Percepcións do alumnado sobre o plaxio académico no Sistema Universitario de Galicia

Neste traballo preséntase o desenvolvemento dunha investigación realizada conxuntamente polas tres universidades galegas, co obxecto de coñecer as percepcións que o seu alumnado universitario ten respecto das prácticas de plaxio no ámbito académico. Para lograr este obxectivo, confeccionouse e foi aplicado un cuestionario sobre as distintas dimensións en relación con este fenómeno. Os resultados amosan tendencias comúns na percepción do alumnado sobre o plaxio, tanto na súa propia andaina académica como na do resto de compañeiros, e poñen tamén de manifesto o imprescindible papel do profesorado na erradicación destas prácticas. O estudo remata coa proposta dunha serie de medidas preventivas e organizativas dirixidas ao conxunto da comunidade universitaria.

Doutora María Cristina Pérez Crego, técnico de apoio á investigación (Universidade da Coruña)

Graduada Enelina María Gerpe Pérez, bolseira predoutoramento do Ministerio de Educación

Licenciado Álvaro Lorenzo Rey, bolseiro predoutoramento da Fundación ONCE

Graduada Lucía Lareo Pena, bolseira de colaboración (Universidade de Santiago de Compostela)

emaria.gerpe@usc.es

 

Contextualización

Nos últimos tempos, a opinión pública e os medios de comunicación están a se facer eco de prácticas diversas en relación co plaxio, tanto no ámbito científico como no plano académico, entendido este como a copia no substancial e a reprodución de ideas alleas presentadas como propias sen citalas (Miranda, 2013), o que deriva nunha preocupación polos aspectos legais e éticos que estas accións poden implicar.

Aínda que no Estado español non é un tema que se estea a traballar con moita intensidade, si son numerosos os estudos internacionais que se veñen realizando desde os anos noventa (Kokkinaki, Demoliou e Iakovidou, 2015; Ochoa e Cueva, 2016; Ennam, 2017), nos que se procura coñecer a percepción que ten o alumnado sobre o citado tema. Neles faise especial fincapé na delimitación do tipo de alumnado que realiza estas prácticas, as causas que o motivan a se valer destas accións e as posibles actuacións para atopar unha solución á devandita problemática. Con todo, quizais a dificultade de realizar un estudo sobre estas cuestións se poida atribuír á ausencia de consenso na súa definición e delimitación, dado que son múltiples as dimensións e causas implicadas nel (Muñoz-Cantero, Rebollo-Quintela, Mosteiro-García, e Ocampo-Gómez, 2019), de aí a relevancia do presente estudo, que busca coñecer os puntos comúns e diverxentes na percepción que ten o alumnado universitario da Comunidade Autónoma de Galicia sobre o plaxio académico.

Obxectivos

O obxectivo principal desta investigación céntrase en coñecer a percepción que o alumnado de grao e mestrado do Sistema Universitario de Galicia ten sobre o plaxio académico. Establécense como obxectivos específicos, en primeiro lugar, observar se esta percepción é diferente entre o alumnado de grao e o de mestrado das tres universidades de Galicia e, en último lugar, propor unha serie de medidas específicas orientadas a reducir e erradicar malas praxes na realización dos traballos académicos e científicos segundo os resultados obtidos.

Metodoloxía

Na presente investigación, a poboación estivo formada polo alumnado de grao e mestrado das cinco ramas de coñecemento das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) que realiza os seus estudos nestas universidades durante o curso 2018/19. A mostra foi seleccionada por medio dun proceso de mostraxe non probabilístico, intencional e por conveniencia, e quedou composta por 8943 alumnos e alumnas cuxa distribución en termos de porcentaxe se recolle na figura 1 (3552 pertencen á Universidade da Coruña, 3695 á Universidade de Santiago de Compostela e 1696 á Universidade de Vigo), cunha idade media de 21 anos (M=21,32). A porcentaxe de alumnas da mostra (65,74 %) é superior á de alumnos (33,47 %) como reflicte a figura 2.

Figura 1. Distribución da mostra participante no estudo por universidade

Figura 2. Distribución da mostra participante no estudo por sexo

Máis da metade do alumnado participante na investigación realiza os seus estudos na rama das Ciencias Sociais e Xurídicas, seguido da rama das Ciencias da Saúde, da Enxeñería e Arquitectura, e a menor representación atópase na rama das Artes e Humanidades, tal e como se recolle na figura 3.

 Figura 3. Distribución da mostra participante no estudo por rama de coñecemento

 

Instrumento

Para a realización do estudo foi elaborado ad hoc un cuestionario, denominado Cuestionario para a detección de coincidencias en traballos académicos (CUDECO) (Rebollo-Quintela, Espiñeira-Bellón e Muñoz-Cantero, 2017; Muñoz-Cantero, Rebollo-Quintela, Mosteiro-García, e Ocampo-Gómez, 2019), conformado por un bloque de cuestións de carácter persoal e académico, unha pregunta final de carácter aberto sobre o xeito en que se podería evitar o plaxio, e 47 ítems medidos nunha escala Likert con sete graos de resposta (de «totalmente en desacordo» a «totalmente de acordo»), agrupados en cinco dimensións: utilidade (valora a utilidade que ten para o alumnado citar), carreira (busca obter información sobre se o alumnado cometeu plaxio ao longo da carreira), causas (centrada nos motivos que levan a cometer plaxio), profesorado (relacionada coas accións levadas a cabo polo profesorado para que o alumnado non cometa plaxio) e compañeiras/os (relacionada con cuestións vinculadas á percepción que ten sobre a realización de prácticas deshonestas por parte do grupo de iguais).

Descrición dos resultados

Dado que esta investigación constitúe un traballo empírico de grande amplitude, centrarémonos aquí en presentar os seus resultados xerais respecto das similitudes que presenta o alumnado de grao e de mestrado das tres universidades de Galicia a partir dos valores medios calculados para cada ítem en cada unha das cinco dimensións do cuestionario CUDECO. Neste senso, os resultados manifestan unha tendencia común na percepción do alumnado de grao e de mestrado das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia con respecto ao plaxio nos distintos títulos das cinco ramas de coñecemento.

Dentro das accións que os docentes desenvolven para evitar que se cometa plaxio, a mellor valorada polo alumnado de grao nas tres universidades é que o profesorado ofrece unha atención individualizada nas titorías durante a elaboración do traballo, con independencia da rama de coñecemento á que pertenzan. Pola contra, as accións peor valoradas son a inadecuación da carga de traballo en relación co tempo dispoñible para cada materia e a baixa coordinación entre o profesorado co fin de evitar saturar de traballos o alumnado.

Actuacións do profesorado

En relación co xeito en que o alumnado universitario interpreta as actuacións levadas a cabo polos docentes para evitar o plaxio, destacan os seguintes resultados:

Tanto o alumnado dos últimos cursos de grao como o de mestrado considera que recibe directrices para a elaboración dos traballos académicos mediante o seguimento a través de titorías individuais ou de aula, nas que se proporcionan pautas con respecto á citación de fontes e escritura académica.

Os aspectos con valoracións máis baixas nesta dimensión, como se recolle na táboa 1, son a falta de adecuación entre a carga de traballo solicitada e o tempo dispoñible para cada materia, así como unha baixa coordinación entre o persoal docente para evitar a saturación de traballos académicos.

Táboa 1. Actuacións do profesorado

 

Utilidade do manexo de citas

A citación bibliográfica é considerada polo alumnado, con independencia da súa rama de coñecemento, un recurso útil para lles outorgar recoñecemento aos autores das fontes orixinais (Pérez, 2010; Sánchez, Sánchez, Méndez e Puerta, 2013), remitir a estas e prestar apoio aos propios argumentos. Con todo, o uso de citas bibliográficas como oportunidade de aprendizaxe, para a discusión ou a xeración de debate, presenta unha valoración baixa. Na táboa 2, obsérvase unha tendencia xeral á valoración positiva da utilización de citas nos traballos académicos, pero o alumnado manifesta tamén que citar de xeito correcto é fundamentalmente un requisito universitario (Muñoz-Cantero e Espiñeira-Bellón, 2019), en contra doutras apreciacións de carácter máis educativo (Jiménez, 2014).

 Táboa 2. Utilidade do manexo de citas

Condutas de plaxio ao longo da carreira universitaria

Como se pode observar na táboa 3, o alumnado de grao das tres universidades galegas, tamén con independencia da súa rama de coñecemento, admite que copiou fragmentos de fontes escritas ou extraídas de Internet nos seus traballos académicos sen citar a súa procedencia. Con todo, a copia íntegra e sen modificacións de traballos descargados da Rede para presentalos como propios é a conduta que afirman que realizan en menor medida.

O alumnado de mestrado coincide co de grao no tocante a ter incorporado copias de fragmentos procedentes doutras fontes aos seus traballos académicos sen citalas e valora tamén negativamente a copia íntegra de traballos, pero, en contraste, non concibe como conduta moi grave a copia de fragmentos doutras fontes, pois entende por plaxio a súa copia íntegra.

 Táboa 3. Condutas de plaxio ao longo da carreira universitaria

Principais causas para a comisión de plaxio

En xeral, o alumnado de grao e mestrado das tres universidades galegas manifesta que as causas que xustifican a comisión de plaxio teñen un carácter externo, dado que as atribúen á falla de tempo e á sobrecarga de traballo, tal e como se evidencia na táboa 4.

Por outra banda, o alumnado de grao e mestrado das universidades galegas coincide en outorgar menor valoración á relación entre a comisión de plaxio e o descoñecemento da existencia de normativa e gravidade das sancións ao respecto.

 Táboa 4. Principais causas para a comisión de plaxio

Percepcións sobre a realización de prácticas deshonestas por parte das compañeiras e compañeiros

Con independencia da súa titulación, universidade ou rama de coñecemento, o alumnado de grao e mestrado do Sistema Universitario de Galicia manifesta que o resto de compañeiros recorre de xeito asiduo á copia parcial de fragmentos sen citar as fontes orixinais destes, conduta que estiman aceptable cando se trata de traballos académicos, tal e como se recolle na táboa 5. Non indican, pola contra, que os demais compañeiros e compañeiras fagan entrega de traballos descargados da Rede como propios sen modificalos nin que a súa elaboración sexa realizada a partir de fragmentos e fontes copiadas de xeito literal.

Así, o alumnado admite a copia parcial de textos extraídos de fontes impresas ou de Internet como un fenómeno habitual entre os seus compañeiros (Porto, Mosteiro e Gerpe, 2019).

Táboa 5. Percepcións sobre a realización de prácticas deshonestas por parte dos compañeiros

Conclusións

Como se desprende dos resultados presentados, existe unha tendencia común nas percepcións respecto do plaxio académico por parte do alumnado de grao e mestrado das tres universidades galegas. Evidénciase a consciencia que o alumnado ten sobre a propia comisión de prácticas relacionadas co plaxio durante os seus estudos e ponse tamén de manifesto o xeito en que perciben estas mesmas prácticas no desempeño académico do resto de compañeiros.

Á vista destas percepcións, estimamos que é preciso propor unha serie de medidas de carácter fundamentalmente preventivo e organizativo, en forma de accións de mellora para dar resposta e axudar a paliar esta situación, moitas das cales son percibidas polo propio alumnado nas súas respostas (Losada-Puente, Muñoz-Cantero e Rebollo-Quintela, 2019).

Como medidas preventivas, consideramos que é moi importante pór en marcha accións de formación e información en relación co plaxio, dirixidas a alumnado e profesorado. No caso do alumnado, e tendo en conta que o feito de non cometer prácticas académicas deshonestas é unha cuestión que debería estar interiorizada e asumida mesmo en etapas académicas previas ao ensino universitario, semella imprescindible que alumnas e alumnos poidan dispor de accións formativas e informativas específicas (cursos, xornadas, seminarios), construídas e promovidas desde as institucións de ensino superior, sobre competencias relacionadas co correcto manexo das citas e a súa correspondente normativa, así como tamén a elaboración e o manexo de bibliografías.

En tanto que as cuestións e decisións relacionadas coa ética e honestidade do propio alumnado ante o plaxio académico desbordan calquera proposta de formación e/ou información, tamén haberá que ter moi presente o papel que o profesorado debe asumir como promotor da responsabilidade e da transmisión de actitudes correctas por medio do bo exemplo e as boas prácticas en relación co respecto e a valorización da propiedade intelectual, a importancia e as consecuencias de citar correctamente ou a magnitude e alcance do esforzo investigador. Non obstante, o persoal docente tamén debe recibir formación nesta liña, por medio dos plans de formación docente das universidades, que aborde  aspectos concretos relacionados co plaxio académico que preparen non só para mellorar a súa detección, senón tamén a súa prevención.

As medidas organizativas que se propoñen deben consistir en actuacións orientadas a evitar a comisión de plaxio; actuacións por parte do profesorado, como a achega de instrucións claras e precisas para o correcto desenvolvemento dos traballos académicos, máis control e supervisión no proceso de realización das tarefas (tanto na aula como nas titorías) e unha adecuación entre a carga de traballo que se solicita e o tempo do que o alumnado dispón para lle dedicar a cada materia (dado que o alumnado tamén atribúe a este factor a decisión de plaxiar información). Nesta liña, é fundamental aumentar e mellorar a coordinación entre o profesorado, de xeito que este poida adoptar actitudes de innovación docente, propoñéndolle ao alumnado traballos máis prácticos e motivadores. Outras suxestións do alumnado fan referencia ao desenvolvemento dunha normativa simplificada e unificada de citación e ao manexo de programas que faciliten a automatización na confección de citas e bibliografías.

En conclusión, as percepcións do alumnado das universidades galegas deixan patente que as prácticas de plaxio son unha realidade, polo que, ademais das vías de actuación indicadas, consideramos de grande importancia ampliar este estudo, recollendo máis datos no ámbito universitario (caso dos programas de doutoramento) e estendendo tamén a procura de información aos niveis académicos preuniversitarios.

Nota: A investigación foi financiada pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, baixo a concesión dun contrato co número de expediente 002/2019. As persoas que realizan o presente traballo son membros do equipo de investigación responsable da súa realización.

 

Bibliografía: 

 

 

Ennam, A. (2017). Systematic Analysis of the Effects of Digital Plagiarism on Scientific Research: Investigating the Moroccan Context - Ibn Tofail University as Case Study. Journal of Education and Practice, 8 (29), 133-141.

Hu, G. e Sun, X. (2017). Institutional policies on plagiarism: the case of eight chinese universities of foreign languages/international studies. System, 66, 56-68.  doi: http://dx.doi.org/10.1016/j.system.2017.03.015.

Jiménez, J. (2014). Apuntes sobre citas y referencias bibliográficas en el ámbito científico. Bibliotecas. Anales de Investigación, 10 (10),  204-213. Recuperado de: http://revistas.bnjm.cu/index.php/anales/article/view/4428.

Kokkinaki, A.; Demoliou, C. e Iakovidou, M. (2015). Students’ perceptions of plagiarism and relevant policies in Cyprus. International Journal for Educational Integrity, 11 (3), 1-11. doi:http:// dx.doi.org/10.1007/s40979-015-0001-7.

Losada-Puente, L.; Múñoz-Cantero, J. M. e Rebollo-Quintela, N. (2019). Plagio académico: medidas para evitarlo desde la perspectiva del alumnado. Actas XV Congreso Internacional Gallego-Portugués de Psicopedagogía. ISBN: 978-84-9749-726-8.

Miranda, A. (2013). Plagio y ética de la investigación científica. Revista Chilena de Derecho, 40 (2), 711-726. Recuperado de https://scielo.conicyt.cl/pdf/rchilder/v40n2/art16.pdf

Muñoz-Cantero, J. M.; Rebollo-Quintela, N.; Mosteiro-García, J. e Ocampo Gómez, C. I. (2019). Validación del cuestionario de atribuciones para la detección de coincidencias en trabajos académicos. RELIEVE, 25 (1), art. 4. doi: http://dx.doi.org/10.7203/relieve.25.1.13599.

Muñoz-Cantero, J. M. e Espiñeira-Bellón, E. M. (2019). Percepción del alumnado sobre el uso de las citas en la realización de trabajos académicos. Actas XV Congreso Internacional Gallego-Portugués de Psicopedagogía. ISBN: 978-84-9749-726-8.

Ochoa, S. L. e Cueva, L. A. (2016). Percepciones de estudiantes acerca del plagio: datos cualitativos. Revista Encuentros, Universidad Autónoma del Caribe, 14 (2), 25-41. doi: http://dx.doi. org/10.15665/re.v14i2.822.

Pérez, A. (2010). Empleo de citas y referencias bibliográficas en trabajos científicos. Documentación de las Ciencias de la Información, 33,  185-193. Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/DCIN/article/view/19604

Porto, A. M.ª; Mosteiro, M.ª J. e Gerpe, E. M.ª (2019). El plagio académico en la etapa universitaria: percepción del alumnado de educación. Actas XV Congreso Internacional Gallego-Portugués de Psicopedagogía. ISBN: 978-84-9749-726-8.

Rebollo-Quintela, N.; Espiñeira-Bellón, E. M.ª e Muñoz-Cantero, J. M. (2017). Atribuciones causales en el plagio académico por parte de los estudiantes. Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, Extr. (6), 192-196. doi: .

Sánchez, A. A.; Sánchez, L. M.; Méndez, J. C. e Puertas, C. A. (2013). Alfabetización académico-investigativa: citar, argumentar y leer en la red. Revista Lasallista de Investigación, 10 (2), 151-163. Recuperado de https://www.redalyc.org/pdf/695/69529816015.pdf

 

 

Sección: