Skip to Content

Proxecto Terra 2014-2015

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO están a participar por sexto curso consecutivo no ProxectoTerra. 

O tema de investigación elixido este curso foi Costumes e tradicións nos barrios e parroquias a través da historia oral. Esta actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ámbito-sociolingüístico e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro titulado Costumes e tradicións. Os resultados do traballo foron amosados ao resto da comunidade educativa do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada aos costumes e tradicións.

Dentro do proxecto de investigación realizouse un estudo temporal (ao longo de catro xeracións) e espacial (en relación ás diferentes parroquias de Boiro) mediante a recollida de testemuñas orais, sobre diferentes costumes, tradicións e prácticas sociais no municipio: as celebracións e o lecer, o ensino, lendas e ditos, o noivado, os medios de comunicación, a vestimenta, a agricultura, e os antropónimos. Os resultados desta investigación foron expostas na biblioteca do centro en tres seccións: Voces e nomes, Historia no Faiado e Remuda de nomes. 

Remuda de nomes: A recollida de antropónimos das catro xeracións, posibilitou un estudo de evolución temporal dos nomes de homes e mulleres ao longo do tempo. Con estes nomes realizouse un eixe cronolóxico no que se podía observar unha diferenza xeracional cracterizada pola existencia maioritaria de nomes compostos e en castelán nas xeracións máis antigas, e nomes simples e curtos nas xeracións máis recentes, con aumento dos antropónimos galegos e estranxeiros. Observamos que da mostra analizada os únicos nomes que se conservan ao longo das catro xeracións son os de José e Manuel para os homes e María para as mulleres. Os visitantes da exposición deixaron tamén os seus nomes e os dos seus familiares. 

 

Historia no faiado: Nesta actividade fixemos unha recollida de obxectos que ilustrasen os temas investigados mediante as entrevistas orais. Na exposición cobraron vida de novo moreas de obxectos que estaban esquecidos en faiados, alpendres e galiñeiros, con cadansúa historia particular nun marco histórico global. 

 

 

Voces e nomes: Démoslle este título á exposición audiovisual das diferentes entrevistas realizadas a persoas de catro xeracións (os alumnos e alumnas, os pais e nais, os avós e avoas, os bisavós e bisavoas). Estas entrevistas foron recollidas nun documental e tamén se presentaron a través de paneis explicativos. 

 

 



page | by Dr. Radut