Falar e escoitar: outras caras da linguaxe
Aurora Ramilo Alfaya
CEIP Plurilingüe de Leirado (Salvaterra de Miño - Pontevedra)
ramiloalfaya@edu.xunta.gal
Que e como
O lema «A biblioteca escolar ten a palabra», da Asesoría de Bibliotecas Escolares para o curso 2021/22, convida a facer unha análise das nosas prácticas con respecto ao tratamento da oralidade, a procurar a súa presenza nas nosas propostas, mesmo a avalialas e melloralas se é preciso.
Veremos as actividades promovidas desde a nosa biblioteca que responden ao proxecto lector de centro, algunhas en colaboración co EDLG e demais equipos docentes, e que enriquecen e complementan as que se realizan nas aulas.
Todas as facetas da linguaxe están implicadas entre si, todas contribúen ao desenvolvemento de competencias, polo que o ideal é un tratamento conxunto. Por iso, o traballo coa linguaxe oral adoita ir integrado na actividade cotiá da biblioteca, nos proxectos documentais, no fomento da lectura e en propostas puntuais de determinadas datas, sempre en contextos significativos.
Comezaremos por aquelas que, desde as idades máis temperás, favorecen a adquisición de vocabulario, a articulación e dicción correcta, o ton, a entoación e a memoria. Deseguido, aquelas que ademais requiren unha planificación previa e preparación do discurso oral ou son produto dunha investigación: exposición de contidos, entrevistas, titoriais… Un paso máis son as actividades de conversa: o diálogo, intercambio de ideas e expresión de opinións.
No desenvolvemento de todas estas actividades, e canto máis variadas sexan, imos educando tamén a escoita atenta no noso alumnado.
Poesías, cancións, cantareas, arrolos, adiviñas…
O ritmo, a rima e o xogo da poesía e da tradición oral son imprescindibles desde os cursos máis baixos para o desenvolvemento da linguaxe e adoitan ser moi ben recibidos polos nenos e nenas.
Desde a biblioteca facilítanse recursos e elabóranse propostas de recitados, polo Día da Poesía ou Día de Rosalía. En colaboración co EDLG tamén, coa temática dos proxectos ou polo Día das Letras Galegas. Os recitados compártense coa comunidade de xeito presencial, na Radio Escolar, en vídeo ou na realización dos festivais.
Prácticas de lectura en voz alta
As lecturas compartidas en voz alta realízaas o alumnado voluntario de quinto e sexto de primaria ou outros niveis que así o desexen. O feito de ter un auditorio motiva a preparalas o mellor posible, o que fai que a práctica da lectura sexa máis pracenteira. Esta actividade ten lugar na propia biblioteca, polas aulas, e nestes últimos cursos a través de vídeos. As temáticas poden estar relacionadas cos proxectos, coa igualdade de xénero, co Samaín, Día da Paz, Día do Libro etc. ou pódense dar a coñecer os fondos da biblioteca. Ultimamente engadimos un código QR nos libros dos que se poden escoitar estas lecturas.
Dramatizacións e narracións
Os textos literarios dramatizados ou narrados polo alumnado de diversos xeitos son un excelente medio para comprender a secuencia temporal nunha historia, coñecer vocabulario novo, mellorar a memoria e practicar a entoación, máis os apoios xestuais, música ou sons que enriquecen o relato.
Os xogos narrativos son unha ferramenta dispoñible na biblioteca moi acaída para crear narracións orais e aprender os elementos deste tipo de texto: dados, cartas, tarxetas, monicreques…
Merece unha atención especial o álbum ilustrado, formato no que lectores e lectoras de todas as idades poden, en compañía doutros ou das mestras, ir construíndo relatos orais co apoio das ilustracións, estimulando, ademais da linguaxe, a imaxinación e a creatividade.
A biblioteca procura facer visibles estes recursos para facilitar o seu uso por parte do profesorado.
Compartir coñecemento: conferencias, entrevistas, titoriais
Despois das investigacións e do traballo coa información chega o momento de comunicar os resultados e os produtos finais. Organizamos xornadas de conferencias onde o alumnado lles explica o aprendido aos demais. Esta actividade require a elaboración de guións ou presentacións dixitais para guiar a exposición e sesións previas de ensaio nas que se van consolidando aprendizaxes e gañando seguridade. No momento actual os vídeos e a radio escolar son as canles desta comunicación.
As entrevistas a persoas que nos ofrezan información e coñecemento para os nosos proxectos son outra excelente oportunidade de desenvolver habilidades de comunicación oral. Preguntar na familia ou na veciñanza crea, ademais, vínculos entre a escola e a comunidade exterior. Tamén podemos entrevistar a persoas expertas nalgunha materia na que estamos a traballar, un autor ou autora, incluso persoas que vemos todos os días e non nos damos conta do que nos poden achegar. Esta actividade compleméntase moi ben coa elaboración previa das preguntas. De non poder asistir os entrevistados á escola, as gravadoras dixitais ou cámaras son ferramentas moi útiles que pode ofrecer a biblioteca escolar.
O texto instrutivo oral (titorial) abonda moito na actualidade e é moi utilizado. É motivador para o alumnado participar na rede con este xeito de informar: experimentos, creacións plásticas, receitas de cociña, procedementos tecnolóxicos… son temáticas que se poden abordar. Desde a nosa biblioteca utilizamos tamén ese formato nos últimos cursos para dinamizar a través do alumnado voluntario.
Falando de libros: pensar, opinar, conversar
As nosas lecturas tamén son un pretexto para falar, facendo recomendacións de libros ou conversando sobre as lecturas dos clubs. Convén dar unhas pautas sobre o que se debe dicir para facilitar a exposición: nomear datos do libro, expoñer brevemente o argumento, dicir que cousas nos chamaron especialmente a atención, o que nos agradou, o que nos desgustou ou o que nos fixo pensar…
Argumentar
O pasado curso experimentamos o debate co alumnado máis grande, con resultado satisfactorio que apetece repetir. A argumentación tamén se pon en práctica na escola cando traballamos cooperativamente, nos momentos en que debemos chegar a acordos cos demais compoñentes do equipo e defender as nosas propostas. Unha tipoloxía de discurso oral que non debería faltar polo seu carácter inclusivo e que forma o alumnado en valores cívicos.
A escoita
Acondicionar lugares que transmitan tranquilidade e que se identifiquen coa conversa sosegada favorece o seu uso para este fin, tanto de xeito libre como en actividades estruturadas.
Cando os temas interesan, cando o alumnado é protagonista e se fai habitual na escola o intercambio de comunicación oral, o hábito de escoita atenta e respectuosa vaise asentando co paso do tempo de forma moi natural. Os nenos e nenas séntense valorados e integrados, van superando inseguridades e a participación xeneralízase, de forma que todos e todas teñen os seus momentos e lugares para expresarse e ser escoitados.
Os últimos cursos, marcados polo protocolo sanitario da pandemia da covid-19, foi necesario adaptar moitas das actividades ao formato dixital. Perdemos os momentos de encontros e charlas na biblioteca, de interacción entre diferentes niveis. Os vídeos e podcast deron outras perspectivas e oportunidades e seguirán a convivir cos formatos presenciais en canto estes se poidan retomar.