FacebookSíguenos en YouTube

O IES PRESENTA RETOS PARA MELLORALA VIDA DAS PERSOAS CON PARÁLISE CEREBRAL A TRAVÉS DA SÚA PARTICIPACIÓN EN TALENTOS INCLUSIVOS.

O IES Maximino Romero de Lema participou no programa “Talentos inclusivos” que pretende espertar vocacións STEM entre os xoves e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral. 

O noso IES participou neste curso con dous proxectos: “Pechadura intelixente” coordinado pola profesora Marta Diz que traballou con alumnado de ciclos formativos, e co proxecto “DesexarIA”, coordinado por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo e no que participou alumnado de 4o da ESO. 

Ámbolos dous proxectos pretenden romper barreiras, por un lado a da mobilidade e por outro lado as barreiras comunicativas das persoas con parálise cerebral. 

Talentos inclusivos” tivo o seu acto de peche este venres 13 de xuño no centro Ágora da Coruña onde se puideron ver os dous proxectos funcionando, e tamén os traballos levados a cabo por outros centros de Galicia. 

No caso de “Pechadura intelixente”, o que se buscou foi aportar un mecanismo de apertura-peche de porta mediante pulsador e tecnoloxía Arduino. O alumnado participante expuxo o proxecto ós asistentes, que amosaron un gran interese no mesmo. Incluso foi probado polos propios usuarios de ASPACE con moita curiosidade e todo un éxito final. 

Por outro lado, “Desexaría” é un sistema de selección de pictogramas para Paula, usuaria de ASPACE que ten dificultades de comunicación oral. Unha vez se selecciona o pictograma, reprodúcese un vídeo xerado con IA no que Paula fai a súas peticións: “Preciso axuda”, “Teño fame”, “Necesito beber”, etc. Este proxecto causou moita boa imaxe xa que se pode ver a Paula, que grazas á IA pode falar e transmitir as súas necesidades. 

Para o noso centro foi toda unha honra participar no proxecto porque supuxo poder visualizar o gran traballo que se está a realizar pola comunidade educativa do noso centro. Ademais o alumnado puido comprobar como un pouco do noso tempo ó servizo dunha boa causa pode axudar a resolver problemas cotiás da sociedade a persoas que teñen moitas dificultades na fala e na mobilidade. 

Agradecemos ó CITIC, Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones, e a ASPACE que nos permitisen participar neste programa e coñecer cales son as dificultades das persoas con parálise cerebral. 

https://www.youtube.com/watch?v=cLYWO83z1Z8%0A&feature=youtu.be&themeRefresh=1