A obesidade infantil e xuvenil

Unha afronta integrada do consumo responsable e o exercicio físico
A obesidade enténdese como un trastorno crónico ou endémico, influenciado por diversos factores –ambientais, xenéticos, psicolóxicos, de comportamento e estilo de vida– que conducen a un desaxuste metabólico. En definitiva, prodúcese un saldo enerxético positivo cando a inxestión de calorías supera o gasto enerxético e isto provoca causalmente un aumento dos depósitos de graxa corporal e un aumento do peso. A obesidade infantil é un termo que lle afecta á poboación entre 0 e 17 anos de idade, abrangue todas as etapas preuniversitarias da educación e ten máis incidencia, segundo a OMS, nos países pobres. É o principal factor de risco de enfermidades como a diabetes, as enfermidades cardiovasculares e a presión arterial alta. Na última década, a súa prevalencia aumentou a niveis considerables. Estímase que en 2019, ao redor de 41 millóns de nenos e nenas menores de 6 anos foron considerados obesos ou con sobrepeso. A gran maioría deles atópase en Asia e África. A prevención da obesidade está suxeita a tres niveis: a prevención primaria, o nivel máis significativo e preventivo e o que máis nos ocupa aos docentes; o secundario e o terciario que tamén trataremos nesta revisión bibliográfica

Antonio Novo Carballal
Director e profesor de Educación Física no IES Illa de Tambo (Marín)
Profesor asociado da UVigo (Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte)
Profesor de Aprendizaxe e Desenvolvemento Motor e Xogo Infantil nesta universidade
antonionovo@edu.xunta.gal
anovo@uvigo.es

 

 

Marco teórico

A obesidade adoita ter os seus comezos na primeira infancia e na adolescencia. Morfoloxicamente caracterízase por ter moito tecido adiposo no corpo. Nos bebés, os depósitos de graxa teñen lugar na superficie subcutánea e normalmente están asociados a riscos cardiovasculares, a alteracións no perfil lipídico no sangue e incluso pola hipertensión arterial. A obesidade ou sobrepeso tamén se denomina síndrome metabólica e esta pode levar a enfermidades cardiovasculares, diabetes, osteoartrite, apnea do sono como indica Olza (2014).

A obesidade infantil ten tres períodos: o primeiro período normalmente aparece aos 9 meses de idade, cando se produce o primeiro consumo sólido de alimentos; o segundo aparece aos 6 anos e coñécese como rebote gordo e o terceiro xorde durante a adolescencia.

Desde o punto de vista etiolóxico, pódense distinguir dous tipos fundamentais de obesidade: a exóxena, que representa o 95 % dos casos e se produce despois do abuso de alimentos; e a obesidade endóxena, manifestada por alteracións metabólicas, disfunción da glándula endócrina (tiroide) ou por desequilibrios nas hormonas sexuais (proxesterona, testosterona, oxitocina). Como sinalan Cayssials, Escobal, Alberti & Romano (2015), segundo os datos da OMS, no século XXI será un dos problemas de saúde máis graves na poboación menor de 17 anos e afectaralle á maioría dos países con rendas per cápita baixas e medias (OMS, 2016).

 

 

Factores da obesidade:

Xenéticos: Os xenes ou marcadores xenéticos poden asociarse á obesidade. A inestabilidade enerxética, o aumento da inxestión de nutrientes e a súa fragmentación cara aos tecidos adiposos, ademais da susceptibilidade á programación intrauterina son algunhas das engrenaxes que interactúan entre o ambiente e a xenética. As familias onde un ou ambos os pais son obesos teñen un maior risco de ter descendencia con esta enfermidade (Hassink, 2010).

Sociais: Os custos sociais da obesidade están aumentando. A maioría dos pais que teñen os seus fillos nunha idade nova teñen un risco maior de enfermidades crónicas que lles poden afectar aos seus fillos a curto ou longo prazo (Hassink, 2010).

Psicolóxicos: Os trastornos emocionais como a depresión, a ansiedade ou o estrés poden estar asociados á aparición da obesidade (Hassink, 2010).

Condutuais: Os malos hábitos alimentarios, unha dieta inadecuada, un estilo de vida sedentario ou incluso trastornos do sono (o seu déficit aumenta a obesidade) poden ser varios factores de risco na saúde dos cativos. Non inxerir leite materno durante os primeiros meses, o consumo habitual de alimentos hipercalóricos, a ausencia dun almorzo rico en vitaminas, comer grandes cantidades rápido e abruptamente, a ausencia de actividade física son factores provocadores (Hassink, 2010).

O exceso de graxa é esencial para identificar o risco de enfermidades ligadas á obesidade ou á súa prevención. En investigación, empréganse medicións directas para coñecer a adiposidade do tecido como resonancias magnéticas ou a absorciometría de raios X. Demostrouse que o índice de masa corporal (kg/m2) se pode relacionar coas medicións directas. Como existen diferenzas entre os depósitos de tecido adiposo entre ambos os sexos, é esencial usar unhas cartiñas diferentes que teñen as curvas de IMC específicas para sexo e a idade. O IMC calcúlase dividindo o peso en quilogramos entre o talle en metros ao cadrado e o resultado obtido sinalará unha cifra que se identifica seguindo este cadro:

 

 

Entre 1975 e 2018 o crecemento da obesidade foi exponencial: ata 10 veces en nenos. Estes datos foron resultado dunha análise global elaborada polo Imperial College London e a OMS realizada en adolescentes con obesidade ou sobrepeso procedentes de 200 países. Segundo estes datos, en nacións como Os Estados Unidos, Exipto, Qatar ou Arabia Saudita, entre outras, a súa porcentaxe non baixa do 20 %. En 2018, segundo datos mundiais, había 124 millóns de nenos e adolescentes obesos e 213 con sobrepeso. En Europa, entre o 19 % e o 49 % de nenos e entre o 18 % e o 43 % das nenas padecen obesidade ou sobrepeso, aproximadamente entre 12 e 16 millóns de afectados e estas cifras irán aumentando, con excepción de Suecia, Francia, Dinamarca e Suíza, indica Tardón (2017).

 

Fonte: Tackling Obesities: Future Choices. Project Report. UK Govermment’s Foresight Programme. Foresight’s extrapolation

 

Segundo investigacións da OMS, en España, entre 1975 e 2016, as cifras aumentaron do 3 % ao 12 % en nenos e do 2 % ao 8 % en nenas e é un dos países europeos con peores resultados, xunto con Reino Unido, Malta, Italia e Grecia. Tal como afirma María del Mar Tolín Hernani, especialista da sección de Gastroenteroloxía e Nutrición Infantil do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, nos últimos anos, grazas aos programas (como o almorzo saudable e a promoción de actividade física) dirixidos á poboación infantil nos colexios, a prevalencia estase estancando, algo que apunta tamén Tardón ( 2017).

En España en 2012, seguindo os criterios da International Obesity Force, a OMS e o estudo español de enKid, realizouse un seguimento de case mil nenos entre 8 e 17 anos medindo o seu peso e a súa estatura, xunto con outras variables sociodemográficas. Os resultados foron alarmantes. A poboación española entre 8 e 17 anos amosou unha prevalencia de obesidade do 12,6 % e de sobrepeso do 26 %, o que supón que 4 de cada 10 nenos ou nenas padecen esta enfermidade. A prevalencia é lixeiramente superior en nenos ca en nenas. Segundo os criterios da OMS, en nenos entre 8 e 17 anos, a prevalencia de sobrepeso foi do 26 %, a de obesidade do 13 % e do exceso de peso do 38 %. En canto ao sexo, os nenos con sobrepeso presentaron un 29 % e unha obesidade dun 13 % mentres que as nenas, un 24 % e o 12 %, respectivamente (Sánchez, 2013).

En Galicia no estudo feito por Pippi et al (2003) establécese que o nivel de sobrepeso e obesidade na nosa comunidade supera a media española e destaca o pico de aumento de peso entre os 9 e os 10 anos. Estes autores recomendan a necesidade de máis estudos prospectivos e tamén a inclusión de medidas rutineiras de peso corporal e estatura e de programas de actividade física ben estruturados.

 

 

Violeta: Estudio enKid (criterios enKid, táboas Fundación F. Orbegozo ano 2000).  Azul: Resultados, estudos Sánchez 2013

 

Ademais do recollido nos currículos de infantil, primaria e secundaria de Galicia no tocante á motivación e necesidade do exercicio físico, a Consellería de Educación, Cultura e OU aprobou desde 2013 os Plan Proxecta que, en colaboración con outras consellerías, teñen como fin promover a innovación educativa nos centros a través de moi diferentes programas en varios eidos. Un deles é coñecido como «Aliméntate ben», onde a finalidade é fomentar hábitos de vida saudables nos centros educativos empregando produtos de calidade que aseguren costumes para unha alimentación equilibrada e saudable. Este programa involucra tanto o profesorado como o alumnado e as súas familias. «Aliméntate ben» apóiase en catro bases: Froita na escola, Lácteos na escola, Ponlle pilas ao teu bocadillo e O sabor da aventura está no mar. Este programa facilítalles aos centros inscritos alimentos como froitas, lácteos e conservas en EI, EP e na ESO, ademais de ofrecerlle charlas e campañas a todo o equipo involucrado.

Outro programa moi interesante é a convocatoria de Contratos-programa, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que incorpora neste curso 2020/21 unha nova modalidade denominada “Promoción da actividade física en horario lectivo”, coa finalidade de aumentar a taxa de exercicio físico no alumnado de todos os centros aos que está orientado este programa, desde infantil ata os centros de educación de adultos.

 

Metodoloxía

Este traballo baséase nunha revisión bibliográfica, entendida como unha modalidade de investigación documental onde se reúne todo tipo de información de interese sobre un tema. Nesta revisión empregáronse un total de 32 referencias do 2000 ao 2018. Antes de comezar coa metodoloxía gustaríame aclarar que, para a execución da introdución, definición, factores, diagnóstico e prevalencia, se seguiron os mesmos criterios metodolóxicos ca para todo o traballo. A razón de seguir esta orde é, simplemente, entrar en contexto e facilitar unha maior comprensión do tema.

Para esta revisión bibliográfica, empregáronse libros, revistas e artigos científicos. Destes últimos baseeime en 12 coas seguintes fontes: Scielo (3), SciencieDirect (1), Dialnet (2) e Google Scholar (6).

Tamén acudín a webs oficiais: extraeuse documentación relevante da OMS, Asociación Española de Pediatría (AEP), Asociación Española de Fisioterapeutas, Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Ministerio de Sanidade e Consumo, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Consellería de Sanidade, Sociedade Española de Endocrinoloxía Pediátrica.

Para as procuras houbo criterios de exclusión e de inclusión:

 

 

Cómpre comentar que, nalgún caso, se seleccionou algún documento de interese con maior antigüidade co fin de contrastar algún dato e comparar con información máis relevante.

Entre 2013 e 2016 houbo unha comisión na OMS integrada por A China, Nova Zelandia, Nepal, A India e Suíza que elaborou un informe consensuado no que se estableceron estratexias para ser máis eficaces na loita contra a obesidade infantil en diferentes contextos mundiais. Por ese motivo, leváronse a cabo estratexias como promover o consumo de alimentos saudables e a actividade física, control de peso, atención preestacional, dieta e actividade física na primeira infancia, saúde, nutrición e actividade física para os nenos en idade escolar.

En España no ano 2005 intentáronse levar a cabo medidas de prevención. É por isto polo que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Ministerio de Sanidade desenvolveron a Estratexia NAOS, estratexia para a nutrición, actividade física e a prevención da obesidade. Pretendeu dar información necesaria asociada á identificación precoz das poboacións de risco. Desde os seus inicios, a Estratexia NAOS desenvolveu plans e intervencións con base nos problemas que ocasionan os trastornos alimentarios en todos os ámbitos da sociedade –educativo, sanitario e familiar– que axudan a atopar opcións de alimentación máis equilibrada e promoven a práctica de actividade física e tamén facilitan información imprescindible para axudar as persoas afectadas a tomar decisións e eleccións máis saudables. NAOS conta coa colaboración de todos os sectores e axentes da sociedade pública e privada (comunidades autónomas, concellos etc). No ano 2011, esta estratexia foi consolidada e impulsada pola Lei 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición.

Dous anos máis tarde, lévase a cabo o programa THAO, de prevención da obesidade infantil baseada nas accións dos concellos en España. Este é un programa fomentado polo I Convección de NAOS, o Ministerio de Sanidade e Consumo, a Federación de Baloncesto e a Axencia Newton 21. É un programa que actúa no ámbito municipal liderado polo concello desde onde se pretenden realizar cambios saudables nos estilos de vida dos nenos e das familias. Os seus principais obxectivos: a alimentación e a actividade física, a dieta variada equilibrada e pracenteira e a loita contra o sedentarismo, incitando os máis pequenos e as súas familias a practicar unha actividade física regular. Este programa baséase na experiencia do programa EPODE, un programa francés de análogos obxectivos.

En abril do 2013, aprobouse no Parlamento de Galicia o Plan Xermola, un método de loita contra a obesidade infantil aliñado coa estratexia da OMS, a Unión Europea e o Goberno do Estado. Pretende reducir a prevalencia da obesidade en menores de 18 anos nun prazo menor a 10 anos. Para iso intentouse mellorar o patrón de alimentación, a actividade física, fíxose un seguimento do estilo de vida da mocidade galega e facilitóuselles ás familias toda a información necesaria para acadar un ritmo de vida máis saudable (Ministerio de Sanidade, 2014).

Na actualidade está en vigor Plan nacional de colaboración para mellora da composición de alimentos e bebidas (2017-2020), co fin de axustar as proporcións de graxas, azucres e sal dos alimentos. Desde a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición  (Aecosan) estase traballando con distribuidores, restauradores e fabricantes para acadar resultados eficaces tanto no tocante a dietas saudables como á redución de desigualdades en saúde asociadas á alimentación. Este plan ten como obxectivos garantir a redución e a substitución de sal, graxas e azucres para que non superen o contido calórico, aumentar a oferta de menús máis saudables fóra da casa, impulsar as «boas prácticas» para unha implantación efectiva de medidas que axuden a mellorar nutricionalmente o conxunto da dieta, impactar sanitariamente na cesta da compra das familias con produtos reformulados para conseguir dietas máis equilibradas.

Todos os plans e estratexias mencionados anteriormente se formularon co fin de previr a obesidade infantil, entendidos como o conxunto de medidas para evitar a súa aparición, frear o seu desenvolvemento e debilitar as súas consecuencias unha vez implantada. Desde o punto de vista sanitario, existen tres actividades preventivas clasificadas do seguinte xeito: prevención primaria, secundaria e terciaria. Quédanos por definir a secundaria e a terciaria, aínda que o noso fin no educativo estea nas dúas primeiras. A prevención secundaria é aquela que busca a detección da enfermidade nos estados precoces e a prevención terciaria é aquela que está centrada no tratamento e rehabilitación dos pacientes, así como na xestión das enfermidades asociadas á obesidade (Castellano, 2013).

 

 

Resultados

A prevención primaria é a base da loita contra a obesidade infantil, xa que é máis efectiva que o tratamento da enfermidade unha vez establecida. Debe formar parte da política nacional da saúde pública: mellorar a alimentación da comunidade, exercicio físico para reducir enfermidades na idade adulta (Duelo, 2009). Esta prevención pretende actuar desde varios niveis, como a atención sanitaria, a familiar e escolar e facilitar o exercicio físico como un aliado da saúde.

Desde o punto de vista alimentario, as indicacións son:

  • Establecer un horario fixo para as comidas (5 comidas diarias: almorzo, media mañá, xantar, merenda e cea).
  • Beber 1 litro e medio de auga diaria.
  • Reducir o sal e o sodio (incluso o das augas excesivamente mineralizadas) e moderar o consumo de alimentos que conteñan moito azucre.
  • Incluír na dieta patacas, cereais, legumes e pasta (60 % das calorías diarias).
  • A inxestión de graxas non pode superar o 30 % e débese reducir o consumo de graxas saturadas.
  • Consumir 5 pezas de froitas e verduras.
  • Procurar que as proteínas acheguen o 15 % das calorías diarias.
  • Evitar as bebidas azucradas.

O Ministerio de Sanidade e o plan NAOS, por outra banda, instauraron desde o ano 2010 un documento que prohibe a venda de comida lixo e refrescos nos centros, co fin de loitar contra a obesidade infantil (Ministerio de Sanidade, 2010).

A práctica rutineira de actividade física (AF) é o outro alicerce fundamental para acadar un estilo de vida saudable. Por ese motivo, grandes asociacións como a OMS (2018) e a AEP (2012) facilitan nas súas páxinas web todo tipo de recomendacións que deben seguir as familias e os nenos e nenas:

- Aconséllase realizar actividade física moderada ou vigorosa durante un mínimo de 1 hora diaria. Este tipo de exercicio debe consistir en xogos, desprazamentos, deportes e exercicios programados debidamente.

- Débese evitar, na maior parte dos casos, o sedentarismo. Cómpre motivar o neno para que camiñe, utilice a bicicleta para ir ao colexio e evitar, se é posible, o automóbil ou outro tipo de transportes.

- Asegurarse de que a contorna física onde se practique a AF sexa apropiada e segura, asemade utilizar as medidas de protección necesarias, como usar casco, material reflectante.

- A práctica de AF é recomendada para todos os públicos, non só para o alumnado san, senón tamén para aqueles que teñan algunha enfermidade ou simplemente queiran mellorar o seu estado de saúde. A OMS asegura que a actividade física axuda a desenvolver un aparello locomotor e un sistema cardiovascular san, aprende a controlar o sistema neuromuscular e a manter un peso saudable.

- É esencial hidratarse antes, durante e logo da práctica de AF, sobre todo cando esta sexa intensa e o ambiente sexa caloroso.

- Hai que insistir nunha AF realizada con xogos ou formas xogadas posto que, ademais de cumprir cos obxectivos utilitarios e motivadores para os pequenos e mozos, é un mandato expreso do currículo da psicomotricidade na educación infantil e dos currículos da ESO e bacharelato, que inciden na necesidade dunha educación procedemental (polo tanto, de natureza non teórica) e vivencial.

En canto ao ámbito de educación física, a 1.ª Conferencia de Prevención e Promoción da Saúde sinalou a este respecto o seguinte:

  • Impulsar a educación física nos centros educativos.
  •  Incluír dentro das clases de Educación para a Saúde ou Promoción de vida Saudable, como as que existen en Galicia, un compoñente de actividade física.
  • Facilitar curtas sesións de AF durante o horario escolar (como se fai nalgúns centros experimentalmente).
  • Motivar o alumnado para que vaia ao colexio en bicicleta ou camiñando. Para isto cómpre facer concursos que promovan estas iniciativas en coordinación cos concellos.
  • Promover talleres e programas deportivos para todo o alumnado.
  • Formar o profesorado para que faga que a actividade física sexa dinámica e divertida. Atendendo ao que din os currículos galegos de Educación Física, as nosas áreas son vivenciais.
  • Proporcionar materiais relacionados coa alimentación saudable.
  • Potenciar as capacidades condutuais do alumnado para manter un estilo de vida saudable.

 

Conclusións

A obesidade infantil é un problema que está afectando a todo o mundo civilizado e desenvolto. Nas últimas décadas, contrastouse que a obesidade infantil pasou de 31 millóns de afectados en 1990 a 41 millóns en 2018. Esta enfermidade, como así é chamada pola OMS, pode supoñer outros problemas de saúde como a diabetes, complicacións cardiovasculares ou depresión, entre outros, por iso é esencial tomar medidas para erradicala. Creáronse plans e estratexias que teñen como finalidade concienciar a humanidade e fomentar bos hábitos alimentarios e unha práctica frecuente de actividade física para todas as idades. A prevención da obesidade infantil ten que actuar desde os tres niveis básicos co obxectivo de diminuír as súas preocupantes cifras. A prevención primaria é, sen dúbida, o primeiro instrumento para loitar contra esta enfermidade. Céntrase en informar e activar as familias e os centros educativos do importante que é levar unha vida sa, asociada a unha boa alimentación e á práctica de actividade física. Doutra banda, a prevención secundaria encárgase de facer un seguimento daquela poboación que ten riscos de padecer obesidade, mentres que a prevención terciaria abarca todo tipo de accións asignadas a evitar a aparición das complicacións procedentes desta enfermidade (estas dúas últimas, sobre todo a última, escapan das nosas función educativas).

Non se podería clausurar este traballo sen falar do mestrado e profesorado de colexios e institutos, ambos os dous teñen un papel fundamental na vida do alumnado, non só na súa educación senón tamén na súa saúde. Por iso deben ser promotores de bos hábitos, ser modelos, formar os nenos e as nenas coa finalidade de que melloren o seu estado de benestar.

Para ser rico nunca arrisques a túa saúde, porque a verdade é que a saúde é a riqueza das riquezas (Richard Baker).

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aladino (2015). Estudio de vigilancia del crecimiento, alimentación, actividad física, desarrollo infantil y obesidad en España. Madrid: Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (Aecosan).

Asociación Española de Pediatría (Protocolo de gastroenterología, hepatología y nutrición. En liña, acceso8demarzode

Atance, Curieses, Lozano, Rovira, Gil-Campos, Sancho&Desojo(2016).Recomendaciones del Grupo de Trabajo de Obesidad de la Sociedad Española de Endocrinología Pediátrica sobre hábitos de alimentación para a prevención da obesidad e los factores de risco cardiovascular na infancia.

Casas (2011). Programa THAO Salud Infantil.

Colomer, Grupo Prevlnfad(2005). Prevención de la obesidad infantil.

Duelo, Escribano & Muñoz (2009). Obesidad. Revista Pediátrica Atención Primaria

González, Ceballos & Méndez (2010). Obesidad: más que un problema de peso.

Hassink, S. (2007). Obesidad infantil. Prevención, intervenciones y tratamiento en atención primaria. Madrid: Médica Panamericana.

Marcos, Toledano, del Moral, de Victoria Muñoz, Martínez, Segura & Casamayor (2014). Informe del Comité Científico de la Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (Aecosan) sobre objetivos y recomendaciones nutricionales y de actividad física frente a la obesidad en el marco de la Estrategia NAOS.

More, Franch, Gil-Campos, Trabazo, Suárez, López & Giner (2006). Obesidad Infantil. Recomendaciones del comité de nutrición de la asociación española de pediatría parte I. Prevención. Detección precoz. Papel del pediatra.

Moreno & Alonso (2010). Obesidad. En Protocolos de gastroenterología, hepatología y nutrición.

Olza & Gil (2015). La obesidad. Mediterráneo Económico.

Pippi, Acero, Villaverde, Nieves & Guedes (2003). Estudio del riesgo de sobrepeso en escolares de Galicia entre 6 y 17 años.

Sánchez, Jiménez, Fernández & Sánchez (2013). Prevalencia de obesidad infantil y juvenil en España.

Sandra (2010). Obesidad infantil: prevención, intervenciones y tratamiento en atención primaria.

Tardón (2017). La obesidad infantil se ha multiplicado por 10 en los últimos 40 años.

 

http://www.aeped.es/documentos/protocolos- gastroenterologia-hepatologia-y-nutricion-en-revision

http://www.who.int/es/news-room/fact-sheets/detail/healthy-diet

http://apps.who.int/iris/bitstream/handle/10665/250751/9789243504780- spa.pdf?sequence=1

http://www.who.int/dietphysicalactivity/factsheet_recommendations/es/

 

Sección: