e-learning e m-learning na FP. Un proxecto de innovación

Estratexias e-learning e m-learning para o desenvolvemento das competencias máis sensibles aos cambios tecnolóxicos en biotecnoloxía, orientadas a ocupacións emerxentes e/ou bioemprendedores
Durante o curso 2011-2012, o IES A Sardiñeira da Coruña participou, conxuntamente con outros seis centros do territorio nacional, nun proxecto enmarcado na convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de axudas para a realización de proxectos de innovación aplicada á transferencia de coñecemento na FP do sistema educativo (BOE, 119, 5 de abril de 2011).

 

Carlos de Paz Villasenín
Coordinador do proxecto no IES A Sardiñeira (A Coruña)
cdepaz@edu.xunta.es

 

Historia do proxecto

Desde os primeiros contactos, a raíz da publicación da convocatoria, quedou ben establecido a dobre finalidade do proxecto. Por una banda, dar a coñecer, profundar e investigar métodos incipientes no campo da biotecnoloxía orientados tanto á súa utilización coma a crear novas ocupacións relacionadas coas ditas técnicas. Por outra, lograr, a través dunha ferramenta formativa de enfoque sistémico dotada de capacidades para ser aplicada en contornos de e-learning e/ou m-learning, que o alumnado e/ou traballadores adquiran maiores coñecementos nas últimas técnicas microbiolóxicas e biotecnolóxicas, de xeito que garantan unha continua actualización das súas competencias nun sector emerxente fortemente innovador, asegurando a adaptación ás modificacións laborais que se poidan producir e facilitando a incorporación a emerxentes postos de traballo.

 

O control da calidade microbiolóxica das augas e dos alimentos é determinante no proceso de garantir a súa inocuidade no consumo humano, na súa utilización en procesos de tecnoloxía alimentaria, tanto artesanal coma industrial, ou en materia ambiental.

Debido ás potenciais repercusións sanitarias, empresa e sociedade demandan actualmente dispoñer dos resultados analíticos o antes posible. Xa que logo, faise preciso a implantación de novas técnicas analíticas, moitas veces baseadas nos avances da bioloxía molecular e a súa consecuente aplicación en desenvolvementos biotecnolóxicos. Tal é o caso, entre outras, da PCR en tempo real.

Sen que iso supoña a desaparición da PCR convencional, a técnica de PCR en tempo real trae de seu un cambio altamente significativo nos procedementos da bioloxía molecular en xeral e da biotecnoloxía en particular.

Coa súa participación no proxecto, o IES A Sardiñeira ampliou a gama de formación do seu alumnado ao implantar a técnica de PCR en tempo real. Pretendíase avanzar no coñecemento desta técnica para a súa posterior utilización naqueles campos profesionais nos que o seu alumnado puidese desenvolver o seu labor. O coñecemento e a capacitación no uso desta e doutras técnicas novas poden contribuír ao desenvolvemento do tecido industrial, con proxectos potenciais que terán que se emprender sobre a base da súa adecuación e aplicación en diferentes procesos de produción, de control de calidade e de xestión de recursos.


    Ademais, e de xeito semellante ao resto de centros participantes, o IES A Sardiñeira creou, e segue a crear, contidos dirixidos ao portal de m-learning e de e-learning creado con motivo do proxecto (http://www.formacionprofesionalquimica.com). Os ditos materiais didácticos están orientados á aprendizaxe dos actuais e futuros alumnos dos diferentes ciclos formativos da familia profesional química (en moitos casos tamén son útiles en certos módulos doutros ciclos pertencentes á familia biosanitaria) e/ou na formación continuada de traballadores en activo.

    I 

    Participantes e a súa colaboración

    Os profesores do IES A Sardiñeira que formaron parte deste proxecto foron:

    Pilar Macía Rodríguez

    Rosa María Domínguez Grela

    Aurora Criado Montero

    Carlos de Paz Villasenín

     

    O resto de centros integrantes do proxecto foron:

    IES Andrés de Vandelvira (Albacete)

    IES Juan Carlos I (Murcia)

    IES Vírgen de la Paloma (Madrid)

    La Laboral de Gijón

    INS Narcís Monturiol (Barcelona)

    Centro Tecnológico Nacional de la Conserva (Molina de Segura, Murcia)

     

    Recursos e equipamento

    Á parte dos recursos humanos mencionados, utilizouse o equipamento dos laboratorios de microbioloxía e de biotecnoloxía, incluídos tanto o instrumental dispoñible coma os funxibles precisos para a posta a punto das técnicas desenvolvidas, en particular, os equipos para a realización de ensaios de ELISA, PCR convencional, PCR en tempo real, cromatografía e electroforese.

    Bases técnicas e recursos metodolóxicos

    Para a posta a punto dos protocolos, partiuse dos procedementos establecidos en distintos kits de biotecnoloxía. Procedeuse á súa adecuación a contornos formativos e estableceuse os que foron considerados máis eficaces para ser aplicados en procesos de ensino-aprendizaxe e desenvolvemento de novas capacidades laborais aos que serán destinados.

    Elaboráronse procedementos escritos das ditas técnicas seguindo os formatos consensuados polos integrantes do proxecto, con especial atención ás normas de seguridade e ambientais, e subíronse á web do proxecto para a súa difusión.

     

    Actividades realizadas

    Durante o período de desenvolvemento do proxecto, participouse activamente en todas as actividades conxuntas programadas. Máis polo miúdo, dos tres encontros planificados inicialmente, realizáronse dous. No primeiro encontro, que tivo lugar en Madrid, determináronse os destinos dos orzamentos e levouse a cabo a formación no uso do sitio web creado para o proxecto. Nesta xuntanza, colaborouse na formación dos usuarios-editores do portal divulgativo www.formacionprofesionalquimica.com.

    Ao longo dos meses seguintes, continuáronse a desenvolver protocolos normalizados de prácticas e publicáronse no mesmo portal. Tamén se crearon materiais formativos multimedia coa finalidade de que fosen incrustados no portal logo do aloxamento en redes sociais de ampla divulgación.

    No segundo, realizado en Murcia, tamén houbo tempo para a formación; no Centro Tecnolóxico Nacional da Conserva, houbo oportunidade de recibir un curso específico sobre novas técnicas de análise que incluíron a realización de dúas prácticas de laboratorio completas. No mesmo encontro fíxose o seguimento do uso do portal e, se cabe máis importante, unificáronse criterios para a continuidade do proxecto fóra da convocatoria oficial.

     

    Resultados e produtos

    O obxectivo principal do proxecto consistía no desenvolvemento dun portal divulgativo útil en contornos e-learning e con capacidades para aproveitar as vantaxes dos novos dispositivos e canles de información que, cando son aplicados en ambientes formativos, xa sexan formais ou non formais, conforman os sistemas chamados de m-learning.

    O portal está xa en funcionamento. Nutriuse dos materiais desenvolvidos durante o proxecto por todos os seus integrantes. Partiuse da perspectiva do interese no campo da biotecnoloxía, do seu forte compoñente de cambio e progreso constante e no feito de ser una vía notable para desenvolver novas iniciativas empresariais. Todo iso reforzado co feito de ser un campo no que as posibilidades de formación regrada se atopan aínda hoxe nun estado inicial no que, moitas veces, os profesores se atopan con serias dificultades para organizar, e poder cumprir, os programas que os novos plans de estudo integran e que o seu alumnado demanda.

    Así, o portal creado con motivo deste proxecto é unha realidade que pode proporcionar solucións finais, debidamente documentadas e contrastadas en ambientes formativos reais, con soporte multimedia que contribúe a lles dar solidez aos procesos de aprendizaxe.

    Conclusións e aplicacións futuras

    Abundando no xa indicado, acaba  de se crear unha ferramenta formativa de enfoque sistémico que combina e-learning e m-learning, na que alumnos e traballadores dispoñen dunha fonte de coñecementos sobre as últimas técnicas analíticas biotecnolóxicas e microbiolóxicas. Favorécese, deste xeito, unha continua actualización das competencias nun sector emerxente fortemente innovador, garántese a adaptación ás modificacións laborais que se producen e favorécese a incorporación a postos de traballo emerxentes.

    A maiores, pódese considerar que os obxectivos transcenderon a proposta inicial. A creación de formacionprofesionalquimica.com supuxo o nacemento dun grupo humano comprometido coa formación profesional química en xeral e coa da biotecnoloxía en particular. O elenco do proxecto estableceu unha relación que se presenta como perdurable, cun compromiso serio de lle dar continuidade ao proxecto e de facer medrar o portal divulgativo. Un compromiso que inclúe o mantemento dos recursos existentes e a incorporación doutros novos, non só aqueles de carácter técnico senón tamén humanos.

     

    Sección: