FacebookSíguenos en YouTube

CONSTRUÍNDO A NOSA SEXUALIDADE

A recoñecida sexóloga e xinecóloga Carol Strate  (@alumbramujer) impartiu na mañá de onte senllos talleres de Educación Sexual Integral aos grupos de 1º BACH por unha banda e aos de 4º e 1ºFPB por outra.

 

Unha vez presentada, a especialista invitou ao alumnado a formar con ela un equipo de construción da nosa sexualidade. A partir dunha chuvia de palabras que os e as participantes foron sinalando ante a mención da palabra sexualidade, explicou que a sexualidade non só é a súa faceta máis física ou biolóxica, senón que hai que sumarlle o aspecto psicolóxico/emocional e o aspecto social. A combinación dos tres ámbitos dará lugar a unha única maneira de vivir a sexualidade, distinta das demais. Introduciu conceptos como identidade de xénero, orientación sexual e expresión de xénero sinalando que debemos coñecer que existe esa diversidade para poder respectar e vivir en harmonía.

 

Como é innegable que o aspecto biolóxico é importante, detívose no funcionamento dos órganos sexuais de xeito moi práctico. Tamén falou das normas e valores que rexen na sexualidade, centrándose nas tres erres: Respecto, Responsabilidade e Reciprocidade. Ao longo do taller foi derrubando mitos e crenzas erróneas arredor do sexo. Como nos medios de comunicación, películas, Internet nos bombardean con mensaxes confusas, equivocadas sobre a sexualidade, e que de xeito inconsciente nos van educando, é fundamental  desenvolver un pensamento crítico para detectalos e combatelos. Coma no caso da pornografía, que é toda ela unha ficción e que sumada ao feito dunha falta de educación sexual dá lugar a problema importante. 

 

Tras a recomendacións de lecturas sobre o tema, rematou a súa intervención co mandato de que “constrúan unha sexualidade sa, con bos cimentos”. Por iso, desexamos que conste o noso máis firme e sincero agradecemento a Carol Strate por facilitarnos as ferramentas necesarias para mellorar na dura tarefa de convivir en sociedade como cidadanía crítica, formada e informada.