Mulleres galegas en Alemaña no novo milenio

Análise da súa realidade emigratoria: formación e emprego
O presente artigo pretende aproximarnos á realidade da muller emigrante galega como protagonista activa do proceso actual da emigración que está acontecendo en Galicia. Concretamente, indagamos sobre a marcha emigratoria deste colectivo a Alemaña centrándonos en aspectos específicos como a súa formación e estudos, o seu emprego e inserción laboral e as súas expectativas persoais.

María González Blanco
Doutoranda do Programa de doutoramento en Educación da Universidade de Santiago de Compostela
maria.gonzalez23@rai.usc.es

 

Introdución

O actual contexto socioeconómico sitúa a emigración como un fenómeno de destacada relevancia no noso país e, máis concretamente, na nosa comunidade autónoma. De feito, son numerosas as novas que se salientan nos diferentes medios de comunicación sobre a temática, tanto no ámbito autonómico como estatal.

Hogano unha das principais problemáticas sociais é a falta de emprego da mocidade galega e a precariedade laboral que en ocasións sofre nos postos aos que accede. Estas eivas propician unha situación negativa para os mozos e as mozas e repercuten nunha tardía emancipación, nunha minguante capacidade de aforro e de consumo e nunha escasa mobilidade social.

Ante este panorama tan próximo que consideramos que nos inflúe, decidimos realizar esta indagación centrándonos principalmente no colectivo das mulleres emigrantes galegas, posto que son moi poucos os estudos relativos á análise dos fluxos migratorios femininos actuais.

Os principais indicadores analizados son o perfil educativo, o emprego, a inserción laboral e o propio proceso emigratorio das mulleres galegas que emprenden a súa andaina cara ao país xermano. Estes aspectos examinados son os eixes fundamentais do noso traballo, posto que na maioría das investigacións sobre o tema da emigración que analizamos son variables que sempre se teñen en conta (Aparicio, 2014; Herrera, 2014; Navarrete, 2013; Rubio, 2013).

Agardamos que a nosa investigación contribúa a visibilizar e valorar as repercusións que a emigración feminina ten na nosa sociedade e coñecer de forma máis detallada as principais características destes fluxos migratorios.

Obxectivos

O principal obxectivo que formulamos na nosa indagación é: analizar e estudar o perfil educativo, o emprego e a inserción laboral e o proceso emigratorio das mulleres mozas de Galicia que recentemente emigraron a Alemaña, tratando de dilucidar e clarificar que formación posúen, a que postos de traballo acceden e obter toda a información posible sobre a súa situación migratoria (a súa procedencia, plans de futuro, vantaxes ou desvantaxes da emigración, opinións persoais etc.).

Metodoloxía

A metodoloxía que empregamos na investigación foi fundamentalmente de carácter cualitativo, destacando neste sentido como técnicas de recollida de datos a entrevista semiestruturada e en profundidade e a observación directa durante o transcurso desta coas diferentes entrevistadas. A súa realización tivo lugar a través de Internet, concretamente as entrevistas leváronse a cabo mediante o programa Skype durante os meses de maio e xuño de 2015, tanto en quendas de mañá como de tarde. O seu contido estivo estruturado no guión que deseñamos e que está configurado por seis bloques temáticos que denominamos da seguinte maneira: I-Datos persoais, II- Andaina emigratoria, III- Formación e estudos, IV- Emprego e inserción laboral, V- Expectativas e VI- Comentarios.

O número total de entrevistas que realizamos ás mozas emigrantes galegas en Alemaña foi de seis, logo de contactar coas participantes no perfil do Facebook que deseñamos para a realización do estudo.

Á vista dos datos descritos, a mostra obxecto de estudo estivo integrada por mulleres con idades comprendidas entre os 25 e os 30 anos de idade. Somos conscientes de que se trata dunha mostra pequena, mais consideramos que esta indagación pode ser o primeiro paso para unha futura investigación de maior alcance sobre a temática tratada.

Resultados

Os resultados globais obtidos na nosa indagación permítennos achegarnos ao coñecemento da realidade emigratoria descrita, mais estimamos que para establecer algún tipo de xeneralización ao respecto e garantir a representatividade do colectivo estudado precisariamos un número maior de participantes.

A continuación describiremos de forma xeral os principais datos obtidos nos distintos bloques de contido do guión da entrevista.

I. Datos persoais

O grupo entrevistado sitúase na franxa de idade entre os 25 e os 30 anos e a maioría procede do ámbito rural de Galicia. A rexión alemá (land) onde vive un maior número das mozas emigrantes é a zona norte de Alemaña, e destaca a cidade de Berlín como lugar predominante de residencia da maioría delas.

Táboa 1. Datos identificativos das entrevistadas

Fonte: elaboración propia

 

II. Andaina emigratoria

Nesta epígrafe da entrevista inclúense diversos aspectos que nos informan de que a maioría delas é a primeira vez que emigra e que dúas delas naceron no estranxeiro porque os seus proxenitores foron emigrantes nos anos sesenta, logo dun tempo volveron a Galicia e hoxe elas son novamente emigrantes.

Os motivos da súa marcha son, segundo nos relatan e nesta orde concreta: a falta de oportunidades laborais no país de orixe, a situación de crise económica e distintas motivacións persoais. A súa emigración caracterízase por ser en solitario e con escasos ou nulos apoios. A principal axuda recibida é das súas familias, máis especificamente son a nai e o pai os suxeitos de maior apoio desde o punto de vista económico ao inicio da súa partida.

A elección do país de destino é froito das posibilidades que ofrece o mercado laboral (para a maioría delas), consecuencia do azar (para dúas das entrevistadas) e polo coñecemento do idioma alemán (no caso de dúas delas).

O tempo que levan emigradas no país xermano é de tres anos para a metade das compoñentes da mostra e de catro, dous e un anos, respectivamente, para as outras.

As súas percepcións, así como as súas sensacións e emocións iniciais, foron de medo, soidade, desamparo e inseguridade como aspectos máis negativos, e de entusiasmo e boa acollida por parte da xente alemá como aspectos positivos. Co paso do tempo, a día de hoxe elas din que se senten cada vez máis integradas na sociedade xermana e que as diferenzas culturais do comezo xa non son un problema posto que día a día van coñecendo mellor o país, as súas tradicións, a súa cultura, o carácter das persoas, o idioma etc., e todo isto fai que a súa percepción sexa moi diferente a cando chegaron e que se sintan máis acollidas.

As repercusións intuídas sobre o impacto que a súa marcha provoca no país de orixe son tanto positivas como negativas. Entre os aspectos negativos destacan: a dificultade de regresar despois de estar varios anos fóra e de chegar a establecerse en Alemaña, tendo en conta que lles será moi difícil lograr a mesma situación laboral que posúen no país de destino; a perda de poboación nova en Galicia e que o rural vaia decrecendo en habitantes; a falta de persoal especializado en determinadas áreas e que non sexa substituído con xente moza. E no caso dos aspectos positivos sinalan os seguintes: que a xuventude gañará moita experiencia e aprendizaxe durante a súa etapa emigratoria, que obterán unha formación moi ampla e que poderán coñecer outras formas de traballar e, polo tanto, a súa percepción sobre o traballo será diferente.

III. Formación e estudos

En referencia ao nivel de estudos das entrevistadas, todas elas posúen estudos universitarios e unha formación moi completa, xa que algunha ten máis dunha titulación superior e actualmente mesmo parte delas continúa estudando (a nivel de mestrado) ou formándose (cursos de alemán). Os seus estudos foron cursados en universidades públicas de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), Salamanca e Barcelona. Só unha delas cursou un mestrado nunha universidade privada de Inglaterra, concretamente en Manchester. Ademais dos estudos universitarios, unha das mozas realizou estudos artísticos de formación profesional nun centro público de Santiago de Compostela.

Táboa 2. Perfil académico

Fonte: elaboración propia

Respecto da formación fan un especial fincapé en destacar que cómpre seguir formándose debido a varios motivos, entre eles: a existencia dunha gran competencia de persoal cualificado e a necesidade de marcar algún tipo de diferenza para obter maiores posibilidades de inserción laboral;  a evolución e o cambio constante dos coñecementos en determinadas disciplinas e poder adaptarse ás novidades que xorden; as demandas do propio mercado laboral en determinadas profesións e a necesidade da ampliación de oportunidades laborais.

IV-Emprego e inserción laboral

A situación laboral das entrevistadas é de empregadas, tres traballan no sector público, dúas no sector privado e unha traballa nunha empresa que pertence a ambos os sectores. A obtención dos seus empregos produciuse principalmente mediante Internet, contactos persoais, anuncios en xornais e a través da entrega de currículos en distintas empresas.

O tempo que tardaron en conseguir o seu actual emprego oscila entre os nove meses e un ano. E respecto do proceso de busca do posto de traballo case todas falan de que realizaron entrevistas e entrega de currículos e cartas de presentación en diversas empresas e centros onde conseguiron finalmente o seu emprego.

O salario que perciben correspóndese coa súa cualificación profesional e só nun caso nos indicaron que é un pouco baixo. En xeral, todas afirman que poderían axudar as súas familias mediante o envío de remesas, non obstante non o fan porque non é preciso e porque as súas familias tampouco queren percibir ningunha axuda ou porque nalgún caso tampouco dispoñen de suficiente marxe económica para poder compartilo e sufragar os seus gastos no país de destino.

Un aspecto destacado é que as condicións laborais, a grandes trazos, son moi boas e presentan mellores vantaxes ca en España debido a que dispoñen de máis axudas, nalgún caso posúen certa flexibilidade horaria de entrada, menos carga de traballo e unha mellor organización. Outro aspecto positivo é que moitas das súas empresas lles ofrecen algún tipo de formación en idiomas (inglés ou alemán). E como desvantaxes sinalouse nun só caso a dificultade que existe para poder falar co persoal da dirección (xefe ou xefa).

V- Expectativas

As súas expectativas persoais son moi positivas, relatan que o que conseguiron na súa estadía no exterior a maioría non o imaxinaba ao comezo posto que pensaban que terían que seguir buscando traballo, que volverían antes do previsto ou que só estarían fóra un par de meses para mellorar os seus coñecementos do idioma.

Aínda que conseguiron máis do que pretendían no ámbito laboral, as súas expectativas de regreso ao país de orixe non son moi alentadoras xa que só volverían se tivesen garantidas as mesmas condicións laborais. Por todo isto consideran que o seu retorno será a longo prazo e o único motivo para volver sería, ademais dunha óptima situación laboral, a familia e as amizades.

VI- Comentarios

As achegas que nos describiron foron moi emotivas e case todas coinciden en que se senten moi contentas de poder traballar no seu ámbito de estudo e de formación e de poder ser autosuficientes e independentes na esfera económica. Malia isto, tamén manifestaron sentimentos de tristeza porque os anos van pasando e cada vez ven máis difícil o seu regreso a Galicia e poder estar preto das súas familias.

O principal sentimento que relataron foi que á súa chegada sentiron moita soidade, sobre todo pola dureza da adaptación a un novo lugar tan diferente, onde elementos como o clima, os horarios ou o carácter da propia xente da zona lles influíron moitísimo no seu proceso de integración.

Conclusións

O colectivo de mozas galegas emigradas en Alemaña posúe un perfil educativo moi completo que lles permitiu obter empregos en postos vinculados coa súa formación e cualificación profesional.

Ademais, trátase dun grupo de mulleres moi similar posto que case todas teñen idades próximas, emigraron recentemente, foron estudantes universitarias, teñen coñecementos de idiomas, os motivos da súa marcha foron os mesmos, e comparten expectativas e sentimentos parellos.

Dada a súa experiencia como emigrantes, finalmente e a modo de suxestións para outras persoas que queiran emprender o camiño da emigración, indícannos que é fundamental dispor de diñeiro aforrado ou algunha axuda económica porque todo custa moito; que é necesario coñecer o idioma alemán, polo menos ter algunha noción no ámbito básico e que é indispensable informarse sobre os trámites burocráticos que se esixen no país de destino para evitar posibles atrasos nestes ou algún que outro problema inoportuno.

 

 

 


 

Bibliografía: 

 

 

APARICIO, R. (2014). Aproximación a la situación de los españoles emigrados: realidad, proyecto, dificultades y retos. Madrid: OIM.

GONZÁLEZ BLANCO, M. (2015). Aproximación ao proceso emigratorio da mocidade galega en Alemaña na actualidade: perfil educativo, emprego e expectativas. Traballo fin de mestrado. Mestrado   Universitario de Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, Universidade de Santiago de Compostela.                                                       

HERRERA, M.ª J. (2014). “Migración cualificada de trabajadores de España al extranjero”. En Arango, J., Moya, D. e Oliver, J. (dirs.), Anuario de la inmigración en España 2013. Inmigración y emigración: mitos y realidades. Barcelona: CIDOB, pp. 90-107. Recuperado de http://www.cidob.org/es/articulos/anuario_de_la_inmigracion_en_espana/2014/migracion_cualificada_de_profesionales_de_espana_al_extranjero [Acceso: 20 de novembro de 2014].

NAVARRETE, L. (dir.) (2014). La emigración de los jóvenes españoles en el contexto de la crisis. Análisis y datos de un fenómeno difícil de cuantificar. Madrid: INJUVE. Recuperado de http://www.injuve.es/sites/default/files/2014/17/publicaciones/Emigracion%20jovenes_0.pdf [Acceso: 20 de abril de 2015].

RUBIO, C. (2013). “Londres, tierra prometida. La emigración de los jóvenes titulados universitarios a Londres”. Revista de Recerca i Formació en Antropología, 18 (2), 158-174. Recuperado de http://www.raco.cat/index.php/Periferia/article/view/290800 [Acceso: 20 de abril de 2015].

Sección: