A ANPA DE PONTEPEDRIÑA ASUMIMOS E DEFENDEMOS A POSTURA DA FEDERACIÓN DE ANPAS DE COMPOSTELA

Postura de Federación de ANPAS Compostela ante as mobilizacións do estudantado.


A Federación Compostela de Anpas de Ensino Público quere facer pública a
súa postura diante da convocatoria das xornadas de loita contra a Lei
Wert convocadas polos sindicatos de estudantes para os próximos días 5, 6
e 7 de febreiro.
Para nós, as nais e pais de alumnos de ensino
público da comarca de Compostela, é unha necesidade publicitar o noso
apoio absoluto a esta convocatoria, reivindicar xunto coa nosa xuventude
a petición de retirada dese proxecto de lei, e traballar para que a
protesta da sociedade sexa, como así está sendo, cada vez máis ampla e
rotunda.
Por iso tamén manteremos unha postura activa dentro das
xornadas da próxima semana, invitando ás familias á participación
naquelas manifestacións ou concentracións que se realicen, e difundindo,
dende as anpas dos institutos de secundaria e bacharelato, a
conveniencia de que as familias contribúan ao baleiramento dos centros
de ensino, asumindo a necesidade de que os seus fillos e fillas non
asistan a clase o mércores día 6 de febreiro, que é o día en que todos
os sindicatos convocantes coinciden en chamar á folga .

E tamén
queremos dicir que estudantes, familias e profesorado somos só unha
parte da reivindicación educativa, porque a educación atinxe a toda a
sociedade, non só aos seus conxunturais usuarios académicos, e porque
dunha educación pública de calidade, inclusiva e igualitaria, sairá o
futuro que queremos ter: unha sociedade máis xusta, máis equilibrada,
consciente e capaz.

Por iso invitamos a todo o mundo, sexa cal
sexa a súa situación social ou económica, á presenza constante na
manifestación dunha postura de indiscutible rexeitamento a esta lei que
ataca ó que, quizais, é o noso mellor ben: o noso sistema de educación
pública.