A arpa e a sensibilidade infantil
María José Carralero Conde
Doutora pola Universidade da Coruña
Profesora de Arpa
CMUS Ferrol
Contextualización
A creatividade como principio fundamental pedagóxico constitúe a columna vertebral que garante a consecución dos obxectivos da dinámica metodolóxica aplicada na aula dunha forma lúdica e activa. O mundo da fantasía é o espazo universal dos nenos por excelencia. A esta idade, a súa percepción e interpretación da realidade mestúranse co fantástico e é aquí onde a arpa conecta moi ben co onírico. Son moitos os traballos publicados ao respecto das características e principios psicopedagóxicos e didácticos do desenvolvemento evolutivo do neno (e adolescente), da súa fantasía, imaxinación, creatividade e motivación (Claparède, 1916; Casona, 1942; Kogan e Wallach, 1965; Garzón Martínez, 1977; Petrovski, 1980; Wallon, 1980; Garrido, 1986; Missé, 1989; Papalia, 1992; Marina, 1993; De Bono, 1995; Hoffman, Paris e Hall, 1995; Rice, 1997; Berk, 1998). Así mesmo, a psicoloxía cognitiva emprégase no ámbito da música co fin de salientar a importancia de educar dun xeito aberto e participativo (Lacárcel, 1995).
Os nenos teñen unha visión do mundo diferente da dos adultos e unha gran capacidade imaxinativa. Xa o psicólogo ruso L. S. Vigotsky (2003 [1930]) puxo de manifesto a necesidade de analizar a transcendencia da imaxinación artística na idade infantil. A confianza, en particular a daqueles adultos que están en contacto directo e permanente co neno, é un elemento fundamental para potenciar a súa creatividade. Hoxe sábese que se pode desenvolver este talento e que non é un don exclusivo duns poucos como se cría antes do século XX (Martínez, 1981; Prieto Sánchez, López Martínez e Ferrándiz García, 2003; Artola González e Hueso Zambrano, 2006).
Metodoloxía e análise da información
Na elaboración dos obxectivos que determinan o deseño dunha metodoloxía aplicable na aula, a creatividade é un elemento básico que se debe concretar a través de actividades e materiais variados e avaliables. Coa finalidade de amosar que a arpa é quen de fomentar a fantasía, motivación e sensibilidade dos nenos nos conservatorios, seguimos a seguinte secuenciación metodolóxica:
- 1. Consulta e análise de fontes de investigación:
1.1. Consulta de publicacións relativas ao estudo da literatura infantil (Sosa, 1944; Elizagaray, 1976; González López, 1983).
1.2. Análise da percepción deste instrumento baseándonos en fontes proporcionadas polo alumnado de Arpa do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol:
1.2.1. Fichas de autorreflexión entregadas ao alumnado e cubertas por el.
1.2.2. Contos musicais elaborados polo propio alumnado.
- 2. Un segundo apartado dentro da metodoloxía utilizada constitúeo a realización de diversas actividades creativas:
2.1. Adaptacións para arpa e escenificación de relatos infantís.
2.2. Adaptación de fragmentos de ballets.
2.3. Adaptación de arias de óperas.
2.4. Escenificación de repertorio histórico.
2.5. Participación en concursos infantís.
2.6. Acompañamento musical de poemas.
2.7. Interpretación e escenificación de fragmentos de música de filmes.
2.8. Interpretación e escenificación de panxoliñas.
Os resultados de todas estas actividades corroboran o papel simbólico da arpa e a súa contribución ao desenvolvemento da imaxinación durante a infancia. A metodoloxía empregada para este estudo aplicouse nos últimos dez cursos académicos no CMUS de Ferrol.
O día que o conservatorio me brindou a oportunidade de tocar a arpa, agarrei as súas cordas e sentín unha sensación moi especial. […] Como anécdota direi que estou a ler un libro no que […] hai un león que soñaba con arpas de cordas vivas, cun mundo de notas. El soñaba que era pizzicato de violín, que viaxaba no carro da clave de sol e vivía nunha obra de Luigi Nono, tendo por veciños ao pífano, á arpa e ao atabal. E, cando remataba de soñar, adormecía de todo e roncexaba (que gracioso!). […] Sempre que Luigi tocaba o violín, apoiado nunha nota, Humberto baixaba ao faladoiro desde as estrelas.
A. G. S. (9 anos)
[…] Gústame a arpa por como soa. O seu son paréceme doce, é coma se estivese a arrolar un bebé. E tamén porque cando a toco entro noutro mundo, nun mundo idílico ateigado de nubes das que saen notas.
C. D. V. (10 anos)
[…] É como tocar no ceo rodeada de anxiños que me protexen e acompañada de nenos e nenas que bailan ballet. Tamén me dá a sensación de estar voando con ás a carón de fadas que tocan arpas.
A. D. O. (11 anos)
[…] A arpa chegou a ser indispensable na miña vida. Mesmo lle puxen nome. Chámase Leonora polo poema que di: «por la pérdida de aquella que los ángeles por bella quisieron llamar Leonora». […] O mellor de tocar son as actuacións. Eu son coma unha tradutora da linguaxe da arpa e así axúdoa a falar, en conclusión.
A. V. B. (13 anos)
A arpa é un instrumento de corda cun son distinto a calquera outro. O seu son embelece a música, moldéaa, agarímaa e transpórtaa a mundos fantásticos de trasnos, fadas, sereas, deuses etc. Tanto escoitar o seu son coma tocala é un privilexio, pois tranquilízanos e reláxanos con cada acorde ou arpexo.
V. G. G. (13 anos)
Os nenos aprenden a establecer valores coa literatura infantil. O mundo da fantasía, asociado coa arpa e a súa música, reflíctese non só nos contos, senón tamén en moitas expresións de xogos, adiviñas e trabalinguas:
Teño un son tan suave,
que anxos tocan en min;
as miñas cordas acompañaron
os salmos do rei David.
--
Cuando el arpista
con arpaduras arpegia el arpa
el arpa es arpada.
Cuando el arpista con arpaduras
arpegia aparar en el arpa
parvada de arpas
arpadas son.
A través dos contos, melloran a súa capacidade de comprensión e de comunicación, e incrementan o seu vocabulario. A súa lectura, escritura e escenificación achegan beneficios evidentes, e enriquecen o seu propio mundo interior. Coma na vida real, os seus protagonistas enfróntanse a todo tipo de retos, quizais por iso o mundo dos contos é tan apaixonante para eles (Cone Bryant, 1983; Garzón Martínez, 1977; Bettelheing, 1994; Aller García, 1998; Henche, 1998; Brasey, 2001; Grahl e Steiner, 2003). Dentro destes relatos, a arpa representa xeralmente unha fusión de misterio e encanto, asociada a maioría das veces a personaxes como fadas, trasnos, elfos etc.
Os alumnos de Arpa do Conservatorio de Ferrol escriben cada ano contos nos que a arpa, acompañada da súa música, é a principal protagonista. A relación que establecen entre este instrumento e o mundo do onírico e o fantástico (maxia, inocencia, seres imaxinarios e nenos que logran acadar os soños máis desexados) reflíctese sempre de maneira moi clara. Estes traballos son dirixidos pola autora durante as clases colectivas da súa actividade docente.
Danza campesiña
Hai 80 anos, na aldea de Alba, vivía unha nena chamada Carme. A ela gustáballe a danza campesiña, pois era campesiña. Ao seu pai non lle gustaba iso e entón, cando Carme lle dixo que quería ser bailarina de danza campesiña, o pai contestoulle:
—Ti non bailarás iso —o pai chamábase Arturo.
—Pero, papá, eu quero facelo.
—Cala e vai buscar leña!
Mentres Carme recollía leña, escoitou que alguén a chamaba.
—Ven aquí, Carme.
—Quen é? Onde estás?
—Son unha corda de arpa famosa e co corazón de ferro esnaquizado.
—E que queres? —preguntou Carme.
—Quero facer un trato contigo. Se ti me axudas a volver ao concerto, eu axudareite a poder bailar a danza campesiña.
—Trato feito.
—Arturo, deixas a túa filla bailar a danza campesiña cunha arpa? —preguntoulle a corda ao pai.
—Si, cunha arpa si.
A nena foi ao concerto e díxolles:
—Se vós admitides a corda de arpa, eu bailarei a danza campesiña no concerto.
—Trato feito.
E así a nena bailou a danza campesiña, e a corda volveu á arpa e ao concerto. O concerto tivo tanto éxito que o pai foi sempre moi respectuoso coa danza campesiña e coas decisións da súa filla.
T. R. M. (3.º grao elemental de Arpa, 10 anos)
Partitura de "Danza campesiña" I. F. C. (6.º grao profesional – Composición)
Continuando con esta liña de indagación sobre a influencia deste instrumento na sensibilidade dos nenos, tamén adaptamos para arpa e escenificamos dentro dos relatos infantís máis coñecidos o texto e a música dalgunhas arias de óperas (O esquío astuto, A frauta máxica, Hänsel e Gretel, Construímos unha cidade, Polgariño, O barbeiro de Sevilla etc.), fragmentos de ballets (A cincenta, A bela dormente, O quebranoces, Coppélia etc.) e contos musicais (Pedro e o lobo, A muller lista e a lúa etc.). Ao longo destes últimos dez anos, os alumnos continuaron a desenvolver a súa creatividade a través doutras moitas actividades: escenificación de repertorio histórico, contos de Walt Disney, concursos infantís, obras acompañadas de breves poemas etc. Ademais, interpretáronse coa arpa fragmentos de música de bandas sonoras de filmes e panxoliñas. Nestas actividades, os alumnos demostraron ter sempre un alto grao de espontaneidade e enxeño.
Representación de "Arpa en cisne" polos alumnos do CMUS de Ferrol no Teatro Jofre
Avaliación
A creatividade pódese avaliar a partir do resultado final ou ben a través de avaliacións parciais xunto coas competencias e o contido. Os indicadores cualitativos pódense rexistrar en informes xerados polo profesor, polo alumno ou polos seus compañeiros. Existen distintas ferramentas para avaliar. Varios autores propuxeron criterios que podemos aplicar no contexto escolar para a súa realización.
Os criterios e indicadores que se presentan a continuación son susceptibles de ser modificados e mellorados. Como recolle Maribel Santaella no seu artigo «La evaluación de la creatividad» (2006), moitos deles foron utilizados por numerosos investigadores que traballaron de forma específica a función da creatividade na educación (Gordón, 1963; Sobón, 1963; Parnes, 1973; De la Torre, 1982; Melhorn, 1982; De Bono, 1986; GuilFord, 1991; Rogers,1991; Torrance, 1992).
Rúbrica para avaliar a creatividade dun proxecto
Na elaboración dos informes, a observación e o rexistro diario por parte do profesor son necesarios para analizar e avaliar o desenvolvemento da creatividade de cada alumno. Por outra banda, o profesor debe informar o alumnado ao comezo do curso dos criterios de avaliación. Deste modo, poderá reflexionar sobre o seu proceso de aprendizaxe e melloralo. Un aspecto fundamental é, polo tanto, a autoevaluación por parte do estudantado, de acordo cos criterios anteriormente expostos.
Conclusións
A creatividade é unha capacidade esencial do ser humano, xa que potencia aspectos como a innovación e a resolución de retos en todos os ámbitos da vida. O neno aviva a súa creatividade e sensibilidade a través da imaxinación e reforza a súa habilidade para se entreter. A imaxinación tamén axuda a desenvolver a súa intelixencia, alén da función que desempeña no proceso de crecemento.
A creatividade na educación contribúe, entre outros aspectos, á construción da autoestima por parte do alumnado, que se manifesta na súa expresión persoal, e ao desenvolvemento do seu pensamento abstracto. Así mesmo, mellora as súas destrezas sociais e de comunicación a través de calidades como a intuición, empatía, flexibilidade e autonomía.
Os resultados obtidos a partir da elaboración de proxectos creativos na aula amosan o interese do alumno non só pola actividade lúdica, senón tamén pola participación activa. Cómpre potenciar actividades que abran todas as posibilidades para a súa formación integral en consonancia coas súas motivacións e experiencias, dentro sempre dun ambiente que contribúa ao estímulo da creatividade.
ALLER GARCÍA, C. (1998): «Los cuentos infantiles como recurso lúdico» En CABO MARTÍNEZ, M. R. (coord.), La literatura infantil y juvenil, su proyección en el aula. V Simposio Internacional de la Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y la Literatura. Sevilla: Universidade de Sevilla, pp. 193-199.
ARTOLA GONZÁLEZ, T. e Hueso Zambrano, M. A. (2006): Cómo desarrollar la creatividad en los niños. Madrid: Palabra.
BERK, L. E. (1998): Desarrollo del niño y del adolescente. Madrid: Prentice-Hall Ibérica.
BETTELHEING, B. (1994): Psicoanálisis del cuento de hadas. Barcelona: Ed. Crítica.
BRASEY, E. (2001): Encuentre su verdad en los cuentos de sabiduría. Madrid: Ed. Edaf.
CASONA, A. (1942): La hora de la fantasía. Montevideo: Boletín 24 do Centro de Divulgación de Prácticas Escolares.
CLAPARÈDE, E. (1916): Psicología del niño y pedagogía experimental. Madrid: Librería Beltrán.
CONE BRYANT, S. (1983): El arte de contar cuentos. Barcelona: Hogar del Libro.
DE BONO, E. (1995): El pensamiento creativo. Barcelona: Paidós.
DE PRADO, D. (1994): «A creatividade nos novos deseños curriculares». Revista Galega do Ensino (3), pp. 59-74.
ELIZAGARAY, M. A. (1976): El poder de la literatura infantil para niños y jóvenes. A Habana: Ed. Letras Cubanas.
GARRIDO, I. (1986): «La motivación escolar: determinantes sociológicos y psicológicos del rendimiento». En Mayor, J. (dir.), Sociología y psicología social de la educación. Madrid: Anaya, pp.122-151.
GARZÓN MARTÍNEZ, A. (1977): La fantasía en el niño. Madrid: publicado pola autora.
GONZÁLEZ LÓPEZ, W. (1983): Escribir para niños y jóvenes. A Habana: Ed. Gente Nueva.
GRAHL, U. e STEINER, R. (2003): La sabiduría de los cuentos de hadas. Madrid: Ed. Rudolf Steiner, SL.
HENCHE, I. (1998): La educación en valores a través de los cuentos de hadas. Madrid: CPR de Vallecas.
HOFFMAN, L., PARIS, S. e HALL, E. (1995): Psicología del desarrollo hoy. Madrid: McGraw-Hill.
KOGAN, N. e WALLACH, M. A. (1965): Modes of thinking in Young children. A study of the creativity-inteligence distinction. Nova York: Oxford University Press.
LACÁRCEL, J. (1995): Psicología de la música y educación musical. Madrid: Visor.
MARINA, J.A. (1993): Teoría de la inteligencia creadora. Barcelona: Anagrama.
MARTÍNEZ, G. (1981): «Creatividad infantil y educación». Infancia y aprendizaje: Journal for the Study of Education and Development (16), pp. 51-70.
MISSÉ, A. (1989): «Fantasía y capacidad de fabulación del niño». Cuadernos de literatura infantil y juvenil (5, ano ii), pp. 14-17.
PAPALIA, D.S. (1992): Psicología del desarrollo. México DF: McGraw-Hill.
PETROVSKI, A. (1980): Psicología general. Moscú: Ed. Progreso.
PRIETO SÁNCHEZ, M.ª D.; LÓPEZ MARTÍNEZ, O. e FERRÁNDIZ GARCÍA, C. (2003): La creatividad en el contexto escolar. Estrategias para favorecerla. Madrid: Ediciones Pirámide.
RICE, F. P. (1997): Desarrollo humano: estudio del ciclo vital. México DF: Prentice-Hall Hispano Americana.
SANTAELLA, M. (2006): «La evaluación de la creatividad». Sapiens. Revista Universitaria de Investigación (2, ano vii), pp. 102-103.
SOSA, J. (1944): La literatura infantil. Buenos Aires: Ed. Losada, SA.
STERNBERG, R. J. (1985): Más allá del cociente intelectual. Bilbao: DDB.
VIGOTSKY, L. S. (1930): La imaginación y el arte en la infancia. Madrid: Ediciones Akal (2003).
WALLON, H. (1980): La evolución psicológica del niño. Barcelona: Ed. Grijalbo.