O centro
Familias
Iniciar sesión
Sostibilidade
Un proxecto con moita vida
admin — Sáb, 2024-01-06 22:59
¡Benvido/a ó grupo de traballo de Sostibilidade! Este equipo xurdiu co firme propósito de promover iniciativas ecolóxicas na nosa contorna. Comezamos a nosa andaina no curso 21-22 cun proxecto fundamental: a implantación de papeleiras de reciclaxe no noso instituto, promovendo dende o principio a importancia da separación do lixo.
Asemade, o curso 22-23 mergullámonos na crise mundial da auga, explorando a magnitude do problema a través de documentais e informativos, con especial atención ao reto que ten a rexión do levante español. Esta experiencia sensibilizounos na urxente necesidade de actuar para preservar este recurso vital.
Este ano céntrase nos modelos de consumo e na conservación forestal. Por unha banda, pretendemos explorar e promover prácticas de consumo responsables e respectuosas co medio ambiente. O noso obxectivo é coñecer modelos sostibles a nivel mundial, senón ser quen de aplicalos a nivel local.
Por outra banda, embarcaremos nun apaixonante proxecto de conservación forestal, colaborando estreitamente coa comunidade de montes. A preservación dos nosos bosques é fundamental para manter o equilibrio ecolóxico e estamos convencidos de que a colaboración coa comunidade local é fundamental para acadar este obxectivo.
Agradecemos o apoio de todos os implicados ata o momento e facemos unha invitación aberta a todos aqueles que desexen unirse a nós nesta viaxe cara a un futuro máis sostible. Xuntos, podemos marcar a diferenza e construír un ambiente máis respectuoso co noso planeta. Sigamos traballando xuntos pola sustentabilidade
Que traballamos no primeiro trimestre?
admin — Sáb, 2024-01-06 22:36
O grupo de Sostibilidade do IES de Mos reuniuse tres veces durante o primeiro trimestre deste curso 2023-24, para falar de temas moi interesantes que nos fan cuestionarnos moitas cousas sobre as causas e consecuencias do noso modo de vida, e sobre como poder mellorar a situación de crise climática na que nos atopamos.
O primeiro día foi unha toma de contacto co grupo, onde fixemos unha dinámica para coñecernos mellor entre nós e para saber que nos levou a cada un a entrar no grupo de Sostibilidade. Somos, en xeral, persoas implicadas e interesadas no medio ambiente e a sostibilidade, habendo ademais moito interese en participar no programa Erasmus+ e poder intercambiar coñecementos con alumnado doutros países, xa que o grupo de Sostibilidade é unha das claves do Erasmus.
O segundo día que nos reunimos recibimos a Guillermo Gómez Reboreda, que nos deu unha charla moi interesante sobre a importancia dos insectos polinizadores para manter o equilibrio do medio natural no que vivimos, absolutamente necesarios para que a agricultura e o sistema de produción de alimentos, por exemplo, siga funcionando ben. Debido á crise climática e ao modelo agroalimentario actual, a poboación de insectos estase vendo perigosamente mermada. Pero non só falamos do problema, senon que Guillermo tamén nos deu as claves para revertilo.
Por último, en decembro reunímonos unha última vez para ver un documental moi interesante sobre o problema global da produción e consumo da chamada fast fashion, ou moda rápida. Quedamos moi impactados pola situación tan horrible de contaminación xerada polo modelo actual da moda, no que mercamos moitas prendas, moi baratas, pero de mala calidade e que usamos moi poucas veces. Recomendamos a todo o mundo o visionado deste capítulo do programa “Enviado Especial: Ropa basura”, así podedes pensar con nós en que podemos facer para cambiar esta situación.
Seguiremos traballando durante o 2024, para informarnos e poder actuar, para traballar por unha sociedade mellor.
Eventos
Lun | Mar | Mér | Xov | Ven | Sáb | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | 2 | 3 | ||||
4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 |
11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 |
18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 |
25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 |