Crónicas clásicas: teatro para descubrir o Mundo Antigo

 

 

O pasado venres 28 de abril o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato de Humanidades (Latín I) asistiu á representación de “Crónicas clásicas”, unha divertida obra da compañía Vicus Teatro (Lois Blanco e Pablo Carrera).

O alumnado subiu ao escenario para poñerse na pel dos actores antigos.

 

O espectáculo reinterpreta a esencia das comedias clásicas e abre a porta a coñecer e situar aquela linguaxe teatral que se daba na Atenas e Roma da Antigüidade. A través da comedia, o alumnado achegouse aos mitos populares antigos, ás festas na honra dos deuses, e sobre todo, descubriu que a base do humor e do riso non cambiou tanto, igual que os comportamentos humanos.

Organizaron a actividade o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Departamento de Latín, en colaboración coa Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove.