Skip to Content

Explica xeografías coas túas fotos

Os alumnos e alumnas de Xeografía de 3º da ESO e 2º de bacharelato participaron no concurso Explica xeografía coas túas fotos organizado pola Asociación de Geográfos Españoles (AGE). O concurso consistiu en realizar unha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras. Aquí podedes ver as estupendas mini-reportaxes enviadas ao concurso, realizadas por Marta Folgar, Carmen Gey, Rebeca González, José Antonio Miguélez, Iván Piñeiro, Sergio Piñeiro e Lois Pimentel.

 

Esta fotografía titúlase Un novo espertar, e foi tomada unha mañá de outubro no que o sol aínda estaba espertando. O ceo era unha mestura de cores e liñas de nubes, que un pouco máis tarde marcharían para deixar un ceo totalmente despexado. Nun primeiro plano podemos apreciar unhas árbores de folla caduca que a día de hoxe están completamente espidas. Máis ao fondo podemos apreciar o mar que baña a Praia de Barraña e as montañas que rodean a zona.

Na fotografía podemos ver parte do recheo que se fixo na zona, pois antigamente o mar adentrábase máis e mesmo había unha pequena praia que desapareceu totalmente (Autora: Marta Folgar, 3º ESO).

  

Nestas fotografías podemos ver unha fervenza do río Treito no seu paso por Buhía, unha pequena aldea preto de Rianxo. Dáselle o nome de Pozo Bastón a un conxunto de catro pozas, tres delas máis superficiais e unha cuarta máis profunda que pode acadar entre tres e catro metros de profundidade no inverno.

Esta fervenza era xa coñecida na antigüidade como o acredita unha lenda asociada á mesma que fala de tres mouras atrapadas na fervenza por un meigallo.

A vexetación da zona mestura árbores autóctonas de ribeira, eucaliptos introducidos e sotobosque de fieito e brión no que destacan as carrouchas, da familia EricaceaePozo Bastón constitúe un dos atractivos do turismo rural da zona pola súa beleza e tranquilidade (Autora: Carmen Gey, 2º Bacharelato). 

 

Nestas fotografías amósase a gabarra Prima, un cargueiro que navegaba en lastre de Ucraína a Letonia e que no seu paso pola Costa da Morte embarrancou no Cabo Trece en xaneiro de 2014 por mor dun temporal marítimo. Desde aquela o cargueiro segue encallado na zona debido á súa innaccesibilidade e perigosidade.

As condicións climáticas da zona presentan perigos para o desenvolvemento de actividades humanas como a pesca e a navegación, mais serve de abrigo para a Armeria marítima, coñecida popularmente en Galicia como flor ou herba de namorar (Autora: Rebeca González, 3º ESO). 

 

 

Nesta fotografía, titulada Rochas en equilibrio, obsérvase un batolito granítico no Monte Confurco en Lousame.

O granito é unha rocha ígnea que se orixina pola lenta cristalización dos minerais no interior da codia terrestre. Está formado por cuarzo, feldespato e mica. Esta rocha vaise desintegrando progresivamente debido á meteorizacíón química do feldespato.

Tras eses procesos quedan unhas masas de granito, como a da imaxe, que por efecto da erosión mecánica producida principalmente pola auga, quedan ao descuberto, ás veces unhas por riba doutras en equilibrio, formando as chamadas pedras cabaleiras.

Esta rocha forma parte dun relevo montañoso, neste caso dos montes da Serra da Barbanza, cunha cuberta vexetal de toxo que non parece que se aproveite económicamente, dado o estado de abandono no que se atopa. Entre os toxos aparecen algúns eucaliptos, de orixe australiano e polo tanto alóctonos, que están a desprazar ás árbores autóctonas galegas e a causar un forte impacto ambiental (Autor: José Antonio Miguélez, 3º ESO).

 

Na fotografía, titulada Area do país, podemos observar o mal estado da praia de Argañán, que se atopa totalmente descoidada e cuberta de entullo procedente dunha antiga fábrica de ladrillos e tellas que foi abandonada e que actualmente se atopa en ruínas, oculta baixo matogueiras e silvas que medraron na zona.

Na fotografía amósase o pouco coidado que se tivo tanto no tempo no que a fábrica estivo en funcionamento, xa que todos os residuos eran tirados alí, como no momento do abandono da mesma. Tamén se amosa o estado de completo abandono e descoido da praia na actualidade (Autor: Iván Piñeiro, 3º ESO). 

 

 

Esta fotografía titulada A fervenza, amosa unha parte do río Brea onde a natureza ofrece unha paisaxe inesquecible en calquera época do ano.

Nesta fotografía percibimos as diferentes tonalidades que aparecen no inverno. Tamén podemos observar a velocidade e o caudal do río que aumenta nesta estación provocando fervenzas naturais favorecidas polo desnivel creado polas pedras da presa dun muíño de río cubertas de brión.

Nun segundo plano observamos a vexetación propia de ribeira, coas súas árbores caducifolias altas con sotobosque en tonos vermellos, verdes e amarelos. Tamén vemos como as pólas dalgunhas árbores caídas parecen querer frear a velocidade da auga.

Esta paisaxe transmite o paso do tempo e a velocidade coa que transcurre a vida (Autor: Sergio Piñeiro, 3º ESO).

 

  

 

Nestas fotografías amósase o esmorecemento do rural galego, co título O rural galego...á venda!

As migracións do campo á cidade tiveron lugar cando aumentou a poboación rural e diminuíu o emprego no sector primario a prol do secundario e terciario. Este proceso comezou entre 1900 e 1975, e frea coa crise. Cos novos usos actuais do espazo rural, recupéranse algunhas zonas, mais a tendencia segue sendo o despoboamento, con Galicia encabezando o abandono rural en España (1614 entidades despoboadas, segundo datos do INE de 2014).

As fotografías amosan a realidade actual de boa parte do rural galego: o abandono. É unha mágoa que esta parte de Galicia, tan importante no pasado, estea en decadencia. O noso pasado merece un futuro! (Autor: Lois Pimentel, 2º Bacharelato).

 



page | by Dr. Radut