A xeración de concertos de música clásica no século XXI. Galicia como obxecto de estudo
Marta Sancho Andrés
Profesora de Clarinete
Conservatorio Profesional de Música de Vigo
marsanan@edu.xunta.es / msanchoclarinet@gmail.com
Introdución
É coñecido por todos que no ámbito da música clásica tanto os intérpretes coma os estudantes e o profesorado senten hoxe en día certa inquietude sobre o devir das súas profesións.
En realidade non lles falta razón e, para explicalo, ninguén mellor ca o escritor e ensaísta italiano Alessandro Baricco, o cal resume moi ben esta nova inestabilidade na seguinte frase: “a música culta era a expresión dun sistema social e filosófico en si mesmo terminado e resolto. A modernidade é un non-sistema cuxa regra é a indeterminación, a provisionalidade e a parcialidade.” (Baricco, 2008, p. 39).
Nós estamos totalmente de acordo con esta cita pero, con todo, non estamos seguros de poder afirmar que a modernidade estea a facer desaparecer a música clásica. Máis ben cremos que é a nosa actitude paralizada ante esta nova incerteza a que está a provocar ese medo á desaparición xa que, malia o sistema filosófico e social do que fala Baricco non existir xa, si existe unha necesidade constante da sociedade ao longo da historia de acompañar a súa vida de música, e iso é algo que parece que os profesionais deste sector están a esquecer na actualidade. Por este motivo non vén mal lembrar aquí a seguinte frase do neurólogo estadounidense Daniel J. Levitin, o cal afirma que “desde o punto de vista histórico, e especialmente desde o evolutivo, a música formou parte das actividades sociais” (Levitin, 2015, p. 261).
Así pois, e con base en todo o anterior, estamos convencidos de que a modernidade non pode anular a música clásica desde o mesmo momento no que haxa persoas interesadas en difundila, e é por este motivo polo que decidimos realizar o presente traballo de investigación, para reflectir en cifras e de forma concreta cal é exactamente a realidade actual ao redor deste tema.
Metodoloxía
Para levar a cabo este traballo decidimos acoutar a área de estudo á Comunidade Autónoma de Galicia, de forma que as conclusións resultantes foran nun espazo concreto e puideran servir de punto de partida para posibles comparativas posteriores, tanto co resto de comunidades autónomas coma con outros países, ademais de información útil e específica para os profesionais da música e do público en xeral.
Unha vez acoutada a nosa investigación, procedemos a comparar cal é a actividade cultural na rexión que nos ocupa con respecto á media nacional, o que nos permitiu elaborar as devanditas conclusións a partir da análise dos datos resultantes.
Posteriormente, e para que quede constancia dos entes xeradores de concertos que existen en Galicia na actualidade, elaboramos un catálogo destes que supuxo unha recompilación obxectiva de datos na que non nos deixamos influír por ningún tipo de tendencia, discriminación ou omisión e, polo tanto, calquera tipo de lagoa dentro desta investigación será única e exclusivamente por descoñecemento da súa autora.
Por último, en canto á metodoloxía se refire, quédanos dicir que para a realización deste traballo foi moi importante a procura de datos a través de Internet, tanto nas páxinas oficiais e redes sociais dos entes xeradores de concertos, coma nas pertencentes aos medios de comunicación e ás páxinas oficiais do Estado e da Xunta de Galicia.
Análise da datos
Galicia conta na actualidade cun total de 38 entes xeradores de concertos de música clásica profesionais ou con actitude profesional (entendendo por actitude profesional aquel enfoque de traballo de calidade que xa non ten que ver co ensino á mocidade e que involucra unha retribución non superior a unhas axudas de custo para os músicos). Deles, tres son asociacións de amigos da ópera, cinco son bandas profesionais de música, hai oito festivais e ciclos de concertos, tres ensambles, cinco museos e fundacións que organizan ciclos de concertos, seis orquestras sinfónicas e oito sociedades filharmónicas (véxase o catálogo de entes xeradores de concertos en Galicia na actualidade elaborado no anexo deste artigo).
Esta listaxe de entidades pode parecer nun principio unha ampla oferta cultural no ámbito que nos ocupa pero, se nos fixamos ben, podemos observar que as súas sedes non están repartidas de forma equitativa por todo o territorio galego, polo que a súa actividade non chega por igual a todos os recunchos desta comunidade autónoma. Así pois, cinco destas entidades teñen a súa sede en Ourense, seis na provincia de Lugo, once na provincia de Pontevedra, quince na de Coruña, e unha última entidade que, malia ter a súa sede na provincia da Coruña, desenvolve a súa actividade por toda Galicia xa que ofrece os seus concertos en distintos lugares relevantes do patrimonio galego (Festival Espazos Sonoros).
Estes datos demostran, polo tanto, que a provincia da Coruña é a que máis actividade musical ofrece de forma rotunda, e o que nos chama especialmente a atención é a cantidade de orquestras sinfónicas, de cámara, museos e fundacións que organizan ciclos de concertos nela xa que, das seis orquestras enumeradas no noso catálogo, catro pertencen a esta provincia, e no referente aos museos e fundacións, dos cinco que rexistramos, tres teñen a súa sede tamén aquí (véxase o anexo).
De todos os xeitos, non debemos continuar sen antes poñer de manifesto que, demograficamente, a provincia da Coruña é a que conta cun maior número de habitantes, seguida da de Pontevedra, e a bastante distancia destas dúas as de Lugo e Ourense, polo que ten sentido que a oferta cultural sexa maior onde reside máis poboación (INE - Padrón municipal de habitantes).
Imos comprobar a continuación se isto se corresponde coa asistencia a concertos por parte do público:
Persoas segundo a frecuencia de asistencia a espectáculos musicais
(moderna, clásica, ópera…) por provincias
Fonte: IGE - Persoas segundo a frecuencia de asistencia a espectáculos musicais (moderna, clásica, ópera)
Como podemos observar no gráfico, pódese corroborar o que comentamos en parágrafos anteriores na provincia da Coruña, a cal conta cunha maior actividade cultural e poboación e, polo tanto, cunha maior afluencia de público, seguida da de Pontevedra. Pola contra, a unha ampla distancia delas temos as outras dúas provincias, e aquí podemos ver como Ourense a pesar de ter menos poboación e entes xeradores de concertos que Lugo, ten máis afluencia de espectadores.
Por outra banda, podemos percibir tamén de forma moi clara como o número de persoas que asisten algunha vez ao mes a espectáculos musicais nestes últimos anos aumentou en todas as provincias e sobre todo, de forma moi considerable en Ourense (onde case triplicou os valores do ano 2006), o que volve poñer o punto de mira nesta provincia en canto ao gusto pola música en directo por parte do público se refire. Con todo, e como apuntamento negativo, debemos comentar que o número de persoas que aparecen no gráfico é moi baixo e que, polo tanto, poñen de relevo que este tipo de audiencia é minoritaria.
Por este motivo, e para poder contextualizar e saber con exactitude se estas cifras son positivas ou negativas, imos comparalas coa media nacional, para o que incluiremos aquí información que o Consello da Cultura Galega redactou nun estudo publicado en xaneiro de 2016 que di que “en Galicia un 31,9 % da poboación asiste a concertos, fronte a un 29,2 % no conxunto de España” (Consello da Cultura Galega, 2016, p. 31).
Así pois, e unha vez contextualizados, podemos afirmar que estes datos son máis positivos para a rexión que nos ocupa do que criamos, pero é importante que fagamos unha matización que este mesmo documento tamén pon de manifesto e que apunta o seguinte: “esta cifra é bastante inferior con respecto ao período 2010-2011, principalmente en Galicia, onde un 36,5 % asistía a algún tipo de concerto, mentres que no conxunto de España só descendeu un punto porcentual con respecto a este período” (Consello da Cultura Galega, 2016, p. 31).
Deste xeito, e para unha mellor avaliación destas cifras, imos proceder a continuación a estudar con detalle as distintas epígrafes que conforman os datos globais anteriores do Consello da Cultura Galega e do Instituto Galego de Estatística, realizando unha análise exhaustiva de todas as variables relacionadas coa música clásica publicadas por esta última institución, para detectar os aspectos positivos e negativos de cada unha delas de forma máis específica.
Comezaremos, en primeiro lugar, comprobando que sucede coas salas de concerto:
Salas de concerto e espazos escénicos entre 2003 e 2016
Fonte: MECD - Salas de concerto e espazos escénicos
Como podemos observar, as salas de concerto e os espazos escénicos incrementaron de forma considerable o seu número nestes últimos anos, cun aumento espectacular de once salas entre 2005 e 2006.
De todos os xeitos, aínda vendo aquí unha tendencia á alza, os datos que ofrecemos non deixan de ser datos illados polo que, para contextualizalos, imos proceder a comparalos cos do territorio nacional.
Para iso utilizaremos as cifras que publica o Instituto Galego de Estatística sobre o ano 2016, nas que vemos que Galicia conta con 31 salas de concerto e España con 541 (MECD - Salas de concerto e espazos escénicos). En canto a poboación, utilizaremos a fonte datosmacro.com que nos di que Galicia pechou o ano 2016 con 2 710 607 habitantes (Datosmacro - Poboación Galicia) e España con 46 528 966 (Datosmacro - Poboación España).
O resultado que obtemos despois dun pequeno cálculo matemático é que en Galicia hai unha sala de concertos por cada 87 438,93 habitantes e en España unha por cada 86 005,48, así que malia obtermos un resultado peor na comunidade autónoma obxecto de estudo ca no territorio nacional, vemos que a diferenza entre un dato e outro non é moi alta.
Continuamos agora comprobando a evolución na creación de bandas de música, coros e orquestras sinfónicas:
Número de bandas, coros e orquestras sinfónicas entre 2004 e 2016
Fonte: MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo
Neste caso podemos ver que as grandes agrupacións musicais en Galicia gozaron de moi boa saúde nestes últimos anos e incrementaron todas elas o seu número con respecto ao ano 2004 e, como é tradición en España, os coros e as bandas de música son os máis numerosos. Concretamente, e centrándonos na súa progresión, vemos que os coros aumentaron o seu número de forma gradual, cunha pequena diminución no ano 2016, pero no caso das bandas de música chámanos especialmente a atención o aumento repentino que se produciu entre os anos 2009 e 2010 cando pasaron de ser unicamente 57 a ser 100 (case duplicaron o seu número).
No que se refire ás orquestras sinfónicas, non se ve con moita claridade no gráfico pero aumentaron de seis, que era as que había en 2004, a nove en 2016. Este incremento é positivo e moi importante xa que en España non hai unha tradición orquestral coma a que si hai no resto de Europa polo que, aínda sendo un número bastante baixo, a súa evolución é esperanzadora.
Por último, neste gráfico non incluímos as agrupacións líricas xa que non houbo ningunha ata o ano 2015 e, aínda que esta agrupación se mantivo no ano 2016, neste campo queda moito por facer. (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo).
Imos proceder a continuación a comparar os datos anteriores cos nacionais.
Comezaremos polas bandas de música. Segundo publica o Instituto Galego de Estatística na súa páxina web, no ano 2016 Galicia contaba con 99 e o territorio español con 1519. (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo).
Utilizando os mesmos datos demográficos que nos proporciona a fonte datosmacro.com, chegamos á conclusión de que en Galicia hai unha banda de música por cada 27 379,86 habitantes, e en España unha por cada 30 631,31. Como vemos, o resultado neste caso é moito mellor na Comunidade Autónoma de Galicia ca no territorio nacional xa que ten máis bandas por habitante, o cal ratifica o que popularmente é moi coñecido na sociedade galega e pon de manifesto a importancia que se lle dá a este tipo de agrupacións nesta rexión.
Imos ver agora que sucede cos coros. Segundo a mesma fonte, vemos que en 2016 Galicia contaba con 271 coros e España con 2627 (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo). Realizando o mesmo cálculo matemático, obtemos que na comunidade autónoma que nos ocupa existe un coro por cada 10 002,23 habitantes e en España, un por cada 17 711,82 habitantes. Neste caso o resultado é espectacular xa que, como podemos ver nos datos resultantes, a diferenza de cifras é moi alta, é dicir, para o mesmo número de habitantes Galicia ofrece 1,77 coros e España 1.
Continuamos agora coas orquestras sinfónicas e, baseándonos de novo nas cifras publicadas polo Instituto Galego de Estatística, vemos que en 2016 Galicia contou con nove mentres que en España había 191 (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo). Se realizamos a mesma comparativa ca nas agrupacións anteriores, vemos que neste caso en Galicia hai unha orquestra sinfónica por cada 301 178,55 habitantes e en España hai unha por cada 243 607,15 habitantes. Neste caso, a rexión obxecto do noso estudo atópase en bastante mal lugar e debe mellorar a súa aposta por este tipo de entidades.
Imos continuar agora observando que sucedeu neste mesmo período de tempo coas agrupacións e orquestras de cámara:
Agrupacións e orquestras de cámara entre 2004 e 2016
Fonte: MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo
Como podemos observar, o resultado non é nada bo xa que as pequenas agrupacións diminuíron drasticamente o seu número nos últimos anos tal e como podemos observar no gráfico anterior. Por outra banda, o que nos chama sobre todo a atención é o descenso que se produce entre os anos 2009 e 2010 no que se refire ás agrupacións de cámara, as cales pasaron de 71 a 16, algo que contrasta enormemente co que sucedeu nestes mesmos anos coas bandas de música, as cales case duplicaron o seu número.
Para completar o noso estudo neste ámbito, imos comparar de novo estes datos cos de España.
No caso das agrupacións de cámara, vemos que en 2016 Galicia contaba con 20 e España con 359 (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo). Se realizamos o cálculo matemático para comparalo demograficamente co territorio nacional, vemos que esta comunidade autónoma tiña nesta data unha agrupación de cámara por cada 135 530,35 habitantes, e o país unha por cada 129 607,14. Como vemos, non é un bo dato porque Galicia ofrece menos agrupacións deste tipo por cada habitante, aínda que a diferenza non é moi alta.
Por último, no que se refire ás orquestras de cámara, e sempre segundo a mesma fonte, en 2016 Galicia contaba con catro e España con 124 (MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo), polo que esta comunidade autónoma ofrecía nesa data unha orquestra de cámara a cada 677 651,75 habitantes, e España unha a cada 375 233,59. Como podemos observar, este resultado é moi negativo, xa que para o mesmo número de habitantes Galicia ofrece unha orquestra de cámara fronte ao territorio nacional que ofrece 1,80, polo que podemos concluír afirmando que a oferta cultural no que a orquestras de cámara se refire é moi escasa na comunidade autónoma que nos ocupa.
Conclusións
A partir dos datos analizados na epígrafe anterior, podemos comezar as presentes conclusións afirmando que en Galicia existe gusto crecente por parte do público no que se refire á asistencia a concertos de música clásica en todas as provincias. De todos os xeitos, tal e como comprobamos, tamén é certo que o público que asiste a estes é minoritario e nese sentido o Observatorio da Cultura Galega corrobora esta información reflectindo na súa páxina web o seguinte:
En xeral, podemos afirmar que a música clásica, e particularmente a asistencia a concertos ou representación dous diferentes xéneros musicais que podemos englobar baixo esta etiqueta, esperta pouco interese na gran maioría dos galegos. Aproximadamente tres cuartas partes dos enquisados declaran que non van nunca ou case nunca a concertos deste tipo. A distribución territorial dista moito de ser homoxénea. Se observamos as diferenzas podemos constatar facilmente como a asistencia a concertos de música clásica é unha actividade eminentemente urbana. (OCG - Hábitos culturais dos galegos referentes á música clásica).
Así pois e con base ao exposto anteriormente, podemos dicir que as posibles solucións para cambiar esta tendencia tan pouco esperanzadora que apunta o Observatorio da Cultura Galega as atoparemos na análise de datos concretos ofrecidos na epígrafe anterior e que desenvolveremos a continuación a modo de conclusións.
No que se refire ao número de salas de concerto, comprobamos que, malia iren en aumento en Galicia ao longo dos últimos anos, aínda seguen por baixo da media española. De todos os xeitos, a distancia non é demasiado elevada, polo que non habería que facer un grande esforzo para alcanzar este cociente e a solución podería darse nun futuro próximo se se mantén a tendencia de crecemento que se produciu ata a actualidade.
Con respecto ás agrupacións líricas, tal e como xa comentamos na análise de datos do presente artigo, na actualidade soamente existe unha, polo que este campo se atopa aínda sen desenvolver.
En canto ás bandas de música, os resultados obtidos sorprendéronnos gratamente xa que o número destas entidades en Galicia supera a media nacional e, aínda que non é unha distancia demasiado alta, si é o suficiente como para congratularse e pensar nunha mellora ou consolidación do xa existente. De todos os xeitos, e grazas ao estudo pormenorizado que realizamos nesta investigación, podemos afirmar que, a pesar de que os datos anteriores demostran que na comunidade autónoma obxecto de estudo hai un alto grao de gusto por parte do público con respecto á oferta musical que xeran as devanditas agrupacións, soamente cinco destas bandas de música son profesionais ou con actitude profesional (véxase o anexo).
Centrándonos agora nas orquestras sinfónicas, podemos dicir que, malia aumentaren o seu número nos últimos anos, aínda seguen moi por baixo da media española, algo que coincide co sentir do profesorado de corda dos conservatorios, o cal habitualmente pon de manifesto que o seu estudantado ten moitas menos posibilidades de formar parte de agrupacións musicais ca os seus compañeiros de vento e percusión, o cal fai que desenvolvan de forma máis tardía a aprendizaxe de certas competencias básicas. Con todo, e comparando os datos ofrecidos no gráfico 3 do presente traballo de investigación co catálogo de entes xeradores de concertos en Galicia que realizamos (anexo), podemos afirmar que das nove orquestras sinfónicas contabilizadas polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte, seis son profesionais ou con actitude profesional, algo que pon de manifesto un bo traballo ao redor deste sector na comunidade autónoma obxecto de estudo.
Por último, e en relación coas grandes agrupacións, o dato que máis nos sorprendeu é o dos coros, os cales superan con fartura en Galicia a media do país, tal e como analizamos no presente artigo. Deste xeito, para o mesmo número de habitantes, Galicia ofrece 1,77 coros e España un, é dicir, a rexión obxecto de estudo case alcanza o dobre ca a media nacional. Pero detrás deste dato tan bo, agóchase algo amargo: tal e como podemos comprobar no anexo do presente artigo, a comunidade autónoma que nos ocupa non conta na actualidade con ningún coro profesional ou con actitude profesional.
Cambiando agora o noso obxecto de estudo e centrándonos nas pequenas agrupacións e nas orquestras de cámara, podemos dicir que ningunha das dúas goza de boa saúde en Galicia na actualidade. As primeiras, aínda que se achegan á media nacional víronse reducidas de forma drástica nos últimos anos, e as segundas están moi por baixo da media española (por cada orquestra de cámara en Galicia, España achega 1,80 ao mesmo número de habitantes), algo que nos chama a atención, posto que este tipo de agrupacións requiren dun orzamento moito máis baixo cas grandes formacións e polo tanto permiten achegar a música clásica de forma máis económica a un maior número de poboacións e tamén aos centros educativos, onde realmente se atopa o noso público do futuro.
En conclusión, e como puidemos comprobar nesta investigación, os datos analizados ratifican a idea que reflectimos na introdución do presente artigo na que comentabamos que a modernidade non está a facer desaparecer a música clásica. Con todo, si hai que analizala e coñecela para poder evolucionar e traballar a partir da realidade actual, polo que para enfrontarnos a ela con optimismo e perseverancia, nada mellor que lembrar a Leonard Bernstein (gran pianista, compositor, director de orquestra e sobre todo pedagogo) que afirmaba que “o gusto por escoitar música é connatural ao ser humano” (Bernstein, 2006, p. 31).
BARICCO, A . (2008): El alma de Hegel y las vacas de Wisconsin. Madrid: Biblioteca de ensayo Siruela (4.ª ed.).
Bernstein, L. (2006): El maestro invita a un concierto. Madrid: Edicións Siruela (5.ª ed.).
CONSELLO DA CULTURA GALEGA (2016): Ocio e hábitos culturais (I). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Datosmacro.com (2017) Galicia – Poboación. Datosmacro - Poboación Galicia.
Datosmacro.com. (2017) España – Poboación. Datosmacro - Poboación España.
INSTITUTO NACIONAL DE ESTATÍSTICA (2018): Padrón municipal de habitantes. INE - Padrón municipal de habitantes.
INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA (2015): Persoas segundo a frecuencia de asistencia a espectáculos musicais (moderna, clásica, ópera). IGE - Persoas segundo a frecuencia de asistencia a espectáculos musicais (moderna, clásica, ópera).
LEVITIN, D. J. (2015): Tu cerebro y la música. El estudio científico de una obsesión humana. Barcelona: RBA Libros (1.ª ed.).
Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (2017): Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo. MECD - Entidades musicais dedicadas á interpretación por tipo.
Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (2017): Salas de concerto e espazos escénicos. MECD - Salas de concerto e espazos escénicos.
Observatorio dA cultura galega (2011): Hábitos culturais dos galegos referentes á música clásica (valoracións e resultados). OCG - Hábitos culturais dous galego