Skip to Content

Lingua Galega

Departamento de Lingua e Literatura Galega

Actividades do Departamento de Lingua Galega

Proxecto Ríos

Lendas acuáticas. Proxecto ríos.

 
No último trimestre de curso o alumnado de 1ºESO fixo os labores da boa etnografía: dirixiuse ás persoas de máis idade da familia para pescudar que lendas ou contos relacionadas coas augas gondomarenses perduraban na memoria colectiva.
 
No marco dun proxecto multidisciplinar (o río foi abordado antes desde a materia de Bioloxía e Xeoloxía e mais desde a de Educación Plástica Visual e Artística), achegamos, desde o noso departamento, a perspectiva literaria de tradición oral. 
 
Este labor de investigación permitiunos descubrir ritos de fertilidade e morte (a auga todo o trae e todo o leva... ). É o río Miñor, que nace na serra do Galiñeiro, o noso principal espazo protagonista, xusto no lugar onde pasa por baixo dunha ponte de orixe románica, aos pés dun peto de ánimas.
 
O río serve tanto para facilitar o embarazo das mulleres como para conseguir que este chegue a bo termo. Nos dous casos é necesario que nos dirixamos ao punto sinalado, acompañadas das nosas parellas. Debemos agardar a que unha persoa cruce a ponte e, cando o faga, solicitarémoslle que nos deite auga do río no ventre. Un bautismo de natureza que converte á persoa desoñecida no padriño ou madriña do noso próximo bebé. Sempre que acepte, claro. Temos que dicir que, segundo os nosos informantes, este ritual de fertilidade non sempre funciona.
 
Din que nacemos para morrer... Para ter a certeza de que o féretro do noso ser querido cruza as augas en dirección ao camposanto é imprescindible botar unha esmola nese mesmo peto das ánimas.
 
A vida é, precisamente, ese tramo que vai desde que nacemos, despois de que vertesen auga no ventre da nosa nai, ata que cruzamos, por derradeira vez, o río. Múltiples son as anécdotas vitais que os nosos alumnos recolleron das súas familias. Desde salvamentos de ovellas en pleno inverno, ata persoas arrastradas pola corrente. Lembramos tamén o muíño dos Quintos ou aquela época en que as barcas chegaban a Gondomar.
 
Tamén nos acompañou nesta viaxe fluvial a imaxinación. Xemelgas asasinas, xogos de rapazas, perigos na noite... En xeral, situacións terroríficas das que non podemos dar conta aquí.
 
Grazas ao alumnado de 1º da ESO pola súa participación activa neste proxecto e ás súas familias, verdadeiras depositarias da nosa herdanza cultural.
 

 

 

 

Cursos anteriores:

As imaxes do patrimonio

O curso pasado recollemos imaxs e escribimos sobre elas. Con todo ese material fixemos unha exposición no centro que logo se converteu en libro, un libro que podedes consultar no seguinte

ENLACE

Distribuir contido


by Dr. Radut