Herdeiros do mar
Elisa Costas Fernández
Especialidade Matemáticas. IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña)
elisa.costas@edu.xunta.gal
1. Contextualización
O IES da Pobra do Caramiñal sitúase ao final da praia do Areal, nun diálogo continuo co pasado e co presente do sector pesqueiro na Pobra. Dunha banda, o noso alumnado atravesa a diario o barrio dos Cataláns para chegar ao centro, cos seus edificios abandonados, que hai menos dun século trouxera o esplendor social e económico á comarca. Doutra, poucos son os días en que o alumnado non atopa fronte ao centro, ben á primeira hora, ben á saída, decenas de mariscadoras (e mariscadores) recollendo os tan prezados produtos das nosas augas. E todos os días, como pano de fondo do centro, as bateas.
Como é de esperar, moitas das familias do alumnado do IES da Pobra do Caramiñal están empregadas no sector pesqueiro ou dependen del; desde pais, nais, avós, bisavós etc. Con todo, son moitas as alumnas e alumnos que non coñecen a historia da súa contorna: a da aldea mariñeira fundacional, a fonda pegada das industrias de salgadeira creadas por empresarios cataláns cos que moitas veces comparten apelidos, a das nais e avoas cabezas de familia que compaxinan duros labores extractivos e conserveiros, a das redeiras da veciña Aguiño, o importantísimo papel e impacto da muller no sector, as historias de vida e loita que viviron os seus parentes no mar e un longo etcétera.
Neste contexto, o Proxecta concibiuse como un proxecto integrador de centro, no que se convidou a participar a todo o profesorado co obxecto de que a súa temática, «Memoria da industria, memoria do mar» puidese servir como fío condutor dos distintos contidos e materias, e permitise conectalas, dunha maneira transversal, co contexto social, económico e patrimonial do concello.
Deste xeito, fomentouse un traballo interdisciplinario entre departamentos, que establecese relacións non só entre materias, senón entre estas e unha realidade próxima ao alumnado, que o conectase coas súas raíces e aumentase a súa motivación, permitíndolle realizar unha aprendizaxe máis significativa.
2. Obxectivos
O obxectivo principal perseguido foi que o alumnado coñecese a historia do seu municipio e a súa ligazón á industria pesqueira a través de diversos enfoques:
- Desde un enfoque puramente estatístico, queriamos que coñecesen a importancia do porto da Pobra do Caramiñal (primeiro porto de descarga de túnidos en Europa) e as posibilidades económicas que iso representa, así como das cifras (emprego, produción, salarios...) que manexan as industrias conserveiras e extractivas da zona.
- Desde un enfoque histórico, pretendeuse que este proxecto conectase o pasado onde están as súas raíces co presente mariñeiro da Pobra e isto permitise crear no alumnado un sinal de identidade sólido que mirase cara ao futuro.
- Desde un enfoque social, era prioritario para nós ofrecer unha visión en igualdade que puxese en valor o papel da muller no desenvolvemento da historia colectiva do concello, o seu peso social e de cabeza de familia, compaxinado cos duros labores extractivos e conserveiros.
- Desde un enfoque emocional, queriamos que esta iniciativa servise tamén para estreitar os lazos familiares e veciñais: que o alumnado indagase e coñecese as historias de vida e loita relacionadas co mar que viviron ou seus parentes e valorasen que forman parte da historia das súas familias.
Como obxectivos secundarios pódense enumerar os seguintes:
- Fomentar a utilización de ferramentas dixitais en producións textuais, gráficas e plásticas.
- Desenvolver destrezas básicas na busca de información, para poder adquirir novos coñecementos mediante a aplicación do sentido crítico.
- Desenvolver o espírito emprendedor, a confianza, a participación e mais o sentido crítico.
- Coñecer, valorar e respectar os aspectos culturais e históricos propios, así como o noso patrimonio artístico e cultural.
- Achegar o alumnado á práctica artística como outra canle de comunicación para explorar na súa formación.
3. Organización
Para que o Plan Proxecta chegase a ser unha realidade, foi fundamental a participación e compromiso dun gran grupo de profesores e profesoras. Tanto o equipo directivo como o claustro abrazou desde un principio a proposta e foi o traballo en equipo o que enriqueceu a proposta inicial. A continuación recóllese un resumo da xénese do proxecto.
Nas semanas anteriores á solicitude do Proxecta, producíronse catro reunións no seo do equipo de dinamización lingüística nas que se perfilaron distintas actividades para o proxecto, así como as posibles materias e profesorado participante. Unha vez que estas profesoras e profesores confirmaron a súa pertenza ao grupo de traballo, redactouse o proxecto que se presentou á convocatoria do plan e que se pode consultar na páxina web https://herdeirosdomar.wordpress.com
Unha vez que se admitiu a nosa proposta de participación no Plan Proxecta, presentouse o documento ante o Departamento de Actividades Complementarias e Extraescolares e ante a Comisión de Coordinación Pedagóxica, onde se acordou que os distintos xefes e xefas de departamento lle comunicasen ao profesorado a posibilidade de participar no plan. Por outra banda, tamén a dirección do centro lle enviou ao claustro unha copia do documento presentado á convocatoria na que se convidaba á participación. Froito desta difusión, foi moito o profesorado que decidiu sumarse ao proxecto e participar nas actividades propostas.
Como un dos obxectivos principais do proxecto era implicar a toda a comunidade educativa como factor de cohesión, así como difundir as actividades previstas, establecéronse varias reunións no Concello da Pobra do Caramiñal, nas que a vicedirectora María Lapido, a profesora Pilar Ponte e a coordinadora do plan, Elisa Costas, nos reunimos coa concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e co alcalde, Xosé Lois Piñeiro, na procura da súa participación no proxecto. Tanto a concelleira de Cultura como a Alcaldía acolleron con brazos abertos e ilusión a iniciativa, mais o acordo de préstamo de materiais e espazos para a realización de actividades e exposicións foi paralizado por mor do confinamento.
Por outra banda, establecéronse distintos contactos fóra do ámbito académico cos que enriquecer o proxecto. Entre eles cabe salientar a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do concello na procura de datos estatísticos cos que traballaría o alumnado; a concelleira de Igualdade, Charo Varela, quen proporcionou o contacto de Genoveva Maneiro, da que se falará máis adiante; e o arquitecto Simón Fernández Castro, autor dun proxecto fin de carreira centrado na rehabilitación das naves conserveiras actualmente abandonadas no paseo do Areal ou no barrio dos Cataláns. Simón tiña previsto dar unha charla o 20 de abril no instituto á vez que o alumnado traballaba enquisas e repensaba o uso dos espazos abandonados, en comuñón cunha análise histórica do barrio dos Cataláns.
4. Desenvolvemento. Actividades
Debido á declaración do estado de alarma, o proxecto tal e como se pensou tivo que ser abandonado. A temporización estaba deseñada para centrarse principalmente no final da segunda avaliación e na terceira, polo tanto, a maior parte dos contidos nos que se sustentaba non se chegaron a impartir (así é, por exemplo, o caso da estatística ou da xeometría en Matemáticas).
Malia estas condicións, o profesorado tratou de superar as limitacións e adaptar as actividades a novos enunciados, facendo «microproxectos» que permitisen acadar o obxectivo principal do Proxecta: que o alumnado coñecese a historia do seu municipio e a súa ligazón á industria pesqueira, creando lazos co seu contorno, coas familias e os veciños, facéndolles visible unha realidade da que aínda non eran coñecedores de xeito consciente. A realización destes «microproxectos» permitiu achegarlle a temática do proxecto, a industria e o mar á meirande parte do alumnado, forzando unha reflexión que doutro xeito non se produciría.
A continuación atópase unha relación cunha breve descrición das distintas actividades desenvolvidas. Na seguinte ligazón pódese acceder a unha selección dos mellores traballos presentados e nalgúns, aos recursos empregados para a realización e avaliación das tarefas: Herdeiros do mar (https://herdeirosdomar.wordpress.com/)
4.1. Charla de Genoveva Maneiro, mariscadora da Pobra do Caramiñal. Terceiro da ESO
Genoveva Maneiro, mariscadora do municipio, acudiu o 28 de febreiro ao centro para dar unha charla ante o alumnado de terceiro da ESO sobre o marisqueo e a muller.
4.2. Charla Manuel Lourido, Conservas Lou. Primeiro de bacharelato. Profesora: Ángela Caldas
Manuel Lourido, empresario do sector conserveiro da veciña Ribeira, realizou unha reflexión sobre o pasado, presente e futuro do sector pesqueiro en Barbanza e, máis especificamente, da industria conserveira. Analizou as tendencias actuais do sector, en aparente declive, e a necesidade de investimento en innovación e novos proxectos.
Esta charla iniciou unha actividade interdisciplinaria de Xeografía e Historia e Matemáticas, que constaba da elaboración dunha enquisa para analizar a percepción actual do traballo no mar e a creación dun pequeno documental no que constasen as conclusións finais (inconcluso).
4.3. Realización dun texto argumentativo relacionado coa industria conserveira. Lingua Galega. Segundo de bacharelato. Profesora: Meli Rei
Despois dun proceso de investigación, tiveron que escribir un texto de opinión sobre as vantaxes e as desvantaxes de contar cunha industria conserveira na súa vila. No terceiro trimestre estaba previsto poder editar os textos xunto con fotografías tiradas polo alumnado.
4.4. Fotografía histórica e arte. Debuxo e Inglés. Primeiro de bacharelato. Profesores: Alejandro Bovillo e Loli Bravo
Traballo de adaptación das míticas fotos que na década dos anos vinte do pasado século (en concreto entre 1924 e 1926) realizou na nosa comunidade a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson para a Hispanic Society of America.
4.5. Estudo da ría de Arousa, mexillón e a industria bateeira. Bioloxía e Xeoloxía. Primeiro de bacharelato e cuarto da ESO. Profesor: Javier Otero
Estudo da ría de Arousa e dos seus recursos, factores de formación, orixe e evolución, importancia do afloramento para falar a continuación dos recursos do mar e da súa vinculación coa historia da industria no concello da Pobra.
4.6. 3D «Herdeiros do mar». Tecnoloxía. Cuarto da ESO. Profesora: Margarita Saborido
Realización de modelos 3D (modelo 1-modelo 2) de elementos vencellados co mar. Entre eles, o envase de sardiñas da Guerra Civil proporcionado polo museo ANFACO, peza que obtivo o premio como Campións de Galicia no concurso D3MOBILE 2020.
4.7. Análise das casas fomentadoras do barrio dos Cataláns. Matemáticas Aplicadas. Terceiro da ESO. Profesor: Ángel Vidal
O alumnado traballou os conceptos de xeometría plana aplicados ao barrio dos Cataláns, o que permitiu entrar en contacto coa herdanza cultural do pasado mariñeiro e conserveiro da nosa localidade.
4.8. Métodos de conservación de alimentos. Física e Química. Terceiro da ESO. Profesora: Ana Servia
Traballo de investigación sobre métodos de conservación de peixes e mariscos, temática relacionada coa gran tradición que as industrias de procesamento de produtos da pesca e marisqueo teñen neste concello desde que no século XVIII se instalaran aquí as fábricas de salgadeira que dinamizaron economicamente a bisbarra.
4.9. Investigación «Os números das bateas». Lingua Castelá, Tecnoloxía e Matemáticas. Segundo da ESO. Profesores: Carlota Mascareñas, Xan Álvarez e Elisa Costas
O alumnado realizou desde as áreas de Lingua Castelá, Tecnoloxía e Matemáticas un traballo de investigación sobre os mexillóns e a súa cría nas bateas.
4.10. Deseño de embalaxe conmemorativa. Matemáticas. Segundo da ESO. Profesora: Elisa Costas
Unha vez rematada a análise das bateas, o mesmo alumnado traballou no deseño dunha embalaxe para un lote conmemorativo de 5 latas dun produto local moi famoso: o mexillón xigante da conserveira pobrense Ramón Franco.
4.11. Receitario mariñeiro. Lingua Galega e Matemáticas. Primeiro da ESO. Profesoras: Pilar Ponte, Elisa Costas e Yolanda Díez
O obxectivo da actividade foi inventar, coa axuda familiar, unha receita de cociña saudable que tivese como base produtos do mar. Nesta tarefa integrada fomentáronse o comercio local e o coñecemento dos produtos autóctonos mediante a utilización de produtos de proximidade que o alumnado puidese atopar nos postos de peixería do mercado da Pobra do Caramiñal e de produtos en lata galegos (mexillóns, algas, zamburiñas etc.).
4.12. Vídeo A primeira marea. Club de vídeo do EDLG. Profesoras: Pilar Ponte, Margarita Saborido e Elisa Costas
O profesorado e o alumnado do club de vídeo do equipo de dinamización da lingua galega investigaron como nas súas familias se vivía o mar e o traballo relacionado con este sector para coñecer as súas raíces mariñeiras. Cos froitos desta investigación elaboraron a curtametraxe A primeira marea, centrada en como as condicións laborais do mar condicionan as relacións familiares.
4.13. Proxección de Matria e encontro co director Álvaro Gago. Profesoras: Pilar Ponte e Margarita Saborido
Organizouse un pase privado, para alumnado de TIC de cuarto da ESO e os membros do club de vídeo, da multipremiada curtametraxe Matria co director Álvaro Gago. Na conversa co autor que seguiu á proxección o alumnado tivo a oportunidade de valorar, cunha perspectiva ampla, como é a vida das mulleres das conserveiras, os seus dereitos laborais e as súas perspectivas profesionais.
4.14. Actividades de dinamización do EDLG. Profesoras: Pilar Ponte e Elisa Costas
En colaboración co EDLG realizáronse nos recreos distintas actividades conducidas por alumnas e alumnos que pretendían conectar o alumnado coas súas raíces mariñeiras. Entre elas podemos salientar clases de pandeireta e canto tradicionais de cancións mariñeiras e o obradoiro de nós mariñeiros.
Metodoloxía
A metodoloxía empregada na totalidade dos casos foi a de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Segundo esta metodoloxía de deseño e programación de actividades, leváronse a cabo un conxunto de tarefas baseadas na resolución de preguntas ou problemas, mediante un proceso de investigación que culminou nun produto final (xa fose un vídeo, un texto expositivo, unha receita, unha presentación etc.).
Este tipo de metodoloxía fomenta o traballo cooperativo e aumenta a implicación do alumnado, facéndoo protagonista da súa propia aprendizaxe. O desenvolvemento destes «microproxectos» permitiu unha socialización máis rica, xa que implicaron movementos non só no seo da aula, senón que tamén dinamizaron a participación de axentes expertos e das propias familias.
Avaliación
O estado excepcional vivido truncou o desenvolvemento das tarefas e tamén a propia avaliación dos resultados. En xeral, e malia as circunstancias, valoramos dunha maneira positiva a experiencia con base no seguinte:
- Participou activamente o 18 % do profesorado.
- Traballaron seis departamentos didácticos, dos cales tres levaron a cabo o proxecto de xeito interdisciplinar.
- Realizáronse dúas charlas.
- Tivo lugar unha proxección cinematográfica con encontro co director.
- Creouse unha curtametraxe.
- Implicáronse axentes externos (concello, empresarios e veciños).
Todo isto veu enriquecer a actividade académica do noso alumnado e consideramos que cumpriu co seu obxectivo último, que o alumnado coñecese a historia do seu municipio e a súa ligazón á industria pesqueira.
Conclusións
A realización dun proxecto desta envergadura é sempre un reto: a coordinación entre o profesorado e a vontade de investir moitas horas na elaboración dun proxecto común foi o compromiso adquirido polo profesorado do IES da Pobra. En moitos casos ese traballo de organización e programación de actividades interdisciplinarias non se puido levar a termo debido ás circunstancias de excepcionalidade vividas durante 2020, o ano da covid-19. Esta circunstancia traumática para o desenvolvemento do curso escolar provocou unha certa sensación de insatisfacción final por ver todo o que poderiamos facer noutra situación. Malia todo, se ignoramos o ambicioso proxecto inicial e valoramos os microproxectos desenvolvidos, queda a satisfacción de que se creou certa sensibilización e visibilidade da historia industrial marítimo-pesqueira da contorna a través dos distintos contidos curriculares e das diferentes materias, coordinando distinto profesorado para que traballase de maneira conxunta e fomentando un papel activo do alumnado na busca dunha aprendizaxe significativa.
Amigo, L., Garza, M. D., Varela, M. (2008). El sector de conservas de pescado en Galicia. Dimensión económica y competitividad.
Fernández, B. (2013). Trabajar, vivir y morir junto al mar: el legado cultural de los hombres del mar en las villas costeras gallegas: el Paseo del Arenal de la Pobra do Caramiñal. SEMATA, Ciencias Sociais e Humanidades, volume 25, 291-312.
Martínez, P. (2016). Cuando la precariedad se transforma en agencia. Hacia el empoderamiento femenino en el sector pesquero. Viento Sur, volume 144, 111-117.
Vidal, A. (2005). A casa catalá. Barbantia. Anuario de estudos do Barbanza, volume 1, 193-202.
Ligazóns
Chas, J. Memoria Industrial en Galicia. Recuperado de: https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/
El cultivo del mejillón. Lugar de publicación: Ramón Franco. Recuperado de: http://www.ramonfranco.com/cultivo-mejillon/
Figueras, A. (2007) El mejillón y las bateas. Lugar de publicación: Ciencia Marina y otros asuntos. Recuperado de: https://www.madrimasd.org/blogs/ciencia_marina/2007/06/20/68192
Geodestino 03B. Rías Baixas (2020). Lugar de publicación: La ruta conservera. Recuperado de: http://larutaconservera.es/rutas/rias-baixas-b/
La mar de mujeres (2020). Lugar de publicación: TVE a la carta. Recuperado de: https://www.rtve.es/m/alacarta/videos/repor/repor-mar-mujeres/5533508/
Méndez, M. (2018) La producción de mejillón se dispara y alcanza su tercera mejor marca en lo que va de siglo. Lugar de publicación: Faro de Vigo. Recuperado de: https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2018/04/14/produccion-mejillon-dispara-alcanza-tercera/1872570.html
Méndez, M. (2019) La producción de mejillón vuelve a marcar registros espectaculares en Galicia. Lugar de publicación: Faro de Vigo. https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2019/04/30/produccion-mejillon-vuelve-marcar-registros/2096714.html
Mexillón de Galicia. Denominación de origen protegida. Recuperado de: https://www.mexillondegalicia.org/
Pereira, X. M. (2014) El barrio de los catalanes. Lugar de publicación: Diario de Pontevedra. Recuperado de: https://www.diariodepontevedra.es/articulo/noticias/el-barrio-de-los-catalanes/20140613004800254826.html
Turismo mariñeiro. Lugar de publicación: Turismo de Galicia. Recuperado de: https://www.turismo.gal/que-facer/turismo-marineiro?langId=es_ES
Vidal, F. M. (2013) O conxunto «Casa Catalá-factoría» na Pobra do Caramiñal. Lugar de publicación: Os Chanzos. Recuperado de: https://oschanzos.blogspot.com/2013/10/o-conxunto-casa-catala-factoria-en.html