CaMiño activo

Melloramos paso a paso
O proxecto que aquí se presenta parte da detección dunha problemática e do posterior proceso de intervención e investigación. Levouse a cabo a aplicación práctica dunha investigación educativa baseada na hipótese de que o aumento do exercicio físico tería consecuencias positivas no alumnado en relación coa súa condición física, cantidade e calidade do sono e o seu desenvolvemento físico e académico.

Miguel María Varela Pereira e Manuel Losada González
CPI Castro Baxoi (Miño - A Coruña)

Contextualización

Actualmente, existe unha crecente preocupación social sobre o aumento do sedentarismo e da obesidade na sociedade en xeral e nos nenos en particular. Segundo datos da OMS, en 2016 máis de 340 millóns de nenos e adolescentes (de 5 a 19 anos) tiñan sobrepeso ou obesidade. No relativo ao ámbito estatal, a Enquisa nacional de saúde (ENSE, 2017) elaborada polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, mostraba como máis do 28 % da poboación española de 2 a 17 anos presentaba sobrepeso ou obesidade. Este estilo de vida podería dicirse que inflúe non só en aspectos relativos á saúde senón tamén noutros tan relevantes como o seu rendemento académico, tal e como reflicte o descenso, ao longo dos últimos 15 anos, nos resultados do informe PISA, colocándonos por debaixo da media da OCDE (PISA, 2018).

No relativo ao noso centro, CPI Castro Baxoi, é público, polo que está baixo a titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e atópase no concello de Miño, pertencente á provincia da Coruña. O nivel socioeconómico e cultural das familias é medio ou medio-baixo e o centro supera o medio millar de alumnos/as, cunha media de 22 alumnos por aula. É un centro cun alumnado moi heteroxéneo: nenos e nenas con familias con varias xeracións arraigadas na vila, alumnado proveniente da inmigración, da etnia xitana e moitos alumnos dun centro de acollida de menores en situación de risco e desprotección social, no que se proporciona unha atención integral, educación en valores e acompañamento socioafectivo.

Por outro lado, se falamos de aspectos relacionados coa saúde e tomando como referencia o nivel socioeconómico das familias do centro, vemos como o cuarto estudo Aladino, Estudo sobre a alimentación, actividade física, crecemento infantil e obesidade 2019, reflicte que a obesidade e o sobrepeso están vinculados á clase social dos fogares; nos fogares de menor renda, o 47,3 % dos nenos ten sobrepeso ou obesidade.

Así mesmo, o centro participa, desde o ano 2018, no Plan Proxecta, concretamente no Proxecto de vida activa e deportiva desde o curso 2018/19, na modalidade DAFIS. Esta é unha ferramenta elaborada no marco do Plan Galicia Saudable, promovido pola Xunta de Galicia desde o curso 2012/13 e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte para a valoración da condición física do seu alumnado, deportistas e da cidadanía en xeral. Co protocolo DAFIS, no relativo á composición corporal, obtéñense datos relacionados co perímetro da cintura e da cadeira, o peso e a altura e o índice de masa corporal (IMC). En relación con este último aspecto en cuestión, vemos como no noso centro o IMC do alumnado participante no proxecto, de 11 e 12 anos, ten valores que encaixarían na media.

 

Non obstante, o IMC é unha referencia moi relativa, na que inflúen distintos valores para determinar ou non o sobrepeso o non. Por exemplo, en relación coas táboas de referencia establecidas para nenos de 11 anos da OMS, o noso alumnado tería sobrepeso. De todos os xeitos, o que parece innegable é que os valores son moi altos, moito máis do desexado.

 

Ademais, obsérvase que os resultados das distintas probas tenden a ser medios, baixos ou moi baixos en relación coa media galega. En concreto, hai un valor que destaca, negativamente, o salto horizontal. Os valores desta proba están relacionados co sobrepeso tal e como reflicten diversos estudos como o de Sepúlveda et al. (2018), que verificou unha relación negativa entre adiposidade corporal e o salto horizontal.

Por outra parte, vimos con anterioridade os baixos resultados e o descenso do nivel acadado en España nos resultados do informes PISA. Neste senso, concretando no noso centro, no referente á avaliación das competencias do alumnado, atopámonos con que nas probas da avaliación final de educación primaria feitas no noso centro os resultados foron realmente desalentadores, especialmente nas linguas.

Como se pode observar, nesta mostra dalgúns dos datos obtidos obsérvase que o nivel de competencia nas linguas está moi por debaixo con respecto ao índice de status social, económico e cultural. Neste senso, o noso proxecto ten moita importancia, xa que existen numerosas investigacións que estudan o eixe exercicio físico-cognición-rendemento académico e buscan determinar como a actividade física redunda nun avance da actividade cerebral e, polo tanto, no rendemento escolar.

 

Obxectivos

Unha vez vista a contextualización, os obxectivos que perseguimos con esta proposta foron varios e distinta índole, e van da man co exposto no proxecto deportivo de centro:

- Mellorar a condición física do alumnado.

- Crear e promover hábitos saudables.

- Incrementar a cantidade de actividade física do alumnado.

- Relacionar o aumento de actividade física coa mellora na calidade e cantidade do sono.

- Adquirir, por parte das familias e do alumnado, coñecementos básicos sobre nutrición.

- Mellorar o rendemento académico a través do incremento de actividade física.

 

Recursos empregados

Recursos materiais

  • Pulseira de actividade Xiaomi Mi Band 2

Esta pulseira de actividade utilizouse co alumnado pertencente ao grupo experimental do proxecto. Pertence á marca Xiaomi, modelo XMSH04 HM, conta coa certificación IP67 e aplicacións IOS e Android. É compatible con teléfonos e con calquera dispositivo con Bluetooth 4.0 e Android 4.4 e superior. Ten función de monitorización de actividade e de frecuencia cardíaca e rastrexadora do sono. En canto a termos de fiabilidade, esta pulseira formou parte dun recente estudo (Xie et al., 2018) para avaliar a validez de diferentes dispositivos portátiles no cal examinaron a precisión das medicións en estados seminaturais e os resultados mostraron que «na medición da frecuencia cardíaca, o número de pasos, a distancia e a duración do sono, os dispositivos portátiles convencionais e as aplicacións móbiles no mercado lograron unha precisión bastante alta, con MAPE mantido en aproximadamente 0,10».

  • Tableta Samsung SM- T580

 

Para recoller e almacenar os datos de todo o alumnado utilizouse a aplicación Mi Fit de Xiaomi. O alumnado tiña acceso continuo a esta información a través de E-Dixgal.

  • Material do protocolo DAFIS: dinamómetro, báscula, cintas métricas, barra para suspensión, máquina Back-saver sit and reach, cronómetro e esponxas.

Recursos persoais

Dous docentes especialistas de educación física, as dúas titoras de sexto de educación primaria e a colaboración de diferentes especialistas.

 

Descrición da actividade

Temporización

Outubro-Decembro

Establecemento de protocolos. Recompilación e revisión bibliográfica relacionada co obxecto de estudo e explicación e invitación ao alumnado a colaborar nel de forma voluntaria. Establecemento do grupo control e do experimental.

Neste estudo participaron 37 alumnos de entre 10 e 12 anos de idade. O alumnado cursaba o sexto curso de educación primaria no CPI Castro Baxoi (Miño, A Coruña). O tipo de mostra é non aleatoria, configurouse baixo o criterio de voluntariedade/non voluntariedade na participación deste. Antes do comezo do devandito proxecto e de realizar a selección da mostra, todo o alumnado foi informado da composición e estrutura deste e da condición sine qua non para a participación nel: a entrega do consentimento asinado. Con base nisto, os grupos conformados foron os seguintes:

1.º Grupo experimental (GE): alumnado que, de xeito voluntario e con consentimento asinado, aceptou participar nas sesións de exercicio físico do proxecto. O número de alumnos integrantes foi de 22, 18 nenos e 4 nenas.

2.º Grupo control (GC): alumnado que non entregou o consentimento de participación activa nas sesións de exercicio físico asinado. O número de alumnos que decidiron non participar foron 15; 8 nenas e 7 nenos.

Xaneiro-Febreiro

Avaliación previa: procedeuse á avaliación inicial dos suxeitos en relación con todos os parámetros que ían ser valorados.

Cada un dos nenos e nenas do grupo experimental estivo monitorizado por unha pulseira ao longo de todo o proxecto. Antes de comezar co programa físico de intervención rexistráronse durante 10 días todos os datos da pulseira de cada un deles, como referencia da súa vida «normal». Este valores foron relativos á cantidade de actividade física (pasometría) e ao tempo de sono (sono total e profundo) e utilizáronse, posteriormente, para comparar cos obtidos no proxecto e valorar a súa evolución ou non.

Marzo-Xuño

Programas de intervención: durante tres meses con tres sesións semanais de 30 minutos de duración, correspondentes a tres recreos de cada semana.

O traballo que se levou a cabo co alumnado foi de forza e de adestramento interválico de alta intensidade (a partir de agora, HIIT —High Intensity Interval Training—). Para a selección deste tipo de traballo guiámonos pola evidencia científica no relativo aos resultados na mellora da saúde, a súa concepción total e tamén pola pouca dispoñibilidade de tempo.

En relación co traballo HIIT, numerosos estudos científicos mostran moitas das súas vantaxes en nenos e nenas destas idades como, por exemplo, o feito de que incrementa a aptitude cardiorrespiratoria (Amigo, 2018). Neste sentido, unha recente revisión sistemática (Eddols, McNarry, Stratton, Winn e Mackintosh, 2017) analizou os efectos do HIIT sobre a composición corporal e a saúde cardiometabólica e cardiovascular en nenos entre 5-18 anos. Os resultados da maioría destes estudos acharon beneficios significativos sobre a presión arterial sistólica e diastólica. Ademais, en todos os estudos que analizaron o efecto do HIIT sobre biomarcadores de enfermidade cardiovascular (glicosa, insulina, colesterol total, HDL-colesterol, LDL-colesterol e triglicéridos), obtiveron melloras clinicamente significativas.

No relativo ao traballo de forza, a intervención de programas de adestramento dentro do ámbito escolar, revisamos varios artigos con suxeitos que se atopasen na etapa de educación primaria, entre os 6 e os 12 anos. Estes artigos seguían a mesma metodoloxía que implementamos nós, baseada nun grupo control e un grupo de intervención; o cal, este segundo, serviu para observar as modificacións que se produciron con respecto ao grupo control, tras o período de intervención. Os devanditos estudos consideran que a duración ideal do programa para obter beneficios é dun mínimo 8 semanas. Segundo diversos autores (Faigembaum et al., 2011, 2014, 2015; Yu et al., 2016; e Duncan et al., 2017), os programas de adestramento de forza introducidos no ámbito escola, son beneficiosos para os nenos e nenas e achegan ganancias de forza no tren superior, inferior e tronco. Outros artigos (Yu et al., 2016) mostran que, tras un período de 10 semanas de intervención no ámbito escolar, se mellora a función endotelial dos nenos. A función endotelial é un factor clave na conservación da saúde vascular, que ademais serve como marcador clínico para prognosticar o desenvolvemento e/ou resultado da arteriosclerose e a enfermidade cardiovascular. En definitiva, con base en estudos como os que acabamos de citar, decidimos implementar estes tipos de adestramento unido, como xa comentamos, á facilidade da súa implementación e a escasa dispoñibilidade horaria

Xuño

Avaliación postratamento: repetición das probas de avaliación inicial co alumnado. Valoración dos resultados obtidos pre e postintervención e feedback dos seus resultados ao alumnado.

 

 

Metodoloxía

O proxecto vai máis aló dos tres meses de actividade nos recreos, supuxo moito traballo: a inicial detección dos problemas, a fase de recompilación bibliográfica relacionada, a recollida de datos e avaliación inicial, a propia implementación do programa de intervención, a avaliación final e a análise dos datos obtidos. A metodoloxía foi global, participativa e aberta en todos os aspectos: desde os relacionados coa participación da comunidade educativa (alumnado, familias e profesorado) ata as actividades propostas e aspectos organizativos, programáticos e pedagóxicos.

En primeiro lugar, no ámbito programático modificáronse as súas sesións para encaixar os contidos do curso cos aspectos relativos ao proxecto e ao seu desenvolvemento. As titoras e os outros especialistas cadraron a súa temporización co desenvolvemento do proxecto; coordinaron o traballo da aula e das áreas co da nosa proposta.

No ámbito organizativo no centro, o alumnado do proxecto baixaba 5 minutos antes para facer as sesións prácticas de 30 minutos e ter outros 5 minutos ao finalizalas para poder merendar antes de subir á aula. Ademais, no referente á distribución horaria, modificouse parte da organización semanal para poder utilizar unha parte das sesións do mércores para pasar todos os datos á tableta electrónica e facer unha valoración xeral de como estaba indo todo o relativo ao proxecto. Este aspecto era fundamental para o alumnado, xa que lle daba feedback do que estaba a facer. Ademais, tiña acceso á información ao ter os datos subidos na plataforma de E-Dixgal, o que lle servía como grandísimo elemento motivador e, pola súa vez, como elemento de avaliación continua do proxecto.

No ámbito pedagóxico esta proposta ten unha boa sistematización do que se quixo traballar, dos métodos e procedementos que se utilizaron e estaban claramente definidos os obxectivos. No relativo á metodoloxía, esta foi participativa, os alumnos son os principais actores do traballo que se estaba a desenvolver e xira todo arredor deles. Son os principais artífices de que o proxecto fose saíndo adiante grazas, como comentamos, á súa participación activa: asistindo as sesións, preocupándose de ir aumentando o número de pasos, do coidado e mantemento das pulseiras... O feito de seren eles o aspecto nuclear do proxecto e que todo o que fixeron na clase foi sobre as súas propias accións/actuacións converteuse nun elemento motivador decisorio.

Por outra banda, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, nas disposicións xerais, afirma que é necesario unha visión interdisciplinaria da función docente. Este proxecto abraza esta visión de maneira moi significativa, xa que se traballou durante todo o proxecto dun xeito totalmente interdisciplinar.

 

Avaliación

Avaliación previa

Procedeuse ao rexistro e avaliación inicial dos suxeitos en relación con todos os parámetros que ían ser valorados: CFB, cantidade de pasos e análise do sono.

O protocolo DAFIS

As probas deste protocolo pasáronse no mes de outubro e volvéronse pasar na avaliación final en xuño, para realizar unha valoración comparada. É unha ferramenta elaborada no marco do Plan Galicia Saudable, promovido pola Xunta de Galicia desde o curso 2012/13 e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte para a valoración da condición física dos seus alumnos, deportistas e da cidadanía en xeral.

Os protocolos de valoración da condición física saudable previstos en DAFIS pretenden medir aquelas capacidades físicas e psicomotoras nas que está demostrada cientificamente unha relación coa saúde. O protocolo e test físicos compóñense dos seguintes catro bloques: 1. Composición corporal, 2. Compoñente muscular, 3. Compoñente motor e 4. Resistencia cardiorrespiratoria.

Avaliación final

Procedeuse á avaliación dos suxeitos en relación cos parámetros da avaliación inicial.

 

Resultados

A continuación falaremos dos resultados obtidos do proxecto e das conclusións relativas.

Para a valoración dos datos das probas tomáronse como referencia dous parámetros:

1. Pertencer ao grupo control ou experimental (GC/GE).

2. Pertencer ao grupo experimental e o nivel de actividade física en función da pasometría (GENAF)

Táboa I. Clasificación do nivel de actividade física a través da pasometría

Fonte: adaptado de Tudor-Locke, C. How Many Steps/Day Are Enough? Sports Med, 2004, 34 (1), 1-8

 

Tendo en conta todas estas premisas, desenvolverase este apartado en función dos datos comparados das dúas avaliacións (pre e postintervención), entre os distintos grupos existentes (GC/GE) e de cada alumno ou alumna deste. Podería considerarse que unha mellora nos datos dos elementos analizados suporía, en consecuencia, a consecución, en maior ou menor medida, dos obxectivos propostos. Pasamos a analizalos:

  • Resultados condición física (véxase gráfica 1)

Neste apartado víronse resultados realmente importantes, como cabía esperar:

- Unha mellora de máis do 19 % no índice de forza nas mans.

- Un aumento do 7,31 % en salto horizontal.

- O valor da flexibilidade aumentou un 28 %.

- Baixaron un 7,16 % os tempos na probas de velocidade.

- Aumentou un 156,24 % o tempo en suspensión de brazos.

- Subiron un 68 % no valor de resistencia.

 

Gráfica 1

 

  • IMC (véxase gráfica 2)

En relación co índice de masa corporal, existe numerosa bibliografía científica que mostra como a actividade física contribúe, xunto á dieta, á regulación do peso corporal e á loita contra a obesidade (Cuadrado, P, Escamilla, ME La, 1991). Este aspecto tamén aparece reflectido neste proxecto co decrecemento do IMC nos suxeitos participantes nel.

 

Gráfica 2

  • Resultados pasos (véxase gráfica 3)

No referido ao aumento de pasos, o alumnado do proxecto aumentou un 26,2 % a media, é dicir, fixo 2446 pasos máis ao día durante o transcurso deste.

 

Gráfica 3

  • Resultados sono (véxase gráfica 4)

Gráfica 4

  • Resultados académicos (véxase gráfica 5)

Por último, viuse unha evolución nos resultados académicos no grupo experimental, que foi máis substancial no subgrupo dos altamente activos.

 

Gráfica 5

Conclusións

A título persoal, gustaríanos destacar que, a pesar do alto volume de traballo que supuxo este proxecto, resultou moitísimo máis motivador do esperado. Por outra banda, nun principio, xerábanos moitas dúbidas a capacidade de persistencia e continuidade do alumnado ao ter que «sacrificar» tres dos seus recreos durante un período de tres meses. Non obstante, como tantas veces, os nenos sorprendéronnos e mostraron moitísimo interese e implicación no proxecto. Eles estaban constantemente preocupados por pasar os datos; por contar os pasos que daban, incluso de xeito continuado; pendentes e moi motivados polos recreos que lles tocaba sesión práctica e, os que non lles tocaba, pasábanos paseando ou correndo polo patio para ir sumando pasos. Ademais, crearon grupos para ir correr, pasear ou andar en bicicleta; moitos fixeron sesións de adestramento nas súas casas; algúns implicaron as súas familias...

Pola súa parte, as familias colaboraron moitísimo e estiveron moi involucradas; mandaban correos ou comentaban á saída do centro cousas como que o seu fillo estaba máis activo, que baixou de peso, que o «obrigaba» saír camiñar... Este tipo de aspectos non son cuantificables, pero consideramos que dotan dun gran valor o proxecto, xa que implican as familias na vida (activa, cómpre destacalo) dos seus fillos.

Ademais, gustaríanos facer un inciso no aspecto relacionado coas NEAE. Dentro do proxecto había un neno con TDAH e os resultados foron moi positivos no seu comportamento, aspecto no que coincidimos tanto os diferentes mestres como na súa casa. O feito de que a actividade física ten un impacto positivo no TDAH non é novo; un estudo recente de Hoza et al. (2015) mostra que a actividade física regular diminúe a gravidade dos síntomas do TDAH nos nenos e mellora o seu desempeño cognitivo. Consideramos que isto pode e debe servir para reflexionar sobre a importancia (e necesidade) de introducir propostas deste tipo na escola con este alumnado.

Como mestres especialistas de educación física, este proxecto realizounos moitísimo, xa que o alumnado mellorou, como xa vimos, en gran medida as súas capacidades físicas básicas. Ademais, creouse e instaurouse unha serie de hábitos saudables, xa que moitos adquiriron a pulseira de actividade (ou outra parecida) e aínda seguen mantendo o costume de pasar de 12 000 pasos diarios (hai que destacar que o rexistro inicial daba unha media de 9878 pasos ao día).

Unha vez finalizado o proxecto, vimos datos realmente curiosos, como que deron máis de 24 000 000 de pasos; percorreron mais de 16 000 quilómetros, como ir de Miño a Balí; un neno deu mais de 34 000 pasos só nun día; aumentaron un 25 % a media de número de pasos en relación coa semana inicial...

Para rematar, consideramos que esta experiencia ten transferibilidade a calquera centro educativo, xa que os medios requiridos para levala a cabo son de fácil acceso e as probas utilizadas teñen, como xa comentamos, unha aplicación e corrección sinxela e/ou grupal.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Angela S. Alberga, Biagina-Carla Farnesi, Angele Lafleche, Laurent Legault, MD, Joanna Komorowski, PhD. (2013). The Effects of Resistance Exercise Training on Body Composition and Strength in Obese Prepubertal Children. The Physician and Sportsmedicine, 103-109.

Brand, S., Kalak, N., Gerber, M., Clough, P. J., Lemola, S., Sadeghi Bahmani, D. et al (2016). During early to mid-adolescence, moderate to vigorous physical activity is associated with restoring sleep, psychological functioning, mental toughness and male gender. J Sports Sci, 35 (5), 426-434.

Encuesta Nacional de Salud España 2017. 1987-2017, 30 años ENSE. Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.

Gutin, B., Barbeau, P., Owens, S., Lemmon, C. R., Bauman, M., Allison, J., Kang, H. & Litaker, M.S. (2002). Effects of exercise intensity on cardiovascular fitness, total body composition, and visceral adiposity of obese adolescents. Am J Clin Nutr, 75, 818-826.

Hoza, B., Smith, A. L., Shoulberg, E. K., Linnea, K. S., Dorsch, T. E., Blazo, J. A., McCabe, G. P. (2015). A Randomized Trial Examining the Effects of Aerobic Physical Activity on Attention Deficit/Hyperactivity Disorder Symptoms in Young Children. Journal of Abnormal Child Psychology, 43 (4), 655-667.

Lindblad, F., Backman, L., Lundin, A., Akerstedt, T. (2011). El sueño, el estrés y las conductas alimentarias predicen la concentración en la escuela. Salud (i) cienc. (Impresa), 18 (2): 142-146.

Maureira, F., Díaz, I., Foos, P., Ibanez, C., Molina, D., Aravena, F. et al.  (2014). Relación entre la práctica de actividad física y el rendimiento académico en escolares de Santiago de Chile. Revista Ciencias de la Actividad Física UCM, 15 (1), 43-50.

Suárez-Manzano, S.; Ruiz-Ariza, A.; López-Serrano, S. y J. Martínez-López, E. (2019).C-HIIT para mejorar la concentración y calidad de sueño de escolares con dificultades de aprendizaje: Estudio piloto. European Journal of Education and Psychology. Vol. 13, núm. 1, 221-234

 

Sección: