Orientacións didácticas para unha educación sexual integral
Helga Vázquez Regueira
CEIP María Pita (A Coruña)
helgavr@edu.xunta.gal
1. Modelos educativos para a educación da saúde sexual: integrador sociopsicobiolóxico vs. outros modelos anteriores
No referente ao modelo pedagóxico predominante actual dentro do campo da educación para a saúde sexual, este baséase en principios morais e preventivos, e caracterízase por ser permisivo, sanitario e orientado á reprodución social (Carrera, Lameiras e Rodríguez, 2007; Lameiras e Carrera, 2008). Desta maneira, desde esta dimensión percíbese un cambio de actitude social en canto a que, anteriormente, se promovía unha prohibición da sexualidade, mentres que agora se promove unha actitude máis permisiva. Non obstante, en certo modo, a través do modelo didáctico actual centrado nos riscos cara á saúde, continúase perpetrando de fondo unha moralidade hixiénica e con seguridade articulada baixo unhas certas normas. Así é que a educación sexual foi absorbida pola educación para a saúde, pola prevención e a asistencia (Amezúa, 2001); foméntase un modelo de sexualidade represiva, reducionista, coital, heterosexual e xenitalizada (Oliveira, 1998). Neste senso, a sexualidade asóciase ao medo, á dor, ao castigo, á culpabilidade e á perigosidade social, sobre todo, xustificado pola promoción da saúde como «ausencia de enfermidade» e debido á aparición do VIH/sida, que contribuíu enormemente a unha medicalización do sexual.
Desta forma, e co desenvolvemento deste tipo de modelo pedagóxico, alúdese a factores individuais como os únicos importantes no control das infeccións de transmisión sexual, esquecendo outros como son os sociais, os culturais ou económicos. Nesta liña, é importante ter en conta que a sexualidade non é unha enfermidade, senón unha dimensión das persoas, cuxa función é proporcionar benestar. Neste senso, reducir a sexualidade a cuestións biolóxicas implica negar a sexualidade en si mesma, sobre todo, a feminina, xa que, ao mostrar só interese pola función de reprodución, os órganos femininos que non interveñen nela quedan invisibilizados. Exemplo de todo este proceso pedagóxico atopámolo nas áreas curriculares e nos contidos das áreas de bioloxía e ciencias da natureza, restrinxindo as achegas da psicoloxía, da pedagoxía, da antropoloxía, da socioloxía ou da historia (Barragán, 1997), tal e como se pode comprobar no marco lexislativo anterior á LOMLOE (2020).
Por outro lado, tamén se debe ter en conta que a educación sexual en si mesma provoca controversia social e que son moitas as familias que se amosan contrarias a que este tipo de aprendizaxes se desenvolvan na escola. Desta maneira, son moitas as expresións e diversidades sociais relacionadas coa sexualidade, que se silencian e se invisibilizan, e os centros educativos convértense en institucións reprodutoras da cultura hexemónica dominante no momento ben polas propias actitudes ou crenzas do profesorado ou ben polos materiais didácticos que se empregan, tal e como recolle no seu traballo Vázquez Regueira e Cacheiro González (2023). Polo tanto, amósase necesario o cambio de modelo, tanto no ámbito analóxico coma no dixital, e eliminar unha perspectiva moralizante e/ou conservadora para fomentar puntos de vista máis integradores e democráticos, que abarquen a educación de todas as sexualidades, sen obviar nin xerarquizar ningunha.
Este modelo sociopsicobiolóxico e/ou integral (UNESCO, 2018) parte da premisa de que a educación sexual é un dereito dos seres humanos e potencia a valoración positiva de todas as expresións e diversidades sexuais. Desta maneira, para que exista un verdadeiro cambio de modelo, é necesario promover que a sexualidade sexa unha dimensión íntegra das persoas, que pague a pena promover e educar e que nos converta a cada un de nós en seres únicos e irrepetibles, capaces de experimentar gozo e pracer, e de expresarnos, amarnos e comunicarnos a través do corpo (Lameiras, Carrera y Rodriguez, 2014). Polo tanto,
a educación integral en sexualidade é un proceso que se basea nun currículo para ensinar e aprender sobre os aspectos cognitivos, emocionais, físicos e sociais da sexualidade. O seu obxectivo é preparar os nenos, nenas e mozos con coñecementos, habilidades, actitudes e valores que os apoderarán para realizar a súa saúde, benestar e dignidade; desenvolver relacións sociais e sexuais respectuosas; considerar como as súas eleccións afectar ao seu propio benestar e o dos demais; e entender cales son os seus dereitos ao longo da vida e asegurarse de protexelos. (UNESCO, 2018, p.16)
Para poder chegar a este obxectivo, será necesario que a sexualidade se aborde desde un punto de vista interdisciplinario e social para poder abarcar toda a complexidade da dimensión sexual humana, sen sobredimensionar determinados aspectos (fundamentalmente bioloxicistas) e restrinxir outros (sociais, históricos, antropolóxicos, psicolóxicos ou pedagóxicos). Desta maneira, faise necesario integrar as funcións de reprodución e pracer desde a psicoloxía, a pedagoxía, a antropoloxía, a socioloxía ou a historia (Font, 1995; Arnáiz, 2002), humanizando as devanditas aprendizaxes e reflexionando sobre elas desde un punto de vista coeducativo.
Desta maneira, este novo modelo debe permitir transformar as estruturas sociais, culturais e económicas que impiden a felicidade e o pleno desenvolvemento das persoas favorecendo un modelo integral de comportamento que proporcione o desenvolvemento integral da personalidade e que transforme as actuais relacións de poder. Neste senso, será necesario que os propios axentes formativos clarifiquen as súas propias actitudes, sistemas de valores e concepcións de sexualidade, tomando conciencia de cal é o modelo que están promovendo entre o seu alumnado (Lameiras, Carrera e Rodríguez Castro, 2014).
Deste modo, a única posibilidade de enriquecer a dimensión sexual humana pasa pola eliminación das relacións de poder-submisión entre as diferentes identidades sexuais hexemónicas e ten que dar paso á leximitización da diversidade. Por outro lado, a promoción da igualdade de xénero, é igualmente importante e necesaria nos programas orientados ao desenvolvemento da sexualidade, xa que son varios os estudos que amosan que a desigualdade entre os xéneros potencia a práctica de condutas de risco, así como o non exercicio dos intereses sexuais das mulleres, as cales son presa dos convencionalismos da sexualidade feminina (Amaro, 1995).
Alén diso, só desde un punto de vista positivo da sexualidade humana será posible avanzar cara a unha sociedade máis libre, tolerante e democrática. En definitiva, a educación sexual debe converterse nun instrumento de transformación social e de consecución da felicidade (Giddens, 1995) e, para poder logralo, será necesario un cambio de modelo educativo, no que se obvie a obediencia e a submisión e se fomente a reflexión, a flexibilidade, o rexeitamento dos estereotipos de roles de xénero, que condicionan a forma na que os seres humanos viven e expresan a súa sexualidade.
2. Orientacións didácticas xerais para a educación sexual integral (ESI)
Con respecto ao desenvolvemento dunha metodoloxía respectuosa cunha educación sexual integral (ESI), segundo a UNESCO (2018), é necesario ter en conta que as orientacións que se ofrezan deben destacar por ser realistas e impactar de maneira positiva na vida sexual das persoas novas, incluídas, por suposto, tamén todas aquelas dimensións que poidan resultar socialmente controvertidas. Alén diso, o enfoque que se desenvolva debe conter evidencia científica e vencellar os contidos coa igualdade de xénero e cos estándares dos dereitos humanos universais, ligados estes cara á saúde, a información e a non discriminación. Deste modo, será necesario que esta teña un enfoque gradual desde a primeira infancia e se alongue cara a toda a vida, polo que será diferente segundo o público ao cal vaia dirixida e se adaptará en función da etapa do desenvolvemento na que se atope.
Por outro lado, tamén será transformadora, en tanto en canto debe contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e solidaria, ao apoderar as persoas para que sexan máis reflexivas e ofrecer oportunidades de exploración desde un punto de vista san, responsable, igualitario e positivo. O seu obxectivo é que as persoas desenvolvan competencias para tratarse con máis respecto, aceptación, tolerancia e empatía, independentemente da súa etnia, raza, relixión, diversidade funcional, orientación sexual, identidade, expresión de xénero ou características sexuais, sen esquecer a cultura de orixe e adaptándose ao contexto (UNESCO, 2018).
Así mesmo, debe vencellarse a outros moitos aspectos relacionados coa sexualidade, que non sexan os meramente reprodutivos, a prevención de enfermidades de transmisión sexual, como o VIH, ou a información sobre os riscos de embarazos non desexados (Lameiras, Carrera e Rodríguez, 2014; UNESCO, 2018). Desta maneira, non se pode deixar de lado o tratamento de temáticas básicas, nas que as persoas novas e a infancia amosan maior interese ou precisan dunha información veraz e de calidade, tales como poden ser a menstruación ou a prevención de comportamentos sexuais desfavorables ou a explotación sexual. Deste xeito, será necesario ter en conta os cambios físicos, emocionais e sociais que se producen ao longo da vida, sobre todo na etapa da adolescencia, xa que é a etapa vital na que as persoas adoitan comezar a explorar a súa sexualidade e a desenvolver relacións coas demais persoas (UNESCO, 2018). Polo tanto, é importante ter en conta estes procesos antes de que se produzan e non despois, e, neste caso, deberán estar presentes desde a nenez e tendo en consideración as diferenzas que se presentarían segundo a bioloxía, e segundo os mitos, tabús ou connotacións sociais con perspectiva de xénero. Neste senso, sería necesario ter en conta que para os varóns se ofrece unha sexualidade centrada no positivo, mentres que no caso das nenas se envían mensaxes sociais conflitivas relacionadas coa fertilidade, feminidade e a primeira relación coital. Non obstante, no caso dos nenos, constatouse o feito de que, a pesar de desenvolverse un enfoque máis positivo desde a forza e o desexo lexítimo, as dúbidas que xorden ante as primeiras ereccións, a masculinidade e as súas necesidades non foron abordadas (UNESCO, 2014).
Poñendo énfase na situación particular das nenas e no proceso da súa primeira menstruación (menarquia), é incipiente informalas e preparalas para ese momento, e non esperar a que este suceda, xa que esta desinformación provoca procesos de ansiedade, temor e ideas erróneas sobre o ciclo menstrual (Chandra Mouli e Vipul Patel, 2017). Así mesmo, neste proceso será necesario ter en conta os padróns culturais dalgunhas etnias, que as obrigan a faltar á escola cando se atopan menstruando, ademais de ter presente cales son as circunstancias hixiénicas nos fogares e nas institucións públicas, e se estas cumpren cos mínimos estándares de salubridade, privacidade e desbotamento de produtos ou se estes son mellorables.
Por outro lado, será necesario educar na prevención de embarazos non desexados e, polo tanto, nos métodos anticonceptivos, algúns dos cales tamén ofrecen unha dobre protección fronte ao VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Ademais, tamén se terá que facer fincapé nas posibilidades legais do dereito a unha interrupción voluntaria do embarazo, así como os riscos que supón para a saúde realizala dunha forma non segura (OMS, 2014).
En calquera caso, hai que ter moi presente que as estimacións no ámbito mundial indican que o 35 % das mulleres, é dicir, unha de cada tres, experimentou violencia física e/ou sexual na parella íntima ou violencia fóra da parella ao longo da súa vida (UNESCO, 2018). Desta maneira, a violencia e a violencia de xénero é unha realidade latente ao longo da vida das mulleres e, nesta liña, UNICEF (2014) sostén que 120 millóns de nenas e de mulleres en todo o mundo experimentaron relacións sexuais forzadas ou outros actos sexuais forzados. Así mesmo, o 20 % das mulleres e entre o 5-10 % dos homes no ámbito mundial admiten que foron vítimas de violencia sexual durante a nenez (Barth, Bermetz, Heim, Trelle e Tonia, 2012) e polo menos 200 millóns de mulleres e nenas foron vítimas de mutilación xenital (UNESCO, 2018). Por outro lado, estímase que o 25 % dos nenos experimenta violencia física e o 6 %, emocional levada a cabo nas institucións educativas (OMS, 2016), moitos deles por presentar orientacións sexuais e identidades/expresións de xénero non hexemónicas ou heterosexuais (UNESCO, 2016), o que se coñece como violencia homofóbica ou transfóbica.
Neste senso, será necesaria, en primeiro lugar, unha formación docente de calidade, para que sexa o profesorado o que desenvolva os seus propios programas, metodoloxías e pautas adaptadas á súa contorna máis inmediata; só así se garantirá unha maior probabilidade de impacto positivo na poboación (Stead, Stradling, MacNeil, MacKintosh e Minty, 2007). Así mesmo, deberán garantirse programas implementados ao longo dos anos e nos que o profesorado poderá ser asistido e supervisado de maneira permanente e orientado na xestión da súa práctica docente, o que constituiría unha base para a construción de boas prácticas educativas (UNESCO, 2010). Por outro lado, o proceso didáctico deberá estar centrado nas persoas que participan do proceso de aprendizaxe e debe incluír a súa posta en práctica, tanto en escenarios formais coma non formais, así como en lugares informais de aprendizaxe, tales como a familia, o grupo de iguais, os medios de comunicación (Lameiras, Carrera e Rodríguez, 2014) ou o acceso a recursos dixitais. Así mesmo, terase en conta esta casuística social e, ademais, o uso da rede e o acceso desmesurado á información errónea, o estado de saúde físico e psicolóxico, o nivel económico, a presenza ou non de diversidade funcional e o colectivo LGTBI.
3. Orientacións didácticas da ESI nos recursos educativos dixitais
Na realidade social actual na que a dixitalización e a comunicación en rede conforman gran parte da nosa realidade, dentro do campo da ESI é necesario prestarlle a debida atención á virtualidade das persoas, xa que esta, a pesar de atoparse noutra dimensión, pode ser un reflexo do estado da realidade analóxica, amplificala ou reproducila. Neste senso, os recursos educativos dixitais poden ter un poder transformador e, ao ser materiais de recente creación, incorporar outro tipo de valores que non sexan os hexemónicos, heteronormativos e androcéntricos, ou polo contrario, repetir ou aumentar os contidos sexistas, discriminatorios, estereotipados e invisibilizadores.
Exemplo de imaxe na que non se amosan os xenitais en Recursos Educativos Dixitais. Fonte: DAM2018,2018
Desta maneira, tras as conclusións de Vázquez Regueira e Cacheiro González (2023) e, ao igual que demostraron outros estudos relacionados cos libros de texto, parece ser que máis ben ocorre o segundo, polo que dentro dun programa educativo extraordinario de ESI ou, simplemente, o tratamento desta dentro do currículo ordinario debería incluír unha reflexión sobre a selección destes recursos.
De feito, as institucións recoñecen cada vez máis a importancia de formar as persoas no coñecemento e nas competencias necesarias para un uso responsable das TIC, xa que estas en xeral e as redes sociais en particular desempeñan un rol cada vez máis importante nas nosas vidas (UNESCO, 2018). Entre estas prácticas preocupantes atópanse a ciberviolencia de xénero, a violencia sexual dixital, o grooming (ciberacoso sexual a un neno ou adolescente), o sexting como práctica de risco e a sextorsión, e que, tal e como indica un recente estudo no ámbito europeo, son bastantes habituais entre a poboación adolescente (Smahel, Machackova, Mascheroni, Dedkova, Staksrud, Ólafsson, Livingstone e Hasebrink, 2020). Non obstante, non se pode obviar que isto é común en calquera rango de idade, xa que, segundo datos da Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2014), unha de cada 10 mulleres maiores de 15 anos recibiu mensaxes electrónicas non desexadas, ofensivas ou sexualmente explícitas, e/ou mensaxes de texto con insinuacións ofensivas e inapropiadas nos sitios de redes sociais. Como proba disto e de que, ademais, son actividades habituais entre a poboación, está o aumento do consumo e o incremento de pornografía infantil, detectado polas institucións policiais durante o confinamento da covid-19 (Attanasio, 2020; Pornhub Insights, 2020).
Evidencia de consumo de pornografía durante a pandemia da covid-19 no ano 2020. Fonte: Pornhub Insights (30 de abril de 2020)
Desta maneira, é evidente que as TIC proporcionan acceso a unha información errónea e inapropiada e contribúen á expansión e práctica de normas de xénero nocivas e violentas, aínda que tamén se debe ter en conta que presentan un gran potencial para difundir e expandir o acceso á información positiva, precisa e sen prexuízos sobre a sexualidade e as relacións (Brown e L'Engle, 2009; Peter e Valkenburg, 2007). Neste senso, é necesario examinar as mensaxes sexuais que as persoas recibimos e como as enviamos, tanto desde a educación formal coma non formal e informal, e, polo tanto, a importancia da construción de novos contornos dixitais e recursos educativos dixitais que sexan realistas, en sintonía coas emocións e libre de prexuízos (UNESCO, 2018), así como representativos de todas as diversidades, igualitarios, non estereotipados e sen mitos nin tabús.
Xa que logo, como tendencias didácticas recomendables, e segundo os resultados do estudo elaborado por Vázquez Regueira e Cacheiro González (2023), sería pedagoxicamente interesante elaborar recursos educativos dixitais que seguisen en maior ou menor grao as seguintes premisas:
- Con respecto ao grao de concreción simbólica e se o deseño do recurso o permite, é mellor empregar fotografías en cor reais en vez de debuxos. Neste caso é moi necesario presentar imaxes de corpos diversos, non estereotipados e con tendencia positiva cara ao respecto e á tolerancia, evitando, en todo momento, os estándares dos xenitais hexemónicos da pornografía (corpos virís, depilados na súa totalidade, entre outros).
- En referencia ao tamaño das ilustracións, dependerá do dispositivo para o que estean deseñadas, así como o nivel de concreción e detalle que se queira amosar dunha determinada parte do corpo, pero sería recomendable reflexionar en todo momento sobre a idade do público ao cal vai dirixido o recurso.
- Así mesmo, debe haber unha representación paritaria dos xéneros, así como da postura corporal ou o tipo de actividade que realizan as persoas. Neste senso, non se deberá distinguir en canto a estes e, ademais, sería moi necesario evitar calquera tipo de representación estereotipada e sexista.
- En canto á idade das persoas que aparezan, dependerá de cal sexa a idade das persoas usuarias dos materiais, xa que si é certo que se debe ter presente a educación entre iguais e entre pares. Non obstante, tamén sería interesante representar corpos de persoas de varias idades, para así reflexionar e visibilizar os cambios que se producen nestes.
- Por outro lado, é necesario desenvolver un mapa representativo de toda a sociedade e, polo tanto, incluír nas imaxes a diversidade social latente en canto ao grupo racial ou étnico, así como o somatotipo e a presenza, ou non, de diversidades funcionais.
- Con respecto á orientación sexual, é recomendable ilustrar a persoas do colectivo LGTBI e, ademais, evitar a heteronorma.
- En canto á indumentaria, e tratándose do corpo humano, sempre e cando sexa posible e como primeira opción, os corpos deberían representarse espidos e con xenitais visibles. Así mesmo, pódese aproveitar esta circunstancia para amosar persoas intersexuais, o que non exclúe que, segundo as necesidades, tamén se amosen ilustracións de segmentos corporais.
- No referente ao tratamento e ao estudo dos diversos órganos e sistemas, sería moi necesario aumentar o número de recursos dixitais, que inclúan ou se dirixan ao estudo do aparato sexual. Así mesmo, estes materiais deberían atoparse adaptados segundo a idade do público para o cal foron creados e, da mesma maneira, incluír o tratamento de elementos sexuais específicos, tales como a menstruación, a exaculación ou a erección.
- En canto ás representacións gráficas do aparato sexual, sería moi necesario aumentar o número ou máis ben incluír as representacións dos órganos externos e, no caso de facelo, que estes fosen o máis afíns á realidade e sen padróns estándares hexemónicos ou desvirtuados. Así mesmo, deberían ser proporcionais aos corpos aos que pertencerían e sería moi necesario integralos nestes, así como deixar de amosalos illados e desligados destes. En calquera caso, e para deixar de invisibilizar certas partes destes órganos, é moi necesario engadir, en función da idade, todas aquelas zonas corporais, interveñan ou non na reprodución.
- Por último, e non menos importante, todo recurso educativo dixital debería garantir a accesibilidade, polo que engadir estímulos visuais, textuais e auditivos, así como a súa posibilidade de adaptación, será necesario para garantir o acceso á información da poboación máis vulnerable.
Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2014). Violence against Women, an EU-wide Survey: Main results report. Recuperado de https://fra.europa.eu/en/publication/2014/violence-against-women-eu-wide-survey-main-results-report
Amaro, H. (1995). Love, sex and power. Considering women´s realities in HIV prevention. American Psychologist, 50(6), 437-447.
Amezúa, E. (2001). La educación de los sexos. Revista Española de Sexología, 107-108 (monográfico). Madrid: INCISEX.
Arnáiz, A. (2002). Sobre el hecho sexual humano. La construcción sexual de la realidad. Revista Española de Sexología, 111-112 (monográfico). Madrid: INCISEX.
Attanasio, A. (25 de abril de 2020). Coronavirus: el dramático incremento del consumo de pornografía infantil en el confinamiento por el covid-19. BBC News. Recuperado de https://www.bbc.com/mundo/noticias-internacional-52385436
Barragán, F. (1997). Sexualidad y currículum: Una perspectiva interdisciplinar. Santiago de Compostela: Tórculo.
Barth, J., Bermetz, L., Heim, E., Trelle, S. e Tonia, T. (2012). The current prevalence of child sexual abuse worldwide: A systematic review and meta-analysis. International Journal of Public Health. Vol. 58, núm. 3, 469-483. Recuperado de https://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/23178922
Carrera, M. V., Lameiras, M. e Rodríguez, Y. (2007). Obstáculos para la educación sexual en el siglo XXI. Sexología Integral, 4(3), 45-62.
Chandra-Mouli, V. e Vipul Patel, S. (2017). Mapping the knowledge and understanding of menarche, menstrual hygiene and menstrual health among adolescent girls in low and middle-income countries. Reproductive Health, vol. 1, núm. 14, 14-30.
DAM2018 (2018). El cuerpo humano. https://n9.cl/5sqg7
Font, P. (1995). Propuestas para la integración de la educación afectivo-sexual en la escuela. Escuela Andaluza de Salud Pública, 4, 112-121.
Lameiras, M. e Carrera, M. V. (2008). A educación sexual no novo milenio: obstáculos e retos. Revista de formación e innovación educativa universitaria, 2(1), 24-34.
Lameiras, M., Carrera, M. V., e Rodríguez, Y. (2014). Yoiyo & la Sexualidad: Misión en Ultreia. Madrid: Dykinson.
LOMLOE (2020). Proxecto de Lei orgánica de modificación da LOE 2/2006, do 3 de maio, de educación, aprobado na sesión do Consello de Ministros do 3 de marzo de 2020. Recuperado de: http://www.educacionyfp.gob.es/dam/jcr:1ef5d4e5-a41b-40a3-867b-e3b320dc48be/03-loe-con-lomloe-web-2020-03-03.pdf
Oliveira, M. (1998). La educación sentimental. Barcelona: Icaria.
OMS(2014). World Health Statistics 2014. Xenebra. Recuperado de https://www.who.int/gho/publications/world_health_statistics/2014/en/
OMS (2016). Youth Violence factsheet. Xenebra. Recuperado de https://www.who.int/news-room/fact-sheets/detail/youth-violence
Pornhub Insights (30 de abril de 2020). Coronavirus Update-April, 30. Recuperado de https://www.pornhub.com/insights/coronavirus-update-april-30
Smahel, D., Machackova, H., Mascheroni, G., Dedkova, L., Staksrud, E., Ólafsson, K., Livingstone, S., e Hasebrink, U. (2020). EU Kids Online 2020: Survey results from 19 countries. EU Kids Online. Recuperado de https://doi.org/10.21953/lse.47fdeqj01ofo
Stead, M., Stradling, R., MacNeil, M., MacKintosh, A. e Minty, S. (2007). Implementation evaluation of the Blueprint multi- component drug prevention programme: Fidelity of school component delivery. Drug and Alcohol Review, vol. 26, núm. 6, 653-664.
UNESCO (2010). Orientaciones técnicas internacionales sobre educación en sexualidad: un enfoque basado en evidencia orientado a escuelas, docentes y educadores de la salud. Recuperado de https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000183281_spa
UNESCO (2014). Good Policy and Practice in Health Education: Puberty education and menstrual hygiene management. París. Recuperado de. http://unesdoc.unesco.org/ images/0022/002267/226792e.pdf.
UNESCO (2018). Orientaciones técnicas internacionales sobre educación en sexualidad: un enfoque basado en la evidencia. Recuperado de https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000265335.
UNESCO (2016). Out in the Open: Education Sector Responses to Violence based on Sexual Orientation and Gender Identity/ Expression. París. Recuperado de https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000244756
UNICEF (2014). Hidden in Plain Sight: A statistical analysis of violence against children. Nova York. Recuperado de https://www.unicef.org/publications/index_74865.html
Vázquez Regueira, H. e Cacheiro González M. L. (2023). Análisis de recursos educativos digitales desde la perspectiva de género en la infancia. Revista Internacional de Estudios Feministas Atlánticas, 8(1) 295-317. https://doi.org/10.17979/arief.2023.8.1.9081