes, pero tamén estaban abertos a toda a cidadanía. O claustro ao completo participaba nestas actividades e Araceli estaba moi implicada, xa que precisamente era ela a que levaba o peso da organización dos festivais musicais. En marzo de 1932 fíxoselle unha homenaxe á directora Leonor López Pardo, xa que deixaba a Normal de Ourense para ir á da Coruña. Como despedida levouse a cabo un festival aderezado de folclorismo. O alumnado da Normal ofreceu recitais, representou pequenas obras de teatro de carácter cómico e interpretou un repertorio de cancións e entre elas destacou «Adiós a Mariquiña»,[xii] que Araceli cantou cun grupo de mozas ataviada co traxe galego e levaba con ela a súa filla pequena que cantou no coro coas normalistas e que tamén ía de galeguiña.

A formación do maxisterio en Ourense nos anos trinta estaba en concordancia co interese de fornecer a formación dos futuros docentes. A República puxo o seu empeño en mellorar a situación educativa do país e as normais debían cumprir co seu cometido; a Normal de Ourense non quedou atrás no intento.

Este propósito supoñía que a dirección do centro organizase os cursos ou clases complementarias para todo o alumnado da escola e a cidadanía externa que quixera participar. A asistencia a eles era moi numerosa e chegou a haber 164 matriculados. Nestas xornadas pretendíase unha formación integral e impartíanse clases de idiomas, charlas sobre diversas materias curriculares e tamén talleres de música. A implicación de gran parte do claustro era patente, como a de Araceli, que se encargaba os martes das seis e media ás sete e media da tarde de impartir música clásica e que incluía a execución e explicación de pasaxes musicais de grandes compositores. Falaba de como na música se lograban os efectos da harmonía imitativa e puña como exemplo as pezas musicais de Smith «El canto de los pájaros» e o «Murmullo del arroyo». Quería dar a coñecer as obras dos compositores máis relevantes e todo o que encerraba unha composición musical, pero sobre todo buscaba fomentar o gusto artístico musical aos futuros docentes.

Coa filosofía dunha formación integral, as excursións formaban parte do programa previsto pola Normal de Ourense. Consistían en saídas moi integrais, pois abordábase a historia, a cultura, a xeografía, a arte e a música e Araceli colaborou nalgunha delas. Precisamente en abril de 1933 organizouse unha saída para alumnos e alumnas de cuarto curso. Percorreron Allariz visitando diferentes puntos e lugares que foron explicados polo profesor Jacinto Eloy Santiago. A continuación, encamiñáronse a Xinzo, parando en Sandiás e na Lagoa. Posteriormente foron a Maceda e viron o castelo da Pena, desde onde observaron con detención a paisaxe de arredor e o profesor Jacinto leulles unha pasaxe do libro de Marcelo Macías Aportaciones a la historia de Galicia. A continuación foron aos Milagres e aquí foi Araceli quen explicou cuestións musicais sobre o órgano e logo interpretou ante o alumnado diferentes pezas que «llenaron todo el espacio de armonía» (J.G.N., 1933).

A Normal tamén facía actos para conmemorar o Día da República. Durante ese día había diversas actividades nas que se implicaban especialmente Vicente Risco, Concepción Ramón, Araceli Ancochea,[xiii] Sara Leirós, Isabel Socorro, Anta Álvarez, Aurora Maceda, Lía del Río, Emilio Amor, Manuel Maceda, Pío Ojea e Modesto Vázquez. O habitual era que todos se congregasen na aula máis ampla da escola para escoitar con atención á conferencia que impartía Vicente Risco, o director do centro. Tras a disertación había recitais de poesías por parte do alumnado e, para finalizar o día, os normalistas, preparados e ensaiados por Araceli, interpretaban o himno nacional e o himno galego acompañados ao piano pola profesora. Esta celebración recollíase na prensa do momento:

Les acompañó al piano la señora profesora de Música doña Araceli Ancochea Roldán, de la maravillosa manera y supremo gusto artístico de que tiene hecho gala en otras ocasiones, siendo asimismo la que preparó a los alumnos de modo tan acertado. («La conmemoración», 1934).

Pero as actividades da Normal transcendían a outros lugares da cidade, como eran os teatros. O Teatro Losada foi o escenario escollido pola Normal para levar a cabo os seus festivais anuais, especialmente dirixidos aos nenos e nenas das escolas que tamén participaban con algún número. O claustro do centro implicábase profundamente para ofrecer un bonito e variado espectáculo no que a música cobraba unha gran relevancia e estaba ao cargo de Araceli. Esta preparaba con dilixencia as súas alumnas e un dos números máis destacado e de máis sona foi a revista Las calzas de Juan no que quedou patente o gusto artístico de Araceli e a súa eficiencia á hora de preparar os personaxes.

No Teatro Liceo a Normal organizou nos días 8, 9 e 10 de febreiro de 1955 unha semana musical na que Araceli interpretou un concerto cun amplo e variado repertorio composto por obras de Liszt, Mendelson,  Chopin e Schubert, que foi moi eloxiado na prensa do seguinte xeito:

La gran Polonesa nos quitó las fuerzas, como si hubiésemos quedado vencidos después de una batalla, porque nos tuvo en vilo, con la tensión enorme que hace falta para conservar el equilibrio. Las dos primeras veladas de Araceli Ancochea en el Liceo fueron románticas, lo cual fue, a mi ver, acierto y fortuna. («Semana Musical», 1955)

Público asistente ao concerto de Araceli Ancochea
Fonte: Fotografía cedida por Julio e Mercedes Ancochea, bisnetos de Pedro Ancochea Cónsul e Leonor Boscossi y Tark. Entre os asistentes están Otero Pedrayo e Vicente Risco

 

Joaquín Lorenzo chegou a dicir que non era unha muller, senón que era unha orquestra.[xiv]

 

Didáctica e pedagoxía musical

É de destacar que Araceli deixou a súa faceta de concertista para transmitirlles a súa paixón musical aos futuros docentes co obxectivo de que estes a aplicasen á didáctica musical nas súas escolas.

Araceli dedicouse a impartir clases de música durante case cincuenta anos. Ao longo de todo este tempo, numerosas xeracións foron testemuña das súas ensinanzas. Dise que tiña un especial interese en inculcar valores a través da música. Sempre amosou un grande interese pola divulgación da música clásica, de aí o desexo de impartirlles cursos aos nenos e nenas desde moi cativos e tamén de formar os docentes nos gustos musicais.

Estaba claro que era unha apaixonada da música e consideraba que esta era de vital importancia para a formación dos nenos e nenas. Por iso, sempre seguiu colaborando na formación complementaria do profesorado que o centro organizaba para seguir profundando nas ensinanzas musicais.

En maio de 1950 levouse a cabo a Semana de Misións Pedagóxicas na que había un interesante programa de excursións, charlas, poesía e música. No programa de conferencias, Araceli era unha das relatoras xunto con Ramón Otero Pedrayo, Julián Juez Vicente, Vicente Martínez Risco e Marcial Ginzo Soto. Tamén estaba a cargo das veladas literario-musicais e ensináballe ao alumnado da Normal os «cánticos escolares», que eran pezas adecuadas para traballalas na escola. Indicáballe como levar a música clásica aos nenos e nenas e puña como exemplo o poema musical «La carrera del ciervo» de Schumann que ela mesma harmonizou e que lle puxera letra Matilde G. de Lloria, compositora valenciana que tiña certa vinculación con Ourense pola súa amizade con Blanca Calvo.

Outros cursos programados para os docentes foron os de organización e perfeccionamento. Estes consistían nun amplo programa que se desenvolvía durante doce días nos cales había conferencias, excursións, leccións prácticas… Interviña un gran número de profesionais, como inspectores, María Cid, Olimpio Liste…, profesorado, Vicente Risco, Sara Leirós, Araceli Ancochea… e tamén outras persoas ilustres como Cuevillas.

Araceli tamén tiña tempo para lles impartir clases musicais aos pequenos da escola a Graduada, a Anexa, a Escola de Párvulos, a do Hospital Vello… que os xoves de catro a cinco acudían expectantes á Normal. Isto servía de pretexto para que os futuros mestres e mestras se aplicasen na práctica da ensinanza da música. Isto é, alentaba o alumando dos cursos de grao profesional para que realizasen actividades musicais para os escolares, pois serviríalles para levar á practica as súas aprendizaxes de pedagoxía e didáctica musical.

A los jueves, es cuando los pequeños, alegres como pajarillos, acuden al aula de Música de la Escuela Normal. Allí, tras una breve explicación de la señora Ancochea Roldán, y luego acompañados al piano por ella misma, comienzan sus cantos, maravillosamente matizados con sus vocecillas; y es conmovedor ver a los inocentes niños, cuyo corazón parece expandirse ante la vista de tanta inesperada belleza, como aprenden en muy poco tiempo algunas encantadoras canciones que parecen sedantes para sus espíritus, tan distanciados ya de aquella brutal y vieja fórmula de la letra con sangre entra. («Admirable labor», 1933)

Tiña a virtude de facer fácil a música e era unha entusiasta por achegar o complexo mundo das notas e pentagramas aos cativos. Facíao de xeito moi didáctico:

El aula de Música de la Normal es insuficiente para acoger a todos los niños que a esta clase especial de los jueves concurren. La señora Ancochea Roldán explica al mundillo infantil, que le escucha atentamente, la idea del pentagrama, clave, notas, etc. Al finalizar su amena lección formula diversas preguntas y todos los niños, ardiendo en deseos de contestar, le responden de un modo tan satisfactorio, indicador del máximo interés que los niños ponen en ello, que verdaderamente llena de asombro. Después de esta atrayente parte teórica, que la señora Ancochea Roldán sabe presentar sumamente sugestiva, se esparcen por el aula las divinas armonías de la sublime canción «El invierno» que los niños y niñas cantan con el mayor y hermoso sentimiento... («Clases complementarias», 1934)

 

Araceli Ancochea concertista
Fonte: Fotografía cedida por Julio e Mercedes Ancochea, bisnetos de Pedro Ancochea Cónsul e Leonor Boscossi y Tark)

 

Estruturaba a clase en dúas partes, a teórica na que primeiro explicaba o pentagrama, a clave, as notas musicais e, posteriormente, seguindo o método socrático e animando a participar a todos, realizaba diversas preguntas sobre o exposto. E despois viña a parte práctica, que era sumamente suxestiva pois consistía na interpretación dun repertorio de cancións.

As pezas musicais que traballaba cos nenos e nenas eran de maior ou menor complexidade e entre elas estaban: «O inverno», «A primavera», «O muíño», «Cancións de Schuman», «Canción da Serra de Cameros», «Os fantoches», «O labrador», «A vendima». Tamén traballaba solfexo, cantos populares e xogos rítmicos.

Araceli motivábaos a cantar e bailar interpretando cancións. Unha das máis atractivas era «Os fantoches», pois facía que os cativos levasen gorros de papel e xesticulasen mentres representaban a canción.

Conseguía que os escolares descubrisen o mundo da música e explicáballes o significado de diversas obras musicais. Realizaba con eles traballos musicais que enviaba a Madrid e eran premiados. Levábaos á radio para ter unha audición musical. Creou coros infantís nas escolas que interviñan en diversos eventos. Traballaba arreo para preparar os coros, cada actuación, cada interpretación, preocupándose de estar ao día nas tendencias pedagóxicas dos cantos escolares e os acontecementos organizados pola Normal servían de posta en escena da súa didáctica e pedagoxía.  

