QUEREMOS UN FUTURO EN GALEGO PARA @S NOS@S FILL@S!

 



COMUNICADO  DA ANPA DO IES PONTEPEDRIÑA INVITANDO Á COMUNIDADE ESCOLAR A SUMARSE Á MOBILIZACIÓN EN DEFENSA DO GALEGO QUE O VINDEIRO DOMINGO 8 DE FEBREIRO VAI CELEBRARSE EN COMPOSTELA, CONVOCADA POLA PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO!



Os nosos fillos e fillas, mocidade galega do século XXI, non senten a necesidade de falar galego, pois na sociedade actual calquera xove pode desenvolverse sempre en castelán ou mesmo en inglés en todos os ámbitos e lugares polos que se move. A potenciación destas dúas linguas hexemónicas no mundo leva consigo o abandono de linguas como o galego. Como nais e pais galeg@s, esta situación alármanos.


Hoxe, calquera mozo ou moza que realizara os seus estudos obrigatorios en Galicia está en condicións de usar oralmente e na escrita a lingua galega e, se non o fai, é por unha destas dúas razóns: ou ben porque non o precisa, porque tamén está en condicións de usar o castelán e por economía escolle a que lle vale para todo; ou ben porque, aínda querendo usar o galego, sendo un falante consciente da situación da lingua propia de Galicia, resúltalle imposible na sociedade actual poder vivir en galego, a non ser que estea disposto a ir sempre contracorrente e a reclamar unha e outra vez os seus dereitos, até o esgotamento ou a frustración. Como nos leva pasando ás nais e pais do estudantado galego desde que nós eramos tamén estudantes.


Ao galego pásalle como ao carballo. Se de cada mil plantacións só dez son de carballo e no resto plántase eucalipto, os carballos están, antes ou despois, condenados á desaparición, por moita vontade e afán que poñan no seu coidado os individuos que os plantan. Só se os poderes públicos median, primeiro, formando en conciencia ecolóxica, despois, protexendo, e, finalmente, incentivando as plantacións de carballo, só así, os carballos poderán recuperar os terreos usurpados polos eucaliptos. Só con vontade política pode mudar esta situación, senón non haberá futuro para o galego … nin para os carballos!


Vivimos nun mundo plurilingüe no que a diversidade é a característica máis salientable. O raro é atopar un estado no que só haxa unha lingua. Non respectar esa diversidade lingüística supón destruír a diversidade cultural do planeta e a sabedoría ancestral dos seus pobos, aínda máis, supón destruír a variedade dos pobos que habitan este planeta. Camiñar cara á redución desa variedade é camiñar cara a uniformización cultural, cara a unha única lingua hexemónica, cara a unha única cultura e cara a unha única forma de entender a realidade e de estar no mundo, é dicir, supón camiñar cara ao pensamento único, eliminando aquilo que nos fai diferentes e que nos fai ser o que somos, galegos e galegas.


Chegou a hora de lembrarlles aos nosos representantes políticos que, se existen, se traballan no Parlamento de Galicia e na Xunta de Galicia é só por obra e graza do galego. Sen a lingua propia de Galicia ningunha destas institucións terían sentido, ningún dos seus cargos políticos terían sentido.  Están obrigados, por mandato constitucional e estatutario, a protexer, dinamizar, fomentar e, sobre todo, a normalizar a lingua propia de Galicia, o galego.


 


 


máis información: http://www.queremosgalego.org


 


 


 


DATOS SOBRE O LABOR DO GOBERNO GALEGO EN RELACIÓN Á LINGUA GALEGA


 


Todos os estudos dan conta da perda acelerada de galego falantes e confírmano os datos máis recentes do informe do INSTITUTO GALEGO de ESTATÍSTICA, no que se constata que o 75% de menores de 15 anos non falan nunca en galego.  Pola contra, as medidas adoptadas polo Goberno Galego en relación coa lingua foron:


1.    Eliminación da proba de galego para acceder á función pública.


2.    Eliminación das axudas económicas ás liñas en galego en educación infantil, posteriormente suprimidas.


3.    Posta en marcha das “enquisa trampa” ás familias para escoller a lingua dos seus fillos/as no ensino público.


4.    Desmantelamento das galescolas.


5.    Redución dos premios aos proxectos de innovación en lingua galega e recortes aos equipos de normalización lingüística.


6.    Aprobación do novo Decreto de Plurilingüismo (que conta con sentenzas en contra e cun mandato do TSXG para que a Xunta execute esas sentenzas, pero o Goberno Galego segue a ollar para outro lado).


7.    Eliminación da palabra ‘normalización’ do nome dos equipos, substituída por dinamización lingüística.


8.    Prohibición de impartir Matemáticas, FeQ e Tecnoloxía na nosa lingua (polo que, en plena crise dilapidáronse entre 5 e 8 millóns de € para comprar libros en español nesas materias).


9.    Publicación da Orde de Centros Plurilingües (como estratexia para reducir a presenza da nosa lingua fronte ao inglés).


10. Aprobación da LOMCE e todos os seus decretos contrarios á normalización das linguas cooficiais.