Cineando ilusións

Un proxecto de cine en educación primaria
O proceso de creación dunha película ten un gran potencial pedagóxico, xa que nel están implicadas diferentes competencias clave e parcelas de coñecemento, e propicia, pola súa dinámica intrínseca, a adopción de metodoloxías innovadoras, como a aprendizaxe cooperativa e o traballo por proxectos.

Ana María Fernández Castro, titora
ana.castro@edu.xunta.es
Rosa Ana Rúa Pena, profesora de Pedagoxía Terapéutica
rosana.rua@edu.xunta.es
CEIP A Rúa de Cangas (Pontevedra)

 

Introdución

Anoitece en Cangas. Na antiga baleeira de Massó, un equipo de rodaxe apura os preparativos para filmar a última escena do día. A directora dálle as oportunas indicacións ao cámara para que mellore o encadramento, deseguido cambia unha mirada coa encargada do son que, co seu polgar cara arriba, indica que todo está correcto. Agora xírase ao script, que inmediatamente lle pide silencio á xente que está arredor. Cun novo xesto ao cámara, este preme o botón de gravación… O tempo detense por uns minutos ata que a directora está satisfeita e pronuncia un suave Corten!


A entrega, a seriedade, o rigor, a atención a cada pequeno detalle que amosa este equipo son actitudes propias de cineastas profesionais, pero non o son. Son nenos e nenas de 11 e 12 anos, de sexto de primaria, que están finalizando a rodaxe da súa curta documental Massó no recordo.

Preparando a filmación da última escena de “Massó no Recordo

 

Contextualización

Na aula onde se focalizou o proxecto “Cineando ilusións”, sexto de primaria, o cine xa estivo presente no eido curricular no curso 2012/13 a través do cinefórum: Keaton, Chaplin, os irmáns Marx… visitaron a nosa aula. No curso 2013/14, quixemos dar un paso máis cara á alfabetización audiovisual e a creación. Contamos, ademais, cunha contorna favorecedora, xa que todo o CEIP A Rúa traballou o cine como tema núcleo das propostas educativas dese curso, desde educación infantil ata terceiro ciclo de primaria. Eramos conscientes da necesidade de formación do profesorado en ferramentas instrumentais e pedagóxicas de creación cinematográfica, vendo como unha quimera o asesoramento e acompañamento de profesionais do cine que nos permitiría achegarlles aos cativos o cine como cultura, arte e creación.

Todas estas razóns leváronnos a solicitar a participación en Cine en curso, modalidade de obradoiro documental cun profesional do cine, e fomos un dos catro centros de Galicia seleccionados para contar con esa magnífica experiencia. Enmarcado dentro do plan Proxecta da Consellería de Educación Ordenación Universitaria, Cine en curso é un programa de pedagoxía do cine e co cine porque persegue un dobre obxectivo prioritario: achegar o alumnado ao cine como arte, creación e cultura, e explorar o potencial pedagóxico da creación cinematográfica.

Proporcionóuselle formación ao profesorado e obradoiros de cine para o alumnado coa presenza dun profesional dentro e fóra da aula. O froito final do proxecto “Cineando ilusións” foi a creación dunha curta documental por parte dos alumnos e alumnas de sexto de primaria sobre a antiga fábrica conserveira da nosa vila: Massó no recordo. A participación neste proxecto da titora e profesorado especialista (Música, Inglés, Pedagoxía Terapéutica) contribuíu a materializar a transversalidade desta proposta didáctica sobre o cine e a convertela nun proxecto integrado.

Obxectivos

  • Amosar interese e sensibilidade polas manifestacións cinematográficas, converténdose en espectadores sensibles, autónomos e activos.
  • Aprender dos expertos formas de contar, de expresar o cotián de xeito creativo, a través da visión de fragmentos documentais de autor/a, vinculando sempre o ver e o facer.
  • Considerar o cine como un recurso idóneo para dar a coñecer a etnografía da nosa vila e poñer en valor o patrimonio histórico e emocional, tomando como centro de interese a fábrica conserveira Massó, empresa emblemática da comarca.
  • Educar a mirada, observando con moita atención e fondo respecto os espazos e as persoas que nos rodean.
  • Valorar o acervo cultural e social dos nosos maiores.
  • Tomar conciencia da importancia e finalidade das distintas fases da elaboración do documental: documentación, rodaxe e montaxe.
  • Comprender a necesidade de documentarse sobre a temática do documental de xeito rigoroso.
  • Aprender a manexar con coidado e destreza o equipo de cine e o programa de montaxe de vídeo.
  • Coñecer e levar a cabo de forma eficaz as funcións dos distintos membros dun equipo cinematográfico (director/a, técnico de son, cámara…).
  • Cooperar en cada unha das fases de creación do filme, de forma que o produto final sexa froito do traballo común e do consenso de todos e cada un dos membros do grupo-clase.
  • Apreciar e agradecer fondamente a disposición de todas as persoas que colaboraron para que o proxecto fose unha realidade.

 

Recursos empregados

Materiais:

  • Equipo cinematográfico profesional cedido polo CGAI.
  • Programa Adobe Premiere Pro de edición de vídeo.
  • Fondo documental filmográfico do Museo Massó de Bueu sobre a conserveira Massó.
  • Fotografías antigas cedidas pola Asociación Cultural A Cepa e familiares e coñecidos do alumnado.
  • Documentación bibliográfica cedida por familiares e persoas vinculadas a Massó.
  • Obxectos cedidos polas propias traballadoras da fábrica.
  • Páxinas web relacionadas coa fábrica Massó.

Humanos:

  • Son tantos e tan relevantes que nos remitimos aos créditos do documental.

 

Descrición da actividade

Consideramos que quen mellor podería describir todo o proceso serían os seus protagonistas, os alumnos. Para a estrea do documental elaboraron colectivamente un texto onde describen a súa experiencia; dámoslles, pois, a palabra:

Boas tardes a todos e todas. Benvidos ao Auditorio de Cangas. Sentímonos moi ilusionados de poder compartir este momento tan especial con vós.

Somos os alumnos e alumnas de sexto do CEIP A Rúa e estamos aquí para amosarvos o noso documental no que tanto traballamos este curso.

Todo comezou cando nos presentamos ao plan Proxecta, Cine en curso, que trata de achegar os nenos e nenas de Cataluña, Madrid, A Arxentina e Galicia ao mundo do cine, mediante a realización dunha curtametraxe documental sobre un espazo ou un oficio antigo. Tivemos a gran sorte de que o noso proxecto “Cineando ilusións” fose un dos catro seleccionados de toda Galicia. Non sabedes canto nos alegramos!

Decidimos por consenso que o noso documental trataría sobre a fábrica Massó porque foi un símbolo para o nosa vila e forma parte da historia de Cangas. Cremos que cada un de nós levamos un pouco de Massó no noso interior.

Unha vez elixido o tema, dividimos a elaboración do documental en tres fases: documentación, rodaxe e montaxe.

A documentación foi o primeiro paso que demos. Xuntámonos en grupos e buscamos en libros e na web toda a información posible sobre a fábrica.

Fase de documentación en grupos de aprendizaxe cooperativa

 

Para saber máis conversamos con familiares e coñecidos que estiveron vinculados con Massó. Un cineasta profesional axudounos na elaboración do guión e a aprender a manexar o equipo cinematográfico.

O noso guión partiu de dúas ideas fundamentais. Por unha parte queriamos amosar as emocións dos traballadores, por outra, a deterioración actual da fábrica. Para nós era importante:

  • Comparar os espazos actuais con imaxes antigas co fin de mostrar a decadencia da conserveira.
  • Presentar a fábrica pouco a pouco, desde o exterior ata o interior, desde o máis amplo ao máis concreto, desde a mañá ata o solpor.
  • Darlle a mesma importancia a todas as persoas coas que conversamos no documental. Presentalos escoitando a súa voz e despois achegándonos a eles. Procurabamos ter paciencia e darlles tempo para falar.

Uns días despois comezamos a rodaxe. Distribuímonos en grupos para que todos puidésemos pasar polos distintos postos de gravación. Foi unha experiencia inesquecible, na que puidemos entrar na fábrica e observar o seu interior.

Gravando no interior da Fábrica Massó (Cangas)

 

Deseguido veu a montaxe, que foi laboriosa pero divertida. Primeiro eliximos os planos e a súa orde. Despois traballamos cun programa de ordenador coordinando sons e imaxes durante tres días.

Queremos remarcar que o fixemos todo nós e sempre chegando a un consenso: elaboramos o guión, fomos todos encargados do son, directores, cámaras, ocupámonos dos cables, manexamos o programa de montaxe... Todos uns aprendices de cineastas!

Un equipo de rodaxe escoita atentamente as indicacións do cineasta Ángel Santos

 

Durante todo o proceso sempre estaba un sorriso nas nosas caras. Cando entramos na fábrica por primeira vez, quedamos todos abraiados. Tivemos un contraste de emocións. Por unha parte sentímonos entusiasmados; ter a sorte de contemplar a fábrica e ver a súa inmensidade foi un privilexio. Pero ao momento sentímonos desolados ao vela en ruínas, chea de escombro, lixo... que para nada nos lembraban a grandeza de Massó.

Por último, gustaríanos agradecerlles a todas as persoas que colaboraron, sexa prestando un libro, participando no documental, dando información ou ben estando detrás da cámara... A todas e cada unha delas queremos dicirlles “grazas”. (Texto colectivo elaborado por todos os alumnos e alumnas de sexto no curso 2013/14).

Entrevistando a un antigo traballador de Massó

 

Concretaremos algúns aspectos do proceso:

  • A documentación foi levada a cabo por medio da dinámica cooperativa de grupos de expertos: cada grupo investigou sobre un aspecto relacionado coa antiga fábrica e elaborou un informe que foi exposto ao resto de compañeiros.
  • Ao longo de todo o curso víanse e analizábanse fragmentos de documentais de autor e documentais doutros centros que servían de inspiración.
  • O alumnado participou en obradoiros co cineasta Ángel Santos Touza durante varias sesións ao longo de todas as fases do proceso.
  • O profesorado contou con dúas sesións de formación intensivas e co asesoramento constante do equipo de Cine en curso e do CGAI.
  • Todo o proceso foi recollido no “Muro do cine”, exposto no corredor da clase.
  • Déuselle difusión ao proxecto a través da prensa local, da estrea no CGAI e no Auditorio de Cangas de Morrazo.
  • Na estrea realizouse unha exposición sobre o proceso do documental.
  • Paralelamente, levouse a cabo un obradoiro de acuarela que culminou con pintar in situ a fábrica de Massó.

 

         

Making of do proxecto 

Para coñecer o proceso de forma detallada, fai clic neste enlace: Cineando ilusións

E, como non, aquí pódese ver o emotivo documental.

 

 

 

Metodoloxía

  • Baseouse en dous piares fundamentais: o traballo por proxectos e a aprendizaxe cooperativa. O alumnado foi protagonista absoluto do proxecto. Todos e cada un dos alumnos se documentaron, pasaron polos distintos postos do equipo de rodaxe, montaron a película co programa Adobe Premiere Pro, elaboraron os textos para solicitar os permisos de rodaxe e para a difusión do documental, colaboraron na estrea, pintaron Massó… Todas as decisións foron tomadas por consenso.
  • A asesoría do CGAI e do equipo de Cine en curso fixo máis doada a transposición didáctica e a consecución dos obxectivos propostos.

 

Avaliación

Esta é a reflexión do alumnado sobre as súas aprendizaxes, logo da participación no plan Proxecta, Cine en curso:

Aprendemos que o cine é un traballo colectivo, necesítase a colaboración e o esforzo de todos. Por outra parte, agora xa sabemos facer un documental, así que no futuro poderemos filmar outros con máis facilidade.

Cremos que o máis importante que aprendemos como grupo foi o compañeirismo, o traballo en equipo, levándonos mellor entre nós, a escoitar aos demais, a ter paciencia, a renunciar ás cousas que máis nos gustaban e a chegar a consensos. Todos aprendemos algo de todos.

Pensamos que as persoas maiores son moi interesantes, hai que escoitalas con atención e deixalas falar. É importante valorar o pasado, non só o presente.

Por último, queremos destacar que os espazos que forman parte da historia dunha vila deben ser conservados e coidados por todos.

Conclusións

Participar no Proxecta, Cine en curso foi un auténtico privilexio, unha experiencia enriquecedora tanto para o alumnado como para as catro profesoras implicadas. Tivemos ademais a satisfacción de que o proxecto “Cineando ilusións” fose recoñecido co Premio de Alfabetización Audiovisual 2014 que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICCA).

Desde ese momento aumentou a repercusión da curta Massó no recordo. A TVG fixo unha reportaxe cos nenos e nenas como protagonistas no seu informativo Galicia Noticias Serán. O blog de Comunicación e Educación Gingko incluíu unha entrada sobre esta experiencia. No mes de outubro fomos convidadas polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela para a súa proxección no Foro Internacional do Cinema de pequenas nacións, alfabetización fílmica e novas audiencias. Alí, Steve Blandford, profesor da Escola de Industrias Creativas e Culturais de Cardiff, na Universidade do Sur de Gales (Reino Unido), pediunos autorización para proxectarllo ao seu alumnado de cine. Todo un honor.

No futuro seguiremos apostando polo cine na escola, pois coincidimos plenamente coa visión que ten ao respecto o equipo de Cine en curso:

O modo de creación propio do cine, as aptitudes, actitudes e esixencias que require, fan del un aliado de primeira orde para traballar cuestións fundamentais para o desenvolvemento persoal dos alumnos e para a sociedade en xeral. A través da creación cinematográfica trabállanse a creatividade e a capacidade de innovar; a atención á realidade e a capacidade de apreciala; a autonomía e a capacidade de cooperar e traballar en equipo; a asunción de responsabilidades individuais e colectivas; a autoestima, a ilusión, o rigor, as expectativas sobre un mesmo e sobre o grupo do que se forma parte; o coñecemento, recoñecemento e respecto cara a realidades diversas; a reflexión sobre as propias emocións e as dos demais; a capacidade de argumentar, escoitar e dialogar.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BERGALA, A. (2007). La hipótesis del cine. Pequeño tratado sobre la transmisión del cine en la escuela y fuera de ella. Barcelona: Laertes.

CUÑARRO PINTOS, F. (2009). As mulleres da conserva. Cangas: Asociación Cultural A Cepa.

Sección: