Unha viaxe ao coñecemento do máis próximo, un descubrimento cheo de sorpresas

Ensino fóra das aulas, entre iguais e interdisciplinar. Aprendendo do contexto natural, social e cultural

Olga Aguiar Enríquez, profesora de Filosofía
Directora do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz-Lugo)
olga.aguiar@edu.xunta.es
www.alusdomundo.com

 

No ano 2014 Xosé María Díaz Castro foi o autor homenaxeado nas Letras Galegas e o Instituto IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz sentíase na obriga de dar a coñecer, difundir e compartir a poesía e a lingua do autor. Logo de varias accións encamiñadas a investigar sobre a súa figura, o valor do contorno natural e lingüístico da súa obra e de traballar como eixe educativo a expresión oral, o profesorado anímase a preparar actividades interdisciplinares para colaborar coa comunidade educativa galega na divulgación de Nimbos. Foi así como creamos dúas rutas lúdico-educativas con actividades guiadas polo noso alumnado de terceiro da ESO e deseñadas coa axuda de profesionais expertos en comunicación e formadores de guías do patrimonio. O seu obxectivo é achegar o coñecemento dunha maneira lúdica sacando as aulas á rúa e co alumnado como protagonista da transmisión dese coñecemento.

Unha aposta por integrar intereses e obxectivos múltiples: desenvolver un proxecto educativo baseado na participación activa do alumnado, fortalecer o vínculo do coñecemento ao seu contorno, consolidar a formación en oralidade iniciada en cursos anteriores e facelo interactuando con grupos de alumnado visitante.

No curso 2013/14 creamos os contidos e desde o curso 2014/15 iniciamos a formación de equipos e realización de visitas, reeditando cada curso escolar este ciclo con todo o alumnado de terceiro da ESO do noso centro. Desde o inicio do proxecto no curso 2013/14 ata a actualidade, todo o novo alumnado de terceiro da ESO recolle a testemuña dos seus compañeiros para facerse responsable dunha actividade que recibe unha media de 600 visitantes cada ano procedentes de centros escolares de toda Galicia, grazas á acollida da experiencia polo seu profesorado: grupos de primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos, universitarios, alumnado de Mestrado de Profesorado e aulas da terceira idade.

Un neno de aldea: Visitamos a aldea natal de Díaz Castro para coñecer o rural galego no que medrou. Percorremos o lugar do Vilariño na parroquia dos Vilares, a 10 km da vila de Guitiriz. O poeta naceu en 1914 neste lugar e é aquí onde aprendeu a ler e escribir, descubrindo o mundo rural que tan presente está na súa obra. A aldea cambiou pouco dende entón e pódese coñecer con esta ruta didáctica sobre o rural.

Na visita hai actividades de botánica, arquitectura popular, xogos tradicionais, escolarización, poesía etc. Son contidos etnográficos e literarios que se utilizan como fío condutor para coñecer a vida na aldea chairega a principios do século XX. Todas as actividades están formuladas desde un punto de vista lúdico para que sexa unha experiencia diferente para os nosos visitantes e lles permita coñecer desde outro ángulo o mundo rural e, sobre todo, contado polos propios rapaces e rapazas que hoxe viven nel.

A fábrica de poetas: Unha traxectoria literaria pola vila de Guitiriz para contextualizar o universo lírico de Díaz Castro, quen regresou á vila unha vez xubilado para reencontrase coa súa patria poética, a chaira lucense, terra de escritores que marcaron a literatura galega. Esta ruta centrada no léxico de Nimbos e literatura comparada dedica cada parada da visita a un aspecto da creación poética: o léxico, os referentes, a inspiración, a sonoridade... Haikus, bingo de léxico, poxa de lectura de poemas, escenificación ao pé das vías do tren da espera de Penélope polo seu Ulises axudan a mostrar o contorno e os seus referentes.

As nosas conviccións

Logo dunha etapa de estabilidade no claustro de profesorado, con grupos reducidos de alumnado e a disposición de compartir experiencias, propiciamos a reflexión sobre unha realidade preocupante: a distancia do día a día da escola co coñecemento do máis próximo ao alumnado, o rico patrimonio natural e cultural do seu contorno que pouco a pouco esmorece ante unha crise demográfica alarmante e unha mirada ao mundo mediatizada polos novos dispositivos electrónicos que os illan do que os rodea.

Ao mesmo tempo, como equipo docente, iamos valorando unha serie de evidencias que podían guiar na súa procura as nosas propostas:

  • O alumnado debe ser o protagonista do proceso educativo. Cando isto lle permite expresar as súas competencias, todos e todas —con todas as súas peculiaridades— poden chegar a ser excelentes.
  • A aprendizaxe non está só na aula, debe ser significativa en relación co mundo que nos rodea e cos nosos intereses. #AprendendoForaDasAulas
  • O traballo en equipo mellora a práctica docente e compleméntanos para mellorar a seguridade e o autocoñecemento do alumnado.
  • O contorno tamén participa. Familias, artesáns, veciños... deben acompañar.
  • As materias non poden ser compartimentos estancos, a interdisciplinariedade debe ser o soporte da transmisión dos contidos.
  • A lingua está ao servizo da comunicación real e o galego, que fala maioritariamente o noso alumnado, debe ser a ferramenta para «contar» o próximo.
  • Aprender no que cadaquén é máis competente afianza o aprendido. Se ademais avanzamos na complexidade do aprendido curso a curso, os retos poden ser cada vez máis sorprendentes.
  • Aglutinar intereses, non multiplicar esforzos inconexos, á hora de propoñer proxectos.
  • A colaboración con entidades externas ao centro educativo, profesionais, asociacións, universidade, fundacións… complementa, mellora, facilita, divulga e dota de sentido para a vida real o aprendido.

Chegou a oportunidade

No ano 2014, no centenario do seu nacemento, o poeta do Vilariño dos Vilares de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro, ía ser homenaxeado polas Letras Galegas. O IES de Guitiriz vivíao como unha oportunidade, un motivo, un motor para realizar algún proxecto que aproveitase esta circunstancia e axudase a coñecer a poesía e o seu léxico. Pero queríamos proxectar o contorno 100 anos despois do seu nacemento á actualidade, á vila e á aldea onde viven os mozos e mozas, alumnos e alumnas de hoxe. Que facer? Que podemos compartir?

Buscamos as axudas

Para inspirarnos, optamos por utilizar o criterio de non multiplicar esforzos inconexos. Queriamos dar un paso máis na formación como oradores dos nosos mozos e mozas iniciada no primeiro curso de secundaria e atender ao que aprendemos dos colegas docentes que vas atopando en diferentes oportunidades.

A maiores, a participación no PLAMBE desde o ano 2006, con intercambio continuado de experiencias de guías literarias, rutas… A iniciativa do CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela, onde os nenos e nenas de primaria explican e guían o centro de interpretación do xogo tradicional, o seu patio de lecer, a outros nenos visitantes… A colaboración coa UDC para que antigos alumnos do centro realicen prácticas de grao ou de mestrado de formación de profesorado posibilitou que profesorado e alumnado de Educación Ambiental do grao de Educación Social formase o noso alumnado como guías do patrimonio. O desexo da Asociación Cultural Xermolos, especialmente do seu presidente Alfonso Blanco, de recuperar a casa natal e a aldea do poeta ía perfilando a idea dunha ruta, no contorno da aldea chairega onde nace o poeta, e, na medida do posible, debería ser guiada polo propio alumnado, especialmente dirixida a grupos de estudantes semellantes en idade e de lugares diversos.

Ao mesmo tempo, acababamos de realizar unha pequena experiencia audiovisual sobre a figura do poeta, o documental A lus do mundo, un poeta nace ou faise?, moi satisfactoria para nós en todo o proceso e que nos achegou á importancia da colaboración externa de profesionais. Tivemos a oportunidade de contar con especialistas en comunicación, guionistas, programadores de páxinas web, un colectivo coordinado pola nosa colaboradora Cristina de la Torre. Unha experiencia magnífica de aprendizaxe común. E un resultado recollido na web de contidos alusdomundo.com con titoriais de formación de equipos, unidade didáctica preparatoria da actividade para grupos visitantes, publicación de todos os contidos e materiais necesarios de cada unha das rutas.

Necesitabamos apoio en recursos materiais; fixeramos o que fixeramos, precisabamos unha boa calidade dos materiais editados, un soporte web para recoller os contidos e compartilos, que se puidesen replicar sempre, que axudase e fose de interese. Teriamos que buscar convocatorias de programas, premios... ás que habería que adaptar as nosas propostas e convencer. E chegou o recoñecemento como Premio EducaBarrié do 2013/14 á nosa proposta, unha ruta interactiva en soporte dixital sobre a vida e lugares de Díaz Castro que se recollía na web alusdomundo.com, deseñada para futuro contorno dixital de contidos creados polo IES Poeta Díaz Castro. Así empezamos, para posteriores fases de desenvolvemento e consolidación do proxecto tivemos a oportunidade de financialo mediante as actuacións de mellora da excelencia e de mellora da adquisición das competencias lingüísticas dos Contratos-Programas da Consellería de Educación, que ano a ano nos permitiu dotalo de recursos dispoñibles para a súa realización.

FASE I. A creación (2013/14)

Así iniciamos o proceso de creación e deseño de actividades por parte do profesorado que deu lugar a unha primeira ruta dixital: Tras as pegadas de DC. Unha ruta interactiva pola poesía, o lugar e a persoa.

Esta primeira etapa permitiu organizar o equipo de profesorado participante —máis da metade do claustro— e fomentar a colaboración e o traballo de campo no contorno sobre o que iamos elaborar as actividades. Cun obxectivo claro, había que integrar todos os proxectos en marcha, aglutinar os esforzos, cada un desde a súa especialidade. Ao mesmo tempo vaise artellando a formación como guías do patrimonio dos mozos e mozas co profesorado e alumnado de practicum da UDC.

Os contidos expandíanse, o número de propostas de rutas e actividades aumentaba, a ilusión por participar no proxecto no ámbito de centro foi en aumento, situación non sempre doada nos claustros de secundaria e bacharelato, moi afeitos a «convivir» nas aulas con ámbitos diferenciados e non sempre comunicados. A experiencia foi fantástica, pero era preciso concretar e seleccionar temáticas. Cal si, cal non? Pedimos axuda a colaboradores externos, con outra mirada equidistante puidemos poñer orde nos nosos propósitos, adaptarnos a un fío condutor, garantir a viabilidade do proxecto e buscar a eficacia comunicativa.

FASE II. Desenvolvemento (2014/15)

Cumprido o obxectivo inicial, chega a segunda fase de adaptación destes contidos como actividades con posibilidade de execución por parte do alumnado de terceiro da ESO. Había que dar outro paso para superar inercias, da ficha de aula guiada polo profesor chegariamos ao xogo educativo, guiado polo equipo de dous guías que deben incentivar a participación de visitantes da súa idade e descoñecidos. Un obradoiro de comunicación con alumnado e profesorado implicado axudounos a darlle forma á creación da narración (quen fala, a quen e para que), á procura de habilidades necesarias como guías, oralidade, empatía, posta en escena, autonomía, responsabilidade, rigor… e realizar a repartición de funcións de equipo necesarias, guías, anfitrións, loxística e comunicación.

FASE III. Consolidación (2015/16, 2016/17, 2017/18 e 2018/19)

Unha vez creados todos os contidos e actividades de cada ruta, cada novo curso o grupo-aula de terceiro da ESO asume as funcións dos compañeiros do curso anterior, iníciase a distribución de equipos, coñécese o contorno, realízase a formación de guías e apréndense nas aulas os contidos que guían cada parada. O aspecto que nos resulta máis complexo, con máis dificultade de aceptación para o alumnado, é este momento de novo reto, a fase inicial de cada curso para formar novos guías, que implica incerteza e medos. Ao remate do curso, a sensación de seguridade e aprendizaxe fai que se vaia gozando cada vez máis e a petición é ao contrario, por que non máis?

Xa no curso 2015/16 iniciamos as visitas. Entre os meses de marzo e maio un día á semana recibimos grupos de ata 90 visitantes, repartidos entre as dúas rutas. Esta capacidade de xestión dos grupos require previsión organizativa con respecto ao horario de clases do noso alumnado —correspóndelle á xefatura de estudos facelo posible— e á atención ás visitas —correspóndelle ao equipo responsable de loxística e comunicación—, recepción dos grupos, coñecer necesidades de atención especial, realizar preparativos, manter os contactos e divulgar en tempo real as actividades.

E como parte fundamental das rutas, a divulgación das actividades en tempo real no espazo de interese imprescindible para anfitrións e visitantes, as redes sociais (Facebok Alusdomundo, Twitter @alusdomundo e Instagran «Alusdomundo»). Trabállase na aula coidar e asesorar a expresión escrita nestes espazos de comunicación e os aspectos artísticos e técnicos da fotografía. En cada percorrido o equipo de comunicación dispón de teléfono para poñelo en práctica.

Unha aposta polas redes sociais que hoxe valoramos moi positivamente. Mozos e mozas, profesorado visitante e familias están cada vez máis pendentes deste soporte de comunicación. Supón un retorno da repercusión do que mostramos, ofrécese unha retroalimentación moi valiosa que axuda a seguir mellorando e cohesiona a comunidade de aprendizaxe.

Onde estamos? Cumprindo os obxectivos inicialmente propostos

E van xa tres xeracións que fixeron posible recibir ano a ano visitas de mozos e mozas de Lugo, A Coruña, Rianxo, Ribadeo, Ourense, Boiro, Becerreá, Pedrafita, Sarria, Santiago, Foz... e os nosos veciños de Vilalba e Rábade, para mostrar con orgullo o seu contorno, aprender en común, sorprendernos cos acentos e errados prexuízos do uso do galego e, o máis importante, facer amigos. Grazas a todos e todas por acompañarnos.

Desde o punto de vista docente imos vendo a mellora en oralidade do noso alumnado, iniciada en primeiro da ESO e consolidada con estas rutas que presentamos. A seguridade que mostran para falar ante calquera auditorio é relevante. O alumnado resume isto como a «sensación de confianza nun mesmo». Temos a oportunidade de participar en congresos, charlas… para contar a experiencia, sempre que podemos é o alumnado quen vai contala, é moi satisfactorio o resultado.

Acadamos un grao de implicación e complicidade extraordinario cos veciños do Vilariño, traballadores do Concello, Asociación Xermolos, a Casa das Tortas de Millo O David, o persoal non docente do IES, empresa de transporte… O centro aberto ao contorno e o contorno mostrándose como necesario e partícipe.

Perseguimos a consolidación do proxecto, cremos que a mellor posibilidade de futuro é ser replicable, curso a curso formando os novos equipos e, se houbese interese, poñer os materiais ao servizo de calquera interesado en reproducir un percorrido polo contorno natural e cultural máis próximo utilizando unha figura senlleira.

Que nos falta?

Cremos que hai que apostar por intercambiar experiencias de recoñecemento do patrimonio, a caída demográfica tan grave que vivimos no rural do interior galego pon en perigo a transmisión das súas posibilidades e entendemos que as visitas nos fan ser conscientes do que somos e do noso contorno. Como obxectivo pendente deste proxecto educativo queremos procurar a súa internacionalización, intercambiar experiencias noutros espazos e noutros contextos vitais.

Aprender para entendernos, para querernos, para interactuar co mundo que nos rodea, para mellorar.

 

 

Sección: