FacebookSíguenos en YouTube

Irene Mira debulla a arte da ilustración

O IES Maximino Romero de Lema segue coa programación do VI Mes do Libro  e hoxe foi a quenda do alumnado de 1º ESO que tivo a sorte de recibir a visita da ilustradora, Irene Mira, que foi alumna do centro.

 

O Xefe de Estudos, Pablo Balsas, presentou o acto con especial ilusión polo agarimo que lle ten. Acto seguido Irene Mira introduciu o obradoiro explicando como chegou a dedicarse á ilustración. Contou como no instituto sempre pensou en Medicina, pero acabou estudando Enxeñería de Deseño Industrial. Ao mesmo tempo que traballaba de enxeñeira formouse en deseño de personaxes 3D e animación e, finalmente, decidiu retomar a súa paixón que é o debuxo e estudou un ciclo de ilustración. E aí deuse conta de que ese era o mundo que lle gustaba: hoxe en día traballa nunha empresa que se dedica ao deseño gráfico. A súa arte impregna varios libros publicados para un público infantil.

 

Irene Mira destacou a importancia da ilustración que, ademais de reforzar o texto, achega novos matices que non se advirten na escrita. Explicou o proceso da ilustración que leva a cabo a través do seu traballo en Pituca en busca da súa identidade. Primeiro: pensar a historia e compartimentala nas ilustracións coas que se conta o libro. Segundo: estudar os personaxes. Terceiro: levar a cabo o story board, isto é, os bosquexos da historia dun xeito sinxelo para ver como se distribúen as páxinas. En cuarto lugar estaría a creación de cada ilustración  e finalmente estaría a maquetación: a colocación do texto en cada páxina e a preparación de todos os arquivos para mandar a imprimir.

 

Rematou o obradoiro pedindo a todo o alumnado que debuxara unha ilustración seguindo unhas pautas. 

 

Desde o IES desexamos agradecer a amenidade da súa intervención e acompañamos a súa presenza con fotos do grupo como lembranza do seu paso polo noso centro.