Análise da situación actual da Educación Musical nos centros de educación primaria

Neste estudo recóllese a resposta a un cuestionario centrado en analizar como o profesorado de Educación Musical da etapa de educación primaria (EP) dá resposta aos contidos establecidos polo currículo da Comunidade Autónoma de Galicia. Os resultados amosan os diferentes recursos que o profesorado pon en marcha, concluíndo que debe mellorar no que atinxe á especificidade galega.

Rocío Chao-Fernández. Profesora contratada doutora (rocio.chao@udc.es)
Eva María Espiñeira Bellón. Profesora axudante doutora (eva.espineira@udc.es)
Rubén José Calviño Vázquez. Bolseiro de colaboración  (ruben.cvazquez@udc.es)
Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación. Universidade da Coruña

 

Contextualización

A Educación Musical na LOMCE e no currículo da Comunidade Autónoma de Galicia

Segundo establece a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), a Administración deberá fomentar na EP unha primeira aproximación á Educación Musical. Nos principios da lei establécese a Educación Musical como contido da área de Educación Artística, a cal debe garantir unha cualificación de calidade con respecto á danza, á arte dramática, á música, ás artes plásticas e ao deseño para capacitar os futuros profesionais desta área, outorgándolle así a mesma importancia ca investigacións realizadas nesta liña (Cuevas Romero, 2015; Díaz Gómez, 2005).

Este ensino deberá ser impartido por profesorado especialista na materia (art.14), xa que tanto o profesorado de Música como o de Idiomas Estranxeiros ou o de Educación Física deberá ser especialista da súa área, o que implicará unha formación específica tanto teórica como pedagóxica (art. 93). Neste sentido, Hemsy de Gainza (2010) sinala que os modelos pedagóxicos que se seguirán «deberían centrarse na práctica, integrar os diferentes estilos musicais, incluír as novas tecnoloxías, reflectir os gustos musicais, estudar as diferentes formas de autoaprendizaxe, interesarse nas pedagoxías musicais abertas etc.» (p. 35).

A EP, de acordo co establecido no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, «comprende seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade, e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador» (art. 2). Este decreto estrutura a área de Educación Artística en dous ámbitos, Educación Plástica e Educación Musical, obrigatorias e presentes en todos os cursos da etapa.

Cabe destacar que, como reflicte o anexo IV do propio currículo, se establece un ensino mínimo de dúas horas semanais da área de Educación Artística, que se repartirán entre as materias de Educación Plástica e Educación Musical.

Co obxectivo de estruturar a Educación Musical, no currículo establécense tres bloques de contido:

  • Bloque 1. A escoita: procura fomentar a conciencia polas realidades sonoras e as súas posibilidades, en función dos diversos materiais e obxectos do contorno, facendo fincapé no proceso de audición e no seu respecto.
  • Bloque 2. A interpretación musical: cuxo obxectivo principal é a análise musical e a creación dos respectivos produtos.
  • Bloque 3. A música, o movemento e a danza: responde a desenvolver a expresividade e a creatividade no alumnado desde o coñecemento e a práctica da danza.

Os contidos da Educación Musical no currículo da Comunidade Autónoma de Galicia

Centrarémonos agora en determinar os principais contidos que deberán traballar os/as docentes da etapa de EP na área de Educación Artística (Educación Musical). Atendendo ao recollido no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, podemos diferenciar cinco tipos de contidos:

    • Ensino de instrumentos: o cal comprendería desde o recoñecemento dalgúns instrumentos musicais, en cursos inferiores, ata á súa clasificación, iniciación, emprego, invención e construción, en niveis superiores.

    • Ensino de cancións: con respecto a este contido, o currículo sinala desde a «interpretación e memorización de ladaíñas e cancións ao unísono», en niveis inferiores, ata interpretar, memorizar e improvisar.

    • Ensino de danzas: este contido debe traballarse desde a práctica de técnicas básicas do movemento e a interpretación de danzas sinxelas ata conseguir, en niveis superiores, a práctica e a interpretación de danzas ou a invención de coreografías sinxelas, así como a súa gravación e rexistro, valoración, recoñecemento e contribución ao noso patrimonio artístico e cultural.

    • Audicións: o currículo recolle que as audicións de pezas vocais, en niveis inferiores, deben complementarse progresivamente con audicións de pezas vocais e instrumentais e co recoñecemento de pezas musicais, adaptándose á idade do alumnado.

    • Ditados: con respecto a este contido, o currículo marca a posta en marcha nas aulas de ditados rítmicos e melódicos.

En cada un dos contidos citados anteriormente, faise especial fincapé no seu ensino en relación coa música do contexto galego do alumnado e das danzas tradicionais galegas, tal e como indica Portela Gómez-Macías (2018).

Obxectivos

O obxectivo principal desta investigación céntrase en analizar se a práctica docente do profesorado de Educación Musical da etapa de EP recolle os contidos do currículo. Con esta base, establecéronse como obxectivos específicos, en primeiro lugar, en liña con investigacións previas (Espiñeira Bellón, Chao Fernández e Calviño Vázquez, 2019) coñecer cales son os recursos musicais que o profesorado pon en marcha durante o proceso de ensino-aprendizaxe en canto a instrumentos, cancións, danzas, audicións e ditados e, en segundo lugar, cales deles reforzan o patrimonio cultural e artístico galego.

Metodoloxía

Poboación e mostraxe

Atendendo a Triola (2009), a poboación «é a colección completa de todos os elementos (puntuacións, persoas, medicións etc.) que se van estudar» (p. 4) e define a mostraxe como "subconxunto de elementos extraídos dunha poboación" (p. 4). Deste modo, na presente investigación a poboación está composta polos 250 centros que imparten EP na provincia da Coruña. Invitouse a participar a toda a poboación e aceptaron 120 centros, dos cales o 90 % pertence a centros públicos e o 10 %, a centros concertados, o que configura a mostraxe deste estudo.

Instrumento

Para levar a cabo este estudo deseñouse un cuestionario a partir do realizado por Chao-Fernández (2010), xa que, de acordo co establecido por García Sanz & Morillas Pedreño (2012), as preguntas poden presentarse a un número elevado de persoas sen a presenza da persoa enquisadora co fin de obter información relacionada co tema da investigación.

Perfil docente das persoas participantes

A idade media do profesorado sitúase entre 41 e 50 anos (48,39 %). A maioría das persoas enquisadas (58,06 %) procede do plan de estudos de 1971; o 25,01 % corresponde ao plan de 1991, das cales só once persoas (8,87 %) aseguran que realizaron a especialidade de Educación Musical; o 90,15 % que non realizou esta especialidade conseguiu a habilitación a través dun curso de posgrao. O 14,51 % restante procede do plan de 1967 e anteriores. Quedan sen responder tres persoas, o que representa un 2,42 %.

Análise de resultados

Ensino de instrumentos

De acordo co establecido na figura 1, o 98 % do profesorado declara que lle ensina instrumentos ao seu alumnado; non obstante,  só o 53 % asegura que emprega instrumentos galegos, nos que os máis habituais son a pandeireta, o pandeiro e as cunchas. O resto dos instrumentos está a unha distancia considerable do ensino con respecto aos anteriormente mencionados, e ensínanse, pero en menor medida, a canaveira, o tamboril, o bombo etc.

 

Figura 1. Emprego de instrumentos polo profesorado

 

Ensino de cancións

Como se recolle na figura 2, o 100 % do profesorado enquisado asegura que ensina cancións e considera que o 33 % das que ensina pertence ao folclore galego, o 33 %, ao universal e o 34 % restante, ao español.

 

Figura 2. Ensino de cancións polo profesorado

 

Ensino de danzas

Como se recolle na figura 3, o 84,68 % do profesorado asegura que ensina danzas, non obstante, só o 52,50 % manifesta que ensina danzas galegas. Non obstante, esta afirmación hai que tomala con cautela xa que, cando se solicita coñecer o tipo de danzas galegas que ensina, indica o valse, a polca, o bolero etc.

 

Figura 3. Ensino de danzas polo profesorado

 

Audicións

Tan só o 61% do profesorado declara que realiza audicións. Na figura 4 podemos ver que, dentro do profesorado que as traballa, na maior parte dos centros (55 %) é o propio profesorado o que selecciona as que desexa expoñerlle ao seu alumnado. Séguelle o profesorado que combina as audicións do libro coas seleccionadas por el (40 %), mentres que tan só o 5 % emprega exclusivamente aquelas que figuran no libro de texto.

 

Figura 4. Tipos de audicións traballadas

 

Ditados

A figura 5 amosa o emprego dos ditados musicais por parte do profesorado. Un 20 % da mostraxe declara que non utiliza os ditados musicais na súa práctica docente. O 55 % indica que traballa con ditados rítmicos e melódicos e o 25 %, con ditados rítmicos. A opción de ditados exclusivamente melódicos non foi seleccionada por ningún docente.

 

Figura 5. Tipos de ditados

Conclusións

Como conclusión xeral, podemos establecer que o profesorado de Educación Musical da EP dos centros da Coruña emprega modelos pedagóxicos centrados no currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que as súas aulas se basean no ensino de instrumentos, cancións e danzas e, en menor medida, en audicións ou ditados. Deste xeito, este tipo de aprendizaxe céntrase na práctica tal e como indica Hemsy de Gainza (2010). Con todo, no que atinxe ao máis relacionado co contexto galego, as prácticas do profesorado deberían mellorar, cuestión xa sinalada por Chao-Fernández (2010), Chao-Fernández, Mato-Vázquez e López-Pena (2015) e por Portela Gómez-Macías (2018).

 

 

Bibliografía: 

 

 

Chao-Fernández, R. (2010). La enseñanza del folklore en los colegios de educación primaria de Galicia. Vilalba: Conservatorio Profesional de Música.

Chao-Fernández, R.; Mato-Vázquez, D. e López-Pena, V. (2015). La formación musical del profesorado especialista en los CEIP gallegos. Revista Portuguesa de Educação, 28 (2), 111-131. Recuperado de http://www.redalyc.org/html/374/37443385006/index.html

Cuevas Romero, S. (2015). La trascendencia de la educación musical de principios de siglo XX en la enseñanza actual. Magister, 27, 37-43. doi: http://dx.doi.org/10.1016/j.magis.2015.05.002

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2014, núm. 171, pp. 37406-38087.

Díaz Gómez, M. (2005). La educación musical en la escuela y el espacio europeo de educación superior. Revista Interuniversitaria de Formación del Profesorado, 19 (1), 23-37. Recuperado de http://ww.w.aufop.com/aufop/uploaded_files/articulos/1209140264.pdf

Espiñeira Bellón, E. M.; Chao Fernández, R. e Calviño Vázquez, R. J. (2019). Análisis de la importancia del área de música de la etapa de educación primaria en el plan de introducción de las tecnologías de la información y la comunicación. Actas del II Congreso Mundial de Educación. Santiago de Compostela, 1170-1179.

García Sanz, M. P. e Morillas Pedreño, L. R. (2012). Técnicas de recogida y análisis de la información. En M.P. García Sanz e P. Martínez Clares (coords.), Guía práctica para la realización de trabajos fin de grado y trabajos fin de máster. Murcia: Edit.um., pp. 129-168.

Hemsy de Gainza, V. (2010). Temas y problemáticas de la educación musical en la actualidad. Aula, 16, 33-48. Recuperado de https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3325931

Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. Boletín Oficial do Estado. Madrid, 10 de decembro de 2013, núm. 295, pp. 1-64.

Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 2 de setembro de 1997, núm. 168, p. 8508.

Portela Gómez-Macías, I. (2018). A nosa música: achegándonos á tradición. Eduga. Revista Galega de Ensino, 76. Recuperado de http://www.edu.xunta.gal/eduga/1656/contidos-educativos/nosa-musica-achegandonos-tradicion

Triola, M. F. (2009). Estadística (décima edición). México: Pearson Educación.

Sección: