Charla "As Matemáticas da COVID-19" (2º BAC.)

O pasado 24 de marzo o alumnado de 2º Bacharelato do IES Monte da Vila das materias de Matemáticas II e Matemáticas Aplicadas ás CCSS tivo ocasión de asistir á charla dun dos expertos matemáticos que vén asesorando desde o inicio da pandemia ao goberno galego: Iván Area. Este profesor da Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo explicou, de forma sinxela, relacionando os seus modelos cos contidos matemáticos traballados polos estudantes, como intentar predicir a evolución da enfermidade. As alumnas e os alumnos puideron constatar a aplicabilidade de diferentes ramas das Matemáticas comprobando como as simulacións realizadas se axustaron francamente ben á realidade.Así mesmo, tanto os rapaces e rapazas como o profesorado, unha vez finalizada a exposición tiveron a oportunidade de formular preguntas ao relator, tanto de tipo estritamente matemático como en relación coa situación actual derivada da Covid-19. Como dato esperanzador, Iván Area opina que, salvo imprevistos, o tránsito desta etapa cara á normalidade non provocará novamente un colapso do sistema sanitario, principalmente debido ao efecto que están a exercer as vacinas.