Institutos de Arteixo, Porto do Son, Poio e Gondomar unidos polo camiño portugués
COMPARTINDO O CAMIÑO
Os ciclos formativos de “Actividades físico-deportivas no medio natural “ que se imparten en Galicia realizan o Camiño portugués pola costa desde Gondomar para especializarse tanto no guiado de grupos como na valorización do patrimonio cultural.
Os dias 16, 17 e 18 de abril alumnado e profesorado procedente dos institutos de Poio, Terra de Turonio de Gondomar ( Pontevedra ), de Sabón ( Arteixo ) e Porto do Son ( A Coruña ) reuníronse no IES Terra de Turonio para realizar o camiño portugués pola costa a partir de Gondomar. O primeiro dia foi de convivencia e coordinación entre o profesorado e alumnado dos catro institutos. O camiño realizouse en dúas etapas. O día 17 saíron de Gondomar a Nigrán pasando por Vigo, Redondela, Pontevedra ( con visita ao casco histórico) para pasar a noite en Caldas de Reis; despois de facer 90 quilómetros, aloxáronse nun albergue.
O día 18 fixeron 50 quilómetros entre Caldas de Reis e Santiago de Compostela, pasando por Padrón e Teo.
Na capital de Galicia visitaron a catedral e o núcleo histórico para coñecer os principais itinerarios para facer con grupos
A práctica de condución de grupos en bicicleta é un dos módulos que se imparten nestes institutos ademais de monta a cabalo e sendeirismo polo medio natural. Este alumnado recibe unha formación práctica conectada co mundo laboral que posteriormente realizarán nas prácticas en empresas. Un grupo do IES Terra de Turonio de Gondomar realiza estas prácticas em Malta, Portugal e Italia ao abeiro do programa Erasmus+.