Proxecto de Vida Activa e Deportiva (PVAD)

MERENDAS SAUDABLES

Dende principios de curso, levamos insistindo na importancia dunha alimentación axeitada como parte dun estilo de vida saudable. Por este motivo xurdiu a iniciativa por parte da profesora Vanesa (Educación Física) de que o alumnado traia como tentempé para media mañá algo de froita (comezando por un día á semana, os xoves). Un dos obxectivos é que o alumnado consuma menos productos ultraprocesados, por desgraza habituais nos patios das escolas, pois parte da industria alimentaria esfórzase en insistirnos en que son unha boa opción para as merendas do día.

Algúns alumnos/as fixeron carteis para colocar polo centro e animar ao resto de compañeiros/as a participar.

 

                

PRACTICAMOS ESGRIMA - “¡En garda!”

Xusto antes das vacacións de Semana Santa os grupos de 2ºESO, 3ºESO e Afondamento de Ed.Física de 1º ESO recibiron unhas clases prácticas maxistrais sobre o apaixoante deporte da esgrima, da man do recoñecido e veterán clube 100tolos: http://100tolos.com/

Contáronnos a orixe deste deporte, aprendéronnos as súas bases técnicas e tácticas e practicamos cos materiais específicos que se empregan, ¡moitísimas grazas por todo!

O alumnado interesado en continuar a súa formación neste deporte, pode facelo da súa man nas instalación da Casa da Auga de Riazor, no amplo horario que ofertan e informan na súa páxina web. Para contactar con eles 100tolos@gmail.com

Amosamos algunhas imaxes  da súa visita no noso centro:

DÍA MUNDIAL DA ACTIVIDADE FÍSICA - O TEMPO DE LECER

Hoxe, día mundial da actividade física, non nos podemos esquecer da gran importancia de manter unha vida activa, e o tempo de lecer, que é o que non empregamos para as nosas obrigas e necesidades (traballar, estudar, comer, durmir...etc.), é o momento no que podemos elixir qué facer. Practicar algunha actividade física é unha das moitas e mellores opcións que temos á nosa disposición. Aquí van algunhas ideas e exemplos de ocio activo:

 

Actividades na natureza: sendeirismo, ciclismo, deportes acuáticos, orientación deportiva, escalada…etc.

Actividades de ritmo e baile.

Xogos e deportes tradicionais e populares: a petanca, a Mariola, a chave, os birlos, o brilé, o escondite…etc.

Deportes de equipo, deportes individuais, deportes de adversario.

Deportes de deslizamento e da rúa: patinaxe, skate, parkour…etc.

Actividades de ximnasio e fitness.

Xogos e deportes alternativos e novedosos.

Xogos colectivos: de persecución, de carreiras, de pelota, de cooperación, de competición, con material reciclado…etc.

 

O noso momento de lecer é o tempo do recreo a media mañá, no cal desenvolvemos os “recreos activos”. Neste momento os grupos de 2ºESO están a participar dentro do pavillón nunha liga de floorball por equipos:

      

AZUCRE – O VELENO SILENCIOSO

“A diabetes tipo II ten un pico de incidencia entre os 12 e 16 anos e prodúcese fundamentalmente por factores como a obesidade e a resistencia á insulina, hormona que regula os niveis de azucre en sangue”. “Isto supón a aparición de complicacións agudas e crónicas máis frecuentes e precoces que noutras idades como son a retinopatía (causa de cegueira), enfermidade hepática, insuficiencia renal (que precisa diálise), neuropatía…etc. Estas complicacións, asociadas ás patoloxías que adoitan presentar estes pacientes supón unha perda de esperanza de vida de 15 anos". (Sierra Gutiérrez, pediatra diabetóloga).

O elevado consumo de azucre é un risco potencial para a saúde e gran cantidade de produtos da industria alimentaria teñen unha importante cantidade “oculta” do mesmo. Todo isto é o que estamos a aprender en 3º ESO na materia de Bioloxía e Xeoloxía e 4º ESO en Cultura Científica.

A continuación vemos unha mostra das exposicións que fixemos no corredor central do instituto o grupo de 4º A, para concienciar ao resto da comunidade educativa:

          

            

      

XORNADAS DE INICIACIÓN Á ESCALADA

Estes días os 5 grupos de 1ºESO fomos de visita ás instalacións da cidade deportiva de Riazor para practicar escalada en rocódromo gracias a AMI (Agrupación de Montañeros Independientes), que teñen moita experiencia e unha escola de escalada e montaña:  https://amimontanismo.es/

Aprendéronnos as bases técnicas para escalar un rocódromo, materiais que se empregan, os diferentes tipos de escalada que existen e a gran importancia de coidar o medio natural para continuar desfrutando del e das posibilidades que nos ofrece para a práctica de moitas actividades deportivas. ¡Infinitas grazas por todo!

        

        

HÁBITOS NOCIVOS NA SAÚDE

Os grupos de 2ºESO estivemos a traballar nas consecuencias de malos hábitos relacionados co consumo de sustancias nocivas sobre o noso corpo e saúde. Ademáis da labor de investigación, fixemos exposicións para concienciar a outros grupos do instituto.

 

RECREOS ACTIVOS - COMPETICIÓNS

Dende que comezou o curso estase animando ao alumnado do centro a aproveitar o seu tempo de recreo facendo actividades deportivas con distinto material que teñen dispoñible. Agora que a covid está a dar algo máis de “respiro” dende que volvimos das vacacións do Nadal, aproveitamos para engadir o formato competición. Comezamos cos 3 grupos de 4º ESO, que están a participar entre eles/as nunha liga de bádminton, aproveitando que estiveron practicando recentemente este apaixonante deporte nas clases de Educación Física.

 

Empregar os recreos nestas actividades aporta numerosos beneficios ó alumnado, entre outros aumenta a súa concentración para a seguinte clase porque o exercicio moderado potencia as funcións cognitivas. Velaquí dous enlaces á noticia, sobre o estudo do Centro de Investigación do Deporte (CID) da Universidade Miguel Hernández (UMH) de Elche, de hai 4 meses, feito a rapaces/as de 13-17 anos, idade dos/as nosos/as escolares.

 

https://www.lavanguardia.com/vida/junior-report/20180115/4440185628/deporte-mejora-rendimiento-escolar.html

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2021/10/03/clases-educacion-fisica-deberian-colocarse-justo-asignaturas-requieren-mayor-atencion/00031633271220556618460.htm

HÁBITOS DE VIDA SAUDABLE

Os rapaces/as de 1º ESO recordamos tamén na materia de Educación Plástica a importancia de manter uns hábitos de vida saudables e que hábitos nocivos coma o sedentarismo ou o consumo de tabaco e bebidas alcohólicas teñen efectos moi negativos no noso benestar físico, psíquico e tamén social.

 

Velaquí un exemplo de traballos voluntarios feitos por varios de nós:

                     

 

XORNADAS DEPORTIVAS - FIN 1º TRIMESTRE

No instituto celebramos a chegada das festas de Nadal o pasado martes 21 cunha xornada deportiva. Ó longo de todo o día os alumnos/as de todos os cursos e tamén o profesorado foron pasando polo pavillón e patios exteriores para desfrutar da práctica de diferentes xogos populares e tamén deportes que estiveron traballando ao longo deste 1º trimestre nas clases de Educación Física.

 

      

 

    

 

Esperamos que desfrutedes destas festas con responsabilidade, e por suposto non vos esquezades da importancia de manter unha vida activa tamén durante as vacacións.

 

¡¡ Bo nadal !!

 

VISITA AO XIMNASIO MCFIT A CORUÑA

O ximnasio que temos ao carón do instituto deunos a oportunidade de visitarlles e coñecer de primeira man as súas instalacións e oferta de actividades. Os alumnos/as de 4º ESO coñecemos unha nova posibilidade de práctica de actividade física para o tempo de lecer. Recordáronnos a importancia de manter un estilo de vida activo e ademáis Miriam Rumbo deunos unhas clases dirixidas moi animadas e completas.

¡¡Moitas grazas por todo!!

 

          

          

Distribuir contido