Conecta Cultura
Beatriz Sampedro Ferreiro, profesora de ensino secundario da especialidade de Educación Física
Coordinadora do proxecto
bsferreiro@edu.xunta.es
Cristina González Piñeiro, profesora de ensino secundario da especialidade de Orientación Educativa
cristinagonzalez@edu.xunta.es
CPI do Toural (Vilaboa - Pontevedra)
Descrición do proxecto
CONTEXTUALIZACIÓN
O noso proxecto desenvolveuse enmarcado na convocatoria 2016-17 dos Plan Proxecta ofertados pola Consellería de Política Social, Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social, e coa colaboración dos técnicos da Asociación Diversidades. A temporización foi ao longo do todo o curso 2016-17 e estivo destinado ao alumnado de quinto e sexto de educación primaria e ao alumnado da ESO. Na elaboración dos produtos finais participou a totalidade do alumnado de educación infantil, primaria e ESO, profesorado e familias.
O noso centro, o CPI do Toural, conta cunha longa traxectoria na atención educativa ao alumnado de minorías étnicas. En concreto, un dos nosos sinais de identidade é a existencia dun importante número de alumnado procedente de Marrocos, o cal supón cerca do 11% da matrícula, e un número cada vez maior de alumnado de etnia xitana. Este feito sempre supuxo para nós un dos sinais de identidade, vivíndoo como riqueza e entendéndoo como un reto. O tipo de centro tamén determina as nosas actuacións. Por tratarse dun centro público integrado (CPI), temos convivindo no noso centro a alumnado desde os 3 anos ata os 16, o que supón un reto organizativo pero tamén unha riqueza. Permite levar a cabo actuacións transversais ao longo das tres etapas, poder facer unha avaliación do impacto das nosas actuacións a través do tempo, experimentar con estratexias como a aprendizaxe entre iguais e a titoría entre alumnado. Facilita tamén a coordinación interniveis e entre os profesionais que inciden nas diferentes etapas, o que permite un tratamento interdisciplinar e transversal dos proxectos.
Nesta realidade, o noso centro sempre camiñou na procura de estratexias, metodoloxías, actuacións, plans e programas que nos permitisen dar unha resposta educativa axeitada ás necesidades do noso alumnado nunha escola inclusiva. Isto sempre na procura de lles dar visibilidade ás diferentes culturas, de lles dar presenza no noso currículo e lograr a convivencia positiva nun espazo de interculturalidade.
O enfoque competencial centra as actuacións no desenvolvemento das competencias clave no alumnado. Para conseguilo, apostamos polo traballo por proxectos, onde o profesorado se converte en deseñador de situacións de aprendizaxe, de escenarios propicios para que o alumnado poida desenvolver as competencias. Esta traxectoria de traballo por proxectos foi clave para que a partir de outubro de 2015 o noso centro fose proposto pola Coordinadora Galega para formar parte da Rede de escolas asociadas á UNESCO.
OBXECTIVOS
O obxectivo xeral foi ofrecer un marco de reflexión e acción que dotase os profesionais que traballan no noso centro de ferramentas didácticas para a abordaxe positiva da multiculturalidade, co fin de convertela en interculturalidade.
- Obxectivos co alumnado:
a) Coñecer a realidade multicultural do seu contorno.
b) Adquirir valores que fomenten a convivencia harmónica dentro dun marco multicultural.
c) Concienciar sobre a discriminación e o racismo na nosa sociedade actual.
d) Desenvolver habilidades sociais a través de propostas de sensibilización respecto da diversidade cultural e aceptación das diferenzas individuais.
e) Fomentar os valores da convivencia para a construción de relacións sociais significativas e estables.
f) Desenvolver actitudes, coñecementos e destrezas necesarias para comprender distintas perspectivas culturais e adquirir estratexias de orientación culturalmente apropiadas.
- Obxectivos co profesorado:
a) Adquirir estratexias para adestrar habilidades psicosociais para a educación intercultural.
b) Identificar e analizar as «crenzas sociais» (prexuízos, estereotipos, temores presentes na comunidade educativa) que poden xerar actitudes, discursos e/ou prácticas discriminatorias e que, pola súa vez, poidan xerar conflitos manifestos ou latentes.
c) Manexar materiais e ferramentas didácticas axeitadas para o tratamento da interculturalidade fomentando a educación en valores, a igualdade de oportunidades e a loita contra a discriminación desde a sensibilización no ámbito educativo.
- Obxectivos coas familias:
a) Desenvolver liñas de traballo para favorecer a participación activa e conxunta do centro e as familias nas accións de diversidade cultural.
b) Favorecer a participación, formación, actividades e horarios que faciliten a implicación das familias nos proxectos de centro.
c) Ensinarlles aos pais e ás nais estratexias didácticas que poidan utilizar no fogar para axudar de forma efectiva os seus fillos nas súas etapas evolutivas e para establecer as condicións que favorezan o apoio no fogar.
RECURSOS E ESTRATEXIAS
Co profesorado
Na fase inicial tivo lugar un primeiro encontro do equipo directivo cos responsables e técnicos encargados do desenvolvemento do proxecto para concretar datas, presentar os recursos, organizar as actividades e deseñar a temporización. Neste espazo presentouse a ficha técnica do proxecto Conecta Cultura.
A participación dos titores e titoras foi determinante. Estableceuse no horario do profesorado titor unha hora semanal de coordinación. As oito horas dedicadas ás sesións formativas iniciais baseadas na metodoloxía acción-participación permitíronlle ao profesorado compartir os seus coñecementos e vivencias previas arredor da interculturalidade no ámbito educativo; nestas sesións recibiron ferramentas prácticas para a abordaxe da interculturalidade nas titorías a través de unidades didácticas para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e da ESO.
Para a intervención co alumnado
Na primeira fase de sensibilización traballouse desde a titoría (unha sesión semanal) a través das unidades didácticas. A metodoloxía utilizada foi a aprendizaxe cooperativa, co traballo organizado por equipos de traballo.
Material didáctico empregado: uso das unidades didácticas número 1: «Somos os mesmos?» e número 2: «A miña familia». Uso da guía didáctica, en formato físico e dixital en formato aberto.
Para a intervención coa comunidade educativa
- Familias:
As actividades dirixidas ás familias tiveron como principal obxectivo estreitar as relacións familia-centro e, polo tanto, fomentar o seu papel activo no proceso educativo. Sabiamos que a participación das familias no proxecto, sobre todo as familias de alumnado de minorías étnicas, sería fundamental para o logro dos noso obxectivos, a visibilización e a posta en valor das diferentes culturas que conviven nas nosas aulas.
Neste traballo era moi importante non esquecer a importancia da sensibilización das familias na transmisión dos valores que sustentan o noso proxecto. O obxectivo foi sensibilizalas en materia de interculturalidade e diversidade cultural brindando estratexias específicas para traballar estas temáticas no fogar.
- Servizos Sociais do Concello de Vilaboa:
Precisamos da colaboración das persoas que traballan estreitamente coas familias e o alumnado de minorías étnicas, sobre todo para organizar a participación activa nas diferentes actividades e fases do proxecto.
- Asociación Marroquí de Vilaboa:
Foi fundamental a súa colaboración para lograr a implicación da comunidade marroquí en Vilaboa, fomentando a participación directa das familias e, sobre todo, das nais marroquís como protagonistas indiscutibles na Festa das Culturas, xa que foron as encargadas de liderar o obradoiro de tatuaxe con henna e as encargadas da elaboración do té marroquí.
DESCRICIÓN DAS ACTIVIDADES
Despois da primeira fase de sensibilización e traballo ao redor da interculturalidade nas titorías, o noso centro optou pola elaboración de tres produtos finais:
a) Unha obra colectiva consistente na creación dun mosaico nunha das paredes exteriores do edificio na entrada ao centro co título Teselas pola igualdade.
O proxecto nace da proposta dun pai, Gerardo Rodríguez Ramos —de nome artístico Chere—, para a elaboración dun mosaico, contando coa participación de toda a comunidade educativa (alumnado das tres etapas, familias, profesorado, persoal non docente, mediadora intercultural, educadora familiar, Asociación Marroquí, técnicos de medio ambiente, o propio Concello de Vilaboa) co fin último de traballar a cooperación, inclusión e poñer en valor as diferentes culturas que coexisten no noso centro.
Comezou o proxecto cun deseño en papel do motivo e da mensaxe elixida para o mosaico. Este deseño debería facer referencia aos sinais de identidade das diferentes culturas que coexisten no noso centro e a mensaxe debería facer referencia ao respecto, igualdade e multiculturalidade. Unha vez decidido, foi proxectado na parede exterior do edificio, na porta de entrada, contando coa colaboración do departamento de Plástica Visual e Audiovisual para comezar a decoralo con teselas, pequenos anacos de azulexos, cerámica e porcelana que todos os membros da comunidade educativa foron unindo.
Dadas as características do proxecto, desenvolveuse ao longo de todo o curso 2016-17, dividindo as actuacións en tres fases:
- 1.ª fase: Deseño e planificación
Temporización: Primeiro trimestre. Data de inicio: 19 de setembro de 2016.
- Tarefas de investigación sobre a técnica do mosaico: orixe, técnica, materiais.
- Tarefas de investigación sobre o proceso de produción da cerámica e da porcelana.
- Tarefas de investigación do tratamento de residuos e impacto medioambiental dos residuos procedentes da antiga fábrica de porcelanas Pontesa no contorno das Salinas de Ulló, en Vilaboa.
- Tarefas de planificación por parte do profesorado das diferentes etapas e materias, así como o deseño do mosaico e da planificación do traballo.
- Coordinación dos diferentes departamentos implicados: Plástica Visual e Audiovisual, Lingua, Matemáticas, Música, Tecnoloxía…
- Contactos e xuntanzas de coordinación de todas as persoas implicadas a través dos diferentes órganos de representación: ANPA, Xunta de delegados, Servizos Sociais do Concello de Vilaboa, Asociación Marroquí, comunidade xitana, técnicos de medio ambiente do Concello de Vilaboa.
- Busca de materiais: restos de azulexos, porcelanas, cerámicas, contacto coa fábrica de Sargadelos.
- Crear o deseño en papel, coa participación de toda a comunidade educativa. O deseño debería recoller elementos das diferentes culturas. Optamos por unha diversidade de mans, que ao final están unidas e suxeitando o lema do mosaico.
- Elixir as palabras claves ou frase que aparecería no mosaico. A frase elixida foi “Mellores persoas para o mundo”, que recolle a idea de que o noso centro non pretende formar os mellores do mundo senón as mellores persoas para o mundo.
- 2.ª fase: Elaboración do mosaico na parede exterior do centro
Temporización: Segundo trimestre
- Proxección do deseño en papel sobre a parede elixida.
- Rotura das pezas de azulexo, cerámica e porcelana en anacos pequenos por parte do alumnado e clasificación das pezas por cores.
Obtención e clasificación das teselas por cores
- Pegado das pezas segundo o deseño. Cada curso fixo unha das mans do deseño. Cada man debería representar á diversidade.
Man deseñada polo alumnado marroquí. A man de Fátima
- Realización dun vídeo en formato curto, que documentou a elaboración do proxecto.
- 3.ª fase: Finalización do mosaico e inauguración
Temporización: Terceiro trimestre
Coincidindo coa celebración anual no noso centro da Festa das Culturas, coincidindo tamén co Día da Diversidade Cultural, o 21 de maio, aproveitamos a presenza no centro das familias, presidente da Asociación Marroquí, representantes do Concello, Coordinadora das Escolas UNESCO, para rematar a elaboración do mosaico. Esta festa foi unha oportunidade para a convivencia de todas as persoas implicadas.
O presidente da Asociación Marroquí participando na elaboración do mosaico
A inauguración do mosaico realizouse no acto de inauguración do curso académico 2017-18 coa actuación da Banda de Música da Escola Municipal de Música de Vilaboa. Actualmente, este deseño é utilizado como logo do centro, reflexo da nosa identidade, do feito que nos caracteriza e guía as nosas actuacións educativas: a multiculturalidade.
O mosaico rematado, logo do noso centro
b) Elaboración dun produto audiovisual, Teselas pola igualdade, que recolleu o proceso de creación da obra colectiva Teselas pola igualdade. Este produto audiovisual permitiu unha visibilización e difusión da experiencia entre toda a comunidade educativa e contribúe á difusión das boas prácticas entre profesionais. Así mesmo, buscamos a implementariedade do proxecto dentro do noso Concello, compartíndoo co Concello de Vilaboa, a través da Concellería de Cultura, Concellería de Asuntos Sociais e os outros dous centros educativos de Vilaboa (o CEP Plurilingüe de Riomaior e o CRA de Vilaboa), a Casa de Cultura de Vilaboa e todas aquelas asociacións que o soliciten.
c) Celebración da Festa das Culturas. Trátase da celebración dunha xornada de convivencia para toda a comunidade educativa cuxo obxectivo principal é visibilizar e poñer en valor as diferentes culturas existentes no noso centro e crear un espazo de convivencia. As actividades desenvolveranse no exterior do edificio o día 21 de maio de 2017 de 17.00 a 20.00 horas.
Aproveitamos a xornada de convivencia para invitar a toda a comunidade educativa a participar na elaboración da obra colectiva Teselas pola igualdade, coordinados por Gerardo Rodríguez. A presenza ese día de toda a comunidade educativa permitiu levar a cabo o pegado de teselas por parte dos diferentes representantes: os técnicos da asociación Diversidades, presidente da Asociación Marroquí, nais e pais marroquís, as familias xitanas, persoal do Concello de Vilaboa, Coordinadora das Escolas Unesco en Galicia, persoal non docente e familiares do alumnado.
- Organizáronse tamén diferentes obradoiros para fomentar as interaccións:
- Obradoiro de Marroquinería: Para aprender a traballar o coiro, a través da elaboración dunha «bolsa de Xudas», colares ou pulseiras. Obradoiro coordinado por Lucía Arosa, nai dunha alumna.
- Obradoiro de Arte Urbana: Participación na decoración do muro de contención exterior. Unha alumna de Belas Artes coordinou o deseño e pintura do muro.
- Cinta de equilibrio: Unha oportunidade para poñer a proba o equilibrio.
- Obradoiro de Tatuaxe con Henna: Coa henna, produto natural utilizado en moitas culturas, as nais marroquís encargáronse de “tatuar” os participantes.
- Obradoiro de Cultura Galega: Pasos básicos do baile tradicional galego, música e instrumentos tradicionais, coordinado pola profesora Liliana Carro.
- Obradoiro Lúdico de Tinguido: Tinguimos unha camiseta ou complementos (bolsa, pano) elixindo as cores e o deseño.
- Obradoiro Lúdico de Maquillaxe: Obradoiro de maquillaxe a cargo de Miguel Ferreiro, ex-alumno do centro e estudante do ciclo de Estética Persoal Decorativa.
Nesta xornada de convivencia, as diferentes culturas presentes no noso centro visibilizáronse coas seguintes actividades:
- Elaboración segundo a receita tradicional e degustación do té marroquí a cargo das nais marroquís.
Elaboración do té a cargo das nais marroquís
- Elaboración e degustación do café segundo a tradición xitana. Na cultura xitana, os temas importantes trátanse ao redor dun café. É unha expresión de amizade de gran significado para a comunidade xitana. A receita non pode ser máis sinxela: ferver a auga nunha ola e, cando rompe a ferver, engadir o café. Deixar repousar, coar e tomar ben doce.
A importancia do café na cultura xitana
METODOLOXÍA
O enfoque competencial presenta, como obxectivo final do proceso educativo, desenvolver no alumnado as competencias clave, aquelas que todas as persoas precisan para a súa realización e o seu desenvolvemento persoal, así como para exercer a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego. Debemos potenciar desde a escola a aprendizaxe por competencias, facendo novas propostas metodolóxicas innovadoras. A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase pola súa transversalidade, o seu dinamismo e o seu carácter integral, polo que o proceso de ensino e aprendizaxe competencial débese abordar desde todas as materias de coñecemento e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais coma nos non formais e informais. O traballo por proxectos preséntase así como a forma de ofrecer contextos e situacións de aprendizaxe que posibiliten o desenvolvemento das competencias clave. Unha metodoloxía activa e participativa con proxectos deseñados de xeito transversal a través das tres etapas educativas presentes no noso centro e coa implicación e participación de cada área e materia contribuíndo de xeito igualitario á consecución do desenvolvemento das competencias básicas.
Os valores da cooperación e da solidariedade que se fomentan en todos os momentos da transformación dunha comunidade de aprendizaxe facilita que todas as persoas teñan posibilidades de conseguir as aprendizaxes requiridas na actual sociedade. É especialmente importante recalcar que as altas expectativas son un elemento imprescindible para que esta transformación sexa unha realidade. O centro educativo convértese así no centro de aprendizaxe de toda a comunidade, máis alá das tarefas escolares. O desenvolvemento da autoestima das minorías étnicas lógrase a través da visibilización no centro da súa realidade. Darlles voz de forma igualitaria a todas as persoas aumenta a súa participación e implicación na vida do centro. É necesario sensibilizar sobre a igualdade de dereitos de todas e todos para acceder a todos os procesos formativos.
A aprendizaxe cooperativa é unha proposta de innovación metodolóxica pola que levamos anos apostando no noso centro. Hai competencias que non se poderán practicar e, polo tanto, aprender se os alumnos non teñen oportunidade de traballar xuntos, en equipo, dentro da clase. É o caso de varias competencias comunicativas (como escoitar as ideas alleas, aceptar e realizar críticas construtivas, poñerse de forma empática no lugar do outro, respectar opinións distintas das propias, expresar, argumentar e interpretar pensamentos, sentimentos, feitos....) e competencias sociais (como practicar o diálogo e a negociación para resolver conflitos, traballar en equipo achegando o que un sabe xunto ao que saben os demais para resolver xuntos problemas comúns...). Facer as nosas aulas inclusivas e que nelas poidan aprender xuntos alumnos diferentes, estruturando nelas a aprendizaxe de forma cooperativa, propiciando os valores e principios que inspiran o cooperativismo tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. Utilizar unha estrutura da actividade nas aulas que asegure ao máximo a participación equitativa e que aproveite ao máximo a interacción simultánea entre o alumnado, coa finalidade de que todos os membros do equipo aprendan os contidos escolares (cada un ata o máximo das súas posibilidades) e ademais aprendan a traballar en equipo de xeito cooperativo.
AVALIACIÓN
Avaliación inicial
- A presenza da multiculturalidade nas aulas do noso centro remóntase ao final dos anos oitenta. Esta traxectoria fai que esta realidade estea normalizada entre o alumnado e o profesorado.
- A pesar de ter asumida esta realidade, como parte dos sinais de identidade do centro por parte da comunidade educativa, existe certo descoñecemento da cultura de procedencia do noso alumnado (costumes, relixión, familia, crenzas, lingua...) por parte do profesorado e do resto de alumnado.
- Dada a provisionalidade de parte do profesorado do centro, detectamos a necesidade de informar e formar cada curso o profesorado de nova incorporación sobre a necesidade de traballar a interculturalidade nas aulas.
- Respecto da análise da presenza das diferentes culturas no currículo e nas programacións, cómpre dicir que o centro desenvolve desde hai anos actividades interculturais, pero é moi interesante programar este tipo de actividades polo valiosas que son para visibilizar e difundir a importancia da interculturalidade entre a comunidade educativa.
Indicadores:
• Partimos do coñecemento das ideas previas do alumnado e profesorado participante a través dunha actividade por equipos, coa técnica do folio xiratorio.
• Análise do clima de convivencia do centro. Partes de incidencia, tipos de conflitos existentes etc.
• Analizar en que medida están presentes as diferentes culturas no currículo e nas programacións.
• Cuestionario inicial ás familias.
Avaliación continua
Indicadores:
• Despois de cada actividade a través dun sinxelo cuestionario ao alumnado participante.
• Seguimento das actividades a través das sesións de coordinación semanais do profesorado titor co equipo directivo e os técnicos encargados do proxecto cando sexa necesario.
• Grao de implicación e participación nas actividades.
A avaliación levada a cabo despois de cada actividade ofreceu interesantes datos. Observamos que o alumnado participou máis activamente e con máis motivación nas actividades tipo xogo de rol, actividades nas que se tiñan que poñer no lugar do outro e vivir na súa propia pel aquelas situacións que, ás veces, sofren outros. Houbo que incidir máis na motivación e participación nas actividades nas que tiveron que falar da súa realidade, custándolles moito expresar e falar do que pensan e senten.
Avaliación final
Indicadores:
• Grao de participación do alumnado. Número de alumnos participantes.
• Grao de participación do profesorado. Número de profesores participantes.
• Grao de participación das familias. Número de familias que participan directamente e grao de implicación.
• Calidade dos produtos finais elaborados.
• Implementariedade e visibilidade do proxecto.
• Análise da mellora do clima de convivencia do centro.
• Aumento da presenza e tratamento da multiculturalidade no currículo e programacións.
• Grao de participación do alumnado
- As unidades didácticas traballáronse principalmente co alumnado de quinto e sexto de educación primaria e co alumnado de primeiro e segundo da ESO. Con terceiro e cuarto da ESO foi máis difícil introducir as actividades de interculturalidade por teren actividades xa programadas no Plan de acción titorial.
- A participación do alumnado na elaboración dos produtos finais diferiu segundo a actividade: na elaboración do mosaico, participou o 100 % do alumnado xa que se programaron, nalgún momento do curso, sesións de traballo con todos os cursos nas diferentes fases do proxecto. Na festa das culturas, por tratarse dunha actividade voluntaria, fóra do horario lectivo, non participou todo o alumnado, pero detectamos un aumento con respecto á participación no curso anterior.
• Grao de participación do profesorado
- O grao de participación foi diferente dependendo moito da materia. Houbo unha maior participación do profesorado titor e do profesorado que imparte a materia de Valores Éticos na ESO.
• Grao de participación das familias
- Na Festa das Culturas foi maioritaria a participación de familias marroquís e xitanas, cun aumento respecto do curso pasado na participación do resto de familias e, por conseguinte, tamén un aumento no número de alumnado.
- Grazas a este feito, a presenza nesta xornada de convivencia das familias marroquís e xitanas, a ANPA do centro entendeu a necesidade de achegamento da asociación de pais e nais a estas familias porque se deu de conta de que estas familias non tiñan representación na ANPA. Como consecuencia, a ANPA convocou unha xuntanza informativa para as familias marroquís e contou coa colaboración da mediadora intercultural do Concello de Vilaboa.
- Observamos tamén unha maior participación destas familias na vida do centro (nas actividades programadas, contacto co profesorado, implicación nos órganos de participación...).
• Implementariedade e visibilidade do proxecto
- O mosaico converteuse no noso logo, nunha imaxe que recolle a finalidade do noso traballo: non pretendemos formar os mellores do mundo, queremos formar as mellores persoas para o mundo, educando na tolerancia e o respecto por todas as persoas que formamos unha estrutura social cada vez máis diversa.A imaxe do mosaico tamén foi utilizada este curso no pasaporte solidario creado para que o alumnado rexistre a súa participación nas actividades deseñadas dentro do proxecto Comprométete que está enmarcado no Plan Proxecta Rede de centros solidarios.
- O programa Conecta cultura pode desenvolverse en calquera centro, pero as actividades e os produtos finais deben de partir da realidade, das necesidades e características de cada centro.
CONCLUSIÓNS
É necesario contar coa participación das familias do alumnado de minorías étnicas no contexto escolar para xerar un clima de convivencia intercultural na escola. A escola ten que deseñar propostas que axuden a visibilizar e poñer en valor as culturas minoritarias dándolle presenza tamén no currículo. A educación intercultural precisa dun enfoque competencial co deseño de propostas educativas activas e de diversidade cultural, que lle permitan ao alumnado o desenvolvemento de destrezas como a capacidade de comunicarse dun xeito construtivo en distintos ámbitos sociais e culturais, mostrar tolerancia, expresar e comprender puntos de vista diferentes e sentir empatía sendo capaces de xestionar un comportamento de respecto ás diferenzas.
BESALÚ, X.; VILA, I. (2007): La buena educación: Libertad e igualdad en la escuela del siglo. Madrid: Ministerio de Educación e Ciencia.
CIDE (2004): La atención al alumnado inmigrante nuevo en el sistema educativo en España. Madrid: Ministerio de Educación e Ciencia.
DÍEZ PALOMAR; FLECHA GARCÍA (2010): «Comunidades de aprendizaje», Revista Interuniversitaria de Formación de Profesorado, 67(24,1). Zaragoza.
DÍAZ–AGUADO, M. J. (1986): El papel de la interacción entre iguales en la adaptación escolar y el desarrollo social. Madrid: CIDE.
DÍAZ–AGUADO, M. J. (2006): Educación intercultural y aprendizaje cooperativo. Madrid: Pirámide.
ESSOMBRA, M. et alii (1999): Construir la escuela intercultural. Barcelona: Graó.
FRANZÉ MUNDANÓ (2008): «Diversidad cultural en la escuela. Algunas contribuciones antropológicas». Revista de Educación, pp. 111-132.
GALLEGO LÓPEZ, B. (2010): «Planes y programas de escolarización y enseñanza de L2 a niños y jóvenes inmigrantes en España», Revista electrónica de didáctica, vol. 1(2), pp. 62-89.
JORDÁN SIERRA, Juan Antonio. «Educar para la convivencia intercultural», Aula Intercultural. El portal de la educación intercultural
SANTOS REGO, M. A. (1994): Teoría y práctica de la educación intercultural. Santiago de Compostela: PPU.
SASTRE, G.; MORENO, M. (2002): Resolución de conflictos y aprendizaje emocional. Una perspectiva de género. Barcelona: Gedisa.
SERRAT, A. (2002): Resolución de conflictos. Una perspectiva globalizadora. Barcelona: Cisspraxis.
SORIANO AYALA, E. (1997): «Análisis de la educación multicultural en los centros educativos de la comarca del poniente almeriense», Revista de Investigación Educativa, vol.15, núm. 1, pp. 43-67.
XUNTA DE GALICIA (2005): Plan de acollida. Orientacións para a súa elaboración. Materiais de apoio ao profesorado para a atención educativa ao alumnado procedente do estranxeiro. PDF descargable. 40 pp.