Bibliotecas escolares abertas, activas e imprescindibles

Na primavera de 2020, co cese da actividade formativa presencial por mor do estado de alarma ocasionado pola pandemia da COVID-19, as bibliotecas escolares galegas amosaron o seu músculo como ferramentas ao servizo da comunidade educativa: ofreceron recursos e informacións; apoiaron a profesorado, alumnado e familias con propostas de actividades para o lecer e para o reforzo de competencias clave, especialmente as vinculadas ao desenvolvemento da oralidade, a comunicación a través de linguaxe escrita, plástica e audiovisual, aos multialfabetismos e á información; mantiveron vinculados á institución escolar a nenas e nenos mediante retos de creación e aprendizaxe e continuaron con proxectos como “Radio na biblio” ou traballos de carácter interdisciplinario. O profesorado amosou a súa profesionalidade á hora de enfrontar tempos difíciles para que a biblioteca seguise a ser un “viveiro de cidadanía”.

María Pousa e Cristina Novoa. Asesoría de Bibliotecas Escolares. CEUFP

 

Cando o centro pecha as súas portas, unha biblioteca escolar útil á comunidade educativa segue aberta a través dos recursos que previamente pon ao servizo do alumnado, do profesorado e das familias; a través do seguimento que pode facer das actividades comezadas e, moi especialmente, a través dos vínculos que establece mediante propostas, informacións e seleccións de recursos que difunde por medio dos seus espazos na web. 

Isto debería ser tónica xeral ao longo do curso escolar, mediante a configuración dunha colección híbrida que conte con recursos físicos pero tamén con recursos electrónicos aos que se poida ter acceso desde a casa, en tempos non lectivos. Tamén resulta útil o mantemento dunha páxina web ou dun blog que permita difundir informacións, iniciativas, materiais en formato dixital e recursos audiovisuais de ficción ou de información, seleccións de lectura, actividades diversas..., pero que sirva tamén de fiestra coa que conectar a institución escolar coa vida e co medio, máis ou menos próximo, nun camiño de ida e volta.

Cando ocorre algo excepcional na sociedade, que muda a vida cotiá e obriga a tomar medidas drásticas como a suspensión das actividades lectivas presenciais, como ocorreu nesta primavera de 2020 pola ameaza da COVID-19 (declarada pandemia internacional o 11 de marzo pola Organización Mundial da Saúde, coas conseguintes medidas preventivas tomadas polas administracións central e autonómica), a existencia dunha biblioteca escolar ao cargo dun equipo docente consciente do papel imprescindible da biblioteca, tamén en tempos difíciles, marca a diferenza para moitos nenos e nenas e as súas familias. 

O papel do profesorado, no seu conxunto, á hora de enfrontar as dificultades que supón un peche dos centros educativos con apenas dous días de marxe, resultou esencial nesta experiencia recentemente vivida: pasar a unha ensinanza non presencial sen unha preparación previa, por moi desenvoltas que estean as competencias dixitais de adultos e de alumnado, supuxo un reto inevitable. Serviu, entre outras cousas, para identificar dunha forma contundente as brechas de acceso ao dixital que seguen existindo na nosa sociedade, así como as eivas no uso de ferramentas que poidan garantir un seguimento das actividades de aprendizaxe minimamente eficaces, cando menos nunha parte do alumnado e das súas familias. Todo o vivido presenta, de forma evidente, moitos obxectivos de futuro próximo que cómpre abordar.

 

A Asesoría de Bibliotecas Escolares fixo un seguimento da actividade xerada polas bibliotecas integradas no Plan de mellora de bibliotecas escolares nestes meses do cesamento da actividade presencial nos centros, co fin de seleccionar e difundir aquelas iniciativas de maior interese e potencialidade pedagóxica e, por outra parte, acompañar e estimular mediante algunhas propostas a actividade destas bibliotecas en datas tan significativas como as que se celebran  de marzo a maio no ámbito da cultura (Día da Poesía, Día do Teatro, Día da Arte Galega, Día do Libro Infantil, Día do Libro, Letras Galegas). 

Por parte do grupo da  Asesoría de Bibliotecas, o primeiro paso foi crear unha imaxe específica, coa colaboración da creadora María López Pousa, para o lema «Bibliotecas escolares abertas»e iniciar un espazo na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia no que ir recollendo toda a actividade xerada polos equipos de biblioteca dos centros neste período, clasificada por temáticas.  As bibliotecas recompilaron recursos electrónicos para apoiar a lectura e o traballo curricular, en apoio do profesorado e do alumnado do centro, pero tamén fixeron unha selección de informacións específicas sobre o coronavirus e a pandemia da COVID-19; realizaron propostas para reforzar as competencias informacionais e mediáticas do alumnado (e das familias); elaboraron materiais e deseñaron actividades para fomentar a lectura e a escrita; propuxeron retos para a investigación, a experimentación, a expresión artística e a exploración do medio máis próximo; estimularon a creación de videocontos e de recomendacións de lecturas a modo de booktrailerse aproveitaron a súa emisora de radio, nalgúns casos, para elaborar programas a partir das gravacións realizadas pola rapazada desde a casa e cos seus dispositivos electrónicos. A visita deste espazo pode dar unha idea da creatividade e o traballo competencial estimulado a través de tarefas máis ou menos complexas nas que o alumnado tiña que poñer en xogo habilidades de lectura, de busca, de exploración, de escrita, e tamén a súa imaxinación e a súa creatividade.

O Sobreiral das Palabras

 

Logo dos primeiros días do estado de alarma, decretado o 14 de marzo por parte do Goberno central, co peche dos centros educativos ditado pola Xunta de Galicia xa previamente o 12 de marzo, o equipo da Asesoría de Bibliotecas comezou a observar a actividade das bibliotecas e a pensar no papel que se debía exercer para manter vinculado o gran colectivo das bibliotecas escolares galegas. As primeiras propostas directas desde a Asesoría ás bibliotecas escolares chegaron co mes de abril e foron difundidas (iniciativas e propostas) a través dos espazos web e das redes sociais do programa: 

  • Día do Libro, 23 de abril, «Reivindica», unha oportunidade para facer visibles títulos, autores e librerías de referencia: unha reivindicación festiva e entusiasta dos creadores, os libros e as librerías que nos facilitan e enriquecen a experiencia lectora.

Coma en anos anteriores, arredor do 23 de abril, Día Mundial do Libro e do Dereito de Autoría, a Consellería publicou un díptico cun texto orixinal sobre a importancia da lectura e do libro, nesta ocasión, do escritor Manuel Gago. Con esa data deuse a coñecer, así mesmo, a autora galardoada co Premio de Clubs de Lectura 2020, que foi este ano Andrea Maceiras, como a autora máis lida nos clubs de lectura durante o ano escolar 2018/19, e seguindo as bases de concesión do premio.

Ademais, neste período de confinamento fóronse recollendo as iniciativas das bibliotecas escolares galegas en relación coas datas xa sinaladas:

#bescolaresgalabertas

 

·     21 de marzo, Día da Poesía

·      27 de marzo, Día Mundial do Teatro

·      1 de abril, Día das Artes Galegas 

·     2 de abril, Día do Libro Infantil

·     23 de abril, Día Mundial do Libro

·     17 de maio, Día das Letras Galegas

 

Co gallo desta última conmemoración, deuse a coñecer a guía 15 anos de LIX galega nas bibliotecas escolares do PLAMBE, unha selección realizada de modo colaborativo, para significar aqueles títulos de literatura infantil e xuvenil galega con presenza importante entre os lectores e lectoras nestes primeiros quince anos de historia do programa de bibliotecas: libros e autores que, finalmente, son referencia do lectorado galego do que levamos vivido do século XXI. 

Para finalizar este breve percorrido, recoméndase unha viaxe de exploración por algunhas das iniciativas máis salientables, recollidas neste período, a modo de exemplo do papel que poden xogar as bibliotecas en situacións de aprendizaxe diversa, mixta ou flexible,clasificadas por ámbitos de actuación:

Lectura-Escritura:

Traballando cos mapas

 

AMI (alfabetización mediática e informacional):

Traballo por proxectos: continuaron desde a casa o traballo comezado

Biblioteca da Maga Tomasa

 

Radio na biblio:

 Biblioteca EPB

Clubs de lectura:

 Lecturas compartidas: familias, mestres, apadriñamentos, escritores

 Retos (a biblioteca preséntalle retos á comunidade educativa):

Implicación das familias:

Plataforma de lectura dixital: E-LBE.2 (proxecto piloto implantado en 50 centros)

Voluntariado no IES Universidade Laboral

Voluntariado na biblioteca escolar:

Biblioteca inclusiva:

Biblioteca creativa:     

Blogs que dinamizan as actividades do centro:

Un dos aspectos máis importantes que desenvolveron as bibliotecas escolares galegas nestes meses tan especiais foi a relación coas familias, mantendo o vínculo co alumnado pero interpelando a través das súas propostas a esas nais e eses pais que estaban a traballar cos nenos e nenas nas casas, nas actividades escolares das distintas materias. Procuraron así outras tarefas complexas que permitisen a nenos e adultos desenvolver a súa imaxinación e poñer en xogo os seus coñecementos e habilidades en distintas facetas (o debuxo, a fotografía, a expresión plástica, a escrita, a oralidade, a expresión dramática, as habilidades culinarias, as destrezas na busca e elaboración de información, entre outras) para participar en retos colectivos que despois difundiron a través dos seus espazos web.  Hai excelentes exemplos de actividades relacionadas coa lectura compartida na casa, coas recomendacións lectoras, a creación de historias, a realización de pequenos vídeos, a elaboración de receitas ou a observación do contorno máis próximo. 

Entre as experiencias que cómpre salientar están as das bibliotecas que continuaron coa edición de podcasts na súa emisora de Radio na biblio, a partir dos audios que os alumnos e as alumnas realizaban cos seus dispositivos electrónicos (teléfonos móbiles, tabletas, ordenadores) e cos que contribuían a un programa que xa o profesor, tamén desde a súa casa, montaba e subía ao espazo web do centro. A radio foi, unha vez máis, unha ferramenta para dar sentido a proxectos de carácter interdisciplinar e colaborativo e contribuír ao desenvolvemento das competencias do alumnado, sobre todo, a competencia en comunicación lingüística e as competencias no uso e produción de información cos medios audiovisuais. Pero sobre todo, a radio permitiulle aos nenos e nenas de distintas idades sentirse vinculados, aínda na distancia, co seu grupo de iguais, e coa institución escolar. 

A Asesoría de Bibliotecas Escolares continuou nesta primavera estraña fornecendo de materiais, informacións e recursos de apoio o profesorado dos equipos de biblioteca, difundindo o traballo de todos e preparando o futuro próximo; co cancelo #bescolaresgalabertas empregado nas redes sociais, preténdese amosar a importante contribución que, como mediadora da lectura e como reforzo da educación en competencias, pode facer a biblioteca no centro educativo (no sistema educativo), tamén cando hai dificultades, coma no presente, pois poden seguir abertas e activas, mesmo en tempos de confinamento.

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

 

Pero avanzado o trimestre, os equipos de biblioteca demandaban orientación para enfrontar o final do curso escolar e, especialmente, a planificación do novo curso que se achega con tantas incertezas.  A Asesoría de Bibliotecas elaborou un documento orientativo (que foi remitido a todos os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares) para contribuír á necesaria reflexión sobre o papel da biblioteca nesta experiencia e avanzar a imprescindible toma de postura fronte aos retos que nos agardan. Ademais das medidas sanitarias e de prevención que cómpre tomar para a apertura das bibliotecas e dos seus servizos (coma o préstamo), sempre aliñadas coas instrucións que a Consellería de Educación estableza para os centros educativos no seu conxunto, os equipos de biblioteca precisan revisar todas as intervencións para que as bibliotecas sigan a cumprir de forma eficaz o seu papel como espazos de encontro e de acompañamento na lectura e no traballo coa información. Á hora de programar as liñas prioritarias de actuación para os vindeiros cursos, a Asesoría de Bibliotecas propón unha intervención decidida en dous ámbitos: 

  • As bibliotecas escolares configuradas como «espazos creativos das aprendizaxes» e «viveiros de cidadanía» seguen a ser válidas. Esixen, iso si, adaptacións de espazos, horarios, actividades, organización e usos, acordes coa situación sanitaria; cómpren, así mesmo, protocolos para o seu funcionamento, como están a desenvolver as bibliotecas de calquera tipoloxía, específicos e coordinados co resto de protocolos establecidos para o ámbito educativo polas autoridades competentes.
  • A alfabetización mediática e informacional é urxente, tanto para o alumnado como para o conxunto da comunidade educativa. Cómpre pór en marcha ou reforzar, de ser o caso, programas de alfabetismos múltiples e de adquisición das habilidades e destrezas para o uso critico e a produción de  información en distintos soportes e formatos e, moi especialmente,  a lectura crítica e a produción ética a través dos medios de comunicación audiovisual, sobre todo, a través das redes sociais e Internet. 

Precísase avanzar na configuración dunha colección híbrida para garantir o acceso a recursos de lectura e de información en formato dixital e cómpre seguir crebando as brechas existentes: a de acceso, pero especialmente a de uso dos recursos dixitais, en toda a comunidade escolar. Son retos para o sistema educativo e para as administracións con competencias no seu desenvolvemento, nos vindeiros anos. A COVID-19 trouxo dor e inseguridades, pero foi tamén unha chamada de atención importante que nos obriga a seguir avanzando, a seguir traballando por un acceso significativo á información, como dereito humano recoñecido e como premisa esencial para unha sociedade máis xusta.