Cando a Normal organizou o acto benéfico para recadar fondos para o roupeiro escolar, un grupo de pequenos interpretou «Rolda de traballadores»  acompañados ao piano por Araceli. Foi unha interpretación que tivo un grande éxito pois, ademais de cantar, facían a posta en escena da canción.

 

Anuncio de prensa
Fonte: Sen título (1934, 25 maio). Galicia, p. 5

 

Ayer finalizaron las clases de Música que durante el actual curso, la cultísima señora profesora de la Escuela Normal de nuestra ciudad, doña Araceli Ancochea Roldán, ha estado dando a los numerosos niños y niñas que a ellas acudían ilusionados, y que tuvieron la virtud de entusiasmar al mundillo infantil. («Las clases de música», 1934)

Os cursos para nenos e nenas finalizaban en maio e para o último día Araceli preparaba a clase con sumo detalle. Adoitaba a traballar coa peza «A romanza» de Schumman. Previamente contáballes o argumento da canción e dicíalles que se trataba dunha nena que vendía flores, pero que unha noite estaba desolada por non vender nada. Entón refuxiouse na porta dunha igrexa e un neno, ao coñecer o motivo de tanta tristura, quixo salvala e púxose a cantar e pouco a pouco a cestiña de flores foise baleirando. Tras relatar a historia, Araceli tocaba a melodía de forma lenta e cunha gran sensibilidade emocionando a todos os cativos. Para rematar, ao alumnado do segundo curso do Grao Profesional cantáballe o coro de doutores da zarzuela El rey que rabió.

Non cabe dúbida de que estamos ante unha muller que, ademais de ter uns dotes interpretativos asombrosos, tiña unha vocación didáctica enorme polo que era moi querida polos pequenos e tamén polo seu alumnado normalista a quen procuraba formar, poñendo o seu empeño vocacional, para que levasen  a música ás escolas.

Desempeñou un traballo continuo e constante ata que chegou o momento da xubilación o 25 de agosto de 1963, cando tiña 71 anos. Ata este día Araceli dedicouse, durante 48 anos, 3 meses e 27 días, de xeito incansable á formación da didáctica da música dun gran número de docentes ourensáns. Algún deles aínda lembra que a materia de Música era moi difícil, pois Araceli esixía moito. Cando don Gerardo Salgado Valdés, catedrático de Música, ocupou a praza de Araceli tras sacar o número un nas oposicións realizadas en Madrid en 1965, comentou que era unha honra poder continuar co labor que desempeñara Araceli Ancochea. («Nuevo catedrático», 1965).

 

Últimos anos

Desde 1976 ata a súa morte, Araceli Ancochea viviu un martirio de catorce anos. Despois de botar dous anos nunha cadeira de rodas, a Araceli cortáronlle unha perna o 30 de outubro de 1978 e logo a outra o 5 de decembro de 1986, mais ela aínda tocaba no seu grande e fermoso piano de cola. Morreu en Madrid o 5 de xaneiro de 1991 e repousan os seus restos na sacramental de San Xusto.

 

Araceli Ancochea Roldán
Fonte: Consultado o 13 de xuño de 2024

 

Un dos seus fillos, Román Pedreira Ancochea, sacerdote e escritor, dedicoulle o libro Poemas á nai do que se extrae o seguinte poema: 

ISAS ALIÑAS

Miña doce andoriña,¿por que non voas?

¡Sempre voamos xuntos, ai, hastra agora...!

Isas aliñas,

isas aliñas,

¡pra min canto cansaron, doce andoriña...!

Bico as aliñas ledas, que xa non voan...

¡ay, naiciña querida!, ¡ay, miña xoya…!

No teu curruncho

quedo contigo

sin ti voar non quero namentres vivo…

Daránno-las alias, nai adourada,

cando ó ao fin do desterro brille a Alborada

 que amostrarános

que amostrarános

o seu froito beneito: do Sol o encanto

 (Pedreira Ancochea, 1993)

 
 
 
 

[0] Nesta investigación sobre Araceli Ancochea contei coa inestimable axuda de entidades e compañeiras e compañeiros que me ofreceron valiosa información. En primeiro lugar, quero darlle as grazas ao persoal do  Arquivo Universitario de Vigo, pois de xeito inmediato buscou e localizou o expediente académico e laboral de Araceli e envioumo sen demora. Unha profusa documentación que comprendía gran cantidade de informes que me permitiron coñecer exhaustivamente a traxectoria de Araceli desde os seus inicios ata a súa xubilación. Así mesmo, debo mencionar a Amparo Quiroga, profesora de Xeografía e Historia e directora do Instituto Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, pois consulteille se tiña algunha información sobre Araceli Ancochea, xa que nacera no Barco. Amparo, de inmediato, púxose en contacto con diversas persoas, como o director do IES Araceli Ancochea de Trives, quen lle facilitou o teléfono de Julio Ancochea, médico pneumólogo de Madrid e descendente familiar. Amparo tamén me indicou que falara con Tere Varela Ancochea, catedrática de Matemáticas, e que lle contou que ela e as súas irmáns ían con frecuencia a visitar a Araceli a Ourense e lembraba que tocaba o piano de forma brillante. Por todo isto é pertinente dicir que a enorme preocupación de Amparo Quiroga por axudarme é algo que nunca esquecerei. Así pois, aproveitando toda a información facilitada, púxenme en contacto con Julio Ancochea, quen, xunto coa súa irmá Mercedes Ancochea, avogada, facilitáronme datos e unhas fotografías sobre Araceli Ancochea que resultaron moi proveitosas. E neste periplo non podo esquecer tampouco a inestimable axuda de Adelaida Carballal, catedrática e profesora de Matemáticas, pois a través dela obtiven información de Leopoldo Pedreira, sobriño de Felipe Pedreira Deibe, e tamén, unha fotografía inédita. Tanta xenerosidade por parte de toda esta xente é difícil de compensar. Por iso espero que este artigo estea á altura para poder recoñecer todos estes esforzos tan xenerosos e que tanto me axudaron e sirva, por suposto, de homenaxe a esta marabillosa profesora de música. Logo disto, foi de vital importancia a consulta das hemerotecas Galiciana, Prensa Histórica Virtual e Biblioteca Nacional, pois proporcionáronme numerosos datos cos que puiden ir fiando a historia desta gran profesional da música. Finalmente, non quero esquecerme de darlle as grazas a Ana M. Dios, da Área de Soporte á Aprendizaxe e Investigación da Biblioteca Rosalía de Castro da Universidade de Vigo que, de xeito totalmente altruísta, fixo unha revisión detida do documento en materia de citación en canto formato de referencias e bibliografía 

[i] Pedro Ancochea Cónsul naceu en Madrid e estudou no Real Colexio de Medicina e Cirurxía de San Carlos e despois licenciouse en Medicina. En 1869 nomeárono médico forense do Xulgado de Primeira Instancia da vila de Trives. Casou en segundas nupcias con Leonor Boscossi Tark e deste matrimonio naceron Eumenio e Pedro Ancochea Boscossi, homes de recoñecido prestixio na comarca trivesa, que serían medio irmáns do pai de Araceli e, polo tanto, medio tíos de Araceli.

[ii] Para a reconstrución da traxectoria de Román Ancochea foi moi importante a información extraída da hemeroteca de Galiciana, Prensa Histórica Virtual e Biblioteca Nacional.

[iii]  Vivían no número 2, piso 2.º esquerda.

[iv] Eumenio Ancochea Boscossi era fillo de Pedro Ancochea Cónsul e Leonor Boscossi. Foi un home emprendedor, culto e grande amante de Galicia, marchou de neno á Arxentina onde tivo éxito e se converteu nun home de acreditada bondade e filantropía. Desde moi novo afincouse na cidade de Córdoba e formou parte do persoal da casa de comercio de Juan Antonio Gorzón. Foi o fundador e socio principal das casas almacenistas Ancochea, García e Compañía, J. Puigjané. Pero ademais das súas actividades empresariais desenvolveu un gran labor social. Fundou o Hospital Español na cidade de Córdoba da Arxentina, inaugurado en 1927 e que contaba con dous pavillóns para os enfermos e salas de operacións. Eumenio abasteceuno de medios para o seu funcionamento. Pero non esquecía a súa terra natal. Enviaba desde A Arxentina cantidades de diñeiro todos os invernos para mantas e alimentos destinados ás familias que carecían de medios. Mandou construír un lavadoiro para resgardar as mulleres cando ían lavar, ensanchou o cemiterio, pero a súa grande obra foi a fundación, en 1924, do Colexio de Santa Leonor, que leva ese nome na honra da súa nai, ao que dotou de rendas propias para custear a educación de centenares de nenos e nenas. Foi, realmente, a refundición do centro dos Irmáns das Escolas Cristiás que se creara en 1908. Como este centro estaba a piques de pechar, Eudomino fixo fronte á crise e evitou o peche da institución que tanto ben facía aos nenos e nenas da comarca de Trives. Aumentou o número de clases e construíu un bonito edificio na avenida Santa Leonor de Trives. Faleceu o 20 de xullo de 1938 e a súa morte foi moi sentida por Araceli, pois el foi unha parte dos seus éxitos, xa que a axudou a que estudase a carreira para a que tiña vocación. Para reconstruír a traxectoria de Eumenio Ancochea foi de grande interese a consulta da hemeroteca Galiciana, Prensa Histórica Virtual e Biblioteca Nacional.

[v] A noticia recolle que Araceli tocou a sonata «Les Adieur» de Bethoven, «Arabeske» de Schumann e baladas de Chopin.

[vi] «Fantasía e fuga» de Bach, «Sonata en mi bemol» de Bethoven, «Estudo en dobres notas» de Moskowscky, «Sobre as ás do ensoño» de Mendelsshon, «Balada en la bemol» de Chopin, «Pastoral» de Scarlatti.

[vii] Curso de arte. Se inaugura el próximo sábado. (15 decembro de 1938). La Región, p. 1.

[viii] As biografías de Felipe Pedreira Deibe indican que naceu en Cuenca, pero, segundo información do seu sobriño Leopoldo Pedreira, Felipe naceu en Santa Cruz de Tenerife, pois seu pai estaba exercendo no Instituto de La Laguna. Os seus irmáns si naceron en Cuenca, cando Felipe Pedreira Taibo foi alí destinado.

[ix] Segundo recolle a prensa, no período de excedencia, Felipe Pedreira estivo de mestre na escola de nenos de Chantada.

[x] Para reconstruír a traxectoria de Felipe Pedreira Deibe foi de grande interese a consulta da hemeroteca Galiciana, Prensa Histórica Virtual e Biblioteca Nacional.

[xi] Para o curso 1915/16 figuran os seguintes profesores numerarios:
Dona Leonor López Pardo, profesora de Xeografía e dous cursos de Historia
Dona María Cruz Pérez, de Labores e Economía Doméstica
Dona Josefa Rosón e Rubio, de Lingua e Literatura Castelás
Dona Pilar Martínez Álamo, de Matemáticas
Dona Anunciación de los Mozos, de Ciencias Físico-Naturais
Dona Sara Fernández Gómez, de Pedagoxía e Historia e Rudimentos de Dereito e Lexislación Escolar
Constan como profesores especiais:
Dona Araceli Ancochea Roldán, profesora de Música
Don Demetrio Macías, profesor de Relixión
Don Antonio Docampo, de Francés
Don Ernesto Rivera, de Caligrafía
Don Luís Fernández Pérez, de Debuxo
Constan como profesores auxiliares:
Dona Adelaida Romero Bernárdez, auxiliar de Letras, encargada de dous cursos de Historia
Dona Rosa Rodríguez Anciles, de Ciencias
Dona Isabel Mateos Gordón, de Labores e Economía Doméstica
Constan como persoal subalterno:
Dona Esperanza Fernández Blanco, porteira
Dona Emilia Rodríguez Fernández, conserxe-ordenanza

[xii]  Como ti vas pra lonxe
I eu vou para vello,
Un adiós, Mariquiña,
Mandarche quero.
Que a morte é o diaño
Y anda rondando as tellas
Do meu tellado.

Cando deixes as costas
Da nosa terra,
Nin luz nin poesía,
Quedarán nelas.
Cando te vayas…
Vaise contigo o ánxeol
Da miña garda (bis.)

Pombiña mensaxeira
De branca pruma,
Fálalle aos emigrados
Da patria súa.
Dilles mimosa
Que deles apartada
Galicia chora (bis).

Dilles que non hay terra
Millor que a nosa,
Mais ridentes paisaxes,
Mais frescas sombras,
Mais puros ceos,
Nin lúa máis lucente
Non firmamento.

Dílles que súas obrigas
Aquí os esperan
E si ondee las non morren,
Que se condenan.
Y ahora voa,
Pombiña, e que te guíe
Nosa Señora!
(Letra de Curros Enríquez. Melodía de J. C. Chañé)

[xiii] O Día da República foi unha data que se conmemoraba durante a Segunda República, pero iso non quere dicir que o profesorado da Normal implicado na súa celebración se declarase republicano. En concreto, Araceli Ancochea recoñecíase monárquica, tal como se recolle no Centro Documental da Memoria Histórica. DNSD-Secretaría Ficheiro, 3, A0103139.

[xiv] Román Ancochea, o fillo de Araceli, afirmou que Xocas dixo esta frase sobre a súa nai. Así mesmo di que foi Vicente Risco quen pronunciou as palabras sobre a Polonesa que tocou Araceli.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Admirable labor de los alumnos de Primero de Profesional. (11 de febreiro de 1933). Galicia,  1.

Alcadía Constitucional de Redondela. (15 de marzo de 1897). El Magisterio Gallego, 2.

Los alumnos de Magisterio. Un acto benéfico. (14 de decembro de 1932). Galicia, 1.

Amigos y pueblo de don Vicente. (3 de maio de 1963). La Región, 7.

Ancochea de Pedreira, A. (8 de decembro de 1929). Don José Tragó y Arana. La Región, 8.

Ancochea, R. (15 de outubro de 1886). Lo que va de ayer a hoy. El Magisterio Gallego, 1.

Apuntes noticieros. (11 de xuño de 1918). El Diario de Pontevedra, 2.

Araceli Ancochea. (29 de maio de 1920). La Región, 2.

El Caballero de Gris (8 de xuño de 1920). Impresiones de un lucense. Orense. La Región, 1.

Cartera provincial. Clasificación. (6 de maio de 1898). El Diario de Pontevedra, 3.

Clases complementarias. (10 de novembro de 1932). Galicia, 1.

Clases complementarias de la Escuela Normal. (17 de marzo de 1934). Galicia, 4.

Las clases de música para niños. (25 de maio de 1934). Galicia, 5.

La conmemoración de la República. (13 de abril de 1934). Galicia, 1.

El concierto de ayer. Araceli Ancochea. (1 de xuño de 1920). La Región, 3.

Concierto de hoy de la señora Ancochea. (27 de maio de 1950). La Región,  4.

Concurso. (15 de xuño de 1895). El Magisterio gallego, 1.

Deuda inaplazable. (14 de maio de 1925). La Región,  11.

Don Eumenio Ancochea Boscossi. (21 de xullo de 1938). La Región,  2.

Escalafón de primera enseñanza. (29 de xullo de 1933). El Magisterio Español, 13.

Escuela Normal de Maestras de Orense (1915). Memoria correspondiente al curso 1915-1916. Ourense: Imprenta de A. Otero.

Escuela Normal del Magisterio primario de Orense. Clases complementarias. (10 de novembro de 1932). Galicia, 1.

De exámenes. (28 de xuño de 1919). La Región, 1.

Ferrol escolar. Colegio del Sagrado Corazón. (21 de xuño de 1909). El Correo de Galicia, 1.

García Sánchez, F. (2008). A vida política en Trives do Sexenio á II República (1868.1939). En Actas do III Congreso Manuel Luís Acuña (pp. 39-70). Ourense: Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Gobierno de Provincia. Junta Provincial de Primera Instrucción. (23 de febreiro de 1880). Boletín Oficial de la Provincia de Orense, p. 3.

González Catoyra, A. (1990). Biografías coruñesas. A Coruña: Fundación Caixagalicia.

Información municipal. (5 de agosto de 1927). La Región, 8.

Instrucción pública. Nombramiento de profesores. (19 de xullo de 1934). El Pueblo Gallego, 4.

J.G.N. (16 de abril de 1933). Un día de excursión. Galicia, 2.

Junta Provincial de Instrucción Pública de Orense. (5 de novembro de 1894). El Magisterio Gallego, 2.

Lázaro, J. (1910). La España moderna. Madrid: Casa Editorial La España Moderna.

Lugo. Concurso para la provisión de una plaza de profesor. (27 de setembro de 1932). El Pueblo Gallego, 9.

De Lugo. (29 de outubro de 1932). El Magisterio Español, 19.

A la memoria de don Eumenio Ancochea. (8 de xullo de 1938). La Región, 2.

In memorian. Eumenio Ancochea Boscossi. (21 de xuño de 1938). La Región, 2.

Misiones pedagógicas. (25 de maio de 1950). La Región, 4.

Moar, J. (8 de maio de 1919). Un adiós a Mariquiña. El Correo de Galicia, 1.

De la Normal. (19 de xullo de 1934). El Progreso, 6.

Noticias. (30 de outubro de 1921). El Progreso, 3.

Noticias. (30 de outubro de 1921). El Progreso, 3.

Noticias varias. (29 de outubro de 1932). El Magisterio Español, 19.

Nuevo catedrático de Música de la Normal de Orense. (8 de abril de 1965). La Región, 5.

Orense. (15 de setembro de 1918). Eco de Galicia, 19.

Pedreira Ancochea, R. (28 de outubro de 1993). Ecos de un centenario La Región, 9.

Pedreira Deibe, F. (6 de novembro de 1935). Id y enseñad. Cuestiones Pedagógicas. Alborada, 12.

Pedreira, F. (18 de abril de 1922). Resurrección. A mi esposa. La Región, 2.

Programa de los cursillos de organización y perfeccionamiento del magisterio. (2 de setembro de 1959). La Región, 2.

De provincias. Distrito de Madrid. (14 de novembro de 1914). El Magisterio Español, 12.

En el Salón Navas. (24 de maio de 1912). El Debate, 2.

Sección Oficial. Dirección General de Instrucción Pública de Primera Enseñanza. (2 de febreiro de 1884). La Unión. Periódico de Primera Enseñanza, 2.

Semana Musical de la Escuela de Magisterio. (10 de febreiro de 1955). La Región, 4.

Semblanza de Eumenio Ancochea. (20 de xullo de 1930). La Región, 1.

Sen título. (18 de xuño de 1899). La Gaceta de Galicia, 1.

Sen título. (20 de maio de 1950). El Ideal Gallego, 4.

Sociedad. (15 de maio de 1920). La Región, 2.

Sociedad. (25 de maio de 1920). La Región, 3.

Un viaje, una placa y un recuerdo. (18 de maio de 1932). La Región, 6.

 

Sección: