FacebookSíguenos en YouTube

FOTOMONTAXE: FRAGMENTOS E MOSAICOS

Rosa Neutro, destacada artista visual e fotógrafa, achegouse ao noso centro para impartir o obradoiro Fragmentos e mosaicos. Unha aproximación ao concepto de identidade a través do collage e o fotomontaxe ao alumnado de 1ºBACH.

Na primeira parte do taller,  teórica, visionaron o traballo de mulleres artistas incluído o seu. Con respecto a este último, ensinou algunhas das súas fotomontaxes a partir de fragmentos e en branco e negro dos que foron xurdindo as Divas do cine negro; personaxes femininas sen rostro, despoxadas de individualidade, da beleza e liberadas da súa condición de obxectos de desexo, para presentarse como figuras fantasmagóricas que non proxectan a súa mirada sobre o espectador, senón sobre si mesmas, amosándonos aquilo que oculta a beleza.

Tamén falou da mostra realizada con cascallos e recollida en Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada)na que reflexiona sobre a infrarrepresentación das mulleres da arte e a necesidade de que formen parte activa, como autoras, da historia da fotografía. Agradecémoslle o exemplar do libro deste traballo que deixou na biblioteca.

Na segunda parte do obradoiro foi o alumnado quen reconstruíu retratos de mulleres, proporcionados por Rosa ou recollidos en revistas e xornais, con pequenos obxectos que trouxeron da casa, material reciclado, fío, cartolinas... converténdose eles e elas en artistas abraiados polo súas propias creacións. 

O Equipo da Biblioteca agradece a Rosa Neutro que aceptara realizar este obradoiro nos que impregnou aos/ás estudantes de arte galega feminina centrada na fotografía.