CHARLAS SOBRE PRIMEIROS AUXILIOS

Os pasados 14 e 16 de abril tiveron lugar unhas charlas sobre primeiros auxilios organizadas polas profesoras Carmen Casas e Isabel Caamaño, do departamento de Formación e Orientación Laboral.

A elas asistiron os alumnos do ciclo medio de Comercio, de 1º dos ciclos medios de Mantemento e Electricidade, de 1º dos ciclos superiores de Mecatrónica e Administración, e de 1º de FP Básica.

Estas charlas, de carácter teórico-práctico e impartidas polo profesor Francisco Teijido, tiñan como obxectivos identificar a atención de primeiros auxilios en situacións de risco, recoñecer estas situacións e previr os accidentes máis frecuentes, así como coñecer e practicar as técnicas de primeiros auxilios (reanimación cardiopulmonar, maniobra de Heimlich para atragoamentos, estabilización e transporte de feridos, etc.)

A valoración da actividade foi moi positiva, sobre todo polo seu grande contido práctico. O alumnado participante tivo a oportunidade de coñecer e poñer en práctica por eles mesmos as técnicas de primeiros auxilios e as medidas de protección e prevención de accidentes máis frecuentes.