Os prexuízos lingüísticos cara á lingua galega

Estudo de caso no alumnado de educación primaria (parte 2)
Neste artigo abórdase a segunda parte dunha das principais causas da situación sociolingüística actual en Galicia: os prexuízos lingüísticos. O obxectivo é analizar o uso e percepción da lingua galega por parte dos aprendices na etapa de educación primaria, nunha escola da Coruña, comparando a presenza de prexuízos lingüísticos no alumnado de segundo curso e sexto curso e rexistrando información sobre o uso da lingua nas aulas e o modo de impartir docencia en galego.

Helena Fuentes
Máster en DIDES. Universidade da Coruña
helena.fuentesmansilla@udc.es
Dra. Pilar Couto Cantero
Facultade de CC. da Educación. Universidade da Coruña
pilar.couto@udc.es

 

 

Introdución e obxectivos

O interese deste artigo xorde da actual situación sociolingüística en Galicia, unha comunidade bilingüe onde convive unha lingua maioritaria, o castelán, e outra minoritaria, o galego (Escoriza, 2019). Esta convivencia pode ter efectos negativos cara ao galego, pois as linguas minoritarias adoitan ser obxectivo da aparición de prexuízos lingüísticos (Bellido, 2018). Neste contexto, a escola convértese nun axente fundamental para o fortalecemento, a transmisión e a continuidade destas linguas, ao empregalas como linguas de ensino (Varios, 2019).

Esta publicación conforma a segunda parte dun achegamento aos prexuízos sobre o galego publicado o ano pasado nesta mesma revista (Couto-Cantero e Fuentes, 2023). O obxectivo xeral consiste, de novo, en analizar o uso e percepción da lingua galega na etapa de educación primaria. A partir deste, desenvólvense os seguintes obxectivos específicos: comparar os prexuízos lingüísticos do alumnado de segundo e sexto curso de educación primaria e rexistrar información sobre o uso da lingua nas aulas e o modo de impartir docencia en galego. No anterior artigo analizáronse cinco prexuízos (P) e neste novo artigo analízanse outros cinco máis que non foron incluídos por cuestións de espazo: (P6) «O galego é unha lingua de aldea», (P7) «O galego é unha lingua de cidade», (P8) «Considero que é mellor estudar en castelán ca en galego», (P9) «As persoas que falan unha lingua distinta ao galego considéranse máis intelixentes», (P10) «Creo que é máis importante aprender castelán e inglés que aprender galego».

 

Bilingüismo e diglosia

A Real Academia Galega define a lingua como «código verbal natural usado polos membros dunha sociedade concreta, que está constituído por un variado repertorio de elementos e regras» (Real Academia Galega, s. d., definición 3). Mais a convivencia de linguas nun mesmo territorio pode implicar un conflito.

É no ano 1959 cando o lingüista Charles A. Ferguson establece o termo diglosia, coñecida como diglosia clásica, para explicar situacións nas que se empregan máis dunha variedade lingüística nunha mesma sociedade de fala. Estas variedades deben manter unha relación xenética e deben existir disimilitudes en canto ás funcións, as cales serán de carácter formal ou, pola contra, de carácter conversacional (Ferguson, 1959, citado en Kyriakou, 2019). Partindo desta idea, xorden diferentes teorías lingüísticas que dan outras visións deste fenómeno. Entre elas, cómpre destacar a distinción formulada por Joshua Fishman (1967), quen considera que a convivencia de dúas linguas nun mesmo espazo pode analizarse desde dúas perspectivas en función da conflitividade que supoña. Por iso, este autor, baseándose no concepto acuñado por Ferguson (1959), diferencia bilingüismo de diglosia, sostendo que o primeiro é a capacidade dunha persoa para empregar dúas linguas de xeito versátil, mentres que a diglosia posúe unha connotación social (Fishman, 1972, citado en Laime, 2021). 

Así, a diglosia implica un conflito, xa que a repartición de funcións non é equitativo entre as linguas que conviven nun mesmo espazo. Escoriza (2021) indica que esta desigualdade supón a utilización de diferentes etiquetas para nomear linguas que comparten un mesmo espazo de uso, achegando exemplos como linguas oficiais, linguas de traballo, lingua propia ou lingua minoritaria. No caso desta última, cómpre destacar a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (1992), un tratado europeo encamiñado a promover, salvagardar e lexitimar estas linguas, e que as define como aquelas que teñen un número inferior de falantes en comparación coas persoas restantes do territorio onde se fala. Cañedo (2022) engade que as linguas minoritarias tamén se deben a unha cuestión de desvantaxe e status diferente. 

Nesta clasificación atópase a lingua galega, que sofre unha substitución lingüística por parte do castelán, resultado da diglosia establecida en Galicia (Monteagudo, 2017). Isto provoca unha serie de consecuencias negativas cara ao galego, como os prexuízos ou incluso un sentimento de inferioridade e rexeitamento aos propios sinais de identidade: o «autoodio lingüístico» (Campos e Tabernero, 2020). Neste ámbito, xorde a normalización lingüística, tendo por meta que a lingua minoritaria gañe terreo nos ámbitos nos que se adoita utilizar a lingua maioritaria, buscando unha situación de normalidade (Malheiro, 2020).

 

Breve percorrido histórico. O caso da lingua galega

Co fin de comprender a situación sociolingüística actual en Galicia, cómpre realizar un breve percorrido histórico desde a Idade Media ata a actualidade. 

Na Idade Media, do século V ao XV, o galego vive unha etapa de riqueza e de uso oral por parte de todos os estratos sociais, así como na literatura e na sociedade administrativa, científica ou relixiosa, tanto na vida privada coma na pública (O Portal da Lingua Galega, s. d.). Porén, todo cambia nos Séculos Escuros, período comprendido entre o século XVI e o XVIII, no que a lingua galega se ve restrinxida na oralidade e na imprenta e o seu uso se limita a unha determinada clase social: as clases populares (Monteagudo, 2020). Así, o castelán convértese na lingua por excelencia nos ámbitos formais mentres que do galego apenas se rexistran escritos (Boullón, 2017). 

No século XIX comeza o Rexurdimento, movemento caracterizado pola procura da recuperación da lingua galega no ámbito literario, cultural e político, do que Manuel Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal foron os seus principais representantes (Marques, 2020). Esta recuperación vese apoiada coa fundación de tres organizacións ao comezo do século XX, que procuran un proceso de galeguización cultural: as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos (Nogueira, 2017). Así e todo, coa Guerra Civil establécese en España o réxime franquista (1939-1975), que instaurou políticas lingüísticas que provocaron o desprestixio, o uso sancionado e a total opresión das linguas minoritarias e de calquera cultura diferente á castelá (Taylor, 2022), anulando os avances conseguidos no primeiro terzo do século. Co remate desta ditadura, iníciase un período de restauración dos dereitos lingüísticos, amparado principalmente na Constitución española (1978), no Estatuto de autonomía de Galicia (1981) e na Lei de normalización lingüística (1983).

Tras a implantación desta normativa, búscase un incremento do uso formal do galego e desenvólvense accións para fomentar actitudes positivas cara a este. Isto lévase a cabo mediante o traballo en competencias lingüísticas, mais non se acada unha normalización do galego (Monteagudo, 2018). Vese en cambio unha gran perda de galegofalantes, sobre todo nas novas xeracións procedentes da urbe, sendo unha das causas a perda da transmisión xeracional nas familias e nos centros educativos (Loredo e Vázquez-Grandío, 2022).

 

Situación sociolingüística na provincia da Coruña

Co fin de afondar na situación sociolingüística actual en Galicia, cómpre analizar os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2018, a súa última publicación. Neste apartado, abórdase a información sobre a lingua inicial e habitual da poboación xeral e do intervalo de idade entre 5 e 14 anos da provincia da Coruña. 

Lingua inicial e habitual na provincia da Coruña. Poboación xeral

A lingua inicial na meirande parte da provincia da Coruña é o galego, nun 43,38 %, seguido do castelán, nun 31,62 %. Ao ser unha comunidade bilingüe, unha porcentaxe da poboación comezou a falar en ambas as linguas, concretamente o 22,91 %. Tamén se rexistra un 2,09 % no campo «outras situacións» que inclúe: (1) a lingua galega, a castelá e outras linguas; e (2) outras linguas e lingua de signos (IGE, 2018).

Respecto da lingua habitual, cómpre distinguir entre a lingua na fala e na escrita. En canto á fala, o galego volve ocupar o primeiro posto cun 34,99 % de uso perenne, seguido do castelán cun 26,34 %. Sobre o uso habitual das dúas linguas na fala, o predominio do uso do castelán (20,37 %) gaña terreo sobre o uso do galego (17,53 %). Porén, respecto da lingua habitual na escrita resulta moito maior o uso do castelán (79,83 %) ca o do galego (19 %). 

Lingua inicial e habitual na provincia da Coruña. Poboación entre 5 e 14 anos

En canto á lingua inicial, o castelán aparece como primeira lingua aprendida por case a metade das persoas entre 5 e 14 anos (49,50 %), mentres que o galego supón menos dun cuarto da poboación desta idade (18,89 %). Amósase tamén unha situación de bilingüismo na primeira infancia, ao rexistrar tanto o galego coma o castelán como linguas maternas nun 29,21 %.

No caso da lingua habitual, vólvese diferenciar entre a lingua habitual na fala e na escrita. No primeiro caso, o 42,49 % utiliza o castelán sempre, cifra dúas veces superior respecto do uso asiduo do galego (21,43 %). O mesmo ocorre cos niveis estatísticos que tenden ao bilingüismo, observando que o 23,92 % emprega máis castelán ca galego fronte a un 12,16 % que usa máis o galego ca o castelán. Respecto da lingua habitual na escrita, os resultados son aínda máis distantes: o 20,43 % usa o galego, catro veces menos ca o uso do castelán, que alcanza o 79,57 %. 

 

Os prexuízos lingüísticos como unha das causas da situación sociolingüística actual en Galicia

A situación sociolingüística actual vese reforzada por un proceso de desgaleguización provocado pola perda da transmisión xeracional da lingua, polas políticas lingüísticas ou polos prexuízos que desprestixian o galego (Varios, 2020). A adquisición deste tipo de prexuízos comeza a producirse en idades temperás en contextos como a escola (Gamallo, 2022). Debido a que este é o contexto que se quere estudar, efectúase unha selección de xuízos cara ao galego baseada nas achegas de varios estudos.

Para comezar, existe unha crenza que vincula a lingua galega co rural (Suárez Recouso, 2018), provocando que parte da poboación galegofalante procedente deste contexto leve a cabo un proceso de substitución lingüística a favor do castelán ao mobilizarse á urbe (Iglesias e Acuña, 2021). Isto relaciónase co xuízo que sinala o galego como instrumento de comunicación inútil en ámbitos modernos e, polo tanto, á atribución do seu uso a unha determinada idade: a senectude (Carreira, 2022). Ademais, existe unha idea desta lingua como útil só no ámbito local, negando a súa capacidade de internacionalización ou restándolle importancia á súa aprendizaxe, considerando máis importantes outras linguas ligadas ao logro profesional como o inglés e o francés (Carreira, 2022).

Partindo do uso das pantallas por parte da mocidade, cómpre deterse en dúas das fontes principais de ocio: a televisión e os videoxogos (Paniagua, 2018). Por unha banda, Vilas (2022) investiga o impacto dos debuxos animados en galego na mocidade, concluíndo que os medios de comunicación teñen a capacidade de colaborar «na loita por desbotar prexuízos negativos contra o noso idioma, normalizando o seu uso en ámbitos públicos» (Vilas, 2022, p. 145). Por outra banda, Gamallo (2022) céntrase nas actitudes lingüísticas de alumnado de Vigo e unha das cuestións que se analizan é a validez da lingua nos videoxogos. Rexístranse, ademais, prexuízos lingüísticos estéticos, entre os que se atopa, a pesar de resultar incoherente, atribuírlle calidades falsamente positivas á lingua como, por exemplo, ser correcta ou fermosa (Pinto, 2021). Ademais, outórgaselles outro tipo de prexuízo estético ás persoas galegofalantes como, por exemplo, a concepción de persoas non intelixentes (Pinto, 2021).

 

Metodoloxía

Esta investigación realizouse nun colexio público da cidade da Coruña, entre o 27 de marzo e o 21 de abril de 2023 e a mostra está formada por alumnado do segundo curso (n = 39) e do sexto curso (n = 42) de educación primaria. O método escollido é o descritivo, xa que se analiza a presenza dun fenómeno nas persoas estudadas (Ramos-Galarza, 2020): a presenza de prexuízos lingüísticos cara á lingua galega. Empregouse unha metodoloxía mixta co uso de técnicas de recollida de datos cualitativas, a observación; e cuantitativas, o cuestionario. Do total de 10 enunciados propostos no cuestionario, analízanse 5 neste artigo e os 5 restantes son publicados nunha segunda parte desta publicación.

 

Datos sociodemográficos e uso da lingua do alumnado

Para comezar, cómpre facer referencia aos datos sociodemográficos recollidos. No segundo curso (n = 39), a idade do alumnado atópase entre os 7 e os 8 anos e predomina o xénero feminino (53,8 %) fronte ao masculino (46,2 %). En canto ao lugar de nacemento (figura 9), a meirande parte do alumnado é orixinario da Coruña (79,5 %), mais rexístranse outros lugares. En sexto curso (n = 42) a idade oscila entre os 11 e os 13 anos e o xénero predominante é o masculino (59,5 %), seguido do feminino (31,0 %) e da opción «Prefiro non contestar» (9,5 %). A Coruña volve ser o lugar principal de nacemento (76,1 %) e séguense rexistrando outros lugares (figura 1).

Figura 1. Lugar de nacemento do alumnado

 

O castelán é a lingua inicial maioritaria do alumnado dos dous cursos (figura 2): en segundo curso nun 61,5 % e en sexto curso nun 81,0 %. Deseguido, atópase o uso do castelán e do galego como linguas iniciais no 25,6 % en segundo curso e no 14,3 % en sexto curso. Non se rexistra o galego como lingua materna en sexto curso, mais si a aprendizaxe doutras linguas no 4,7 %. Ocorre o contrario en segundo curso, ao si haber alumnado que aprendeu a falar en galego (o 12,8 %), pero non noutras linguas.

Figura 2. Lingua inicial do alumnado

 

No referido á lingua habitual (figura 3), a máis usada é o castelán (no 53,8 % en segundo curso e no 64,3 % en sexto curso). A continuación, atópase a opción «Máis castelán ca galego» nun 35,9 % en segundo curso e nun 26,2 % no último nivel da etapa. En segundo curso escóllese a opción «Galego» e «Máis galego ca castelán» na mesma medida, nun 5,1 %. En sexto curso utilízanse outras linguas no 7,1 %, valor que precede o 2,4 % da opción «Máis galego ca castelán». Non se rexistra uso habitual do galego en sexto curso.

Figura 3. Lingua habitual do alumnado

 

Na lingua empregada polo alumnado nas amizades (figura 4) obsérvase unha mesma tendencia en ambos os cursos. Primeiro atópase o castelán, cun 87,2 % de uso en segundo curso e cun 85,7% en sexto curso. Ségueo a opción «Máis castelán ca galego», en segundo curso nun 10,2 % e en sexto curso nun 14,3 %. Utilízase o galego integramente en segundo curso nun 2,6 %. O resto das opcións non é escollida en ningún caso.

Figura 4. Lingua na amizade do alumnado

 

Nos fogares da mostra a lingua predominante volve ser o castelán, nun 69,2 % en segundo curso e nun 64,3 % en sexto curso (figura 5). A opción «Máis castelán ca galego» escóllese no 17,9 % en segundo curso e no 23,8 % en sexto curso. Utilízase a lingua galega en maior medida en segundo curso, nun 7,7 % de forma íntegra e no 5,1 % coa alternativa «Máis galego ca castelán». Estas dúas respostas escóllense por igual en sexto curso cun 2,4 %, curso no que os valores se reparten de forma distinta ao tomar a opción «Outra» no 7,1 %.

Figura 5. Lingua no fogar do alumnado

 

Presenza de prexuízos lingüísticos cara ao galego no alumnado de educación primaria

Coa finalidade de afondar nos prexuízos lingüísticos no alumnado, utilízase o cuestionario, un instrumento cuantitativo adecuado pola súa accesibilidade, a facilidade de cubrilo rapidamente e o seu carácter non intervencionista (Yaddanapudi & Yaddanapudi, 2019). Este divídese en tres seccións: a primeira sección destínase a obter datos sociodemográficos, na segunda sección procúrase coñecer o uso da lingua e, na terceira, utilízase a escala Likert (Likert, 1932, como se citou en Taherdoost, 2019) para que o alumnado mostre o seu grao de acordo ou desacordo sobre enunciados referidos a prexuízos lingüísticos. Para analizar os resultados, emprégase a seguinte etiquetaxe, desde a cualificación máis baixa ata a cualificación máis alta: «Non estou de acordo», R1; «Estou pouco de acordo», R2; «Estou bastante de acordo», R3; e «Estou moi de acordo», R4.

Análise do prexuízo 6 (P6). «O galego é unha lingua de aldea»

No referido ao P6, o alumnado está, en xeral, de acordo co enunciado. A resposta máis escollida é a opción R3 principalmente por parte do alumnado de sexto curso, cun 47,6 % fronte ao 33,3 % do segundo curso (figura 6). No alumnado máis novo, os datos resultan máis equilibrados (48,7 % de desacordo fronte ao 51,2 % de acordo), sendo maior a comparativa no alumnado máis vello (28,6 % de desacordo fronte ao 71,4 % de acordo), no cal se rexistra a porcentaxe máis baixa da R1 (11,9 %).

Estes resultados coinciden co exposto por Suárez Recouso (2018), é dicir, a presenza dun prexuízo que vincula a lingua galega co rural. Malia ser verdade que a meirande parte do alumnado de ambos os cursos amosa conformidade con esta idea, isto non ten por que supoñer unha connotación negativa cara á lingua. Por este motivo, e coa finalidade de estudalos de forma conxunta, formuláselle este enunciado ao alumnado incidindo no uso da nosa lingua na cidade, mediante o P7 amosado deseguido.

Figura 6. Percepción do alumnado sobre o P6

 

Análise do prexuízo 7 (P7). «O galego é unha lingua de cidade»

En xeral, o grao de desacordo co P7 é palpable en ambos os cursos. Aínda así, este é superior no alumnado maior (43,6 % en segundo curso, 73,8 % en sexto curso) (figura 7). Cómpre indicar que o 50 % do alumnado de sexto curso escolle a opción R2, puntuación moi superior á exposta no segundo curso, cun 28,2 %. Ademais, a opción máis escollida polo alumnado máis novo é a R4 (33,3 %), valor sete veces superior que no alumnado máis vello no cal se observa, de lonxe, como a opción menos desexada (4,8 %). Polo tanto, detéctase unha acentuación do prexuízo coa idade.

Do mesmo xeito ca no P6, os resultados do P7 sosteñen o concepto da lingua galega asociada ao medio rural (Suárez Recouso, 2018). Neste caso, cómpre ter en conta que o estudo está realizado nunha gran cidade e que a meirande parte da mostra provén desta, así como o predominio da lingua castelá como lingua materna e vehicular. Gran parte do alumnado non está de acordo co enunciado, resultados que poderían derivar da pouca presenza do galego na urbe e na súa contorna próxima.

Figura 7. Percepción do alumnado sobre o P7

 

Análise do prexuízo 8 (P8). «Considero que é mellor estudar en castelán que en galego»

No caso do P8, rexístranse valores dispares entre ambos os cursos. O grao de acordo do alumnado maior contempla valores que duplican con creces aos do alumnado máis novo (25,6 % en segundo curso e 64,3% en sexto curso) (figura 8). A opción máis escollida en sexto curso é a R4 (33,3 %), valor superior ao de segundo curso (20,5 %). Así mesmo, a R1 é seleccionada por case a metade do alumnado do segundo curso (41,0 %) e por menos dunha sexta parte do alumnado do último curso da etapa (14,3 %), sendo a opción menos elixida por este.

Este enunciado reflicte un concepto que implica a desvalorización do galego en comparación con outras linguas maioritarias, neste caso o castelán (Carreira, 2022). A pesar de haber unha repartición equitativa das linguas oficiais de Galicia no ensino, os resultados deste enunciado son un reflexo da diglosia existente entre elas.

Figura 8. Percepción do alumnado sobre o P8

 

Análise do prexuízo 9 (P9). «As persoas que falan unha lingua distinta ao galego considéranse máis intelixentes»

Neste caso, menos dunha quinta parte do alumnado considera que o uso dunha lingua diferente ao galego sexa mostra de superioridade intelectual. É incluso maior o rexeitamento no alumnado máis vello, a diferenza dos enunciados analizados ata o momento (82 % de desacordo en segundo curso e 90,4 % en sexto curso) (figura 9). Ademais, o 17,9 % do alumnado de segundo curso amosa conformidade co P9, escolléndose a R4 nun 12,8 %. En sexto curso, as opcións R3 e R4 son seleccionadas por igual nun 4,8 %.

Pese a ser uns resultados esperanzadores, o P9 continúa vixente no alumnado. Este fai referencia a un prexuízo estético proposto por Pinto (2021) relacionado coa intelixencia, neste caso, coa súa ausencia. Isto supón a necesidade de visibilizar a lingua galega na escola e a súa utilidade en ámbitos moi relacionados co intelecto, tales como a ciencia, a investigación ou a tecnoloxía.

Figura 9. Percepción do alumnado sobre o P9

 

Análise do prexuízo 10 (P10). «Creo que é máis importante aprender castelán e inglés que aprender galego»

Os resultados demostran que o P10 está latente no alumnado. No último curso de educación primaria, recóllese que máis da metade do alumnado (57,2 %) mostra conformidade con este (figura 10). Cómpre destacar que a opción máis escollida polo segundo curso é a R2 (41,0 %), resposta menos seleccionada no alumnado maior (16,7 %). Así mesmo, máis dunha cuarta parte do sexto curso está moi de acordo co enunciado (31,0 %), valor lixeiramente inferior en segundo curso (23,1 %).

Na liña do P8, o P10 está relacionado coa importancia que se lle outorga ao galego en comparación con outras linguas, tal e como indica Carreira (2022). Neste caso, céntrase no castelán e no inglés, no referido á súa aprendizaxe. Isto demostra, unha vez máis, a necesidade de darlle visibilidade ao galego no ensino, pois é unha lingua útil e con posibilidade de expansión internacional.

Figura 10. Percepción do alumnado sobre o P10

 

O uso da lingua e o modo de impartir docencia en galego na aula

Para coñecer o uso da lingua e o modo de impartir docencia en galego na aula obxecto de estudo utilízase a observación estruturada, a cal consiste en observar con atención o fenómeno, o feito ou caso e tomar e rexistrar a información para analizala (Varios, 2021). Efectúase nunha aula de segundo curso, atendendo ao uso da lingua, á metodoloxía empregada ou a posibles xuízos ou comentarios de cara á lingua galega. Recolleuse información diariamente mediante notas de campo, información que posteriormente se agrupou e sintetizou nun guión de observación, tal e como xa se indicou na primeira parte deste estudo (Couto-Cantero e Fuentes, 2023).

 

Conclusións e implicacións

Esta investigación amosa un achegamento ao uso e percepción da lingua galega na etapa de educación primaria, contribuíndo á comunidade educativa na detección dunha das principais causas da situación sociolingüística actual en Galicia: os prexuízos lingüísticos. Partindo do obxectivo xeral, e tras a análise destes cinco novos prexuízos nesta segunda parte do estudo, pódese determinar tamén que o uso e percepción da lingua galega nesta etapa se caracterizou pola carencia da oralidade e pola presenza de actitudes lingüísticas que supoñen unha desestima cara a esta. En canto aos obxectivos específicos, realízase a comparación entre o segundo e o sexto curso desta etapa, concluíndo que este último presenta unha puntuación media máis próxima á conformidade cos enunciados, isto é, unha maior presenza de prexuízos. Respecto do uso da lingua nas aulas e o modo de impartir docencia en galego, rexístrase unha metodoloxía maxistral e a escaseza de iniciativas que promovan a comunicación e a dinamización do galego.

A análise dos prexuízos lingüísticos presentes no alumnado desta etapa, o uso da lingua e a forma de impartir docencia en galego son aspectos que permiten ampliar información sobre a realidade lingüística nas aulas e, así, poder buscar solucións como o deseño de metodoloxías ou políticas lingüísticas adaptadas.

Aínda así, acháronse unha serie de limitacións. Entre elas, atópase a diversidade cultural do alumnado, o que pode supoñer unha distinción á hora de contestar o cuestionario. Esta pode vir determinada por non existir un mesmo contacto coa lingua e coas concepcións culturais que a envolven ou polo tempo que o alumnado leve inmerso no sistema educativo galego ou español. Outra limitación é a aplicación da observación estruturada nunha soa aula tendo en conta que a mostra de alumnado pertence a un total de catro aulas diferentes, dúas por cada curso educativo. Atendendo a estas limitacións, sería positivo en futuras investigacións considerar a orixe do alumnado, o tempo de estancia no centro educativo e o estudo da transmisión xeracional da lingua. Así mesmo, resultaría de interese realizar entrevistas a profesorado que imparte docencia en lingua galega para afondar nas metodoloxías aplicadas.

Por último, proponse unha serie de ideas para valorar en futuras investigacións. Sería relevante realizar un estudo lonxitudinal para analizar os prexuízos lingüísticos do alumnado de segundo curso catro anos despois, cando se atope en sexto curso. Tamén sería significativo levar a cabo unha investigación case experimental nunha das aulas usando o cuestionario do alumnado como pretest e postest. Con este mesmo instrumento, poderíase optar por unha metodoloxía experimental nun único curso, sendo unha aula o grupo de tratamento e a outra, o grupo de control. Proponse, ademais, a comparación entre centros urbanos e rurais, entre centros urbanos con distinta localización (por exemplo, unha escola de cada provincia galega) ou entre centros na mesma cidade.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BELLIDO, T. C. (2018). Estudio de los niveles de uso, valoración y actitudes lingüísticas hacia la lengua asturiana que muestran los futuros maestros. Implicaciones educativas y curriculares [tese de doutoramento]. Universidade de Oviedo. http://hdl.handle.net/10651/49034

BOULLÓN, A. (2017). A edición de textos en Galicia (da Idade Media aos Séculos Escuros). LaborHistórico (3:1), 76-92. https://doi.org/10.24206/lh.v3i1.17108

CAMPOS BANDRÉS, I. O., e TABERNERO SALA, R. (2020). Análisis discursivo de las actitudes hacia la lengua minorizada de los maestros de educación infantil y primaria de la provincia de Huesca. Anuari de Filologia. Estudis de Lingüística, 10, 1-27. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7688973

CAÑEDO MARTÍNEZ, C. (2022). Justicia sociolingüística en la educación. Diseminaciones (5:10), 7-19. https://revistas.uaq.mx/index.php/diseminaciones/article/view/691

CARREIRA, S. (2022). Aquí ya solo hablan gallego los del Bloque y los de aldea. A propósito del comportamiento y de las actitudes lingüísticas de la juventud coruñesa. Boletín Hispánico Helvético, 39-40, 9-39. https://edoc.unibas.ch/92307/

COUTO-CANTERO, P., e FUENTES, H. (2023). Os prexuízos lingüísticos cara á lingua galega. Estudo de caso no alumnado de educación primaria (parte 1). EDUGA, Revista Galega do Ensino, 86. https://www.edu.xunta.gal/eduga/2518/investigacion/os-prexuizos-linguisticos-cara-lingua-galega-estudo-caso-no-alumnado-educacion

ESCORIZA MORERA, L. (2019). Las lenguas oficiales del estado español en los textos legales. ¿Fomento o reconocimiento del plurilingüismo? Revista de Lingüística y Lenguas Aplicadas, 14, 81-89. https://doi.org/10.4995/rlyla.2019.11033

ESCORIZA MORERA, L. (2021). Planificación lingüística y desarrollo de lenguas minoritarias. RILCE: Revista de Filología Hispánica (37:2), 547-566. https://doi.org/10.15581/008.37.2.547-66

FISHMAN, J. A. (1967). Bilingualism With and Without Diglossia; Diglossia With and Without Bilingualism. Journal of Social Issues (23:2), 29-38. https://doi.org/10.1111/j.1540-4560.1967.tb00573.x

GAMALLO VALLADARES, A. (2022). Actitudes lingüísticas do alumnado de Vigo: diferenzas entre centros públicos e privados. Cumieira. Cadernos de Investigación da Nova Filoloxía Galega, 7, 67-99. https://doi.org/10.35869/cumieira.v7.22.3

GONZÁLEZ, A. M., VÁZQUEZ, L. E., e RAMOS, J. M. (2021). La observación en el estudio de las organizaciones. New Trends in Qualitative Research, 5, 71-82. https://doi.org/10.36367/ntqr.5.2021.71-82 

IGLESIAS ÁLVAREZ, A. M., e ACUÑA FERREIRA, V. (2022). Fálalle castelán que é o idioma da cidade: a importancia dos contextos no éxito ou fracaso da transmisión familiar do galego. Estudos de Lingüística Galega (14:1), 1-23. https://doi.org/10.15304/elg.14.7382

Instrumento de ratificación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, feita en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992. Boletín Oficial del Estado, 222, do 15 de setembro de 2001. https://www.boe.es/eli/es/ai/1992/11/05/(1)

KYRIAKOU, M. (2019). A Critical Review of The Theory of Diglossia: A Call to Action. International Journal of Linguistics, Literature and Translation (IJLLT) (2:5), 334-340. https://doi.org/10.32996/ijllt.2019.2.5.38

LAIME AJACOPA, T. (2021). Plurilingüismo como política sociolingüística en tiempos de diversificación de lenguas oficiales. WORD (67:1), 82-93. https://doi.org/10.1080/00437956.2021.1882065

LOREDO, X., e VÁZQUEZ-GRANDÍO, G. (2022). La lengua gallega en el sistema educativo: impacto en las competencias, prácticas y actitudes del estudiantado. Caracol, 24, 170-201. https://www.revistas.usp.br/caracol/article/view/193276/188196

MALHEIRO GUTIÉRREZ, X. M. (2022). Lengua, política lingüística y patrimonio cultural y educativo en Galicia. Cabás, 27, 95-136. https://doi.org/10.35072/CABAS.2022.89.92.006

MARQUES, T. (2020). O retrato social da Galiza através da poesía: literatura galega no Rexurdimento. Revista Língua&Literatura (22:39), 105-118. https://www.revistas.fw.uri.br/index.php/revistalinguaeliteratura/article/view/3624

MONTEAGUDO, H. (2017). Lingua e sociedade en Galicia. LaborHistórico (3:1), 14-48. https://doi.org/10.24206/lh.v3i1.17105

MONTEAGUDO, H. (2018). Lingua e sociedade en Galicia: Resumo de resultados 1992-2016. In Real Academia Galega. Real Academia Galega. https://doi.org/10.32766/rag.327

MONTEAGUDO, H. (2020). Panorama sociolingüístico de Galicia na Idade Moderna. O idioma galego durante os séculos XVI, XVII e XVIII. In R. Álvarez Blanco e E. X. González Seoane (eds.), Calen barbas, falen cartas: A escrita en galego na Idade Moderna (pp. 75-115). Consello da Cultura Galega. http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2020_Calen-barbas-falen-cartas.pdf

MONTEAGUDO, H., NANDI, A., e LOREDO, X. (2020). La transmisión intergeneracional del gallego. HispanismeS, 16. https://doi.org/10.4000/hispanismes.782

NOGUEIRA PEREIRA, M. X. (2017). A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega. En Monteagudo Romero, H, e Sánchez Vales, M. D. (ed. lit.), No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos (pp. 175-188). Santiago de Compostela: Real Academia Galega. https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/322

PANIAGUA REPETTO, H. (2018). El impacto de las pantallas: televisión, ordenador y videojuegos. Pediatría integral (22:4) https://www.pediatriaintegral.es/wp-content/uploads/2018/06/Pediatria-Integral-XXII-4_WEB.pdf#page=24

PINTO PAJARES, D. (2021). El españolismo lingüístico en el alumnado de bachillerato de Fuenlabrada. Revista Española de Lingüística Aplicada (34:2), 642-670. https://doi.org/10.1075/resla.19014.pin

RAMOS-GALARZA, C. A. (2020). Los alcances de una investigación. CienciAmérica: Revista de divulgación científica de la Universidad Tecnológica Indoamérica (9:3), 1-6. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7746475

Real Academia Galega. (s. s.). Lingua. En Dicionario. https://academia.gal/dicionario/-/termo/lingua

REYNA MUNIAIN, F.; MANTEROLA, I., e NANDI, A. (2019). Educación plurilingüe con lenguas minoritarias en contextos de diáspora y su impacto en las políticas lingüísticas en familias neohablantes: el caso del gallego en Argentina. Lengua y migración / Language and Migration (11:2), 107-134. http://hdl.handle.net/10017/41213

SUÁREZ RECOUSO, E. (2018). O conflito lingüístico: un modelo de intervención nunha aula de 1o de bacharelato. Cumieira. Cadernos de Investigación da Nova Filoloxía Galega, 3, 11-33. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6753062

TAHERDOOST, H. (2019). What Is the Best Response Scale for Survey and Questionnaire Design; Review of Different Lengths of Rating Scale / Attitude Scale / Likert Scale. International Journal of Academic Research in Management (8:1), 1-10. https://papers.ssrn.com/sol3/papers.cfm?abstract_id=3588604 

TAYLOR, M. L. (2022). La diversidad lingüística durante y después del franquismo en España. The Review: A Journal of Undergraduate Student Research (23:9), 1-12. https://fisherpub.sjf.edu/ur/vol23/iss1/9

VILAS GONZÁLEZ, S. (2022). A Xeración Xabarín e a normalización da lingua galega. CUMIEIRA. Cadernos de Investigación da Nova Filoloxía Galega, 7, 133-164. https://doi.org/10.35869/cumieira.v7.22.5

Xunta de Galicia (n. d.). A Idade Media - O Portal da Lingua Galega. Www.lingua.gal. https://www.lingua.gal/o-galego/conhecelo/a-idade-media

YADDANAPUDI, S., & YADDANAPUDI, L. N. (2019). How to design a questionnaire. Indian Journal of Anaesthesia (63:5), 335-337. DOI:10.4103/ija.IJA-334-19

 

 

Sección: