Skip to Content

Blogue

DÍA DA LINGUA MATERNA

 

  O 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna. Para celebralo, durante a semana do 11 ao 15 deste mes pedímoslles aos alumnos dos diferentes grupos que escollesen, cada un, tres dos termos máis fermosos, chamativos e/ou interesantes da nosa lingua galega. A partir das listaxes obtidas en cada clase, elaboramos nubes de palabras empregando a aplicación www.nubedepalabras.es e expuxémolas na entrada do centro.

 

 

 As 15 palabras máis votadas polos alumnos do IES Ramón Caamaño foron as seguintes:

FOCHICAR (26 votos)                       CÓXEGA (6 votos)

MORRIÑA (19 votos)                         PAPORRUBIO (5 votos)

TOXO (16 votos)                                BARALLOCAS (5 votos)

SAPOCONCHO (11 votos)                  COMAREA (5 votos)

VAGALUME (11 votos)                      OLLOMOL (5 votos)

MOINANTE (9 votos)                        MIÑOCA (5 votos)

RABUDO (7 votos)                            BICOS (5 votos)

TRAPALLADA (6 votos)

 

Se queres ver e descargar as nubes, selecciona o título desta entrada de blog e mira ao final os documentos adxuntos.

 

 

Saída a Santiago de Compostela

  O día 19 de febreiro, os alumnos de 1º e 2º de ESO fixeron unha saída didáctica a Santiago de Compostela. O noso primeiro destino foi o Museo Pedagóxico de Galicia, onde puidemos coñecer mellor o pasado das nosas escolas e aprender, por exemplo, que era unha escola "de ferrado", que diferenzas existían entre as aulas da II República e as da Ditadura ou con que xoguetes se divertían os nosos avós.

 

 

  Despois visitamos, no Museo Centro Gaiás, a exposición titulada Castelao Maxistral, centrada na vida e obra dun dos nosos escritores máis importantes. Alí puidemos contemplar o seu cadro A última leición do mestre, considerado o "Guernica galego". Pintado en Arxentina en 1945 en recordo do seu amigo Alexandre Bóveda, esta obra é propiedade do Centro Galego de Bos Aires, cidade da que saíu por primeira vez na súa historia para formar parte desta exposición temporal.

 

 

 

 

 

 

 

Gañadores do concurso "Cartas de amor"

 

Hoxe 14 de febreiro, día de San Valentín, foron entregados na Biblioteca os premios aos gañadores do concurso Cartas de amor.

 

Parabéns para Laura (2º A), Nerea (2º B), Yago (3º A)

e Xiana (4º A)!!!

 

Podes ler os seus textos no taboleiro da Biblioteca.

 

 

Espectáculo teatral "Language Planning"

   O día 8 de febreiro, os alumnos de 4º de ESO asitiron na Casa da Cultura de Cee ao espectáculo Language Planning, a cargo da compañía Os Quinquilláns. Baseada en relatos da obra Made in Galiza, de Séchu Sende, esta montaxe teatral pretende propiciar, desde a risa e a retranca, a reflexión sobre a situación de conflito lingüístico na que se atopan as dúas linguas cooficiais da nosa comunidade.

 

 

 

Visita ao castelo de Vimianzo

 

O día 31 de xaneiro fixemos unha visita ao castelo de Vimianzo cos alumnos de 3º e 4º de ESO, a pesar das pésimas condicións meteorolóxicas (como choveu esa mañá!!!) e da imposibilidade de contar con guía do concello ese mes. Para saber máis sobre esta actividade, pulsa aquí.

 

 

 

PRÓXIMAS ACTIVIDADES DO EDLG

   Neste segundo trimestre do curso 2018-2019, o EDLG ten prevista a realización das seguintes actividades:

 

VISITA AO CASTELO DE VIMIANZO

   En colaboración co Departamento de Lingua Castelá e o de Ciencias Sociais, aproveitaremos a asistencia a unha obra de teatro en Vimianzo o 31 de xaneiro para facer unha visita guiada ao seu castelo. Os destinatarios serán os alumnos de 3º e 4º de ESO.

 

OBRA DE TEATRO MADE IN GALIZA

  O 8 de febreiro poderemos desfrutar da adaptación teatral que o grupo Os Quinquilláns farán de Made in Galiza, un libro de relatos de Séchu Sende. Será na Casa da Cultura de Cee. 

 

VISITA AO MUPEGA E Á EXPOSICIÓN "CASTELAO MAXISTRAL"

   En colaboración co Departamento de Ciencias Sociais, o día 19 de febreiro farase unha saída a Santiago de Compostela con alumnos de 1º e 2º da ESO para visitar o Museo Pedagóxico de Galicia e o Museo Centro Gaiás, sede da exposición "Castelao Maxistral".

 

VISITA ÁS TORRES DO ALLO (ZAS) E AOS FAROS

   De novo en colaboración co Departamento de Ciencias Sociais, realizaremos unha visita ao considerado como o primeiro pazo de Galicia e participaremos no seu obradoiro "Escudo de familia". Aproveitaremos tamén esta saída para coñecer mellor dous dos faros da nosa contorna, o de Punta Nariga (Malpica) e o de Cabo Vilán (Camariñas). Os destinatarios serán os alumnos de 3º e 4º de ESO e levarase a cabo o 22 de febreiro.

 

 

CONCURSO DE VIDEOPOEMAS

 

     O día 24 de febreiro é o día dedicado a Rosalía de Castro, por iso o EDLG, o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca convocan un concurso de vídeo e recitado de poemas co que conmemorar esta data.

 

BASES

- Os alumnos participantes deberán gravarse recitando ou interpretando artisticamente un poema da autora homenaxeada, Rosalía de Castro. [No documento adxunto que aparece ao final podes ver unha recompilación de poemas. Preme no título deste artigo para poder acceder a el]

- Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber.

- As obras deberán ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autor.

 

ENTREGA DOS VÍDEOS

- A entrega realizarase por e-mail á seguinte dirección:

ies.ramon.caamano@edu.xunta.es

(AVISO: No caso dos alumnos menores de 14 anos, serán os pais ou titores legais os que envíen o e-mail).

- No asunto do correo deberá figurar a referencia “Concurso Videopoemas Rosalía” e no corpo, os datos do concursante (nome, apelidos e grupo).

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

- Ata o venres 15 de febreiro de 2019.

- O nome dos gañadores farase público o venres 22 de febreiro de 2019.

 

PREMIOS

PRIMEIRO PREMIO: Obsequio por valor de 10 euros.

SEGUNDO PREMIO: Obsequio por valor de 7 euros. 

TERCEIRO PREMIO: Vale-desconto para a cafetería de 5 euros.

 

Concurso "CARTAS DE AMOR"

Un novo ano, a Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o EDLG organizan un concurso de cartas  de amor con motivo de San Valentín!

Haberá dúas categorías:

CATEGORÍA A: 1º e 2º de ESO.

 CATEGORÍA B: 3º e 4º de ESO.

 

BASES:

- Escribe unha carta de amor (tamén pode ser de desamor!), ORIXINAL e INÉDITA.

- O texto deberá estar escrito en LINGUA GALEGA e  ser respectuoso no seu contido e na súa presentación.

- Non se admitirán os textos con erros ortográficos.

- Poderase escribir a carta á man (con boa caligrafía) ou ben empregar un procesador de textos.

- IMPORTANTE!!! O nome do autor non poderá aparecer no texto, empregarase no seu lugar un pseudónimo para asinalo. Os datos básicos do participante (nome, curso e pseudónimo empregado) irán nun sobre pequeno e pechado que se introducirá xunto coa carta nun sobre máis grande. No exterior deste sobre grande só deberá aparecer escrita a categoría pola que se presenta.

 

PRESENTACIÓN:

- Prazo límite de entrega: 8 DE FEBREIRO.

- Lugar: A Biblioteca (serán depositadas na caixa destinada a concursos).

 

PREMIOS:

CATEGORÍA A

1º premio: obsequio por valor de 8 euros.

2º premio: vale de 4 euros para a cafetaría.

 

CATEGORÍA B

1º premio: obsequio por valor de 8 euros.

2º premio: vale de 4 euros para a cafetaría.

 

Calendario dodecaédrico en galego

Se queres facer un calendario en galego do ano 2019 coma este...

 

... só tes que:

  • Descargar o modelo que se adxunta e imprimilo (debes facer clic sobre o título deste artigo para velo). É mellor empregar papel de 100 g ou máis para que teña máis consistencia.
  • Recortar as liñas negras e dobrar polas punteadas.
  • Pegar deixando o mes de novembro para o final.

É moi sinxelo.

ATRÉVETE A FACELO!!!

 

E se o queres noutro idioma, proba neste enlace.

 

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

 

 

BASES DO CONCURSO

  • Poderán participar todos os alumnos do centro que o desexen.
  • A participación é individual e as postais deberán ser orixinais. Só se poderá presentar unha postal por alumno.
  • O traballo presentarase en cartolina de tamaño DIN A5 210X148 mm (medio folio). A técnica é libre: cor, branco e negro, collage, ceras... Non se poderán utilizar purpurinas.
  • Deberá incluír algún desexo ou algunha mensaxe para o ano 2019 en lingua galega.
  • ENTREGA DOS TRABALLOS. Os datos do alumno participante (nome e curso) NON irán na postal, senón nun sobre pechado que se pegará no reverso da mesma con celo. Ese sobre cos datos persoais máis a postal (que debe ser totalmente ANÓNIMA) serán depositados na caixa habilitada para este concurso na Biblioteca.
  • Un xurado formado por profesorado do centro elixirá as tres postais premiadas. Valorarase tanto o deseño da postal como a mensaxe.
  • A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

 

PREMIOS

  • Haberá tres premios:
    • Primeiro: vale desconto de 10 para gastar na cafetería do centro (ou un agasallo de valor equivalente) e o feito de que a súa postal sexa empregada para felicitar as festas desde a páxina web do instituto.
    • Segundo: vale desconto de 7 para a cafetería.
    • Terceiro: vale desconto de 5 € para a cafetería.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

  • O prazo de presentación iníciase dende a publicación das bases, o día 23 de novembro de 2018, ata o día 17 de decembro de 2018.

 

RECORDA: A POSTAL DEBE SER ANÓNIMA

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut