Skip to Content

CURSO 2023/2024

Curso 2023/2024

VISITA AO MUDITEL DO ALUMNADO DE TECNOLOXÍA E ENXEÑERÍA II DE 2º DE BACHARELATO

 

O martes 5 de novembro de 2023 o alumnado de Tecnoloxía e Enxeñería II de 2º de Bacharelato visitou o Museo didáctico das Telecomunicacións da Coruña, sito no corazón do noso propio barrio, nunha actividade organizada polo Departamento de Tecnoloxía do IES Monte das Moas.

 

 

PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO DE 3º ESO C NUNHA ACTIVIDADE SOBRE PABLO PICASSO NA CORUÑA

A derradeira semana de novembro 3º ESO C, coordinados pola súa titora Mar Hermida Pico, tivo a sorte de participar no proxecto VINTE 23. Visións, soños e mentiras. Un proxecto de intervención escénica e recuperación da memoria do territorio habitado polo pequeno Pablo Ruíz Picasso na Coruña.

O luns, 27 de novembro, Sete e Antonio viñeron ao instituto para amosar un petisco do que o alumnado ía ver na Casa Museo Picasso o xoves 30 de novembro. Pertencen á compañía “Os náufragos teatro”. Este proxecto foi seleccionado como de especial interese cultural na provincia polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña. 

O noso instituto serviu de antesala para as intervencións escénicas que a compañía realizou ao longo da semana en varios puntos do territorio picassiano, no centro da cidade e coa colaboración da Casa Museo Picasso e dos Museos históricos da Coruña e nos que participaron diversas entidades sociais e educativas da provincia.

 

CONMEMORACIÓN NO IES MONTE DAS MOAS DO 25N: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO OU DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA SOBRE AS MULLERES

No IES Monte das Moas celebrouse o venres 24 de novembro a conmemoración do 25N Moas, Día da Violencia Contra as Mulleres con diversas actividades como unha exposición de cartaces e recomendacións de lecturas arredor do tema do feminismo ou novelas con historias que visibilizan e denuncian toda forma de violencia contra as mulleres. Tamén, entre outras iniciativas,  se fixeron sesións de fotos reivindicativas en contra da violencia sobre as mulleres nas que participou o alumnado, profesorado e persoal non docente; exposición na pantalla do vestíbulo do centro das actividades e fotografías realizadas sobre esta problemática no curso 2022-2023 e das realizadas no presente curso 2023-2024; e desde a Biblioteca e o EDLG ofrecéronse materiais de traballo sobre a cuestión para traballar nas titorías do noso Instituto.

As actividades estiveron dirixidas e coordinadas polo Equipo da Biblioteca e o EDLG.

Na conmemoración participou gran parte da comunidade escolar (alumnado, profesorado, persoal non docente) que veu vestida de violeta ou rosa este venres para mostrar o seu apoio á loita contra esta lacra.

 

 Aquí tedes un video sobre a conmemoración do 25N en Moas; tamén tedes un ficheiro adxunto con máis fotografías sobre a conmemoración.

 

CHARLAS DA ASOCIACIÓN STOP ACCIDENTES PARA O ALUMNADO DE 1º DE ESO

Os días 14 e 16 de novembro de 2023 o alumnado de 1º ESO recibiu charlas de sensibilización sobre Educación Viaria a cargo da asociación Stop Accidentes no marco do Programa sobre "Mobilidade sostible e segura" promovido polo Departamento de Orientación vinculado ao Plan Proxecta do curso 2023-2024. 

CONCURSO TABOLEIROS DE TERROR DO SAMAÍN PARA 1º E 2º DE ESO

 2º ESO B

O EDLG e o Equipo da Biblioteca do Instituto convocaron un curso máis no mes de outubro de 2023 o Concurso de Taboleiros de Terror para 1º de ESO e 2º de ESO.

As bases do concurso foron as seguintes:

- Participantes: Poderán participar todos os grupos de 1º e 2º ESO coordinados polo/a seu/súa titor/a

Límite de participación: Os taboleiros deberán estar decorados antes do 31 de outubro

- Poderase empregar calquera material aínda que se valorará o uso de material reciclado

- A decoración debe incluír un lema de medo en lingua galega

- A decoración será só do taboleiro da aula sen estenderse polas paredes nin teitos nin portas e deberá facerse de modo que non dane o mobiliario da aula.

- Establecerase un xurado formado por membros do EDLG, Biblioteca e alumnado de cursos superiores que decidirán os taboleiros gañadores.

1º ESO B

Gañaron  os taboleiros máis orixinais, máis traballados e que trataron o tema do Samaín: maxia, medo, Santa Compaña, lendas de inspiración galega… E o que tivo mellor lema en lingua galega.

Os taboleiros gañadores no Concurso de Taboleiros de Terror foron os das aulas de 1º ESO B e 2º ESO B.

 

 Aquí tedes un video cos taboleiros e grupos participantes.

 

SAÍDA DE ALUMNADO DE 3º ESO PARA VER A ACTUACIÓN DA BANDA ALDAOLADO NO CENTRO ÁGORA

O mércores, 15 de outubro, 50 alumnas e alumnos de 3º de ESO asistiron no Centro Ágora da Coruña ao concerto da Banda AldaoLado nunha actividade organizada conxuntamente polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o EDLG.

Esta actividade parte do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e pertence ao programa “Falamos Secundaria” de EducaCoruña que pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

A Banda AldaoLado está formada polas poetas Lucía Aldao e María Lado e polas músicas Violeta Mosquera na batería, Macarena Montesinos no baixo e Rubén Abad na guitarra. En 2019 Aldaolado centráronse en compoñer cancións con letra e música propia, temas que inclúen poemas da súa autoría. Así chegaron a xuntar un bo feixe de pezas que recolleron en dous discos de estudio. O primeiro deles, 'CASA!', foi publicado en 2021. E neste 2023 presentaron 'Forestal', o seu segundo traballo en formato banda, unha proposta máis expansiva para vestir as creacións das dúas poetas con novas texturas e acompañamentos sen ter que renunciar á proximidade de sempre.

CELEBRACIÓN DO MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia. En consonancia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

 

Como vén sendo habitual, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, colabora con Igaciencia na organización dunha serie de webinarios de dinamización científica en galego, dirixidos aos centros educativos, especialmente aos de Secundaria e Bacharelato. En dous deles participou o alumnado de Ciencias de 1º de Bacharelato do IES Monte das Moas nunha colaboración conxunta do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía co EDLG.

VIDEOCONFERENCIA PARA O ALUMNADO DE CIENCIAS DE 1º BACHARELATO NO MES DA CIENCIA EN GALEGO

O alumnado de 1º Bach A do itinerario científico asistiu este venres, 17 de novembro ás 12:00 a unha videoconferencia do doutor Francisco Javier de Toro Santos, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e vicepresidente do Colexio de Médicos da provincia da Coruña. A actividade foi organizada conxuntamente polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e o Equipo de Dinamización Lingüística. 

O título da videoconferencia coordinada por Igaciencia foi Historia de vocación dun médico reumatólogo e o profesor explicou que a reuma non existe e disertou sobre a importancia da investigación en reumatoloxía. 

Ao longo de toda a conferencia lanzou diferentes preguntas que o alumnado dos centros asistentes podía responder a través do chat e así participar dun xeito máis dinámico.

Relatou como é a aprendizaxe dos médicos e reflexionou sobre a importancia da existencia dos colexios médicos e da súa función na sociedade. Explicou algúns dos proxectos que desenvolven dirixidos fundamentalmente a público adolescente. 

Un deses proxectos é "Risco 0" que xurdiu ao constatar o elevado número de abortos entre mozas e o abuso do emprego da pílula do día despois. "Risco cero" conta cunha app destinada a aprender sobre educación sexual para evitar embarazos non desexados, infeccions de trasnmisión sexuais e para concienciarnos da necesidade de desenvolver relacións sexuais sas. 

Outro proxecto dos que organizan é "Dálle ao teu corpo vida macarena" que tamén convocou concursos dirixidos a centros escolares para traballar sobre o coñecemento da RCP en cuxa 1ª edición gañou o CPI do Cruce de Cerceda.

Aquí tedes o enlace á videoconferencia se queredes volver asistir a ela. Aprendemos moito da excelente charla do doutor Francisco Javier de Toro quen no final da videoconferencia respondeu amabelmente as preguntas que lle chegaron das escolas participantes.

CONCURSO DE MICRORRELATOS DE TERROR DO SAMAÍN

O Equipo da Biblioteca e o EDLG do IES Monte das Moas convocaron no mes de novembro de 2023 o tradicional Concurso de Microrrelatos de Terror do Samaín. A participación do noso alumnado foi moi activa e nos fixeron tremar de medo cos seus breves relatos. 

A alumna Irene López Sanmartín de 3º ESO B resultou gañadora do certame de Microrrelatos de Terror do Samaín con este arrepiante relato ilustrado.

Parabéns a Irene que nos deixou arrepiados co seu relato.

Aquí tedes un video coa exposición das obras participantes.

 

PARTICIPACIÓN E TRIUNFO DE TRES ALUMNOS DE 4º DE ESO DE MOAS NO III CONCURSO DE DRONS DO XIV OBRADOIRO E CONCURSO GALEGO DE ROBÓTICA

 

O mércores 8 de novembro de 2023 tivo lugar a participación dos nosos alumnos de 4º ESO A, David Freire Ríos, David Hernando Alvariñas e Elías Joglar Yuan no III Concurso de drons do XIV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica “A Maxia da Robótica e dos drons” organizado por Igaciencia e o Concello da Coruña no IES Ramón Menéndez Pidal (Zalaeta) da Coruña. A actividade estivo promovida e desenvolvida polo Departamento de Tecnoloxía do iES Monte das Moas.

A participación deste alumnado, baixo a supervisión da nosa compañeira Teresa Díaz Valiña, foi totalmente exitosa e gañaron o III Concurso de drons na categoría de 4º de ESO, Bacharelato e FP. 

Parabéns aos triunfadores!!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut