Uso da tableta dixital en EF

Estudo dunha experiencia práctica
O presente traballo de investigación xira arredor do uso da tableta dixital en Educación Física e ten como finalidade comprobar en que medida esta pode contribuír ao enriquecemento da avaliación e incremento da retroalimentación no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

José Ignacio Salgado López
Dr. en Educación Física
inhaqui@edu.xunta.es
Aida García Arnoso
Lda. en Ciencias da Act. Física e o Deporte
aidagarciaarnoso@edu.xunta.es

 

1. Introdución

Neste estudo presentamos a experiencia levada a cabo no IES Leliadoura (Frións-Ribeira) sobre o uso da tableta dixital na Educación Física en secundaria.

Parte da investigación é continuación do proxecto iniciado dentro do grupo de traballo Pinche: lingua, cultura e motricidade, recoñecido pola Consellería de Educación no Plan de formación do profesorado no curso 2009/10. Os obxectivos para a elaboración desta publicación son ter un control sobre a avaliación, a mellora da súa xestión, o progreso da retroalimentación aos estudantes e o apoio da docencia con medios audiovisuais nas súas distintas formas.

2. Análise de partida

Como xa citamos na introdución, o presente proxecto parte duns antecedentes froito das inquietudes e experiencia docente e que se resumen no seguinte:

2.1  Os problemas de control da avaliación e cualificación na EF

Un dos problemas recorrentes na bibliografía da didáctica da materia está relacionado coa dificultade de facer obxectiva a valoración de, entre outros aspectos, as adquisicións motrices dos estudantes.

Dentro disto, a visión tradicional baseábase nos tests e probas de avaliación das calidades físicas, coa utilización de baremos que se aplicaban aos resultados dunha proba determinada (Blázquez Sánchez, 1999). Esta visión condenaba ao fracaso o estudante que non rendese o indicado no momento da aplicación da proba, sen importar as súas circunstancias persoais.

Valorar o proceso require coñecer aquela información persoal que poida repercutir no rendemento do propio individuo (aspectos familiares, enfermidades ou lesións etc.), así como ter información diaria e individualizada para cada un do acontecido na aula. O problema radica, primeiro, no momento da recollida da información e, segundo, na xestión desta debido ao seu volume.

Aínda que puidésemos recoller toda a información durante as sesións, ao final da avaliación atopariámonos con, cando menos, unha anotación diaria sobre aspectos procedementais e outra sobre aspectos actitudinais de cada un dos estudantes que tivésemos ao noso cargo.

Isto viría sendo unhas 40 notas para cada estudante só nos aspectos de traballo diario. Dado que o número de alumnos atendidos por un mesmo profesor de EF adoita ser elevado (precisa atender moitos grupos para completar o seu horario laboral), resulta que o volume de información só deste aspecto da avaliación implica cerca de 8000 cualificacións que deben ser xestionadas en cada un dos trimestres do curso.

Obviamente, e volvendo ao citado antes sobre o momento da recollida da información, este volume fai inviable a xestión dos datos de seren recollidos a base de «papel e lapis» durante a sesión. É fácil de comprender que a súa simple introdución nun ordenador implica un grande investimento de tempo, que ben podería ser empregado polo docente para outros aspectos máis enriquecedores desde o punto de vista didáctico.

Foi por isto polo  que se deseñou unha base de datos adaptada ás necesidades do departamento e que tivo o seu xerme no grupo de traballo Pinche: lingua, cultura e motricidade.

Agora ben, esta base de datos, en formato FileMakerPro obrigaba á utilización do computador durante as sesións de EF para a recollida da información, o que en moitas delas era un descontrol ou incluso imposible ao seren as aulas desta materia un ente dinámico sen unha estrutura física fixa.

Optouse entón por introducir toda esa información sobre os aspectos procedementais e actitudinais de cada un dos estudantes durante o período de tempo no que se duchaban ao finalizar a sesión. Agora ben, isto obrigaba a un grande exercicio de memoria por parte do docente e que moitas veces non estaba exento de erro (que, en todo caso, se procuraba compensar dunha a outra sesión).

Esta situación deu pé á busca dun dispositivo tecnolóxico que permitise a súa utilización no proceso de recollida de información de avaliación na propia aula. Unha vez analizados os proles e contras das distintas opcións (pocket PC, PDA, iPod touch, smartphone...) e revisada algunha bibliografía sobre aplicacións directas na EF (Llamas e Cipriano, 2007; Ostashewski e Reid, 2010; Ferreres Franco, 2011; Nichols e Leight, 2011), comezamos a valorar a adquisición dunha tableta pola multiplicidade de usos que nos ía permitir.

2.2 A mellora dos procesos de retroalimentación ao alumnado

Un dos elementos considerados clave no proceso de adquisición dunha aprendizaxe motriz nova é a retroalimentación, polo cal o practicante obtén información sobre a propia execución e os resultados (Oña Sicilia,1999).

Precisamente por esta importancia, a mellora na súa prescrición vén sendo un tema especialmente coidado na nosa práctica docente xa que, ademais da mellora inmediata da execución que estea a realizar o aprendiz, inflúe decisivamente na propia motivación do estudante cara á tarefa e isto, pola súa vez, na aprendizaxe (Florence,1991) e no propio control da aula (Pieron,1999).

Na práctica diaria de aula é común que a atención do docente se teña que repartir entre os aspectos propiamente didácticos e de atención directa ás execucións motrices dos estudantes, xunto con outros que entorpecen a aplicación oportuna da retroalimentación (aspectos organizativos, de control de aula, administrativos etc.).

Na procura de mellorar todos estes aspectos relacionados coa retroalimentación, xa viñamos traballando co computador coa finalidade de facilitar certas tarefas que nos limitaban temporalmente e/ou requirían a nosa atención durante a sesión.

Desta maneira, xa experimentaramos melloras grazas, por exemplo, á base de datos antes comentada, que facilitaba todos os trámites administrativos durante a sesión, ou tamén á utilización de listas de reprodución de audio previamente programadas que nos evitaba ter que seleccionar as cancións unha a unha, uso de cámaras dixitais para ver inmediatamente execucións motrices etc.

Porén, desde o momento en que decidimos usar a tableta, comezamos a buscar opcións que nos puidesen axudar tamén neste campo, xa que sabiamos pola bibliografía que existían aplicacións (apps) que eran de uso factible en EF. Así, por exemplo, as propostas de que se tiñan utilizado para reproducir imaxes en pequenos grupos (Ostashewski e Reid,2010)  ou que se presentaban o uso de varias aplicacións na tableta dixital para EF, entre as que se atopan as de control de tempo de práctica de actividades interválicas, control de listas de reprodución de audio e vídeos, filmación de vídeos de execucións dos estudantes coa cámara do dispositivo para aplicar retroalimentación directamente etc. (Nichols e Leight, 2011).  

2.3 O apoio á docencia con medios audiovisuais

Ademais dos intereses anteriores, no tocante ao control de avaliación e mellora da retroalimentación, viñamos barallando desde había anos a posibilidade de utilizar o apoio do vídeo como forma de liberar o docente das execucións durante os momentos da sesión nos que se utilizase un estilo de ensino máis directivo e mediante reprodución de modelos (realización de alongamentos, sesións de ioga, aeróbic, zumba...). Con isto solucionabamos catro problemas:

  • O profesor queda liberado para a impartición da retroalimentación.
  • Evitamos a reprodución de modelos erróneos (xa que o profesor non sempre realiza unha execución «perfecta»).
  • Diminuïamos a fatiga acumulada entre sesións do propio docente, o que redunda na mellora da calidade de ensino das derradeiras horas do horario.
  • Adiantabamos un método de traballo que facilitaría a prolongación da vida laboral do docente (facemos ver que o proceso de envellecemento adoita entorpecer en gran medida a calidade do ensino de EF, en función das condicións físicas do profesor).

2.4 Vantaxes das tabletas dixitais fronte aos ordenadores

A principal vantaxe da tableta é o seu reducido peso, de 308 a 652 g (Nichols e Leight, 2011). Ademais disto, hai outra vantaxe substancial: a pantalla LCD táctil. Isto, sumado ao anterior, «facilita enormemente la movilidad del profesor de EF al poder emplearlo de pie en lugares abiertos (como el patio o el gimnasio)» (Ferreres Franco, 2011, p. 236). Agora ben, este autor transmite unha utilización bastante reducida do dispositivo para as potencialidades que pensamos que posúe, xa que tan só cita que «supone una excelente plataforma para acceder a contenidos que ya están en Internet, desde páginas web a vídeos, podcasts y otros recursos multimedia» (Ferreres Franco, 2011, p. 236), aspectos estes que poderían ser abordados cun portátil tanto tipo laptop coma netbook.

Porén, desde o noso punto de vista, as tabletas presentan outro tipo de vantaxes importantes como son:

  • Moitas delas posúen cando menos unha cámara integrada, o que permite a posibilidade de realizar filmacións en directo dentro da aula.
  • Algunhas delas dispoñen dun sistema de localización (similar ao GPS), o que pode axudar enormemente no deseño de certas tarefas, tanto de orientación coma daquelas nas que necesitemos calcular a distancia que se vai percorrer.
  • Existencia de infinidade de apps de uso directo na aula.
  • Unha base de datos específica que o departamento tiña deseñado anteriormente en contorno FileMaker e que, como dixemos, se axusta perfectamente ás súas necesidades actuais.

 

3. Principios metodolóxicos da proposta

  • O uso da tableta debía mellorar e facilitar realmente a función docente nas súas distintas fases, nunca podería ser unha «trampa tecnolóxica» máis.
  • O dispositivo non podería entorpecer a participación motriz do estudantado.
  • Debía favorecer sempre unha aprendizaxe significativa, sociocrítica, facilitando a súa independencia e autonomía.

 

4. Actuacións desenvolvidas

A proposta desenvolveuse ao redor de tres focos fundamentais, que se configuraban como tres problemas para solucionar no noso día a día, tanto na fase pre e postactiva coma durante a propia acción docente. Esquematicamente as actuacións desenvolvidas estruturáronse segundo a táboa 1:

Táboa 1: Actuacións desenvolvidas

Fonte: Creación propia

 

Cabe sinalar aquí que, malia o uso da base de datos ser diario, as outras propostas estaban vinculadas puntualmente ás unidades didácticas (UD) da programación de aula e estes son os usos que se lle deron ao dispositivo en cada UD:

 

Táboa 2: Temporización, distribución das UD e uso da tableta

Fonte: Creación propia

 

5. Recursos materiais utilizados

5.1  Relación de recursos empregados
O material utilizado durante o desenvolvemento deste proxecto foi unha tableta dixital, unha banda de medición da frecuencia cardíaca Bluetooth, un ordenador, un canón de proxección e un altofalante preamplificador con conectores e adaptadores para os distintos dispositivos.

5.2  Metodoloxía da súa utilización

    1. Base de datos de avaliación
    2. Uso de apps para o control do tempo de práctica
    3. Uso de apps de filmación e análise da acción motriz
    4. Uso de apps de xestión de listas de reprodución de audio
    5. Uso de apps de apoio a contidos conceptuais
    6. Uso de apps de apoio para a aprendizaxe de nós de escalada
    7. Uso de apps de control da frecuencia cardíaca (FC)
    8. Uso de apps de aprendizaxe de prácticas motrices

6. Instrumentos de avaliación e indicadores de logro

A tableta dixital amosouse como unha ferramenta idónea para a aplicación de retroalimentación de calidade, especialmente pola súa inmediatez tras a realización do aprendiz. Deste xeito, todos os casos nos que foi utilizado neste sentido se mostraron na mellora inmediata da execución por parte do estudante. Esta mellora era maior cando se utilizaban ferramentas para resaltar a parte da execución na que o estudante debía mellorar (por exemplo, debuxando liñas, ángulos ou circunferencias directamente sobre o vídeo), feito este que non era posible realizar co computador e/ou videocámara.

Foi tal o éxito que os propios estudantes, inicialmente remisos a seren filmados, remataron por pedir voluntariamente as filmacións para mellorar as súas execucións, incidindo de maneira positiva na súa motivación cara á aprendizaxe. Agora ben, ademais deste resultado cuantitativo, podemos realizar unha avaliación dos procedementos desenvolvidos tamén desde o punto de vista cualitativo, e que pasamos a describir nos seguintes apartados:

6.1  Avaliación das implicacións do uso da tableta para o profesorado

  • O proceso de recollida de información sobre a práctica diaria dos estudantes mellorou de forma considerable, facendo que esta sexa máis veraz ao eliminar o factor de memorización necesario anteriormente ao facer as anotacións ao pasar lista unha vez finalizada a sesión.
  • O tempo para o cálculo das cualificacións diminuíu, dado que a maior parte dos datos xa foran introducidos na sesión de aprendizaxe na que se producían.
  • As reclamacións das cualificacións diminuíron tamén claramente, chegando na actualidade a formalizarse tan só aquelas dos estudantes que non revisaban previamente a ficha persoal da base de datos de avaliación. Isto dános a entender que a cualificación na materia de EF deixou de ser percibida polos estudantes e pais/nais/titores como algo aleatorio.
  • Os procesos de intercambio de información persoal dos estudantes entre o profesorado do departamento incrementouse de maneira significativa. Deste xeito, antes de dispor da base de datos de avaliación, a información transmitida era exigua e dependente sempre da aparición dun problema dalgún tipo cun estudante determinado (médico, comportamento etc.), aplicando unha adaptación das tarefas no caso de enfermidades ou lesións.

6.2  Avaliación das implicacións do uso da tableta para os estudantes

En canto aos aspectos centrados na aprendizaxe dos estudantes, hai que sinalar:

  • O feito de utilizar filmacións dos propios estudantes configurouse como un factor motivador durante as prácticas, o que nos fai ver que era percibido como un feito positivo, favorecendo tamén a aprendizaxe neste.
  • A utilización da tableta para a xestión temporal de actividades motrices interválicas, para a reprodución de listas de cancións, para o desenvolvemento de sesión de «reprodución de modelos» mediante vídeos, e todas aqueloutras nas que se libera a atención do profesor, redundou directamente sobre unha mellora do control de aula e un incremento na retroalimentación administrada, aspectos estes fundamentais tanto para un ensino de calidade coma eficiente.

6.3  Propostas de ampliación dos usos da tableta dentro da aula de EF

  • As apps están en modificación continua, cunha gran competencia entre elas. Isto obriga a estar ao tanto das novas actualizacións e/ou das novidades aparecidas que poidan ofrecer novos usos para a tableta na EF. De feito, durante o desenvolvemento do proxecto atopamos novas propostas, como a que suxire o seu uso para a planificación das sesións de EF, o traballo colaborativo e o desenvolvemento de materiais curriculares con enlaces QR. (Gandol, 2012). De todos os xeitos, o labor de actualización é case que inabarcable para un só profesor, polo que sería indicado fomentar un foro de debate e intercambio destas experiencias. Unha primeira mostra foi a proposta realizada desde este departamento para a realización dunhas xornadas de intercambio de experiencias en EF escolar, recollida polo Colexio Oficial de Licenciados en EF de Galicia que se organizou en Ribeira en setembro de 2013.
  • Precisamente dentro deste foro de intercambio de experiencias xorde outra das propostas de continuidade, como é a adquisición dun dispositivo que permita a proxección da pantalla da tableta vía wifi, o que lle permite ao docente unha maior liberdade de desprazamentos polo ximnasio, sen depender de estar conectado.
  • Vistas as múltiples aplicacións, débese afondar no traballo interdisciplinar para un maior aproveitamento do dispositivo, sobre todo no caso de querer implantar un sistema dunha tableta dixital por estudante.

7. Conclusións finais

Nesta experiencia procuramos aproveitar a potencialidade do uso da tableta dixital na aula de EF sen que se converta nun límite á motricidade do estudantado, senón nunha axuda para a mellora e control da súa aprendizaxe.
Non buscamos un uso estilo «libro de texto», o que nos obrigaría a dispor dun dispositivo practicamente para cada estudante, nin tampouco centrarnos nun uso para o control de marcas e puntuacións.

Precisamente o innovador da nosa proposta está, por un lado, no uso dunha base de datos creada para o efecto coa finalidade do control inmediato da avaliación e, por outro, no uso de software (apps) que permite a mellora da aplicación da retroalimentación durante a propia realización da práctica, así como o control de aula, motivación etc.

Os resultados acadados permítennos recomendar sen medo a errar a incorporación de dispositivos deste tipo dentro da aula de EF, ben sexa sobre sistema iOs, Android ou similares. É tal o éxito percibido que nos atrevemos a afirmar que a utilización destes dispositivos na aula representa a maior revolución metodolóxica na EF desde a súa aparición como didáctica específica.
 

 

 

Bibliografía: 

 

 

BLÁZQUEZ SÁNCHEZ, D. (1999): Evaluar en Educación Física. Barcelona: INDE (7.ª edición).

DEMERITT, C. (2012): iOS apps still more profitable than Android, but Google Play is gaining. Techradar.

FERRERES FRANCO, C. (2011): La integración de las tecnologías de la información y de la comunicación en el área de la Educación Física de secundaria: análisis sobre el uso, nivel de conocimientos y actitudes hacia las TIC y de sus posibles aplicaciones educativas (tese de doutoramento). Tarragona: Universitat Rovira i Virgili, Departament de Pedagogia.

FLORENCE, J. (1991): Tareas significativas en Educación Física escolar. Barcelona: INDE. Col.: La educación física en… reforma.

GANDOL, F. (2012): «Educação Física e iPad: Apps e códigos QR». En: Appel & Educação.

LLAMAS, J. e CIPRIANO, E. (2007): «La PDA y su aplicación en Educación Física». En: Tandem. Didáctica de la Educación Física, núm. 25, pp. 30-41.

NICHOLS, R. e LEIGHT, J. (2011): «Using ipads in physical education: there is an app for that!». En: P.E.links4u (USA), 13 (8).

OÑA SICILIA, A. (coord.) (1999): Control y aprendizaje motor. Madrid: Síntesis. Col.: Metodología general y comportamiento.

OSTASHEWSKI , N. e REID, D. (2010): «iTeach, iDance: Using the iPad in the body-kinesthetic teaching context». En: C. H. Steel, M. J. Keppell, P. Gerbic & S. Housego (eds.), Curriculum, technology & transformation for an unknown future. Proceedings ASCILITE Sydney 2010, pp. 730-732.

ROWINSKI, D. (2013): «The data doesn't lie: iOS Apps are better than Android». Readwrite mobile.

PIERON, M. (1999): Enseñanza eficaz de las actividades físico-deportivas. Barcelona: INDE.  

VIÑAS, M. (2012): «9 dificultades importantes al adoptar los tablets en el aula». TotemGuard, Recursos TIC para profesores.

Sección: